Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normalización lingüística  »  Regulamento do uso de Galego na USC

REGULAMENTO DO USO DO GALEGO NA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

(XUNTA DE GOBERNO DO 22 DE DECEMBRO DE 1993)

PREÁMBULO

A lexislación vixente debuxa un marco que compromete os poderes e institucións públicas na tarefa da normalización da lingua galega. O Estatuto de Autonomía de Galicia dispón que os poderes públicos potenciarán o uso do galego en tódalas ordes da vida pública, cultural e informativa (art. 5.3). A Lei de Normalización Lingüística sinala os obxectivos concretos en materia de normalización lingüística no ámbito institucional, indicando que o galego, como lingua propia de Galicia, é a lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma. (art. 4.1).

Conforme o marco devandito, a Universidade de Santiago de Compostela comprometeuse solemne e formalmente nos seus Estatutos a elevar o galego ó rango de lingua oficial e a facer o seu uso normal. Ora ben, a situación de cooficialidade lingüística vixente, o crecente avance no proceso de normalización do idioma galego e o necesario multilingüismo do noso entorno poden dar lugar á aplicación de criterios lingüísticos diversos para situacións comunicativas idénticas. Por mor de desenvolver no seo da súa propia administración os preceptos devanditos, de dotarse dun marco de referencia globalmente válido, e de homoxeneizar a súa imaxe corporativa en materia de lingua, a Universidade de Santiago de Compostela aproba o seguinte Regulamento de Uso da Lingua Galega.

1. ÁMBITO DE APLICACIÓN.

1.1. Os usos lingüísticos da comunidade universitaria de Santiago de Compostela réxense polos criterios que establece este documento.

1.2. Sempre que neste documento apareza a denominación Universidade de Santiago de Compostela ten que entenderse que se está a referir tamén a tódalas unidades funcionais que a compoñen.

2. COMPETENCIAS EN NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.

2.1. A responsabilidade institucional do cumprimento deste regulamento de uso do idioma galego, así como as accións de normalización lingüística en xeral, é dos órganos de goberno desta Universidade.

2.2. Ademais da aprobación deste regulamento, e ata que non se consiga o obxectivo do uso normal da lingua galega, cómpre prever accións que permitan facer un seguimento e unha avaliación da aplicación do mesmo, no marco xeral do proceso de normalización lingüística da Universidade.

3. USOS LINGÜÍSTICOS INTERNOS.

3.1. As comunicacións formais (oficios, convocatorias de xuntanzas, citacións, convites, etc.) entre centros, servicios e administracións da Universidade de Santiago realizaranse en galego.

3.2. Os outros documentos de uso interno utilizados polos diferentes órganos da Universidade tamén sen farán en galego.

Os documentos de xestión xeral: programas de actuación, memorias, informes, etc.

Os documentos contables: ordes de pagamento, follas de pedimento, recibos, orzamentos, etc.

Os documentos académicos: follas de matrícula e preinscrición, validacións, instruccións, instancias, enquisas, carta de estudiante, etc.

Os documentos de xestión de persoal: nóminas, notificacións, etc.

Os documentos xurídicos (informes, resolucións rectorais, de xerencia, consultas, documentación dilixenciada, reclamacións, impugnacións...)

As disposicións e as actas.

3.3. Os rótulos informativos, as cabeceiras de toda caste de papeis corporativos, os carimbos, os mataselos e outros elementos análogos estarán en galego.

3.4. A expedición de certificados de expedientes de uso interno farase en galego.

3.5. Os procedementos contractuais da Universidade de Santiago de Compostela faranse en galego. Os contratos formalizaranse en galego, e en todo caso, unha copia dos pregos deberá estar dispoñible nesta lingua.

3.6. Os centros e departamentos da Universidade de Santiago de Compostela, da mesma maneira que as dependencias administrativas e de servicios, terán como lingua de uso o galego. Así mesmo, os documentos que os departamentos e as entidades institucionais elaboren: as memorias, as actas, as comunicacións oficiais para os taboleiros de anuncios, os programas das materias, etc. redactaranse en galego.

3.7. As denominacións de cursos de posgrao (especialización e mestrados), e dos créditos e materias que os compoñen serán en galego.

Os títulos acreditativos de estudios propios expedidos pola Universidade de Santiago de Compostela serán redactados en galego, agás os que teñan efectos fóra da nosa Comunidade Autónoma, que se expedirán en versión bilingüe.

3.8. Os títulos de estudios oficiais (diplomaturas, licenciaturas e doutoramentos) expediranse en versión bilingüe segundo o artigo 3.2. do Real Decreto 1496/87, do 6 de novembro, sobre obtención, expedición e homologación de títulos universitarios.

4. USOS LINGÜÍSTICOS EXTERNOS.

4.1. As comunicacións formais interuniversitarias e con institucións públicas e privadas da Comunidade Autónoma Galega (incluída a administración periférica do Estado) faranse en galego.

