(Xunta de Goberno do 15 de marzo de 1999)
MEMORIA XUSTIFICATIVA
I.- Entre os obxectivos esenciais de toda universidade atópase a investigación. A Orde ministerial do 27 de marzo de 1986, ademais de regular os contratos temporais do persoal investigador nas universidades, autoriza a estas últimas, no seu artigo 4, a establecer a figura do bolseiro. En aplicación desta autorización, a Xunta de Goberno, co informe previo preceptivo da Comisión de Investigación, foi regulando diversos aspectos relacionados con este asunto (Regulamento de participación dos estudiantes en proxectos de investigación (Acordo da Xunta de Goberno do 29/6/89); Regulamento de contratos, informes e cursos (Acordo da xunta de goberno do 3/4/90)). Sen embargo, en non poucas ocasións atópase un relativo baleiro legal que a presente normativa pretende reducir.
II.- Ademais dos bolseiros de doutoramento, autorizados pola O.M. mencionada no anterior punto, nos últimos anos adquiren relevancia, na actividade investigadora da universidade, os bolseiros que colaboran en proxectos da UE e nos contratos e convenios de investigación desenvolvidos ó abeiro do art. 11 da LRU. Nace así a necesidade de regular esta última figura, que chamamos bolseiro propio, fronte a aqueles que regula a O.M. mencionada.
III.- Posto que a actividade investigadora se encadra na da Administración pública, deberase garantir o total respecto ós principios constitucionais e legais que regulan o dereito dos cidadáns á igualdade de oportunidades para acceder a ela; así mesmo, tamén serán esenciais os principios de capacidade e mérito. Polo tanto, ámbolos criterios serán regulados na presente normativa.
IV.- Xunto ós principios de igualdade, capacidade e mérito, que rexerán o acceso á actividade pública, atópanse os principios de celeridade e eficacia, necesarios na actividade que pretende regular esta normativa. Polo tanto, establécese un procedemento de urxencia que abre unha vía áxil, sen que isto comporte ningún menoscabo dos dereitos esenciais dos cidadans ós que vaian dirixidas as convocatorias correspondentes.
V.- Tendo en conta que a materia regulada está tratada noutras regulamentacións estatais e autonómicas de idéntica natureza, pretendeuse que esta normativa sexa acorde con elas.
VI.- Introdúcense as seguintes modificacións:
Amplíase a tipoloxía de proxectos ós que poden adscribirse as bolsas o que implica a modificación do título da normativa.
Sustitúese o termo "estudiantes de doutoramento" polo de "estudiantes de terceiro ciclo" nas Bolsas de Iniciación á Investigación.
Limítase a data de obtención da titulación requerida nas Bolsas de Perfeccionamento, de Cooperación e de Apoio á Investigación.
Elimínase nas Bolsas de Perfeccionamento a limitación motivada por ter desfrutado previamente dunha bolsa de iniciación.
Adáptanse, nas Bolsas de Iniciación e Perfeccionamento, as tarefas docentes ó máximo de horas fixado na Convocatoria de Bolsas de Formación de Persoal Investigador.
Introdúcense as novas denominacións derivadas do cambio na organización da estructura do Centro de Transferencia de Tecnoloxía.
Tendo en conta que as modificacións sinaladas afectan a gran parte do texto da normativa vixente, realízase unha nova redacción da mesma:
CAPÍTULO I: TIPOS DE BOLSEIROS
Primeiro
As bolsas ás que se refire esta normativa outorgaranse con cargo ós orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela vinculados a proxectos de investigación realizados no marco de convenios ou contratos con entidades públicas ou privadas, ós que lles son de aplicación o Regulamento de contratos, cursos e convenios, e a proxectos de investigación financiados no marco dunha convocatoria pública que así o permita.
Neste marco, a Universidade de Santiago establece dúas categorías de bolsas en función da vía de obtención das mesmas: Bolsas de convocatoria pública (Bolsas de Iniciación á Investigación e Bolsas de Perfeccionamento investigador) e Bolsas de asignación directa a proposta do director do proxecto ou contrato (Bolsas de Cooperación e Bolsas de Apoio á Investigación) .
1.1.- Bolsas para a formación e perfeccionamiento da capacidade investigadora dos posgraduados:
A) Bolsas de iniciación á investigación (BII), dirixidas a titulados superiores que estean adquirindo a súa formación investigadora en calidade de estudiantes de terceiro ciclo para participar nun proxecto de investigación desenvolvido no marco dun contrato ou convenio asinado ó abeiro do art. 11 da LRU ou dun proxecto de investigación financiado por unha convocatoria pública que así o permita, realizado por un departamento, instituto ou servicio de investigación universitario.
