Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Investigación  »  Criterios Básicos e Normas de Regulamento dos Servicios Xerais de Apoio á Investigación

CRITERIOS BÁSICOS E NORMAS DE REGULAMENTO DOS

SERVICIOS XERAIS DE APOIO Á INVESTIGACIÓN

(XUNTA DE GOBERNO DO 22 DE DECEMBRO DE 1994)

PRIMEIRO.-

Un Servicio Xeral estará formado por infraestructuras e equipamentos deseñados para dar apoio a un grupo numeroso de investigadores da Universidade.

Salvo circunstancias excepcionais, o equipamento básico necesario para a operatividade do servicio deberá estar adquirido ben sexa a través das correspondentes convocatorias de infraestructura ou por medio doutras dotacións externas á Universidade.

SEGUNDO.-

O tipo de prestacións que, co apoio do dito equipamento, se poidan ofrecer debe ter, en principio, ampla demanda interna por parte do colectivo investigador universitario. Terase en conta, tamén a posible demanda externa e a conexión do Servicio coas liñas de investigación prioritarias da Universidade.

TERCEIRO.-

Entenderase que o dito equipamento básico debe ser dun custo dificilmente asumible polos recursos económicos medios das unidades de investigación consolidadas. Tamén deberá contemplarse o alto custo en gasto de mantemento e/ou funcionamento.

CUARTO.-

A creación dun Servicio de Apoio á Investigación non implica a dotación dunha praza de Técnico especialista ou similar para o mesmo.

QUINTO.-

Compete á Comisión de Investigación emitir un informe sobre a conveniencia da creación ou supresión dun novo Servicio e á Xunta de Goberno a súa aprobación.

NORMAS DE REGULAMENTO DOS SERVICIOS XERAIS

DE APOIO Á INVESTIGACIÓN

PRIMEIRA.-

O control dos Servicios Xerais de Apoio á Investigación no seu aspecto económico-administrativo recae nunha comisión que debe ter como misións fundamentais:

a) Establece-lo réxime de uso do Servicio.

b) Propor e controla-lo presuposto.

c) Estudiar e promover renovacións e novas adquisicións de infraestructura do servicio.

d) Programa-las actividades.

e) Propoñer e promover contratos con persoas e outras entidades públicas ou privadas.

SEGUNDA.-

Esta Comisión componse dos seguintes membros:

PRESIDENTE:

- Vicerrector de Investigación ou persoa na que delegue.

VOCAIS:

- Un representante por cada un dos Departamentos da Universidade que utilicen o Servicio asiduamente. No caso de Servicios que, transitoriamente, non dispoñan de equipamento e /ou persoal propios, un representante por cada un dos Departamentos que ofrezan recursos ó Servicio.

- Un representante do persoal propio do Servicio, de se-lo caso de que exista.

- O director do Servicio.

SECRETARIO:

- A propia Comisión debe elixir un secretario que dará fe dos acordos adoptados.

Os representantes dos Departamentos usuarios serán elixidos e propostos polos respectivos Consellos. No caso de que un representante de departamento na comisión fose nomeado Director, procederase á elección dun novo representante do correspondente departamento.

TERCEIRA.-

Os Servicios Xerais deben ter un Director (ou Supervisor no caso das Instalacións Radiactivas) responsable do seu funcionamiento, nomeado polo Rector entre os Departamentos usuarios ou o persoal técnico adscrito ó Servicio, unha vez oída a Comisión.

O Director debe ter entre as súas funcións, aparte daquelas que especificamente determine a Comisión, as seguintes:

a) Executa-los acordos da Comisión, na esfera das competencias establecidas por esta norma primeira.

b) Promover tódalas iniciativas que potencien o Servicio.

c) Supervisa-la administración do Servicio, en particular a económica.

d) Elaborar unha memoria anual de actividades do Servicio.

Para estes fins o Director contará coa colaboración directa do persoal técnico estable do Servicio, se o houbese, que cumprirá as directrices que estableza o Director para o adecuado funcionamento do mesmo. No caso de Servicios que dispoñan da figura de encargado será o Director o responsable de establece-las súas funcions.

CUARTA.-

Un Servicio Xeral de Apoio á Investigación poderá estructurarse en Seccións, se as circunstancias (tamaño heteroxeneidade, etc.) así o aconsellan para o bo funcionamento do mesmo. Tódalas Seccións dependerán do Director do Servicio.

QUINTA.-

Os recursos económicos dos Servicios Xerais van a estar constituidos polas seguintes partidas:

a) Dotación da Universidade.

b) Subvencións concedidas por entidades públicas ou privadas.

c) Importe das taxas de matrícula correspondentes ós cursos organizados polo Servicio ou ben aqueles nos que participe.

d) Importe dos contratos de prestación de servicios establecidos con persoas e outras entidades públicas ou privadas.

e) Importe das tarifas de utilización ou de material para os usuarios da Universidade.

f) En xeral, calquera beneficio económico que teña a súa orixe en traballos efectuados polo Servicio.

Co obxecto de levar un control económico, cada Servicio disporá dunha aplicación presupostaria propia onde se incorporarán os ditos recursos económicos. As Seccións dun Servicio Xeral terán aplicacións presupuestarias independentes. Con respecto ós recursos obtidos por convenios-contratos, as cantidades resultantes serán distribuídas pola comisión conforme ó disposto no regulamento vixente de contratos, convenios, informes e cursos da Universidade.

O centro de asignación corresponde ó Vicerrectorado de Investigación, e a xustificación dos gastos debe efectuarse cumprindo os mesmos requisitos que se esixen para os demais Centros Universitarios.

SEXTA.-

Os Servicios Xerais deben levar un Rexistro de actividades contratadas e traballos realizados, estructurado segundo determine a súa comisión. En todo caso, o labor que realice para a Universidade será prioritario.

SÉTIMA.-

Unha vez oída a Comisión, corresponde ó Rector da Universidade a facultade de interpreta-lo presente Regulamento e dicta-las pertinentes normas aclaratorias.

OITAVA.-

Este Regulamento pode ser modificado a iniciativa do Vicerrector de Investigación, unha vez oídas as Comisións, e coa aprobación da Xunta de Goberno da Universidade.