NORMATIVA POLA QUE SE REGULAN OS CONCURSOS DE ACCESO A CORPOS DE FUNCIONARIOS DOCENTES UNIVERSITARIOS
(Aprobada en Consello de Goberno, 20-12-04)
Consonte ó establecido no artigo 21 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela correspóndelle ó Consello de Goberno aprobar un regulamento de persoal docente e investigador no marco das bases que estableza o Claustro.
O Claustro na súa sesión do día 2 de decembro de 2004 acordou, ó abeiro da Disposición Transitoria Décima dos estatutos, que en tanto no se produzan as modificacións normativas anunciadas polo Goberno, o Consello de Goberno aprobe unha normativa provisoria para aqueles aspectos que precisan dunha regulación inmediata axustada ó actual marco normativo.
Téndose comunicado á Secretaría Xeral do Consello de Coordinación Universitaria prazas dos corpos de funcionarios docentes universitarios para o efecto de poñer en marcha o proceso de habilitación nacional a que se refire o Real Decreto 774/2002, do 26 de xullo, cómpre establecer a regulación que permita convocar os correspondentes concursos de acceso.
En consecuencia, procede presentar ó Consello de Goberno a seguinte proposta de Normativa pola que se regulan os concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios:
ÍNDICE
TÍTULO PRELIMINAR: DISPOSICIÓNS XERAIS
TÍTULO I. CONVOCATORIA DE CONCURSOS DE ACCESO
TÍTULO II. ÓRGANOS DE SELECCIÓN
TÍTULO III. CRITERIOS DE SELECCIÓN
TÍTULO IV. PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN
TÍTULO V. PROPOSTA DE PROVISIÓN E NOMEAMENTO
TÍTULO VI. RECLAMACIÓNS
DISPOSICIÓN ADICIONAL
DISPOSICIÓN FINAL PRIMEIRA
DISPOSICIÓN FINAL SEGUNDA
ANEXO. BAREMO PARA A VALORACIÓN DE MÉRITOS NOS CONCURSOS DE ACCESO ÓS CORPOS DE FUNCIONARIOS DOCENTES UNIVERSITARIOS
TÍTULO PRELIMINAR
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Ámbito de aplicación
Esta normativa ten por obxecto regular os concursos de acceso e provisión de prazas de funcionarios dos corpos docentes universitarios ós que fai referencia o artigo 56 da Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades, o Capítulo III do Real Decreto 774/2002, do 26 de xullo, polo que se regula o sistema de habilitación nacional para o acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso respectivos e o artigo 22 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 2. Principios xerais
1. As convocatorias e os procedementos de selección do persoal docente e investigador garantirán o acceso en condicións de igualdade respectando en todo momento os principios constitucionais de mérito e capacidade.
2. A selección do persoal funcionario realizarase consonte ó que dispoñen a Lei Orgánica 6/2001, o Real Decreto 774/2002, e os Estatutos da USC segundo a regulación establecida na presente normativa.
3. As referencias que para cada posto de traballo poidan conter as convocatorias en relación coas obrigas docentes e de investigación a asumir polos adxudicatarios non suporán en ningún caso para quen obteña estes postos un dereito de vinculación exclusiva a esas actividades, nin limitará a competencia da Universidade para asignarlle distintas obrigas docentes e investigadoras. Do mesmo xeito, a referencia ó centro no que deberá desenvolverse a actividade docente non suporá o dereito a non exercer actividade docente ou investigadora noutro centro dependente da propia Universidade, nin sequera no caso de que radique en localidade distinta.
Artigo 3. Cómputo de prazos
1. Os prazos ós que fai referencia esta normativa exprésanse en días que, consonte ó disposto no artigo 48.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, serán hábiles, excluíndose do cómputo os domingos e os declarados festivos. Entenderanse festivos para os efectos do presente regulamento os festivos locais tanto de Santiago como de Lugo, ampliándose en calquera caso en ámbolos campus o prazo establecido por un numero de dias igual ó dos festivos existentes.
2. Cando os prazos rematen nun día no que os rexistros xerais da USC estean pechados prorrogaranse ata o seguinte día hábil.
3. Para o cómputo de prazos o mes de agosto será inhábil a tódolos efectos.
TÍTULO I
CONVOCATORIA DE CONCURSOS DE ACCESO
Artigo 4. Comunicación ó Consello de Coordinación Universitaria
1. A convocatoria de concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios require efectuar previamente comunicación á Secretaría Xeral do Consello de Coordinación Universitaria para o efecto de poñer en marcha o proceso de habilitación nacional.