As bolsas de iniciación á investigación terán unha duración mínima de un ano; poden ser adxudicadas polo período de duración máxima do proxecto ó que se adscribe a súa actividade.
Dado o carácter de iniciación e formación á investigación destas bolsas, o feito de ter desfrutado dunha ou varias bolsas de iniciación á investigación de características análogas (bolsas predoutorais da Xunta de Galicia, bolsas de FPI-FPU, etc.), durante un período -contínuo o fraccionado- igual ou superior a catro anos, implicará a imposibilidade de concesión da bolsa de investigación da Universidade de Santiago de Compostela.
B) Bolsas de perfeccionamento investigador (BPI), dirixidas a doutores que cumpran as condicións para obter a súa titulación nos 4 anos anteriores á data de publicación da convocatoria da bolsa, teñen por obxecto favorecer a integración de investigadores cualificados nos grupos de investigación da USC, contribuíndo a rendibilizar a formación acadada polo doutor. O doutor deberá desempeñar as súas funcións nun departamento, instituto ou servicio de investigación universitario, participando na actividade dun proxecto de investigación realizado no marco dun contrato ou convenio asinado ó abeiro do art. 11 da LRU ou dun proxecto de investigación financiado por unha convocatoria pública que así o permita.
Estas bolsas terán unha duración mínima de un ano. A duración máxima estará delimitada pola duración do proxecto ou contrato de investigación no que estea adscrita, e nunca poderá ser superior a tres anos.
1.2.- Bolsas para a formación e cualificación técnica:
Ademais das bolsas de características regulamentadas nos apartados anteriores, a Universidade de Santiago de Compostela poderá nomear bolseiros para o desenvolvemento de tarefas técnicas adscritas a proxectos, contratos ou convenios asinados polos grupos de investigación, departamentos, institutos ou servicios de investigación universitarios, de acordo coas seguintes características:
C) Bolsas de cooperación (BC): teñen por obxecto a formación dos posgraduados que cumpran as condicións para obter a súa titulación nos 5 anos anteriores á data da solicitude de nomeamento, nas actividades de investigación, servicios e asistencia técnica que contribúan á súa cualificación e especialización profesional. Estes estudiantes deberán realizar as súas funcións nun departamento, instituto ou servicio de investigación universitario colaborando na actividade desenvolvida no marco dun contrato ou convenio asinado ó abeiro do art. 11 da LRU ou dun proxecto de investigación financiado por unha convocatoria pública que así o permita.
Considerando o carácter formativo das bolsas de cooperación, estas terán unha duración mínima de un mes, e a duración máxima virá determinada pola duración do proxecto, contrato ou convenio no que se inscribe a actividade. O feito de desfrutar unha ou varias bolsas de cooperación durante un período -calculado de forma fraccionada ou no seu conxunto- igual ou superior a catro anos, implicará a imposibilidade de concesión ou renovación desta bolsa da Universidade de Santiago de Compostela.
D) Bolsas de apoio á investigación (BAI), dirixidas a titulados en formación profesional (categoría segundo as necesidades do proxecto) que cumpran as condicións para obter a súa titulación nos 5 anos anteriores á data da solicitude de nomeamento, co obxectivo de favorecer a incorporación de técnicos á actividade investigadora universitaria. Estes técnicos deberán desempeñar as súas actividades nun departamento, instituto ou servicio de investigación universitario realizando funcións acordes coa súa formación no marco dun contrato ou convenio asinado ó abeiro do art. 11 da LRU ou dun proxecto de investigación financiado por unha convocatoria pública que así o permita.
Considerando o carácter de iniciación á actividade de apoio á investigación destas bolsas, terán unha duración mínima de seis meses, e a duración máxima virá determinada pola duración do proxceto, contrato ou convenio no que se inscribe a actividade. O feito de desfrutar dunha ou varias bolsas de apoio á investigación de características análogas (incluíndo neste contexto as bolsas convocadas pola Xunta de Galicia e polo Plan Nacional para este colectivo) durante un período -calculado de forma separada ou no seu conxunto- igual ou superior a tres anos, implicará a imposibilidade de concesión ou renovación desta bolsa da Universidade de Santiago de Compostela.
