NORMATIVA BÁSICA PARA A ORDENACIÓN DO PROCESO DE ENSINO/APRENDIZAXE E DA AVALIACIÓN DO RENDEMENTO ACADÉMICO DOS ESTUDIANTES.
(Xunta de Goberno do 15-novembro-2001)
(Engadido do punto 2 no artigo 15, Consello de Goberno do 22-06-04)
(Modificase o artigo 5, Consello de Goberno do 22-07-09)
(actualizado: 24 de xullo de 2009)
Este documento pretende o desenvolvemento básico da normativa emanada da LRU, dos Estatutos da USC e do Estatuto do Estudiante da USC co fin de mellorar o proceso de aprendizaxe do alumno. Esta normativa pretende establecer os sistemas que, en base ás competencias dos centros e departamentos, permitan levar a cabo unha docencia coordinada ó mesmo tempo que se fan explícitas as características e condicións da avaliación tanto ordinaria como extraordinaria.
Artigo 1.- O Plan Docente Anual determinará o número de grupos de cada materia, o cuadrimestre en que se impartirá, a(s) área(s) responsables da impartición da docencia, etc. Así mesmo o Plan de Estudios determina os descriptores de cada materia.
Artigo 2.- O centro establecerá os horarios, a ser posible antes da elaboración dos Planos de Organización Docente dos departamentos.
En todo caso, os horarios de teoría e, ata onde sexa posible, os das clases prácticas serán públicos antes do 15 de maio do curso académico anterior.
Artigo 3.- O departamento ten a obriga de garantir para cada materia unha Programación Docente que deberá especificar:
I. Profesorado encargado da docencia con indicación, de ser varios, do coordinador da mesma.
II.. Descritores da materia no Plan de Estudios.
III. Número de créditos teóricos, de prácticas de encerado, de laboratorio, etc.
IV. Obxectivos.
V. Programa da parte teórica e práctica.
VI. Desenvolvemento do temario (con indicación, a ser posible, do tempo previsto para cada tema) con determinación da docencia non presencial.
VII. Criterios e sistemas de avaliación (tipo e número de probas, traballos para presentar coas posibles datas, controis periódicos, etc)
VIII. Bibliografía recomendada actualizada.
O departamento fará chegar ó centro unha copia da programación docente de cada materia antes do 15 de abril e este faraa pública antes do 15 de maio.
Artigo 4.- Os departamentos garantirán a coordinación da programación e equivalencia formativa de todos os grupos dunha mesma materia. O centro supervisará que o programa e demais apartados da programación anual de cada materia se adapta ó plan de estudios vixente e exercerá a necesaria coordinación de programas e sistemas de avaliación dentro dun mesmo curso, ciclo e titulación.
Artigo 5. - Todas as materias terán dúas probas finais, salvo nas materias en que polas súas características a Comisión de Docencia do Centro, a proposta do departamento correspondente, autorice de forma expresa a non existencia de tales probas.
A programación docente de cada materia fará explícita a cualificación que se debe outorgar aos/ás estudantes que realicen algunha proba ·parcial" de avaliación e non se presenten á proba final. Se non figura referencia explícita, entenderase que os/as estudantes que non se presenten a esta proba final e non superen a materia serán cualificados como "Non presentado" na dita convocatoria.
No caso de que, pola característica da materia, non exista tal proba, entón a Programación Docente da dita materia indicará baixo qué circunstancias se cualificará como "Non presentado".
A programación docente dunha materia pode determinar a obriga de realizar certas actividades prácticas de laboratorio, entrega de traballos, etc. sen as cales non será posible a superación da dita materia. Se as ditas actividades só poden ser desenvolvidas durante o período de clase, a Comisión de Docencia do Centro pode establecer a imposibilidade de presentación destes alumnos/as á segunda convocatoria.
A programación docente tamén pode contemplar a posibilidade de que a avaliación positiva de certas actividades (prácticas de laboratorio, etc.) poida ser conservada, durante un número determinado de cursos académicos. Neste caso o departamento debe determinar cómo se ten en conta esta situación na cualificación final unha vez que o/a alumno/a supere todas as probas e actividades necesarias para superar a materia.