2. O Consello de Goberno proporá ó reitor a convocatoria de concursos de acceso a prazas de corpos docentes universitarios, antes de resolverse o procedemento de habilitación ou unha vez resolto este.
3. No primeiro suposto a convocatoria deberá ter lugar a partir dos quince días seguintes a aquél no que se publique no BOE a resolución convocando as probas de habilitación. No segundo caso a convocatoria deberá efectuarse dentro dos vinte días seguintes á publicación no BOE da relación de candidatos habilitados.
4. As prazas deberán proverse en todo caso no prazo máximo de dous anos desde que foran comunicadas ó Consello de Coordinación Universitaria, sempre que haxa concursantes a elas.
Artigo 5. Contido e publicidade das convocatorias
1. A convocatoria de concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios realizarase mediante resolución reitoral, unha vez cumprido o trámite establecido no apartado 1 do artigo 14 do Real Decreto 774/2002, e farase pública no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia.
2. Cando se trate de prazas asistenciais de institucións sanitarias vinculadas a prazas dos corpos docentes universitarios, a convocatoria dos concursos de acceso realizarase conxuntamente por ámbalas dúas institucións e será asinada polo reitor da Universidade, que será o responsable da súa execución.
3. As bases da convocatoria deberán conter en todo caso:
a. Número e características das prazas convocadas.
b. Categoría do corpo ó que pertencen.
c. Área de coñecemento e departamento ó que corresponde cada unha das prazas.
d. Potestativamente, a determinación das actividades docentes referidas a unha materia troncal ou obrigatoria da área á que corresponda a praza obxecto de concurso das que se cursen para a obtención de títulos de carácter oficial de primeiro e segundo ciclo na USC e das actividades investigadoras, que servirán de referencia para a valoración das probas correspondentes e dos méritos docentes e de investigación. En ausencia das anteditas especificacións as valoracións realizaranse por referencia á área de coñecemento á que corresponda a praza convocada. En calquera caso, as especificacións que se recollan na convocatoria non poderán conlevar orientacións sobre a formación dos concursantes.
e. Localidade.
f. Características das solicitudes e prazos para a presentación destas.
g. Composición do órgano de selección que resolverá o concurso.
h. Condicións ou requisitos que deban reunir os aspirantes.
i. Normas sobre presentación de documentos.
j. Características, lugar, data e hora do acto de presentación.
k. Probas de que conste o proceso selectivo e relación de méritos que serán tidos en conta na selección.
l. Sistema de valoración de probas e méritos, sen que se poida incluir ningún criterio que impida a participación no concurso dun habilitado.
m. Lugar ou medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións relativas ó procedemento selectivo.
n. Normas sobre nomeamentos.
o. Duración máxima do proceso de selección sen que poidan transcorrer máis de catro meses entre a publicación da convocatoria e a resolución do concurso.
4. As bases das convocatorias atoparanse a disposición de quen as solicite e expostas nos correspondentes taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo así como na páxina web da Universidade.
TÍTULO II
ÓRGANOS DE SELECCIÓN
Artigo 6. Composición das comisións de selección
1. As comisións de selección encargadas de resolver os concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios estarán formadas por cinco membros titulares, con voz e voto, e os seus suplentes.
2. Poderán ser membros destas comisións tódolos profesores do mesmo corpo ou superiores daquel para o que se convoca a praza obxecto de concurso, sempre que reúnan os requisitos de recoñecemento de actividade investigadora que, consonte ó artigo 6.2º do Real Decreto 774/2002, son esixidos para formar parte das comisións xulgadoras das probas de habilitación nacional.
3. Os membros das comisions poderán estar en calquera das situacions administrativas ás que se refire o Real Decreto 365/1995, do 10 de marzo, agás as de excedencia e suspensión de funcions, todo isto con anterioridade á data de expiración do prazo para a presentación de solicitudes de participación dos candidatos nas probas correspondentes.
4. Terán dereito preferente para integrar as comisións de selección os profesores funcionarios da USC da área á que pertenza a praza en concurso, podendo propoñerse profesorado doutra área afín da USC ou da mesma área doutras Universidades no suposto de que na área da praza non existise profesorado suficiente na USC para a conformación da comisión. En calquera caso, a maioría dos membros da comisión deben ser da área á que corresponda praza.
