A Vicexerencia da Universidade de Santiago de Compostela para o Campus de Lugo configúrase como unha unidade administrativa que, baixo a dependencia da Xerencia, exerce funcións de xestión directa así como de coordinación e impulso de diversas áreas no indicado ámbito interritorial, á que, por razóns diversas, principalmente de proximidade ós afectados na toma de decisións, parece conveniente encomendarlle certas xestións, coa finalidade de facilita-la realización de trámites e facer efectivos os principios de economía celeridade, eficacia, descentralización e cooordinación que deben imperar no ámbito da administración universitaria.
En consecuencia, este rectorado, vista a proposta da Xerencia universitaria , vista a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en uso das competencias atribuídas polos artigos 18 da Lei de reforma universitaria e 60 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
RESOLVE:
Encomendar á Vicexerencia para o Campus de Lugo a xestión de funcións, baixo a coordinación da xerencia, nos termos seguintes:
Primeiro.- Con carácter xeral.
a) A vicexerencia constitúe un órgano administrativo de apoio na xestión ordinaria dos órganos centrais da universidade cos que coordinará as súas actuacións.
Recibirá información de todo tipo coa finalidade de facilita-lo acceso a ela por parte dos membros da comunidade universitaria.
b) Establécese como límite o determinado polo ámbito do Campus de Lugo.
Segundo.- Persoal do P.A.S
a) Conforme o disposto no artigo 7 da Resolución do 20 de marzo de 1991, ó vicexerente, como xefe da unidade administrativa, compételle a concesión de permisos, licencias e vacacións ó persoal adscrito ó Campus de Lugo, non delegados ós decanos, directores de centros e xefes doutras unidades administrativas.
b) Participar e dirixi-lo proceso selectivo para a contratación temporal de persoal proposto polo INEM e sempre que non existan listas de espera.
c) O asinamento de contratos temporais de traballo e das súas denuncias ou prórrogas, con expresa delegación de sinatura por parte do xerente e unha vez que este autorice a dita contratación.
d) Seguimento e aplicación das listas de espera para contratacións temporais.
e) Elabora-la proposta da oferta de emprego público e as modificacións das relacións de postos de traballo do Campus de Lugo.
f) Emitir informe sobre asistencia a cursos de selección formación e perfeccionamento e desenvolve-la impartición e control dos ditos cursos cando sexan promovidos pola universidade, así como a preparación de diplomas ou certificados.
g) A autorización de comisións de servicio con dereito a indemnización do persoal de administración e servicios adscrito ó Campus de Lugo nos termos regulados no Real Decreto 236/1988, do 4 de marzo.
h) Prepara-los actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación, salvo as certificacións que correspondan.
i) A comunicación das resolucións e instruccións xerenciais en materia de persoal.
j) Recollida e tramitación de solicitudes de vestiario profesional e conforma-las facturas pertinentes.
k) Control de crédito horario da xornada de traballo e sábados traballados, todo isto de conformidade co disposto no artigo 26 do convenio colectivo.
l) Autoriza-la realización e aboamento de horas extraordinarias, extraordinarias urxentes e gratificacións por servicios extraordinarios.
m) Todos aqueles actos de administración e xestión ordinaria do persoal, que non figuren atribuídos á xerencia ou a outros órganos universitarios.
Terceiro.- Nóminas e Seguridade Social:
a) Presentación das altas e baixas na Seguridade Social.
b) Con respecto ás altas en Muface, a emisión de certificación acreditativa do ingreso no corpo respectivo.
c) Con respecto ás variacións de nómina, a expedición da documentación que motiva a modificación.
d) Recepción e posterior envío a nóminas dos partes de baixa e alta por ILT.
e) Cubrir e presenta-los formularios para a inclusión de familiares a cargo na afiliación do persoal.
f) Cubri-lo modelo E-111 de desprazamentos a países da CEE e presentación ante a Seguridade Social.
g) Atende-los requirimentos da Inspección de Traballo na provincia de Lugo.
Cuarto.- Contabilidade e presupostos:
a) Os pagamentos de indemnizacións por razón do servicio de persoal adscrito ó Campus de Lugo, cando se opte pola súa precepción a través da unidade e se achegue autotización da comisión e xustificación da súa realización.
Quinto.- Asesoría xurídica:
a) Recompilación de documentacións para formar ou completar expedientes contenciosos ou laborais, con carácter previo á súa resolución.
b) Emitir informe sobre as reclamacións previas e demandas en vía xurídico-laboral.
Sexto.- Servicio de profesorado:
a) Expedición e asinamento de tarxetas de identidade.
b) Expedición e asinamento de certificacións acreditativas para a obtención do beneficio de matrícula gratuíta.
c) Conformar aqueles aspectos do expediente de profesorado contratado que serán obxecto de delimitación e determinación polo Vicerrectorado de Profesorado.
Sétimo.- Xestión económica.
a) A preparación dos expedientes de contratación centralizada que afectan ó Campus de Lugo.
b) Depósito e custodia e seguimento dos expedientes de contratación administrativa do Campus de Lugo.
c) A preparación de documentación sobre titularidades dos bens do Campus de Lugo (escrituras, cesións..).
d) A xestión da cesión temporal do uso do patrimonio da universidade para a celebración de actividades alleas ós fins académicos e investigadores da universidade, todo isto nos supostos de autorización polo rector e de acordo co disposto nos artigos 2, 3 e 4 da Resolución do 6-9-1991 (DOG do 16-10-1991).
e) Ó abeiro do disposto no punto 7º B) da instrucción xerencial X/1993, corresponderalle á vicexerencia a elaboración en coordinación coa sección de patrimonio das follas de inventario en expedientes de gasto de bens mobles superiores a 10.000.000 de pesetas, así como a súa recepción nos termos regulados no artigo 42 do Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela (Resolución do 20-5-1989).
Oitavo.-
En colaboración cos distintos vicerrectorados, exercerá funcións de coordinación, apoio e organización cando así lle sexan encomendados.
Noveno.-
No caso de actos dictados como consecuencia de delegación de sinatura, farase constar esta circunstancia, e data da delegación e o órgano delegante.
Décimo.-
Os actos dictados en virtude da presente encomenda non poderán exceder dos límites dela, declarándose en caso contrario, nulos de pleno dereito.
Décimo primeiro.-
A presente encomenda de xestión poderá ser modificada ou ampliada por resolución rectoral de acordo coas necesidades do servicio.
Décimo segundo.-
O xerente da universidade, tras acordo previo motivado, poderá avocar para si en calquera momento da tramitación, o coñecemento das xestións encomendadas na presente resolución. O rector poderá, así mesmo avocar en calquera momento a resolución daqueles asuntos atribuídos á vicexerencia por delegación.
Disposición derradeira.-
A presente resolución terá efectividade a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.