CAPÍTULO II: PROCEDEMENTO
Segundo
A dotación das bolsas propias efectuarase por solicitude do investigador que dirixa o proxecto de investigación no que se desenvolva a actividade, con cargo ós créditos consignados para este fin no orzamento autorizado para o proxecto, contrato/convenio correspondente e unha vez aprobado este polo organismo financiador ou pola Comisión Permanente do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía.
Terceiro
Para a concesión de bolsas de iniciación á investigación e perfeccionamento, procederase a facer unha convocatoria pública que deberá ser aprobada polo rector ou pola autoridade en quen delegue esta prerrogativa, con comunicación previa ó director do departamento, instituto ou servicio de investigación universitario no que se adscribe a Bolsa.
Cando a programación temporal o permita, a convocatoria de bolsas de iniciación á investigación ou perfeccionamento farase pública no Diario Oficial de Galicia. Se algunha razón de urxencia asi o aconsellara, sería suficiente coa publicación da convocatoria na prensa local e/ou no centro ou centros de estudiantes (graduados) ós que foran dirixidas, e en calquera caso, no taboleiro de anuncios da Universidade e do departamento, instituto ou servicio de investigación universitario no que se adscribe a bolsa.
A estimación da urxencia corresponderá ó rector da Universidade, que poderá delegar esta prerrogativa no vicerrector de Investigación e Terceiro Ciclo.
En tódalas convocatorias de bolsas de iniciación á investigación e perfeccionamiento deberase determinar, polo menos, os seguintes extremos:
1. O obxecto específico da bolsa de que se trate, que será totalmente formativo; indicarase o importe máximo dispoñible e a periodicidade da súa percepción.
2. Os requisitos mínimos que posuirán os solicitantes e o modo cómo se deben acreditar para garantir unhas condicións de efectiva concorrencia.
3. O prazo de presentación das instancias, a documentación requirida e o órgano ó que se deben dirixir. En calquera caso establécese un prazo mínimo de dez días hábiles.
4. O prazo ordinario de duración da bolsa, e, de ser o caso, as prórrogas que como máximo poidan establecerse.
5. Natureza da bolsa. En calquera caso deberá facerse constar de forma expresa que o nomeamento de bolseiro non establece ningunha relación laboral coa Universidade de Santiago nin cos seus centros de investigación, así como que o nomeamento non implica ningún compromiso en canto á posterior incorporación dos seus beneficiarios ó cadro de persoal da Universidade de Santiago de Compostela.
6. A designación do titor responsable do seguimento da actividade, e, de ser o caso, da avaliación do bolseiro.
7. O procedemento de selección que se pretende aplicar. Este procedemento será establecido pola Comisión Permanente do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, que o fará público. En todo caso, o baremo establecido deberá considerar un breve informe do director do proxecto que estableza os criterios de aptitude que demanda o proxecto ó que se adscribe a bolsa..
8. Os criterios para a renovación, se procede, da bolsa, tendo en conta os límites fixados para cada modalidade de bolsa. Entre outros, estes criterios deberán considerar a avaliacion de coñecementos adquiridos que garantan o carácter formativo da bolsa.
9. Deberes do bolseiro, con especial referencia ó réxime de incompatibilidades, adicación semanal e carácter de exclusividade, se procede.
10. Responsabilidades subsidiarias do bolseiro; de ser o caso, confidencialidade da actividade que realice e outras implicacións para o perceptor da bolsa.
11. Aceptación das bases. En tódalas convocatorias deberá constar expresamente que a simple presentación da solicitude para acceder a unha bolsa implica a total aceptación das bases por parte de cada solicitante.
Cuarto
A selección dos bolseiros propios de iniciación á investigación e perfeccionamento corresponderá á Comisión Permanente do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, que, nas súas sesións ordinarias, e respectando a necesaria axilidade que este procedemento require, resolverá a avaliación das candidaturas e propostas presentadas tomando en consideración o informe previo do director do proxecto ó que se adscribe bolsa.
Quinto
As bolsas de cooperación e de apoio á investigación serán concedidas directamente pola Comisión Permanente do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, tralo informe do director do proxecto ó que se adscribe a bolsa.
Sexto
As contías das bolsas deberán acollerse ó consignado para tal fin nos orzamentos correspondentes no proxecto, contrato ou convenio no que se adscriba a actividade do bolseiro, e terán os límites seguintes:
6.1. O importe mínimo das bolsas de iniciación á investigación será igual ó que fixe o Plano de Fomento da Investigación de cada ano convocado pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia para as bolsas predoutorais e non poderá superar o 75% do incremento sobre a cantidade que represente o mínimo indicado.