5. A designación dos membros das comisións de selección, así como do seu presidente e secretario de entre estes, corresponde ó Consello de Goberno da USC trala proposta do Consello de Departamento. Os nomeamentos, que serán efectuados polo reitor, son irrenunciables salvo cando concorra causa xustificada que impida a súa actuación como membro dela.
6. No caso das comisións encargadas de resolver os concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios para ocupar prazas asistenciais de institucións sanitarias vinculadas a prazas docentes dos corpos mencionados, dous dos seus membros teñen que ser doutores e estar en posesión do título de especialista que se esixa como requisito para concursar á praza. A súa elección levarase a cabo mediante sorteo público pola institución sanitaria correspondente sendo elixibles tódolos doutores que figuren no censo público que con carácter anual se comunicará ó Consello de Coordinación Universitaria. O requisito de estar en posesión do título de doutor non será esixible cando se trate de prazas de Profesor Titular de Escolas Universitarias.
7. A participación nas comisións de selección dará dereito ás percepcións económicas que se determinen.
TÍTULO III
CRITERIOS DE SELECCIÓN
Artigo 7. Criterios xerais de selección
1. Os procedementos de selección deberán valorar a adecuación de cada candidato ás tarefas docentes e investigadoras propias da praza obxecto de concurso.
2. Nos concursos para o acceso a prazas de Catedrático de Universidade, Profesor Titular de Universidade e Catedrático de Escolas Universitarias valorarase a actividade investigadora desenvolvida, a experiencia en dirección de equipos de investigación, a experiencia docente e participación en actividades de innovación pedagóxica, a participación na vida universitaria a través de labores de xestión e de difusión da cultura universitaria, así como o coñecemento da lingua propia da USC.
3. Nos concursos para o acceso a prazas de Profesor Titular de Escolas Universitarias valoraranse preferentemente a actividade docente dos candidatos e a participación en actividades de innovación pedagóxica. Tamén se valorará a experiencia investigadora, a participación na vida universitaria a través de labores de xestión e de difusión da cultura universitaria, así como o coñecemento da lingua propia da USC.
4. As comisións determinarán e farán publicos os criterios específicos de valoración en función das características das prazas e das actividades docentes e investigadoras que figuren na convocatoria. Nas prazas que pertenzan a áreas de coñecemento de carácter clínico-asistencial, as comisións incluirán criterios de valoración de méritos asistenciais. En todo caso deberán respectar as proporcións que se determinan no Anexo a esta normativa para a valoración de cada categoría de méritos.
TÍTULO IV
PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN
Artigo 8. Presentación de solicitudes e admisión de candidaturas
1. As solicitudes para a participación nos concursos de acceso dirixiranse ó reitor no prazo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no BOE.
2. As solicitudes presentaranse nos rexistros xerais da Universidade ou por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. Os candidatos deberán presentar xunto coa solicitude a documentación acreditativa de reunir os requisitos para a participación que se establezan na convocatoria e o xustificante de ter liquidado as taxas correspondentes.
4. O cumprimento dos requisitos para participar nos concursos irá sempre referido á data límite de presentación de solicitudes.
Artigo 9. Requisitos xerais
1. Para ser admitido ós concursos serán requisitos necesarios:
a. Ser maior de idade e non superar a idade de xubilación normativamente establecida.
b. Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera administración pública española, da Unión Europea ou do Estado do que teña nacionalidade a persoa concursante.
c. Non padecer enfermidade ou discapacidade física ou psíquica que impida o desempeño das correspondentes funcións.
d. Estar en posesión da habilitación pertinente para o corpo e área de que se trate, consonte ó establecido no Real Decreto 774/2002. Para concursar ás prazas de corpos docentes vinculadas a prazas asistenciais de institucións sanitarias, os concursantes habilitados deberán estar en posesión do título oficial de especialista que corresponda á praza.
Consonte ó disposto no artigo 63 da LOU, consideraranse habilitados para poder participar nos concursos de acceso, ademáis dos habilitados para o corpo e praza de que se trate, os funcionarios do devandito corpo e os dos corpos docentes universitarios de igual ou superior categoria, con independencia da súa situación administrativa.
e. No caso de estranxeiros que pretendan acceder á función pública, de acordo coa lexislación aplicable será requisito para poder concursar o coñecemento, debidamente acreditado, de calquera das linguas oficiais da USC. No caso de que non se acredite documentalmente o coñecemento, este verificarase pola comisión encargada de resolver o concurso no transcurso das probas.
