Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normativa derrogada  »  Actualización dos contratos de profesores asociados (atípico) da Universidade de Santiago de Compostela (Xunta de goberno do 25 de marzo de 1994)

 

NORMATIVA DEROGADA

ACTUALIZACIÓN DOS CONTRATOS DE PROFESORES ASOCIADOS (ATÍPICO) DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

(XUNTA DE GOBERNO DO 25 DE MARZO DE 1994)

PREÁMBULO

A LRU estableceu no seu articulado que o cadro de persoal docente universitario estaría composto, a partir da súa entrada en vigor, unicamente por:

1) Funcionarios docentes dos corpos de Catedráticos e Titulares de Universidade, e Catedráticos e Titulares de Escolas Universitarias.

2) Persoal contratado de forma temporal baixo as figuras de:

a) Profesores Asociados que deberían ser contratados "de entre especialistas de reconocida competencia que desarrollen normalmente su actividad profesional fuera de la Universidad".

b) Profesores Visitantes.

c) Axudantes.

As Disposicións Transitorias 9ª e 10ª da LRU regulaban o proceso de adecuación dos cadros de persoal ás novas categorías citadas, establecendo como data límite para a finalización do proceso o 30-9-87. Chegada esta data, na Universidade de Santiago a tal adecuación revelouse, se a entendemos de forma estricta, imposible. Isto foi así porque:

a) A 30-9-87 continuaba habendo un número elevado de profesores contratados para a docencia en Facultades e ETS, con adicación exclusiva á Universidade e que non reunían os requisitos para concursaren a prazas de Profesor Titular de Universidade.

b) Os citados profesores cubrían unha parte importante da docencia, polo que a Universidade non podía prescindir dos seus servicios.

Hai que sinalar que estes problemas non eran algo particular da USC, pois, con maior ou menor intensidade, producíronse en tódalas Universidades españolas. E, aínda que as solucións adoptadas variaron dunhas a outras, en todas se crearon disfuncionalidades similares ás producidas na Universidade de Santiago.

Prevendo esas dificultades, o "Documento nº 3" do Ministerio, referido ós cadros de persoal docente e elaborado en marzo de 1986, propuña unha serie de mecanismos de axustes para aplicar de xeito transitorio. En concreto, suxeríanse as seguintes vías ou mecanismos:

a) A "utilización flexible do cupo de Profesores Asociados" (fixado pola LRU no 20% / 30% da suma de Catedráticos e Titulares), mais lembrando que "debe tenerse presente que por exigencia explícita de la LRU sólo podrán ser contratados como Profesores Asociados aquellos especialistas de reconocida competencia que desarrollen normalmente su actividad profesional fuera de la Universidad."

b) O incremento transitorio do número de Axudantes de Universidade.

c) Recoñecemento que en moitos casos non habería candidatos que reunisen as condicións requiridas para accederen a prazas de Axudantes de Universidade, suxeríase a utilización da figura de Axudante de Escola Universitaria.

d) Finalmente, aludíase á posibilidade de utilizar para a impartición de clases prácticas os Bolseiros de FPI.

Os Estatutos da Universidade de Santiago estableceron na súa Disposición Transitoria 8ª un compromiso de estabilidade, cando menos ata 1992, para tódolos profesores non numerarios que prestaran os seus servicios nesta universidade no momento de entrada en vigor dos Estatutos e que a 30-9-87 non accederan a prazas de Titular. Para iso prevíase o acceso destes profesores "as categorías contractuais establecidas no artigo 104 dos presentes Estatutos (...) nos termos que regulamentariamente se establezan."

O Regulamento correspondente foi aprobado pola Xunta de Goberno da Universidade o 23-6-87. En síntese, a solución dada consistíu en:

a) Para os profesores que prestaban os seus servicios antes da entrada en vigor dos Estatutos, a solución xeral ofrecida foi o seu acceso a prazas de Asociados de nivel D1, D2 ou D3, segundo a adicación que tivesen anteriormente. O contrato prevía unha duración inicial de 5 anos, prorrogables por 2 anos máis.

