(XUNTA DE GOBERNO DO 29 DE NOVEMBRO DE 1989)
FUNDAMENTACIÓN.-
A regulación da titularidade, distribución de beneficios, así como as diversas situacións que se poidan presentar coas invencións creadas polos Profesores e Investigadores da Universidade, como consecuencia da súa actividade investigadora na mesma, debe ser efectuada por cada Universidade, segundo se prevé nos apartados 1 ó 7 do artigo 20 da Lei de Patentes 11/1986, de 20 de marzo (BOE do 26 de marzo).
Os artigos 124 ó 130 e 191 ó 194 dos Estatutos da Universidade de Santiago, desenvolvendo o artigo 11 da Lei Orgánica de Reforma Universitaria, regulamentan a realización de traballos de investigación contratados con entes públicos ou privados, así como os aspectos económicos derivados da súa realización.
Artigo 1º.- Corresponde á Universidade de Santiago a titularidade das invencións realizadas polos seus Profesores e Investigadores como resultado da súa función docente e investigadora na Universidade, cando a investigación non estea vinculada a contrato con entes públicos ou privados.
Artigo 2º.- Os Profesores ou Investigadores terán o deber de notificar tales invencións ó Centro de Transferencia de Tecnoloxía (CTT) da Universidade. A dita notificación deberá efectuarse por escrito e conte-los datos e informes necesarios para que a Universidade poida solicita-la patente. O CTT elaborará un informe, nun prazo non superior a trinta días hábiles, que presentará ó Rector ou persoa en quen delegue. Todo o proceso levarase a cabo coa máxima discreción, a fin de que non se perda o carácter secreto da invención.
Artigo 3º.- O Rector da Universidade, ou persoa en quen delegue, contando cos asesoramentos que estime oportunos á vista do informe mencionado, e nun prazo non superior a trinta días hábiles adicionáis, comunicará ós inventores se a Universidade está ou non interesada en proceder á solicitude da patente. Na comunicación indicaranse tamén os países nos que a Universidade proxecte solicita-la patente facendo uso do dereito de prioridade unionista.
Artigo 4º.- Neste caso, a Universidade farase cargo de tódolos gastos de tramitación das solicitudes que sexan consideradas. Os Profesores ou Investigadores serán mencionados na solicitude da patente como inventores.
Artigo 5º.- Os beneficios obtidos pola universidade pola explotación ou licencia da patente distribuiranse, ó final do correspondente exercicio, na forma seguinte:
- 60% para os Inventores.
- 20% para o Departamento(s) donde se realizou o traballo.
- 20% para a Universidade.
Idéntica distribución será aplicada nos casos de cesión da patente.
Artigo 6º.- A Universidade poderá renunciar á patente en calquera momento, ofrecendo previamente a solicitude da patente ou a titularidade ós inventores que, de facerse cargo da mesma, seguirán as estipulacións indicadas no artigo 7.
Artigo 7º.- Se a Universidade comunica ós investigadores non ter interese na patente, ou no caso que non efectúe comunicación ningunha no prazo de setenta días hábiles, a partir da recepción da notificación de invención dos inventores, entenderase que a Universidade renuncia ós dereitos que poidan corresponderlle, e o Profesor ou Investigador poderá solicita-la patente ó seu nome. Neste caso, a Universidade terá dereito ó 10% dos beneficios líquidos derivados da explotación ou licencia da patente. Igual porcentaxe aplicarase no caso de cesión dos dereitos da patente por parte do titular. En calquera caso, sempre que a patente non fora cedida a terceiros, a Universidade resérvarase o dereito a obter do titular da mesma unha licencia de explotación exclusiva, intransferible e gratuita.
Artigo 8º.- Nos traballos de investigación sometidos a contrato con entes públicos privados ou persoas físicas, mencionarase a quen corresponde a titularidade e dereitos de explotación das patentes derivadas dos resultados alcanzados como froito do contrato. Se o contrato garda silencio sobre este punto, a titularidade e os dereitos corresponderán á Universidade, sendo de aplicación o indicado nos artigos 2º ó 7º deste Regulamento.
Artigo 9º.- Con carácter xeral, as estipulacións do contrato mencionado no artigo 8 deberán contemplar:
a) A quen corresponde a titularidade da posible patente. Débese respetar, en todo caso, a mención ós autores do traballo en calidade de inventores. Débese, así mesmo, indicar quen correrá cos gastos da solicitude e mantemento da patente.
b) Se a Empresa terá algún dereito preferente para a súa explotación cuando se prevexa que a Universidade sexa a titular da patente. Neste caso, estipularanse as regalías que deberá satisface-la Empresa ou indicarase que se fixarán en negociacións posteriores entre a Empresa e a Universidade, a través do CTT.
c) Qué pagamentos deberá satisface-la Empresa á Universidade en concepto dos beneficios derivados da explotación da patente, cando estea acordado que a Empresa sexa a titular da mesma.
d) A salvagarda dos dereitos da Universidade ante a posibilidade de que a Empresa subcontrate a explotación comercial da patente.
e) As condicións de publicación (permisos necesarios e prazos) dos resultados obtidos.
Artigo 10º.- O CTT levará un rexistro de tódalas solicitudes e depósitos de patentes de invención que contemple este regulamento. No caso de que sexa o organismo contratante da investigación o que efectúe a solicitude, deberá remitir unha copia da mesma e manter informado ó CTT do estado da tramitación e eventual concesión do dereito de patente.