2. Para o efecto de participar nos concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios, consonte ó disposto no artigo 89 e a disposición adicional undécima da Lei Orgánica 6/2001, os nacionais de estados membros da Unión Europea terán o mesmo tratamento que os nacionais españois. Este mesmo criterio serán de aplicación:
a. Ós nacionais daqueles Estados ós que, en virtude de Tratados Internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos nos que esta se atopa definida no Tratado constitutivo da Unión Europea.
b. Ó cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non se atopen separados de dereito, así como ós seus descendentes e ós do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito e sexan menores de 21 anos ou maiores desta idade e vivan ás súas expensas.
c. Esta última extensión do beneficio será igualmente aplicable ós nacionais de terceiros Estados non membros da Unión Europea cando así se prevea nos Tratados Internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España.
4. Os habilitados que sexan nacionais doutros Estados non membros da Unión Europea poderán tomar parte nos concursos de acceso e, de ser o caso, acceder á funcion publica cando o Estado da súa nacionalidade recoñeza aptitude legal ós españois para ocupar na docencia universitaria posicións análogas ás dos funcionarios docentes na Universidade española.
Artigo 10. Documentación para a admisión ó concurso e momento de presentación
1. As persoas interesadas en tomar parte nun concurso de acceso deberán presentar dentro do prazo de presentación de instancias que se estableza na convocatoria, a seguinte documentación:
a. Instancia conforme ó modelo establecido pola Universidade de Santiago de Compostela.
b. Acreditación dos requisitos específicos segundo o tipo de praza.
c. Xustificante do pagamento da cantidade establecida como dereitos de exame.
2. Non acreditar os requisitos anteriores será causa de exclusión, podendo subsanarse no prazo que se establece no párrafo 3 do artigo seguinte.
Artigo 11. Lista provisoria de admitidos e excluídos
1. No prazo máximo de quince días desde o remate do prazo para a presentación de solicitudes, a Vicerreitoría competente en materia de profesorado publicará unha resolución aprobando a lista provisoria de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.
2. Esta lista publicarase nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo e difundirase a través de páxina web da Universidade, debendo constar nela a data da súa inserción nos taboleiros.
3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación no taboleiro de anuncios da Reitoría da Universidade, para poder subsanar o defecto que motivou a exclusión ou omisión das relacións de admitidos e excluídos. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non subsanen o motivo da exclusión ou aleguen fronte á omisión producida, xustificando o seu dereito a ser incluídos, serán definitivamente excluídos do proceso selectivo.
Artigo 12. Lista definitiva de admitidos e excluídos
1. Unha vez rematado o prazo para emendar os defectos causantes das exclusións, a antedita Vicerreitoría dictará no prazo máximo de quince días unha nova resolución aprobando a lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos, coa indicación das causas de exclusión.
2. Esta resolución, que será obxecto de publicación polo mesmo procedemento que a lista provisoria, esgota a vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os recursos oportunos.
Artigo 13. Constitución das comisións de selección
1. As comisións de selección constituiranse no prazo máximo de tres meses desde o día seguinte á data de publicación no BOE da correspondente convocatoria. O presidente, logo de consultar cos restantes membros, convocará ós titulares e, de ser o caso, ós suplentes, para proceder ó acto de constitución da Comisión, con indicación do lugar e a data nos que terá lugar, tendo en conta a data de presentación dos candidatos que consta na convocatoria.
2. A válida constitución da comisión esixirá a presencia de todolos seus membros. Os membros titulares que non asistiran ó acto de constitución serán substuidos polos seus suplentes. En caso de que tampouco asista o suplente correspondente a substitución producirase por orde correlativa entre o resto dos suplentes.
3. Unha vez constituída a comisión, en caso de ausencia do presidente, este será substituído polo vocal de maior categoría e antigüidade. O secretario substituirase, de ser o caso, polo vocal de menor categoría e antigüidade. A válida actuación da comisión requerirá a participación de alomenos tres dos seus membros, agás no caso das comisións encargadas de resolver os concursos para ocupar prazas asistenciais de institucións sanitarias vinculadas a prazas docentes que requerirán a presencia de catro dos seus membros, sendo alomenos un deles elixido polo procedemento sinalado no artigo 6.6.