Artigo 6.- Os estudiantes teñen dereito a seren avaliados en todas as materias das que estean matriculados. Este dereito non implica dereito a datas de avaliación distintas das previstas se están matriculados de materias con datas de avaliación coincidentes. Procurarase que non haxa materias de dous cursos consecutivos con calendarios de avaliación coincidentes.
Artigo 7.-O centro aprobará e fará pública a programación das probas finais das disciplinas de todas as convocatorias de cada curso antes do 15 de maio do curso académico anterior.
Artigo 8.- O decano/director do centro resolverá, previa consulta co(s) profesor(es) correspondente(s) e cos alumnos do curso ou grupo afectado, as situacións nas que por imposibilidade sobrevida resulte imposible realizar o exame de acordo co establecido na programación.
Artigo 9.- A avaliación do rendemento académico dos estudiantes é un paso fundamental de calquera proceso educativo. A avaliación ten que basearse en obxectivos educativos e debe de servir para asegurar cinco grandes obxectivos: mellorar a docencia, informar á Universidade sobre o grao de asunción dos obxectivos educativos previstos, garantir a competencia dos alumnos, asegurar a equidade e mellorar a aprendizaxe dos propios estudiantes.
Dada a importancia da avaliación do rendemento académico dos alumnos en calquera proceso docente, o estudiante debe de ter a máxima información posible. É moi importante que os estudiantes poidan predicir as consecuencias do seu rendemento e que poidan controlar o resultado da súa avaliación.
Os alumnos deben de ser informados minuciosamente sobre os criterios e métodos de avaliación, así como o tipo e número de exames.
Os estudiantes serán avaliados de acordo cos criterios que figuren de forma explícita na programación da materia e que, en xeral, se basearán, nalgunha ou nalgunhas das seguintes actividades:
I. Asistencia e participación en clases teóricas, seminarios e outras actividades complementarias
II. Realización de prácticas e traballos de laboratorio
III. Presentación de traballos ou informes relacionados co contido da materia
IV. Probas parciais e/ou final
V. Outras actividades específicas que tamén garantan a avaliación obxectiva do rendemento do estudiante
En todo caso para as probas, distintas da final, que se declaren obrigatorias deben indicarse as datas da súa realización na programación docente.
A dirección do centro deberá de ter coñecemento das actividades que poidan afectar ó resto de actividades académicas co fin de que se fagan de xeito coordinado.
No caso de alumnos con algunha minusvalía, facilitaráselles a realización das probas de avaliación en condicións acordes coas súas capacidades.
Artigo 10.- En todo caso o artigo 115 dos Estatutos da USC asigna ó Consello de Departamento o establecemento dos criterios de avaliación do rendemento dos estudiantes e o artigo 3.1. do Estatuto do Estudiante establece que todos os estudiantes terán igualdade de dereitos e deberes sen máis distincións cás derivadas das ensinanzas que estean a cursar polo que é necesario que os alumnos dos distintos grupos dunha mesma materia reciban unha formación equivalente e sexan avaliados con criterios tamén equivalentes, independente do grupo que lles corresponda sempre que este dereito poida exercitarse sen menoscabo dos dereitos dos demais membros da comunidade universitaria, como establece o mesmo artigo 3 do Estatuto do Estudiante no apartado 2.
Artigo 11.- Para a realización de probas orais, convocarase cada día os alumnos que previsiblemente o profesor poida examinar. Tales exames serán públicos e polo menos nos casos en que sexa a única proba de avaliación, o departamento nomeará unha comisión de avaliación que deberá estar formada por un mínimo de dous profesores.
Artigo 12.- En calquera momento dos exames se poderá requirir a identificación dos alumnos.
Artigo 13.- Os estudiantes teñen dereito, se o solicitan, a un xustificante documental de terse presentado á proba ou exame.
