O proceso de contratación de novo profesorado por parte da Universidade defínese en xeral como problemático. Sen lugar a dúbidas, as expectativas que se xeran para acceder ó ensino superior están na base dos problemas plantexados, pero non é menos certo que o funcionamento dunhas comisións demasiado numerosas e a existencia de baremos pouco precisos ou descompensados chegan a explicar algunhas situacións conflictivas que se rexistraron na concesión de prazas. Por outra banda, a composición actual das Comisións de Selección non respecta o principio de que os membros dun tribunal deben ter, como mínimo, o mesmo grao académico có requirido para participar no concurso da praza convocada. Asimesmo, cómpre modifica-los baremos existentes para a adxudicación de prazas que, pola experiencia destes anos, encobren unha serie de defectos na cualificación do futuro profesorado.
A nova normativa sobre as Comisións de Selección de profesorado debe distinguir as seguintes situacións: prazas de Profesor Titular de Universidade Interino e de Profesor Titular de Escola Universitaria Interino; prazas de Axudante; prazas de Profesor Asociado "atípico", como norma xeral a tempo completo (ou a figura que se deseñe, na liña do Profesor Colaborador do texto de reforma da LRU ou do profesorado propio da Universidade); e prazas de Profesor Asociado "típico", nas que cómpre facer un replantexamento global do sistema de selección, pasando a primar no futuro o "perfil profesional e adecuación ó posto". Como orientacións xerais, nos Titulares Interinos e Asociados "atípicos" darase maior importancia ó currículo investigador có historial académico e docente. Nos Axudantes é lóxico que se valoren menos os antecedentes profesionais e se prioricen os aspectos académicos e, en menor medida, os de investigación. Por último, no Asociado "típico" deben primarse os apartados profesional e investigador e a adaptación do candidato ás necesidades docentes a cubrir.
En consecuencia, propóñense á aprobación do Claustro as seguintes liñas xerais de actuación para a selección de axudantes e profesorado interino e contratado.
I. COMPOSICIÓN DAS COMISIÓNS
1.- Nas Comisións terán voz e voto os docentes cunha categoría igual ou superior á da praza convocada.
2.- As comisións estarán constituídas por cinco docentes cos seus respectivos suplentes.
3.- A súa composición será a seguinte:
Presidente: O Decano do centro a onde se adscriba a docencia para a que se convoca a praza. En caso de que a convocatoria non especifique centro, actuará como Presidente o Decano ou Director do centro en que estea a Sede do Departamento.
Secretario: O Director do Departamento.
Vocais: 3 membros da área de coñecemento da praza obxecto de concurso. Estes membros serán escollidos nun sorteo público, no que tamén se elixirán os respectivos suplentes.
4.- En ningún caso poderán pertencer á mesma área de coñecemento os cinco membros da Comisión. Se o Decano e o Director do Departamento son da área de coñecemento da praza obxecto da convocatoria, 1 dos vocais será sorteado entre docentes de área afín.
II. A CUALIFICACIÓN DOS CONCURSANTES
1.- Para establecer os baremos que seguirán as Comisións de Selección do profesorado, considérase necesario manter unha estructura común de cualificación para os distintos tipos de prazas docentes considerados (Titular de Universidade e Titular de Escola Interinos, Asociado "atípico", Asociado e Axudante). Por iso, atenderase en todas elas a catro apartados diferentes dentro do currículo: Títulación, Experencia Docente, Experiencia Investigadora e Outros Méritos. No caso concreto das prazas de asociados tamén se valorará a "adecuación ó perfil da praza".
2.- Aínda que a estructura básica de cualificación é practicamente idéntica en tódolos casos, as características específicas que presentan cada unha destas figuras docentes fai necesario que a valoración de cada un dos apartados sexa diferente en cada caso. Como criterio xeral a seguir na elaboración de baremos detallados, consideraranse as seguintes porcentaxes sobre cualificación dos concursantes.
|
TITI-INT (Univer) |
TIT-INT (EU) |
ASOCIADO ATIPICO |
ASOCIADO |
AXUDANTE |
|
|
Tit. |
25% |
30% |
25% |
25% |
45% |
|
Doc. |
20% |
25% |
25% |
5% |
15% |
|
Inv. |
45% |
35% |
40% |
25% |
30% |
|
Perf. |
-- |
-- |
-- |
-- |
-- |
|
Out. |
10% |
10% |
10% |
10% |
10% |
3.- No apartado de Titulación valorarase o expediente académico, o Grao de licenciado e a Tese de Doutoramento. Tamén se terá en conta o título de especialista nas áreas de coñecemento das disciplinas de contido fundamentalmente clínico, ou títulos B.I.R., F.I.R., Q.I.R...no resto das áreas.
4.- Valorarase a experiencia docente do candidato, tendo especialmente en conta a desenvolvida na Universidade.
5.- En Experiencia Investigadora hai que considerar a calidade dos traballos publicados, comunicacións en congresos e demais publicacións, os proxectos profesionais e de investigación en que participase, etc.
6.- Baixo o epígrafe, "Outros Méritos" considéranse os restantes méritos alegados, entre eles, bolsas, premios extraordinarios, especialidades de postgrao, dispensa de Cursos e de docencia complementaria á regrada, coñecemento acreditado do galego, prácticas de campo e de laboratorio, colaboración na actividade docente-asistencial no Hospital Clínico da Universidade ou en Hospitais concertados, etc.
III. COMISIÓN DE RECLAMACIÓNS
1.- Unha Comisión de Reclamacións, con funcións semellantes de "control negativo" ás establecidas pola LRU (art 43) para prazas de profesorado permanente, valorará as reclamacións presentadas perante o Rector contra as resolucións das Comisións de Selección.
2.- Será nomeada polo Rector a proposta da Xunta de Goberno da Universidade. Estará constituída por cinco membros con voz e voto, procurando representar as grandes áreas científicas que desenvolve a Universidade. A Presidencia da mesma será ostentada polo Rector.
IV. PROCEDEMENTO
O desenvolvemento e aprobación dos procedementos a seguir nos concursos destas prazas, así coma a especificación dos baremos para cada categoría, corresponde á Xunta de Goberno.