4. No acto de constitución, e antes da presentación dos candidatos, a comisión de selección, aprobará e publicará os criterios de selección ós que se fai referencia no artigo 7, de acordo co precisado nel.
5. Así mesmo, o presidente convocará a tódolos candidatos admitidos para a realización do acto de presentación na data, lugar e hora establecidos na convocatoria.
6. Estas comisións, en canto órganos de selección de persoal, gozarán de autonomía funcional e estarán facultadas para resolver as cuestións non previstas nas respectivas bases da convocatoria. En todo o que non estea expresamente determinado nesta normativa é de aplicación á actuación destas comisións a regulación da Comunidade Autónoma de Galicia en relación cos órganos colexiados así como as disposicións que poida dictar a USC no exercicio da súa autonomía. Para o efecto de impugnación das súas decisións considéranse dependentes do reitor, órgano que efectúa o nomeamento dos seus membros.
Artigo 14. Presentación de candidatos
1. O acto de presentación será público e no transcurso deste os candidatos entregarán ó presidente da comisión de selección cinco exemplares do seu historial académico, docente, investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial, xunto cun exemplar das publicacións e documentos acreditativos dos seus méritos.
2. Os aspirantes entregaránlle tamén ó presidente cinco exemplares dunha guía docente da materia ou materias que se determinen na convocatoria ou, no seu defecto, dunha materia troncal ou obligatoria adscrita á área das que se cursen para a obtención de títulos de carácter oficial de primeiro e segundo ciclo na USC e, de ser o caso, do proxecto investigador a desenvolver no caso de lle ser outorgada a praza.
A guía docente terá como máximo unha extensión de vintecinco páxinas en tamaño DIN A4 a dobre espacio e deberá facer referencia, como mínimo, ós seguintes aspectos:
– Datos descritivos da materia
– Sentido da materia no plan de estudios
– Obxectivos: Competencias, destrezas e habilidades que debe acadar o estudante
– Desenvolvemento do temario teórico e práctico
– Bibliografía recomendada
– Metodoloxía e recursos necesarios
– Sistema de avaliación da aprendizaje
– Outras informacións de interese.
O proxecto investigador terá como máximo unha extensión de cinco páxinas en tamaño DIN A4 a dobre espacio e nel recollerase un resumo das liñas de investigación a desenvolver polo candidato no caso de lle ser outorgada a praza.
3. No acto de presentación a Comisión indicará a data, lugar e hora de realización das probas ás que se refire o artigo seguinte, así como, no caso de que haxa máis dun aspirante, a orde de intervención dos candidatos establecida por sorteo. As probas deberán comezar no prazo máximo de dez días desde a presentación.
4. O secretario da comisión garantirá que a documentación entregada polos concursantes poida ser consultada por tódolos candidatos presentados antes do inicio das probas.
Artigo 15. Realización das probas
1. Os concursos de acceso constarán dunha única proba, que será pública e consistirá no seguinte:
a. Para prazas de Catedrático de Universidade, Profesor Titular de Universidade e Catedrático de Escolas Universitarias, exposición oral e debate coa comisión de:
– Os méritos e historial académico, docente, investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial do candidato.
– A guía docente da materia ou materias que se determinen na convocatoria ou, no seu defecto, dunha materia troncal ou obligatoria adscrita á área das que se cursen para a obtención de títulos de carácter oficial de primeiro e segundo ciclo na USC.
– O proxecto investigador a desenvolver no caso de lle ser outorgada a praza.
b. Para prazas de Profesor Titular de Escolas Universitarias, exposición oral e debate coa comisión de:
– Os méritos e historial académico, docente, investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial do candidato.
– A guía docente da materia ou materias que se determinen na convocatoria ou, no seu defecto, dunha materia troncal ou obligatoria adscrita á área das que se cursen para a obtención de títulos de carácter oficial de primeiro e segundo ciclo na USC.
No caso de que exista un único aspirante a Comisión, despois de analizar a documentación presentada por este, se considera por unanimidade que resulta suficiente para a superación da proba, poderá eximilo da exposición oral e posterior debate, procedendo directamente a realizar a proposta de provisión correspondente.
2. A exposición non poderá exceder de noventa minutos nas prazas de Catedrático de Universidade, Profesor Titular de Universidade e Catedrático de Escolas Universitarias e de sesenta minutos nas prazas de Profesor Titular de Escolas Universitarias.
