Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normativa derrogada  »  Normativa para a contratación de profesorado emérito 65 anos
NORMATIVA PARA A CONTRATACIÓN DE PROFESORADO EMÉRITO
Aprobada polo Consello de Goberno o 30 de marzo de 2004
(Modificación do apartado 1 e 3 por Consello de Goberno do 17/11/2004)
  
 A Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades, recolle no artigo 54 a posibilidade de que as Universidades contraten, en réxime laboral, profesores eméritos entre funcionarios xubilados dos corpos docentes universitarios que prestasen servicios destacados á universidade.
A esta figura refírese tamén o Decreto autonómico 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario, nos seus artigos 9 e 15.3.f).
Trala aprobación dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela polo Decreto autonómico 28/2004, do 22 de xaneiro (DOG 09-02-2004), que recollen a figura do profesor emérito no artigo 31, faise preciso aprobar unha nova normativa para regular o acceso á condición de profesor emérito nesta Universidade.
No contexto actual no que se precisa optimizar a utilización de recursos e, consonte á Programación Plurianual aprobada polo Claustro na súa sesión do 11 de marzo de 2004, avanzar no reequilibrio do cadro de persoal docente, tanto entre áreas de coñecemento como entre categorías de profesorado, os obxectivos a considerar na contratación de profesores eméritos céntranse, por un lado, en tratar de aproveitar a experiencia de profesores xubilados e, por outro, en establecer un mecanismo que permita anticipar o proceso de renovación do cadro de persoal docente, posibilitando o adianto da idade de xubilación.
Considerando os obxectivos expresados anteriormente e a regulación en materia de xubilación de profesorado universitario, que prevé a xubilación obrigatoria ós 70 anos coa posibilidade de xubilarse voluntariamente a partir dos 65, e tendo en conta que os estatutos establecen para os contratos de profesores eméritos unha duración de tres anos, prorrogables por outros dous, procede establecer como condición para a contratación de profesor emérito a solicitude de xubilación ós 65 anos.
Por todo o exposto, o Consello de Goberno, na súa reunión do 30 de marzo de 2004, acordou aprobar a seguinte NORMATIVA
1. PROFESOR EMÉRITO
Poderán ser contratados como profesores eméritos, segundo o previsto no presente acordo e na normativa de carácter xeral que sexa de aplicación, os funcionarios xubilados dos corpos docentes universitarios que prestasen servicios destacados á universidade durante un mínimo de 25 anos, 15 deles con dedicación a tempo completo.
Para estes efectos, os servizos prestados na Universidade de Santiago de Compostela terán unha consideración especial.
Ademais do indicado anteriormente, para poder acceder á condición de profesor emérito deberanse cumprir os seguintes requisitos:
a) Cumprir 65, 66 ou 67 anos antes do inicio do curso para o que se realiza a convocatoria.
b) Solicitar a correspondente xubilación.
c) Ter dedicación a tempo completo na Universidade de Santiago de Compostela.
2. PROCEDEMENTO
2.1. Convocatoria
Cada curso académico o reitorado establecerá un prazo para que os profesores que se vaian xubilar nese curso e cumpran os requisitos indicados no apartado anterior poidan solicitar ser contratados como profesores eméritos.
2.2. Documentación
A solicitude dirixirase ó reitor acompañada da seguinte documentación:
a) Curriculum vitae
b) Indicación das actividades que realizará no caso de acceder á condición de profesor emérito
c) Compromiso de dedicación a tempo completo á Universidade
2.3. Acordo de contratación
O Consello de Goberno, a proposta da Comisión de Ordenación Académica e Profesorado, decidirá sobre a contratación de profesor emérito. Para elaborar a proposta a COAP poderá recabar os informes que considere necesarios.
A efectividade da contratación quedará condicionada á acreditación polo profesor da súa condición de xubilado.
3. FORMALIZACIÓN DO CONTRATO DE PROFESOR EMÉRITO
Quen acceda á condición de profesor emérito con 65 anos quedará vinculado á Universidade por medio dunha relación laboral de tres anos de duración máis dous de prórroga. No caso de que acceda con 66 anos a vinculación terá unha duración de tres anos máis un de prórroga. Finalmente, quen acceda con 67 anos quedará vinculado por unha relación de tres anos sen posibilidade de prórroga.
4. REMUNERACIÓN
O profesor emérito terá dereito a unha retribución compatible coa súa pensión de xubilación, que virá dada pola diferencia entre o que perciba anualmente pola pensión ou pensións de xubilación que lle correspondan e a retribución, en cómputo anual, que percibía no momento da xubilación, co límite da retribución anual correspondente a un catedrático de universidade en réxime de dedicación a tempo completo con dez trienios de antigüidade e os límites máximos do compoñente do complemento específico por méritos docentes e do complemento de productividade, tal como establece o artigo 15.3.f) do Decreto autonómico 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario.
No caso dos profesores que ocupen praza vinculada, a efectos do cómputo da retribución anual que percibían no momento da xubilación non se terá en conta o complemento asistencial.
5. DEDICACIÓN
A condición de profesor emérito esixirá a dedicación a tempo completo á universidade, e será incompatible coa realización de calquera outra actividade remunerada no sector público ou privado.
6. FUNCIÓNS
O profesorado emérito terá a posibilidade de colaborar na dirección de tarefas de investigación, na docencia do terceiro ciclo e, en xeral, en estudios de especialización científica e profesional, en actividades de extensión universitaria e noutras equiparables.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA PRIMEIRA
Ós profesores que ostenten a condición de profesores eméritos no momento da aprobación do presente acordo manteránselles as condicións en que foran contratados.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA SEGUNDA
Os profesores que o día 30 de setembro do ano 2004 teñan cumpridos os 66 anos para ser contratados como profesores eméritos deberán solicitalo na primeira convocatoria que se realice trala aprobación da presente normativa e poderán ser contratados como profesores eméritos nas seguintes condicións:
a)      Os profesores que nesa data teñan cumpridos os 66 anos poderán ser contratados como profesores eméritos por un período de tres anos, prorrogable por un ano máis.
b)      Os profesores que nesa data teñan cumpridos os 67, 68, 69 ou 70 anos poderán ser contratados como profesores eméritos por un período de tres anos non prorrogables.
 DISPOSICIÓN DERROGATORIA
 Desde a data de aprobación do presente acordo queda sen efecto a “Normativa para o nomeamento de profesores eméritos”, aprobada por acordo da Xunta de Goberno do 11.02.1999.