NORMATIVA PARA ARTICULAR OS PROCEDEMENTOS EXTRAORDINARIOS DE AVALIACIÓN E A REVISIÓN DE CUALIFICACIÓNS
(Xunta de Goberno do 15-novembro-2001)
Esta normativa desenvolve o artigo 115 dos Estatutos da USC que establecen que a Xunta de Goberno elaborará unha normativa para articular os procedementos extraordinarios de avaliación e a revisión de cualificacións.
1.- AVALIACIÓN ORDINARIA
Artigo 1.1.- A avaliación ordinaria será realizada polo(s) profesor(es) encargado(s) da materia de acordo cos criterios establecidos polo consello de departamento.
Artigo 1.2.- A avaliación dos estudiantes sen posibilidade de docencia previa (exames de febreiro dos plans non-renovados, convocatoria fin de carreira, etc.) realizaraa o profesor que impartiu a materia o curso anterior, ou, en ausencia deste, o que a imparte o curso actual ou quen determine o departamento. Os criterios de avaliación serán os do curso anterior ou do último impartido e o programa deberá axustarse ó realmente impartido nese curso. No caso de materias sen dereito a docencia (por exemplo, materias de plans de estudio en extinción) seguiranse os criterios anteriores e en ausencia do profesor que impartiu a materia por última vez, o departamento designará o profesor ou profesores responsables da avaliación.
Artigo 1.3.- Os centros establecerán os criterios tanto para a asignación como para o cambio de grupo. Tales criterios poden ter en consideración as características das diferentes materias e o número de convocatorias esgotadas polos solicitantes.
2.- AVALIACIÓN EXTRAORDINARIA
Artigo 2.1.- A Comisión de Ordenación Académica e Profesorado (COAP) fará cada curso unha análise global e por centros do rendemento académico dos estudiantes. A parte de poñer en marcha as medidas que poidan axudar a corrixir as disfuncións ou problemas que se detecten, fará chegar ós centros e departamentos responsables as suxestións que considere oportunas (suxestións xerais, axuste do programa, cambio dos métodos de avaliación, etc.). No caso de que a porcentaxe de alumnos que superan unha disciplina se desvíe significativamente, por exceso ou por defecto, da media do resto de materias do mesmo curso, ciclo e titulación, a COAP, impulsará unha análise técnica (baseada en informes sobre o programa, exames, calidade da docencia, etc.) sometendo a consideración da Xunta de Goberno a aprobación das resolucións que considere oportunas.
Artigo 2.2.- En consonancia co indicado nos puntos 2.3 e 2.4, os distintos grupos dunha mesma disciplina deberán ter uns criterios e sistemas de avaliación similares e equilibrados. De non ser así COAP, previo informe do correspondente centro e departamento, estudiará as posibles solucións.
Artigo 2.3.- O esforzo necesario para superar unha materia debe estar en concordancia co número de créditos que se lle asigna no plano de estudios. No caso que se considere que existe unha desviación importante entre os obxectivos previstos no plano de estudios e o nivel de esixencia para superar unha determinada materia, a COAP, previo informe do centro e departamento, someterá a consideración da Xunta de Goberno as resolucións que considere oportunas.
Artigo 2.4.- Apoio titorial extraordinario:
O vicerreitor de Oferta Académica e EEES informa segundo a documentación achegada da modificación da normativa do apoio titorial extraordinario indicando que dentro da Normativa para articular os procedementos extraordinarios de avaliación e revisión das cualificacións, aprobada polo Consello de Goberno con data do 15 de novembro de 2001 aprobouse un sistema de “apoio titorial extraordinario” para axudar aos estudantes a superar aquelas materias que ao longo da súa carreira se lle facían máis duras. Logo destes tres últimos anos de experiencia co sistema de avaliación de Apoio Titorial extraordinario, xa se contan con datos para poder realizar algún tipo de modificación do acordo co obxecto de ampliar o seu campo de acción, é dicir, abarcar un maior número de alumnos que poidan acceder ao apoio titorial extraordinario para o que só e preciso modificar os requisitos que regulan esta petición e que afecta, ao número de créditos para os que se podería solicitar o apoio, pasándoo de 12 a 18 créditos e tamén diminuír o número de convocatorias que o alumno deberá ter esgotadas para solicitalo.