3. Seguidamente a Comisión debaterá co candidato sobre os méritos e historial, guía docente e, de ser o caso, proxecto investigador expostos por este, durante un tempo máximo de duas horas.
4. Rematadas as probas, cada membro da comisión emitirá un informe razoado e axustado ós criterios de valoración previamente fixados en relación cos méritos e historial, guía docente e, de ser o caso, proxecto investigador de cada candidato.
5. De acordo con estes informes, a comisión elaborará unha proposta de provisión que deberá ser aprobada por, alomenos, tres votos a favor. No caso das prazas vinculadas requiriranse catro votos. Os membros da comisión que voten en contra da proposta maioritaria terán que facer constar a motivación do seu voto.
6. A proposta incluirá unha relación de tódolos candidatos que sexan considerados aptos para ocupar a praza por orden de preferencia para o nomeamento polo reitor.
TÍTULO V
PROPOSTA DE PROVISIÓN E NOMEAMENTO
Artigo 16. Proposta
1. Nun prazo máximo de cinco días desde o seguinte á finalización das probas farase pública no taboleiro de anuncios do centro no que actúe a comisión de selección a proposta motivada e vinculante de nomeamento para a provisión da praza, con expresión de tódolos candidatos propostos por orden de preferencia. Esta proposta será formalizada no modelo normalizado de acta que proverá a Vicerreitoría competente en materia de profesorado, facendo constar os mecanismos de impugnación que poidan utilizar os interesados. A proposta permanecerá exposta, alomenos, ata a expiración do prazo para interpor os correspondentes recursos.
2. Unha vez publicada, a proposta será entregada polo presidente da comisión de selección ou, de ser o caso, polo secretario á Secretaría Xeral xunto coas actas e informes que compoñen o expediente, un exemplar da documentación aportadapor cada candidato coa xustificación documental correspondente e a certificación do secretario da comisión na que se faga constar a data de publicación no taboleiro do centro.
3. Rematado o procedemento, a documentación dos concursantes quedará ó seu dispor na Secretaría Xeral de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de recurso non poderá retirarse ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que os interesados poidan realizar copia da documentación para outros efectos.
Transcurridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, no caso de haber recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación que non fora retirada será destruída.
Artigo 17. Nomeamento
1. No prazo máximo de vinte días a contar desde o seguinte ó de publicación da proposta de nomeamento o candidato proposto en primeiro lugar pola comisión de selección ten que acreditar o cumprimento dos requisitos sinalados no artigo 15 do Real Decreto 774/2002 e os requisitos xerais para o acceso á función pública de acordo coa lexislación aplicable. Unha vez efectuada esta acreditación o reitor procederá ó seu nomeamento.
2. No caso de que o primeiro candidato proposto non acredite en tempo e forma os extremos sinalados no párrafo anterior o reitor procederá, de xeito sucesivo, ó nomeamento dos seguintes candidatos propostos segundo a orde establecida pola comisión de selección, logo da acreditación por estes dos mencionados requisitos en idéntico prazo de vinte días.
3. Os nomeamentos, que especificarán a denominación da praza con indicación da área de coñecemento e o corpo ó que pertence, serán publicados no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia e comunicados ós rexistros correspondentes para o efecto do outorgamento do número de Rexistro de Persoal e de inscrición no corpo respectivo, así como á Secretaría Xeral do Consello de Coordinación Universitaria.
4. No prazo de vinte días a contar desde o seguinte ó de publicación do nomeamento no Boletín Oficial do Estado o candidato nomeado deberá tomar posesión da praza, momento no que adquirirá a condición de funcionario do corpo docente de que se trate.
TÍTULO VI
RECLAMACIÓNS
Artigo 18. Comisión de Reclamacións
1. No prazo de dez días a contar desde o seguinte ó de publicación da proposta de provisión, os candidatos poderán presentar unha reclamación ante o reitor. Admitida a trámite a reclamación suspenderanse os nomeamentos ata a súa resolución definitiva.
2. As reclamacións tramitaranse de conformidade coas previsións específicas contidas neste regulamento e co disposto no Capítulo II do título VII da Lei 30/1992 en relación coa revisión de actos en vía administrativa.
