Artigo 1º.-
O Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela é o órgano colexiado de participación da sociedade, a través dos seus diversos sectores, no goberno e administración da Universidade.
Artigo 2º.-
Correspóndelle ó Consello Social as seguintes funcións:
1. Aprobar, se procede, o presuposto anual da Universidade a proposta da Xunta de Goberno, no prazo improrrogable de corenta e cinco días contados desde a recepción por parte do Consello.
2. Aprobar, se procede, o programa plurianual da Universidade, a proposta da Xunta de Goberno, no prazo improrrogable de sesenta días, que se computarán na forma indicada no apartado anterior.
3. Exercer directamente a auditoría e o control interno das contas da Universidade e, en xeral, o exame dos procedementos de xestión presupostaria, de execución do presuposto e dos custos e rendementos dos distintos servicios.
4. Promove-la colaboración da sociedade no financiamento da Universidade.
5. Propoñerlle á Xunta de Galicia, logo de informe do Consello de Universidades, a creación e supresión de Facultades, Escolas Técnicas Superiores, Escolas Universitarias, Escolas de Especialización Profesional e dos Institutos Universitarios, así como a aprobación dos convenios de adscrición á Universidade de Institutos Universitarios, institucións ou centros de investigación ou creación artística de carácter público ou privado.
6. Fixa-las.normas que regulen a permanencia na Universidade daqueles estudiantes que non superen as probas correspondentes nos prazos que se determinen de acordo coas características dos respectivos estudios, tralo informe do Consello de Universidades.
7. Propoñe-la política de bolsas, axudas e créditos ós estudiantes e as modalidades de exención e bonificación do pagamento das taxas académicas.
8. Acorda-la asignación, con carácter individual, dos conceptos retributivos adicionáis ó profesorado universitario, en atención a esixencias docentes e investigadoras ou a méritos relevantes, logo de proposta da Xunta de Goberno da Universidade.
9. Fixa-las taxas académicas correspondentes ós estudios conducentes a títulos non oficiais.
10. Acorda-las transferencias de gastos correntes a gastos de capital.
Acorda-las transferencias de gastos de capital a calquera outro capítulo.
11. Aproba-los suplementos de créditos extraordinarios, oída a proposta da Xunta de Goberno.
12. Acorda-la adquisición, por parte da Universidade, de bens de equipo necesarios para o desenvolvemento dos seus programas de investigación, polo sistema de adxudicación directa, e determinar cada ano, asemade que se aproba o presuposto, o límite do importe a partir do que será necesario un acordo explícito para que o Rector ou Vicerrector en que delegue ou, se é o caso, o Xerente, proceda a unha contratación polo dito sistema.
13. Emitir informe sobre a aceptación pola Universidade de legados, cesións e doacións.
14. Promover, se é o caso, a adquisición de edificios para a Universidade.
15. Dispoñer dos bens de dominio público, así como dos patrimoniais, logo de proposta da Xunta de Goberno e de conformidade coas normas xerais que rexan nesta materia; así como dicta-las normas regulamentarias relativas á administración dos bens de titularidade da Universidade, tanto os de dominio público como os patrimoniais, así como os procedementos para a súa adquisición e cesión.
16. Propoñe-lo establecemento de convenios con empresas, sindicatos e outras entidades, públicas e privadas, que contribúan a perfeccionar e completa-la formación dos membros da comunidade universitaria.
17. Aproba-lo cadro de persoal orgánico de administración e servicios da Universidade.
18. Emitir informe sobre o nomeamento, por parte do Rector, do Xerente da Universidade.
19. Ratifica-lo regulamento de desenvolvemento da xestión presupostaria e o regulamento da xestión contractual.
20. Aproba-la creación de colexios maiores e residencias universitarias, propiedade da Universidade, logo de proposta da Xunta de Goberno.
21. Apoia-lo desenvolvemento das manifestacións culturais que se produzcan no seo da Universidade, así como fomenta-las relacións e procura-lo seu enraizamento coa sociedade galega.
22. Desenvolver, ademais das anteditas, cantas outras funcións lle sexan recoñecidas pola lexislación.
Artigo 3º.-
O Consello Social, no exercicio das súas competencias, goza de plena independencia.
Artigo 4º.-
O Consello Social dispoñerá dos recursos económicos suficientes que a Consellería de Economía e Facenda habilite para o cumprimento das súas funcións, e terá asignadas partidas propias nos presupostos xerais da Universidade.