Sometido ao acordo do Consello de Goberno a proposta, apróbase por asentimento modificar os requisitos que establece o artigo 2.4 de apoio titorial extraordinario establecido na Normativa para articular os procedementos extraordinarios de avaliación e revisión das cualificacións, aprobada polo Consello de Goberno con data do 15 de novembro de 2001 consonte á seguinte proposta:
Poderán solicitar APOIO TITORIAL EXTRAORDINARIO os estudantes que reúnan todos estes requisitos:
3.- REVISIÓN DE CUALIFICACIÓNS
A revisión da cualificación establecida no artigo 115.2 dos Estatutos da Universidade e no artigo 33 do Estatuto do Estudiante levarase a cabo de acordo co seguinte procedemento:
i) Todos os estudiantes teñen dereito a presentar as reclamacións debidamente motivadas que consideren oportunas. Para poder exercer este dereito é necesario que o alumno teña acudido previamente ó proceso de revisión do exame que establece o punto 17. O prazo para a presentación de tales reclamacións será de 15 días hábiles dende que finalice o prazo de revisión de exames.
ii) Á vista da reclamación, o decano /director do centro decidirá sobre a admisión a trámite da alegación presentada. En todo caso, a non admisión a trámite debe estar suficientemente xustificada.
iii) O estudiante pode recorrer a non-admisión a trámite ante o rector. Se o rector confirma a non-admisión a trámite, esta resolución esgotará a vía administrativa.
iv) No caso de que sexa admitida a trámite, o decano/director trasladará a reclamación ós profesores responsables da mesma para que presenten as alegacións que consideren oportunas nun prazo non superior ós tres días hábiles.
v) O decano/director vistas as alegacións presentadas polo profesor e previa audiencia do alumno, poderá decidir sobre a desestimación da reclamación o que poderá ser recorrido polo alumno diante do rector, ou nomeará unha comisión formada por 3 profesores e 1 alumno con voz e sen voto, elixido entre os representantes da Xunta de Centro, a ser posible, con esa materia superada, ademais do decano/director ou vicedecano/subdirector en quen delegue que a presidirá. Non formará(n) parte da dita comisión o(s) profesor(es) responsable(s) da cualificación. Un dos tres profesores será de área distinta e, de ser posible, os outros dous, que serán propostos polo director do departamento, serán da mesma área que ten encargada a docencia e un deles impartindo a docencia da mesma disciplina. A comisión revisará o material que serviu de base para a cualificación do reclamante e demais compañeiros e, se considera que os exames realizados adolecen das garantías mínimas necesarias ou non existen elementos suficientes para a avaliación, pode realizar unha nova proba ó reclamante. A dita comisión fará a proposta de cualificación que corresponda.
vi) A resolución do decano/director do centro, que reflectirá a proposta da comisión, non esgotará a vía administrativa e será o propio director do centro quen lla comunique ó estudiante. No escrito farase constar que, contra esta resolución, se poderá interpoñer recurso de alzada perante o rector no prazo dun mes a partir da data de recepción da resolución.
vii) A revisión de exames non modifica os prazos ordinarios de entrega das actas.
viii) Os exames ou probas, xa sexan parciais ou finais, que foran realizados por escrito ou por calquera outro medio que permita deixar constancia deles, conservaranse por un periodo mínimo de seis meses. En caso de reclamación conservarase ata a finalización de todos os procesos.
ix) No caso de ser necesaria unha modificación en acta da cualificación como consecuencia do proceso de revisión de exames, a nova cualificación será notificada polo decano/director do centro ó secretario xeral da Universidade que establecerá o procedemento para a modificación da acta, na que se incorporará unha dilixencia administrativa que reflicta o acordo de modificación.
Disposición derrogatoria: Quedan derrogadas as "Directrices Xerais sobre Avaliación do Rendemento Académico dos Estudiantes" aprobadas pola Xunta de Goberno do 27 de febreiro de 1997 así como calquera outra norma ou disposición que se opoña a esta normativa.
Disposición adicional: Modifícase o artigo 28 das Normas de Xestión Académica que queda redactado como sigue:
28. CONSERVACIÓN E CUSTODIA DE EXAMES
Os exames ou probas, xa sexan parciais ou finais, que foran realizados por escrito ou por calquera outro medio que permita deixar constancia deles, deberán ser conservados polos profesores encargados da materia polo menos seis meses dende a data final de entrega das actas, agás nos supostos de que estea en curso un expediente administrativo ou xudicial, ou que por outras normas se establezan prazos maiores.