Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normativa derrogada  »  Regulamento de Desenvolvemento das Transitorias Oitava e Décima dos Estatutos da USC e Transformación do Cadro de Persoal Docente
NORMATIVA DEROGADA

REGULAMENTO DE DESENVOLVEMENTO DAS TRANSITORIAS OITAVA E DÉCIMA DOS ESTATUTOS DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA E TRANSFORMACIÓN DO CADRO DE PERSOAL DOCENTE

(DISPOSICIÓN TRANSITORIA 10.2 DA LEI DE REFORMA UNIVERSITARIA)

(XUNTA DE GOBERNO DO 23 DE XUÑO DE 1987)

INTRODUCCIÓN

O contido da disposición transitoria 10.2 da Lei de Reforma Universitaria indica que o 30 de setembro de 1987 quedarán extinguidas tódalas categorías contractuais non reguladas na devandita Lei, polo que a organización do curso 1987-88 presenta características peculiares que aconsellan acometermos canto antes a súa preparación.

Por outra parte, a transitoria oitava dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela dispón o seguinte:

"Tódolos profesores non numerarios que presten os seus servicios na Universidade de Santiago de Compostela cando se dea vixencia a estes Estatutos, e que o 30 de setembro de 1987 non accedesen ás categorías de catedráticos ou profesores titulares, accederán, a proposta do Consello de Departamento, ás categorías contractuais establecidas no artigo 104 dos presentes Estatutos (exceptúase do anterior o profesor visitante) nos termos que regulamentariamente se establezan.

Os contratos en ningún caso poderán ter unha duración inferior a cinco anos. No caso dos profesores asociados a duración máxima da relación contractual será ata o 30 de setembro de 1994".

É necesario, polo tanto, que a Xunta de Goberno aprobe un Regulamento no que, na medida na que poidan resultar previsibles, estean reflexadas as situacións que se poden dar no período de tempo deica setembro de 1992, así como as solucións que haberá que aplicar no momento no que se produzan cambios de situación. De outra parte, resulta conveniente que este Regulamento deixe igualmente previstas as liñas de actuación e establecidos os compromisos contraídos do conxunto de Profesores que comenzaron a prestar servicios na Universidade de Santiago de Compostela despois da entrada en vigor dos Estatutos.

1.- Antes do 30 de xuño de 1987, os Departamentos, tras dos acordos pertinentes dos seus Consellos, farán as propostas de plan de organización docente para o curso 1987-88. Tales propostas, que deberán garanti-la axeitada atención ás responsabilidades docentes e investigadoras que lles correspondan, atenderán igualmente á situación persoal dos Profesores, Axudantes e Bolseiros de iniciación á investigación que formen parte dos Departamentos. Poderán incluír propostas de convocatoria a concurso de méritos de prazas adicionais de Titulares Interinos, Axudantes ou Bolseiros de iniciación á investigación sempre que os presupostos asignados a cada unha das áreas de coñecemento o permitan. En todo caso, a planificación realizada polos Departamentos terá en conta o compromiso de convocatoria a concurso das prazas de Titulares ás que poidan optar os Profesores non numerarios que prestaban servicios na Universidade de Santiago de Compostela antes da entrada en vigor dos seus Estatutos.

As propostas concretarán as solucións adoptadas polos Departamentos no marco do establecido na disposición transitoria oitava dos Estatutos e máis nas liñas xenéricas que figuran nos seguintes apartados.

2.- PROFESORES QUE PRESTABAN SERVICIOS ANTES DA ENTRADA EN VIGOR DOS ESTATUTOS.

2.1 .- Pasarán a ocupar interinamente as prazas de Titular de Universidade ou de Escola Universitaria, segundo o Centro no que viñeran desenvolvendo a súa actividade, os Profesores que estean nas condicións legais requiridas (título de Doutor no primeiro caso). Caso do que o Profesor interino non conseguira gaña-lo concurso correspondente, o Departamento fará a proposta que estime oportuna para que, no marco integral máis axeitado ó seu cadro de persoal docente, continúe como Titular interino ou como Asociado de nivel D1, D2 ou D3 segundo a adicación que tivera previamente.

2.2 .- Os que non estean na situación descrita no apartado anterior serán contratados por cinco anos, con posibilidade de prórroga ata o 30 de setembro de 1994, de acordo co establecido na disposición transitoria oitava dos Estatutos, a proposta do Departamento, como Asociados de nivel D1, D2 ou D3 segundo a súa adicación actual.

