Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normativa derrogada  »  Normativa para a elección de director ou directora de Escola Universitaria
NORMATIVA DEROGADA

Normativa para a elección de director ou directora de Escola Universitaria

(Aprobada polo Consello de Goberno o 12 de xuño de 2003)

Sendo preciso adaptar as normas da Universidade de Santiago de Compostela sobre a elección de director ou directora de Escola Universitaria ó artigo 24 da Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades (LOU); e en aplicación da competencia atribuída ó Consello de Goberno polo apartado 4 da disposición transitoria segunda de dita lei.

Tendo en conta que a prioridade que a LOU outorga ós funcionarios doutores, de xeito que os non doutores serán elixibles “en defecto” de aqueles, indica que o procedemento de elección debe contar con alomenos dúas fases, e que na primeira unicamente poidan concorrer como candidatos os funcionarios doutores.

Tendo en conta, así mesmo, que a elección de director/a de Escola Universitaria correspóndelle á súa xunta de Escola, quen polo tanto debe ter a capacidade de escoller entre os posibles candidatos (funcionarios de corpos docentes universitarios adscritos ó respectivo centro segundo as regras electorais xerais); e que esto determina que se ningún candidato doutor obtén maior número de votos positivos ca negativos deba entenderse que non resulta electo ningún profesor funcionario doutor, polo que poderán concorrer nunha segunda fase todos os profesores funcionarios adscritos á Escola Universitaria, doutores ou non, e os profesores contratados doutores.

O Consello de Goberno da USC, na súa reunión de 12 de xuño de 2003, adopta o seguinte acordo:

Artigo 1.

As eleccións de director ou directora de Escola Universitaria na Universidade de Santiago de Compostela rexeranse polo procedemento establecido nos seguintes artigos, en adaptación do disposto na Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, nos Estatutos da Universidade e no seu Regulamento Electoral Xeral, que servirán de normas supletorias.

Artigo 2

1. Os directores das Escolas Universitarias serán elixidos mediante votación pola respectiva xunta de Escola, entre os profesores doutores membros pertencentes ós corpos docentes universitarios. De non haber candidatos desta categoría, ou no caso de que ningún dos candidatos acade maior número de votos positivos ca negativos, celebrarase unha nova votación á que poderán incorporar a súa candidatura os profesores funcionarios de corpos docentes universitarios non doutores e os profesores contratados doutores.

2. O candidato que resulte elixido será nomeado director da Escola polo rector.

Artigo 3

A convocatoria de eleccións faraa o director da Escola e deberá conter, ademais dos elementos sinalados no artigo 74 do Regulamento Electoral Xeral:

a) Prazo de presentación de candidatos. Este prazo poderá ser único, ou sinalarse un primeiro prazo para os profesores funcionarios doutores e outro para os profesores funcionarios non doutores e os profesores contratados doutores.

b) Data e hora de votación da segunda fase, no caso de que fose precisa.

Artigo 4

1. Na primeira fase da votación participarán como candidatos os profesores funcionarios doutores que presentaran a súa candidatura no prazo sinalado.

2. As papeletas de votación conterán unha relación alfabética dos candidatos; cabo do nome de cada un deles figurarán as palabras “si” e “non” e a súa beira sendos recadros. Cada membro da xunta de Escola poderá dar a cada candidato o seu voto “si” ou “non” riscando cunha cruz o recadro correspondente, ou ben deixar os recadros en branco ou absterse.

3. Resultará elixido o candidato que obteña a maioría absoluta de votos positivos. Se houbese un só candidato, resultará elixido se obtén máis votos positivos ca negativos.

4. De non se dar os supostos considerados no apartado anterior, procederase a unha segunda votación entre os candidatos que obtivesen máis votos positivos ca negativos. Nesta segunda votación cada membro da xunta de Escola so poderá votar a un único candidato, e será proclamado electo o que obteña maior número de votos.

Artigo 5

1. Se non houbese candidaturas de profesores funcionarios doutores ou ningunha delas obtén máis votos positivos ca negativos, pasarase a unha segunda fase na que se incorporarán como candidatos os profesores funcionarios non doutores e os profesores contratados doutores que o solicitaran no prazo sinalado.

2. Nesta segunda fase os candidatos figurarán nunha lista única, por orde alfabética, cun recadro ó seu carón. Cada elector poderá dar o seu voto a un único candidato, riscando cunha cruz o recadro correspondente, ou ben votar en branco ou absterse.

3. Resultará elixido o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos. De non haber ningún candidato que obteña a maioría absoluta farase unha nova votación na que resultará elixido o candidato que obteña maior número de votos.