De forma excepcional contemplábase a posibilidade de accederen a prazas de Axudante, cunhas garantías para o caso de non finalizaren a tese de doutoramento no período de dous anos fixado na LRU.

b) Para os contratados con posterioridade á entrada en vigor dos Estatutos (e, sobreenténdese, ata o 23-6-87), a solución "normal" prevista era o paso a Axudantes de Universidade, no caso de cumpriren os requisitos esixidos; ou, en caso contrario, o paso a Bolseiros de Iniciación á Investigación; con carácter excepcional, e só dándose determinadas circunstancias, prevíase a contratación destes profesores como Asociados, con contratos de 3 anos prorrogables por 2 máis. Agora ben, na práctica , esta última foi a opción xeneralizada e non a excepción: en definitiva, a solución adoptada para o problema que presentaban os Profesores non numerarios a tempo completo consistiu no seu acceso a unha figura que no propio acordo da Xunta de Goberno se denomina "Asociados Atípicos".

A LRU non contempla a figura de Profesor Lector, indispensable no ensino de linguas estranxeiras e por iso existente en tódalas Universidades, españolas e estranxeiras. Os Estatutos da USC salvan esta dificultade prevendo, no seu artigo 136, a posibilidade da súa contratación para as áreas de linguas modernas estranxeiras, entre licenciados universitarios, asimilando os seus contratos ó de Axudante ou ó de Profesor Asociado, cunha duración de dous anos prorrogables por un máximo de 3 máis. Na práctica todos son contratados como Profesores Asociados Atípicos, sen concurso; a duración do seu contrato non excede en ningún caso á establecida nos Estatutos.

As disfuncións xeradas polas disposicións da LRU referidas ó profesorado, en relación á realidade da USC, non se esgotaron coa reconversión dos antigos PNNs. Nos anos seguintes víuse que en moitas áreas de coñecemento, que eran ademais das que concentraban maiores déficits no cadro de persoal docente, non era posible corrixi-las carencias convocando prazas de Titular de Universidade ou de Asociados "típicos" e que tampouco as convocatorias de Axudantes tiñan nelas un eco significativo; a orixe do problema era a falta de candidatos que reunisen os requisitos legalmente esixidos para eses tipos de prazas. Pero ademais, no que respecta en concreto á figura de Axudante, esta concebíase para colaborar na docencia práctica, mentres que as citadas áreas tiñan fortes déficits na cobertura da docencia teórica, polo que, aínda dando captado candidatos a formárense como futuros profesores universitarios, o problema da docencia non podía resolverse por esta vía a curto prazo.

Diante destes problemas, son aprobadas sucesivamente, mediante cadanseu acordo da Xunta de Goberno, diversas disposicións que viñeron supoñer novas desnaturalizacións da figura de Profesor Asociado:

a) O "Acordo sobre contratación excepcional de profesores asociados en áreas de coñecemento con dificultades extremas" (Xunta de Goberno de 28-6-88). Nel estableceuse a posibilidade de contratarmos como Profesores Asociados a persoas que non cumprisen os requisitos esixidos no Real Decreto 1200/86: acreditar 3 anos de actividade profesional fóra da Universidade dentro dos 5 últimos. Tal exención contémplase como algo excepcional e previo acordo da Xunta de Goberno para cada caso concreto, aínda que na práctica non se fixera así; con base nese acordo foron contratados a partir de 1988 novos profesores a tempo completo como "Asociados Atípicos", con contratos anuais prorrogables.

b) A creación da figura do "profesor en formación": os Asociados T3-P4. Un ano despois da iniciativa anterior, a Xunta de Goberno (28-7-89) aprobou outra na que se crea unha para facer posible a incorporación de novos profesores en formación nas áreas de coñecemento "de excepcional dificultade" para a captación de profesorado.

Como principais características desta figura cómpre salienta-las seguintes: combina un contrato de Profesor Asociado T3-P4 cunha bolsa predoutoral concedida pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia; dedicación exclusiva á Universidade a dedicación de 4 horas semanais; a duración do contrato fíxase en 3 anos, renovables por 3 anos máis; a figura está concebida para a contratación de recén licenciados, polo que se establece para todos a exención do requisito dos 3 anos de traballo remunerado fóra da Universidade; a dotación destas prazas limítase ás áreas de coñecemento que sexan declaradas de "excepcional dificuldade".