4.2. As comunicacións formais con destino a entidades de fóra da Comunidade Autónoma Galega faranse:

En galego se a institución receptora ten esta lingua recoñecida como lingua oficial de traballo.

En versión bilingüe galego-castelán, cando o galego non sexa oficial, pero si o castelán. Nestes casos, o documento contará cunha parte impresa, o corpo fixo será en versión bilingüe galego-castelán e a parte para cubrir en castelán.

En versión bilingüe galego-outra lingua oficial de traballo da institución receptora, cando nin o galego nin o castelán sexan oficiais. Nestes casos, se o documento contén unha parte impresa, o corpo fixo será en versión bilingüe galego-lingua receptora e a parte que se cobre na lingua da institución.

4.3. A expedición de certificados de expedientes académicos para uso externo farase en galego.

4.4. Os estudios, proxectos e traballos análogos que a Universidade de Santiago de Compostela encargue a terceiros no dominio lingüístico galego entregaranse en galego, agás que a súa finalidade esixa a redacción noutra lingua. Este requisito será explicitamente contemplado nas convocatorias ou solicitudes de tales traballos.

5. USO ORAL.

5.1. O persoal da Universidade de Santiago que atenda ó público dirixirase ós cidadáns en galego, agás nos casos en que estes soliciten ser atendidos en castelán.

5.2. Nos actos académicos (apertura de curso académico, investidura de doutores honoris causa, etc.) e nos actos públicos en xeral (inauguracións, sinatura de convenios, etc.) feitos no territorio lingüístico galego, a lingua que utilizarán os representantes da Universidade será o galego, agás que as circunstancias esixan o uso doutra lingua.

6. REXISTROS.

6.1. Sen prexuízo do que, para algúns rexistros públicos, establece o artigo 9 da lei 3/1983 de Normalización Lingüística, nos rexistros administrativos da Universidade de Santiago de Compostela, os asentamentos faranse sempre en galego, independentemente do idioma en que se presente o documento.

 Polo tanto, nos expedientes académicos dos alumnos poñerase en galego o nome das materias, as cualificacións e tódalas demais informacións.

A expedición de certificados farase en galego.

7. PUBLICACIÓNS E PUBLICIDADE.

7.1. As disposicións da Universidade de Santiago de Compostela publicaranse segundo os criterios establecidos neste documento sobre o uso interno e externo da lingua galega.

7.2. As revistas non científicas, as memorias, as guías de estudiantes, os carteis, a información sobre cursos, congresos, simposios, conferencias, os avisos, as convocatorias e, en xeral, as publicacións que a Universidade de Santiago faga, tanto internamente como en medios de difusión externos, redactaranse en galego, excepto as destinadas especificamente á promoción exterior, que se poden facer noutra lingua.

7.3. A publicidade de todo tipo que emita a Universidade de Santiago de Compostela realizarase en galego, agás a que for destinada especificamente á promoción exterior.

7.4. A Comisión de Publicacións establecerá uns criterios de uso para o emprego de linguas distintas ó galego por razóns de difusión científica nas publicacións da Universidade. As publicacións deberán respectar en todo caso o dereito de autor, de maneira que a traducción de orixinais deberá contar co previo consentimento deste.

8. PERSOAL.

8.1. Os órganos de goberno da Universidade tomarán as medidas necesarias para que en cada unidade administrativa ou de servicios, e mailo persoal que estea relacionado co público (tanto oralmente coma por escrito) teña os coñecementos de galego necesarios para garantir o dereito dos cidadáns a escolleren a lingua de relación coa administración.

8.2. Os órganos de goberno da Universidade de Santiago de Compostela establecerán o nivel de coñecemento da lingua galega axeitado e esixible para cada posto de traballo na Universidade.

8.3. En tódalas bases que regulen as convocatorias para a provisión de postos de traballo da Universidade, de réxime administrativo ou laboral, e os concursos de méritos destinados á promoción interna, establecerase a acreditación dun determinado nivel de lingua galega, de acordo co apartado anterior.

9. CONTRATACIÓNS E CONVENIOS.

9.1. Os contratos de prestación de servicios (cafeterías, comedores universitarios, reprografía, etc.) asinados pola Universidade con entidades privadas conterán unha cláusula onde se comprometan expresamente a respectar as normas que en materia de uso lingüístico dispón este regulamento. A Universidade ofrecerá a colaboración do Servicio de Normalización Lingüística para facilitar o cumprimento desta normativa á parte contratada.

9.2. Os convenios asinados pola Universidade con outras entidades públicas ou privadas redactaranse en galego e, se é o caso, na lingua ou linguas oficiais ou de traballo da outra ou outras entidades asinantes.

10. COPIAS NOUTRAS LINGUAS.

10.1. No caso dos documentos a que se refiren os apartados 3.5, 3.7, 4.1, 4.3, 6.1 por pedimento expreso dos interesados facilitaranse versión bilingüe ou castelá deles, que de ser o caso irá validada polo responsable administrativo correspondente