As retribucións dos Asociados de nivel D1 serán equivalentes en 1990 ó 95% do que cobre un Titular interino de Facultade ou Escola segundo os casos. Os incrementos necesarios para alcanzar ese nivel retributivo serán distribuidos nos presupostos correspondentes a 1988, 1989 e 1990 nunha proporción do 20%, 40% e 40%, respectivamente.

2.3 .- Excepcionalmente, e sempre coa garantía de que o Departamento atende debidamente as actividades docentes teóricas que o Profesor viñera realizando previamente, poderá ser contratado como Axudante. En tal caso, garantízase a firma dun contrato como Asociado de nivel D1 de outubro de 1989 a setembro de 1992 caso de que o Profesor non conseguira defende-la súa tese de Doutoramento no período fixado pola L.R.U. para esta figura (dous anos).

3.- PROFESORES QUE INGRESARON CON POSTERIORIDADE Á ENTRADA EN VIGOR DOS ESTATUTOS.

3.1 .- Pasarán a ocupar interinamente prazas de Titular de Universidade ou de Escola universitaria, segundo o Centro no que viñeran desenvolvendo a súa actividade, os Profesores que estean nas condicións legais requiridas (título de Doutor no primeiro caso). Caso de que o Profesor interino non conseguira gaña-lo concurso correspondente, garantízaselle a continuidade polo resto do curso na figura que resulte máis axeitada e, no caso de que o Departamento teña capacidade de ampliación do seu cadro de persoal docente, a convocatoria a concurso de méritos dunha praza á que o Profesor implicado poderá concursar nas condicións favorables establecidas polos baremos.

3.2 .- Pasarán a prazas de Axudantes de Universidade ou de Escola Universitaria, segundo o Centro no que viñeran desenvolvendo a súa actividade, os Profesores que estean nas condicións legais requiridas.

3.3 .- Pasarán a Bolseiros de Iniciación á Investigación aqueles Profesores que non poidan ser Axudantes nin Interinos e estean nas condicións fixadas pola Xunta de Goberno para optar a prazas deste tipo. Atendendo ás especiais circunstancias que concurren nesta primeira fase da adaptación, a Xunta de Goberrno concederá prazas de bolseiro tamén os que, tendo xa iniciados os cursos de terceiro ciclo, estean en situación de rematalos no curso 1987.

3.4 .- Cando se utilicen as vías trazadas nos parágrafos 3.2 e máis 3.3., os Departamentos garantizarán a debida atención das actividades docentes teóricas que o Profesor poidera vir realizando no curso 1986-87. A duración e, no seu caso, prórroga dos contratos axustaranse ó disposto na normativa xeral.

3.5 .- Excepcionalmente, e a proposta do Consello de Departamento, o Rectorado contratará como Profesores Asociados de nivel D1, D2 ou D3 segundo a súa adicación actual, por un período de tres anos, a Profesores ingresados con posterioridade á entrada en vigor dos Estatutos sempre que se dea algunha das circunstancias seguintes:

a) Que non exista outra forma de que o Departamento poida atender axeitadamente as súas responsabilidades docentes e investigadoras.

b) Que o Profesor poida xustificar catro anos de labor investigador.

c) Que o Profesor estivera realizando actividades profesionais fóra da universidade durante un ano como mínimo.

Estes contratos serán prorrogados por dous anos máis sempre e cando se manteñan as condicións que provocaron esa contratación.

4.- REAXUSTES DE SITUACIÓNS E RENOVACIÓNS DE CONTRATOS.

4.1 .- Na organización do curso académico 1988-89 e posteriores, os Departamentos intentarán consegui-lo máximo grao posible de aproximación a un cadro de persoal docente que conteña a menor cantidade posible de Asociados atípicos. En tal sentido, a Xunta de Goberno creará para cada curso académico as prazas de Titular necesarias para readapta-la situación dos Profesores implicados.

4.2 .- As renovacións de contratos requirirán necesariamente o informe favorable do Consello de Departamento.

5.- PROFESORES ASOCIADOS CONTRATADOS NO CURSO 1986-87.

Dado que xa obtiveron a praza nun concurso público, procede agora a aplicación do disposto no artigo 113.2 dos Estatutos, de tal xeito que a Xunta de Goberno ou unha Comisión delegada decidirá, a proposta do Departamento, a prórroga do contrato ou a súa suspensión. Os Departamentos farán tamén a proposta do primeiro período de prórroga do contrato, que non poderá ser superior a tres anos.