3. A reclamación será valorada por unha Comisión de Reclamacións que estará formada por sete Catedráticos de Universidade de diversas áreas de coñecemento elixidos polo Claustro. Esta comisión será presidida polo catedrático máis antiguo, actuando como secretario o de menor antigüidade.
4. A Comisión de Reclamacións examinará o expediente relativo ó concurso, nos seus aspectos procedimentais e de fondo, na garantía do respecto ós principios de igualdade de oportunidades dos candidatos en relación co procedemento seguido e de mérito e capacidade destes, sen que a actuación desta comisión poida substituir valoracións de fondo sobre a idoneidade dos aspirantes para as prazas convocadas.
5. No desenvolvemento da súa función de exame, a Comisión de Reclamacións deberá oir ós membros da comisión de selección e ós candidatos que participaran nas probas. Así mesmo, poderá recabar informes de especialistas de recoñecido prestixio nas materias de que se trate.
6. No prazo de tres meses desde que se teña presentado a reclamación esta Comisión ratificará ou non a proposta reclamada debendo, neste último suposto, retrotraerse o procedemento ata o momento no que se produciu o vicio, caso no que a comisión de selección deberá dictar unha nova proposta motivada.
7. Os acordos da Comisión de Reclamacións, salvo manifesta ilegalidade, serán vinculantes para o reitor quen, de ser o caso, procederá ó nomeamento segundo o disposto no artigo 22. Esta resolución reitoral esgota a vía administrativa quedando expedita a vía contencioso-administrativa.
Disposición Adicional
Para a deteminación da composición das comisións de selección a que se refire o artigo 6.4 será de aplicación a táboa de afinidades entre áreas de coñecemento que rexe na USC para a selección do profesorado interino e contratado.
Disposición final primeira
Facúltase ó reitor para dictar as instruccións que sexan necesarias para a interpretación e aplicación desta normativa.
Disposición final segunda
A presente normativa entrará en vigor o día seguinte ó da súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.
ANEXO
BAREMO PARA A VALORACIÓN DE MÉRITOS NOS CONCURSOS DE ACCESO ÓS CORPOS DE FUNCIONARIOS DOCENTES UNIVERSITARIOS
As comisions de selección determinarán os criterios para a valoracion dos meritos e historial dos candidatos de acordo co especificado no artigo 7.4, respectando en todo caso as seguintes proporcións en cada categoría de méritos e tendo en conta que a suma das porcentaxes deberá ser 100:
Prazas de Catedrático de Universidade, Profesor Titular de Universidade e Catedrático de Escolas Universitarias
Traxectoria de investigación -------------------------------entre 45% e 55%
Docencia universitaria -------------------------------------entre 25% e 35%
Outros méritos relevantes para a praza---------------------entre 10% e 20%
- Participación na xestión académica e na difusión da cultura universitaria
- Coñecemento da lingua propia da USC
- Outros
Prazas de Profesor Titular de Escolas Universitarias
Traxectoria de investigación -------------------------------entre 25% e 35%
Docencia universitaria -------------------------------------entre 45% e 55%
Outros méritos relevantes para a praza---------------------entre 10% e 20%
- Participación na xestión académica e na difusión da cultura universitaria
- Coñecemento da lingua propia da USC
- Outros
No caso de prazas de corpos de funcionarios docentes universitarios vinculadas a prazas asistenciais de institucións sanitarias, os criterios que fixen as comisións de selección terán en conta o especificado no artigo 7.4, respectarán en todo caso as seguintes proporcións en cada categoría de méritos coidando que a suma das porcentaxes sexa 100:
Prazas de Catedrático de Universidade, Profesor Titular de Universidade e Catedrático de Escolas Universitarias
Traxectoria de investigación -------------------------------entre 40% e 50%
Docencia universitaria -------------------------------------entre 20% e 30%
Experiencia asistencial-------------------------------------entre 15% e 25%
Outros méritos relevantes para a praza---------------------entre 10% e 20%
- Participación na xestión académica e na difusión da cultura universitaria
- Coñecemento da lingua propia da USC
- Outros
Prazas de Profesor Titular de Escolas Universitarias
Traxectoria de investigación ------------------------------entre 20% e 30%
Docencia universitaria ------------------------------------entre 40% e 50%
Experiencia asistencial-------------------------------------entre 15% e 25%
Outros méritos relevantes para a praza--------------------entre 10% e 20%
- Participación na xestión académica e na difusión da cultura universitaria
- Coñecemento da lingua propia da USC
- Outros