Artigo 14.- O estudiante ten dereito a coñecer os resultados das probas, traballos ou exames parciais que realice, segundo o sistema de avaliación previamente establecido, nun prazo razoable que, salvo casos excepcionais, debidamente xustificados perante a dirección do centro, serán inferiores a 20 días naturais dende a data de realización da proba excepto para as cualificacións finais que deberán axustarse ó regulamentado polas Normas de Xestión Académica. Tales resultados deben coñecerse con suficiente antelación á realización dunha nova proba.
Os profesores deberán conservar todo o material utilizado para a avaliación do alumno por un período mínimo de seis meses, sen prexuicio do previsto no artigo 19.
No caso de que desapareza (perda, roubo…) o material dunha proba antes de finalizar o prazo de revisión e sen que o alumno exercera este dereito, entón o alumno pode solicitar a realización dunha nova avaliación. Neste caso o profesor procurará que o alumno teña facilidades (flexibilización das datas de exame, tipo de exame, etc.) para esta avaliación especial.
Artigo 15.-
1. A notificación das cualificacións finais provisorias de cada materia realizarase mediante a publicación dunha listaxe coa cualificación de cada estudiante. O(s) profesor(es) informará(n) no momento da realización do exame da data aproximada de publicación dos resultados. Unha copia da listaxe exposta coas cualificacións finais provisorias e as rectificacións será depositada na secretaría do centro xunto coa acta por un período mínimo de cinco anos, e deben enviarse a continuación ó Arquivo Histórico. Estas cualificacións consideraranse definitivas ó finalizar o prazo de revisión de exames. O alumno poderá recoller no lugar que se indique unha comunicación coas cualificacións acadadas en cada convocatoria unha vez que finalice o proceso de informatización das actas.
2. Cando sexa posible, a listaxe de cualificacións provisionais á que se refire o apartado anterior elaborarase mediante a aplicación informática de cobertura das actas de cualificacións. Así mesmo, no caso de estar operativo un procedemento para enviar aos alumnos a través de teléfonos móbiles información sobre as cualificacións provisionais das materias nas que estean matriculados e a data de revisión de exames, os profesores deberán autorizar dita comunicación no momento de publicar as cualificacións provisionais, mediante as canles técnicas que se establezan.
Artigo 16.- Na realización dos exames e probas de cada materia deberá(n) estar presente(s) o(s) profesor(es) responsable(s) da materia, salvo casos excepcionais debidamente autorizados pola dirección do centro e departamento.
Artigo 17.- O alumno ten dereito á revisión dos exames tanto parciais como finais na súa presencia nas datas e horarios que para tal efecto deberán fixarse no momento de facer públicos os resultados provisorios. As datas de revisión deberán estar comprendidas dentro dos dez días seguintes á publicación dos resultados e tal prazo non deberá ser inferior a tres días hábiles e garantirá que todos os alumnos que o desexen podan revisar o exame. Procurarase que, para cada estudiante, estas revisións se poidan levar a cabo en dúas datas opcionais e que sexan un instrumento útil para que o alumno poida percibir o seu nivel de coñecementos e carencias, tanto se resulta aprobado como suspenso. Deberá quedar constancia desta revisión (mediante sinatura no exame revisado, listaxe, etc.).
Artigo 18.- A realización fraudulenta dalgún exercicio ou proba esixida na avaliación dunha materia implicará a cualificación de suspenso na convocatoria correspondente, con independencia do proceso disciplinario que se poida seguir contra o alumno infractor.
Artigo 19.- Os traballos e demais material de tipo creativo elaborados polos estudiantes seranlles devoltos, se o solicitan, no prazo de tres meses unha vez finalizado o período de reclamación, agás naqueles casos en que por razóns debidamente xustificadas se establezan períodos maiores.
A reproducción total ou parcial dos traballos do curso e dos contidos das probas de avaliación ou a utilización para outra finalidade, necesita a autorización explícita do autor ou autores, de acordo coa Lei de propiedade intelectual.