(Xunta de Goberno do 11 de febreiro de 1999)
A figura de profesor emérito atópase regulada con carácter xeral no RD 898/85 (artigo 22) modificado neste aspecto polo RD 554/91, no RD 1086/89 no referente a retribucións (artigo 6) e polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (artigo 24).
A aplicación concreta da citada Normativa realizábase a través do acordo de Xunta de Goberno do 06.02.90. Este acordo non recolle as modificacións legais e regulamentarias xurdidas con posterioridade a él, polo que se fai preciso adecua-la Normativa universitaria ás citadas modificacións.
Por todo o exposto, a Xunta de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela na sesión do 11.02.99 adoptou o seguinte acordo:
1. Profesor emérito
Poderán acceder á condición de profesor emérito, segundo o previsto no presente acordo e a Normativa de carácter xeral que sexa de aplicación, aqueles funcionarios docentes, xubilados, que prestasen servicios destacados á Universidade española, a tempo completo, durante un mínimo de 10 anos. Para estes efectos os servicios prestados na Universidade de Santiago de Compostela terán unha consideración especial.
2. Proposta de profesor emérito
A proposta de nomeamento de profesor emérito corresponderá a un departamento, centro ou instituto universitario, que deberá presentala ante o Rectorado acompañada da seguinte documentación, como mínimo:
A certificación de servicios prestados na Universidade, as publicacións realizadas e as memorias de licenciatura ou proxectos de fin de carreira e teses de doutoramento dirixidas.
A indicación das actividades que realizará a persoa se resulta finalmente nomeada.
Compromiso de dedicación a tempo completo á Universidade.
En caso de que a proposta sexa formulada por un instituto universitario ou un centro, o Rectorado solicitará o informe do departamento ó que estivera adscrito o profesor proposto.
3. Procedemento
a) Convocatoria
O Rectorado, cada curso académico, establecerá un prazo para a presentación de propostas de nomeamento de profesores eméritos, para profesores que se vaian xubilar nese curso.
b) Informe das propostas
As solicitudes presentadas serán informadas pola COAP antes do 1 de maio de cada ano. A comisión presentará ó rector a súa proposta para que a someta á aprobación da Xunta de Goberno.
c) Remisión ó Consello de Universidades
Aprobada a proposta da Comisión remitirase á Comisión Académica do Consello de Universidades para que emita o informe preceptivo.
d) Acordo de nomeamento
Recibido o informe do Consello de Universidades, a Xunta de Goberno adoptará, se procede, acordo de nomeamento de profesor emérito.
e) Nomeamento
O nomeamento de profesor emérito será realizado polo rector.
4. Número de profesores eméritos
O número de profesores eméritos non poderá exceder do tres por cento do cadro de persoal docente da Universidade.
A Universidade procurará que no conxunto de profesores eméritos nomeados exista unha distribución axeitada entre as diferentes áreas científicas, técnicas e artísticas.
Como máximo poderá nomearse anualmente a un número que non exceda da sexta parte do límite establecido no parágrafo anterior.
5. Formalización da condición de profesor emérito
O profesorado emérito estará vencellado á Universidade por medio dunha relación contractual de tres anos de duración, prorrogable por outros tres.
6. Remuneracións
A remuneración dun profesor emérito será a diferencia entre o que perciba anualmente polo total das pensións de xubilación que lle correspondan e a de catedrático de universidade cos trienios e complementos docentes, e de productividade que teña recoñecidos no momento da xubilación ata un máximo de 10 no primeiro caso e 5 avaliacións nos dous segundos.
7. Dedicación
A condición de emérito esixirá a dedicación a tempo completo á Universidade, e será incompatible coa realización de calquera outra actividade remunerada no sector público ou privado.
8. Funcións
O profesorado emérito terá a posibilidade de colaborar na dirección de tarefas de investigación, na docencia do terceiro ciclo e, en xeral, en estudios de especialización científica e profesional, en actividades de extensión universitaria e noutras equiparables.
9. Disposición final
Queda sen efecto dende a data de aprobación do presente acordo, o acordo de Xunta de Goberno do 06.02.90, polo que se aprobaba a Normativa para o nomeamento de profesores eméritos.
TERCEIRO.- Para conceder a autorización, o Delegado da Universidade no centro deberá constatar que a actividade se axusta ós criterios xerais aprobados pola Universidade e recollidos na resolución reitoral do 3 de febreiro de 2003 sobre normas para o recoñecemento de actividades como créditos de libre configuración.