6.2. O importe mínimo das bolsas de perfeccionamento será igual ó que fixe o Vicerrectorado de Investigación e Terceiro Ciclo da USC para as súas bolsas posdoutorais na convocatoria de axudas propias, e non poderá superar o 100% do incremento sobre a cantidade que represente o mínimo indicado.
6.3. Para as bolsas de cooperación aplicarase o indicado na base 6.1. Retribucións inferiores a estes límites implicarán a adicación parcial (porcentual) do bolseiro á actividade establecida.
6.4. O importe mínimo das bolsas de apoio á investigación para técnicos de FP II será igual ó que fixe o Plano de Fomento da Investigación de cada ano convocado pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia para as bolsas para FP II, e non poderá superar o 50% do incremento sobre a cantidade que represente o mínimo indicado. Cando a bolsa vaia dirixida a técnicos de FP I, as retibucións limitaranse ó 70% do estipulado para os técnicos de FP II. Retribucións inferiores a estes límites implicarán a adicación parcial (porcentual) do bolseiro á actividade establecida.
CAPÍTULO III: DEREITOS E DEBERES
Sétimo
A concesión das bolsas propias de iniciación á investigación e perfeccionamiento implica a dedicación exclusiva á bolsa. Por esta razón haberá que indicar expresamente en tódalas convocatorias referidas a unha bolsa de investigación da Universidade de Santiago de Compostela a incompatibilidade da bolsa en cuestión con calquera outra bolsa de investigación de natureza pública ou privada que no seu momento poidera percibir o bolseiro, e con calquera tipo de ingresos pola prestación de servicios profesionais agás os que se deriven dos contratos establecidos a través do artigo 11 da LRU (Lei 11/83, do 25 de agosto) ou a través do artigo 11.2 da Lei 13/86, do 14 de abril. Os beneficiarios da bolsa deberán comunicar calquera causa de incompatibilidade relacionada con estes motivos.
A incompatibilidade absoluta non se dará nos casos de adicación parcial. Non obstante deberá solicitarse e concederse expresamente a compatibilidade a instancias do interesado.
Oitavo
Os bolseiros de iniciación á investigación que dispoñan do certificado de suficiencia investigadora, así como os bolseiros de perfeccionamento, poderán ser autorizados a colaborar en tarefas docentes (seminarios e prácticas) no departamento ó que estea adscrito o director do proxecto ata o máximo de horas fixado na Convocatoria de Bolsas de Formación de Persoal Investigador do Ministerio de Educación e Cultura.
Noveno
Os custos derivados dos seguros de accidentes ou do seguro médico que, se fora necesario, se deban asinar, correrán a cargo do proxecto, convenio ou contrato de investigación.
CAPÍTULO IV: ADXUDICACIÓN E IMPUGNACIÓNS
Décimo
As propostas de adxudicación das bolsas de iniciación á investigación e de perfeccionamento efectuadas pola Comisión Permanente do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, deberán publicarse para os efectos de notificacións. Contra esa proposta os interesados poderán presentar reclamación no prazo de 10 días, contados dende a data da súa publicación. Transcorrido ese prazo, e analizadas, de ser o caso, as reclamacións, remitiráselle a proposta ó vicerrector de Investigación e Terceiro Ciclo, quen resolverá definitivamente por delegación do Sr. rector da Universidade.
CAPÍTULO V: XESTIÓN DAS BOLSAS
Décimo Primeiro
A xestión administrativa de bolsas propias reguladas nesta normativa, tanto de iniciación á investigación e de perfeccionamento, como de cooperación e apoio técnico, corresponde ó Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, baixo a dependencia do Vicerrector de Investigación e Terceiro Ciclo, sen perxuízo de que poida adscribirse esta xestión ós servicios máis específicos da USC para o mellor cumprimento da finalidade investigadora.
Décimo segundo
A presente normativa entrará en vigor o día seguinte ó da súa aprobación pola Xunta de Goberno.
Disposición transitoria
Os bolseiros nomeados antes da entrada en vigor desta normativa rexeranse polas disposicións anteriores.
Disposición final
As bolsas nas que o outorgamento e contía se estableza nunha norma legal ou regulamentaria, rexeranse polas súas propias disposicións.