Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normativa derrogada  »  Competencias da Xunta de Goberno e dos Departamentos Universitarios na Convocatoria de Concurso de Provisión de Prazas Vacantes nos Corpos de Profesores Docentes (RESOLUCIÓN RECTORAL DO 4 DE MARZO DE 1988)
NORMATIVA DEROGADA

COMPETENCIAS DA XUNTA DE GOBERNO E DOS DEPARTAMENTOS UNIVERSITARIOS NA CONVOCATORIA DE CONCURSOS DE PROVISIÓN DE PRAZAS VACANTES NOS CORPOS DE FUNCIONARIOS DOCENTES

(RESOLUCIÓN RECTORAL DO 4 DE MARZO DE 1988)

1.- A convocatoria de concursos para o acceso ós Corpos Docentes Universitarios corresponde á Universidade, conforme ós artigos 35.2, 36.2, 37.2 e 38.2 da Lei de Reforma Universitaria, convocatoria que, de acordo co artigo 2 parágrafo 4 do Real Decreto 1888/1984, de regulamento de concursos para a provisión de prazas ós Corpos Docentes Universitarios, deberá facerse mediante Resolución do Rector.

2.- Por outra banda, sobre as prazas que se declaren vacantes, recae a obriga na Universidade de convocar "con anterioridad al comienzo del curso siguiente al que haya producido la vacante, el correspondiente concurso para la provisión de dichas plazas", segundo determina o artigo 39.2 da Lei da Reforma Universitaria, sen que sobre a devandita obriga existan máis excepcións que as xerais de dereito.

3.- A súa vez os Estatutos da Universidade de Santiago, no seu artigo 110.4 dispoñen cos Departamentos Universitarios nos que existan prazas vacantes "solicitarán, a través dos centros ós que estean adscritos, que sexan convocadas a concurso" podendo acompañar a devandita solicitude "do perfil sobre as tarefas docentes e investigadoras que deberá desenvolve-lo profesor que a ocupe".

4.- Non obstante o exposto no parágrafo anterior, e ante unha eventual inactividade dos Departamentos nos que existan prazas declaradas vacantes e sendo a obriga irrenunciable da Universidade o convoca-las nomeadas prazas no prazo marcado pola Lei de Reforma Universitaria no seu artigo 39.2; será a Xunta de Goberno a que, como órgano ordinario de goberno conforme ó artigo 56 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, deberá asumila iniciativa da que non fixeron uso os Departamentos, coma primeiros chamados, conforme ó artigo 2, parágrafo 4 do Real Decreto 1888/1984, para que se convoque o concurso para a provisión das nomeadas prazas; sendo preceptivo neste suposto que conforme ó artigo 58.1 dos Estatutos nomeados, se dea audiencia ó Director do Departamento.

5.- Non obstante, constitúe competencia exclusiva da Xunta de Goberno a creación e convocatoria de prazas de nova creación, e recoñécese ós Departamentos a facultade de instala de dito órgano. No caso de que a Xunta de Goberno asuma, de oficio, a iniciativa de creación e convocatoria, deberá darlle audiencia ó Director do Departamento, conforme ó disposto no artigo 58.1 dos Estatutos da Universidade.

POR TODO O EXPOSTO ESTE RECTORADO RESOLVEU:

PRIMEIRO.-

Os Departamentos teñen recoñecida estatutariamente a facultade de solicitar do Rector as convocatorias de concurso para a provisión das prazas vacantes de Corpos Docentes Universitarios existentes neles. No suposto de non facer uso da devantita facultade no prazo máximo de tres meses a contar desde o momento en que se producira a vacante, e, en todo caso, antes do comezo do seguinte curso académico, suxeitaranse á posterior actividade e exercicio de competencias dos distintos órganos que interveñen na provisión de prazas vacantes conforme ós termos que se indican a seguir.

SEGUNDO.-

O Rector ante a inactividade do Departamento en solicita-la convocatoria do devandito prazo do concurso para provee-las prazas vacantes como determina o artigo 110.4 dos Estatutos da Universidade, comunicará ó Departamento afectado a través do Centro, que de non exerce-la facultade que lle recoñece a antedita disposición de solicita-la provisión das nomeadas prazas no prazo de 10 días contados a partir do seguinte a recepción do escrito rectoral, entenderase que renuncia ó exercicio da nomeada facultade.

TERCEIRO.-

Transcorrido o dito prazo de dez días o Rector poñerá en coñecemento da Xunta de Goberno a renuncia do Departamento afectado para que, e previa audiencia ó Director do Departamento conforme ó artigo 58 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e 91.1 da Lei de Procedemento Administrativo, adopte, se procede, o acordo oportuno de convocatoria de concurso das prazas vacantes de Corpos de Funcionarios docentes.

CUARTO.-

A Xunta de Goberno adoptará o acordo de convocatoria das prazas de nova creación, así mesmo previa audiencia do Director do Departamento afectado nos mesmos termos que se establecen no apartado terceiro.