Na actualidade esta figura xa non é productiva. Mediante un acordo da Xunta de Goberno (15-7-92) foise procedendo á súa transformación progresiva: ben á desexable en prazas de Profesor Titular, ben en prazas de Profesor Asociado TC. Os restantes manteñen provisionalmente os contratos de ASO-T3P4, máis equiparados a efectos retributivos a Axudantes de Universidade de primeira etapa.

c) A mesma filosofía presidiu os acordos para a Normativa para cubrir polo procedemento de urxencia prazas de profesorado (29-7-91), aplicando a exención de maneira xeral non pola dificultade da área senón pola premura da situación.

Todo isto conduciu a unha situación na que, se ben se foron solucionando os problemas derivados da docencia, foise configurando un cadro de persoal docente con problemas de definición no colectivo de profesores contratados, moi fragmentado no seu interior pola diversidade de situacións e garantías contractuais e fondamente afastado das categorías establecida na lei orgánica. En resumo, e como consecuencia de todo o anterior, na actualidade existe na USC un número considerable de "Asociados Atípicos", entre os que cómpre distinguir:

1) Profesorado de substitución.

2) Profesorado contratado para cubri-las necesidades nun espacio temporal limitado e así explicitado na convocatoria.

3) Profesores Lectores.

4) Profesores contratados como asociados TC porque esa foi a vía escollida pola USC para captar e formar profesorado nas áreas de coñecemento respectivas, con visos de permanencia. Entre elas aínda hai que distinguir catro grupos: Asociados a tempo completo contratados con anterioridade á entrada en vigor dos Estatutos da Universidade; Asociados a tempo completo contratados despois desa entrada en vigor, e antes de xuño de 1987; Asociados a tempo completo "atípicos" contratados despois de xuño de 1987 ou froito da reconversión de ASO-T3P4; Asociados T3-P4.

A proposta que se fai a seguir refírese unicamente ós Profesores Asociados Atípicos do apartado 4) do parágrafo anterior, pois os dos restantes grupos deben aterse estrictamente ós límites temporais fixados nos respectivos contratos.

PROPOSTA

Para regularizar e actualiza-los contratos dos profesores contratados a tempo completo como profesores asociados atípicos, proponse á Xunta de Goberno as seguintes medidas:

1) Rematar co proceso de transformación dos ASO-T3P4, favorecendo unha saída cara ás distintas categorías regulares existentes: mediante conversión dos postos respectivos en prazas de TITEU e TITUN, convocadas e cubertas mediante o oportuno concurso, ou mediante modificación do contrato actual en ASO-T3TC ou AXU-UN. Todo isto previa proposta do Consello de Departamento e análise de relación docentes/docencia da área do conxunto da USC.

2) Renova-los contratos dos actuais ASO-T3TC, e dos ASOT3P4 que se transformen en ASO-T3TC, por cinco anos prorrogables por outros catro. A prórroga farase no seu día cumprindo os seguintes requisitos:

a) Informe do interesado sobre o seu labor docente, investigador, de participación na Institución e de extensión universitaria.

b) Informes positivos do seu labor nos últimos cinco anos emitidos pola Xunta do Centro onde dispensa docencia e máis polo Consello de Departamento, semellantes ós requiridos para á avaliación docente do profesorado numerario. De impartir docencia en máis dun centro debe achegar informes das distintas Xuntas, e o mesmo ocorre de ter pertencido a máis dun Departamento.

c) Informe do director de tese.

Corresponde ó Vicerrector ou Vicerrectora de Profesorado, co auxilio da COAP, avalia-las solicitudes de prórroga e informar dos seus resultados á Xunta de Goberno.

3) A posibilidade de renovación de prórroga de contratos non afecta ós profesores asociados a tempo completo que foron contratados para a realización de tarefas de substitución nin para os ocupantes de prazas convocadas para cubrir espacios temporais concretos precisados na convocatoria correspondente.

Tampouco afectará a aqueles profesores contratados como lectores, agás que estes obtiveran unha titulación doutoral en Universidade española. Neste caso , o Vicerrector de Profesorado, previos os trámites establecidos no punto anterior, poderá determina-la prórroga que, segundo as necesidades docentes establecidas polo Departamento, sexa aconsellable e sempre cun máximo de cinco anos.

Do mesmo xeito, tal posibilidade non afectará a aqueles Lectores procedentes de convenios oficiais con Universidades ou Organismos estatais que xa teñan prevista unha limitación temporal na permanencia nese posto.