Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normativa derrogada  »  Regulamento de Réxime Interno do Claustro Universitario de 1998
NORMATIVA DEROGADA

REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DO CLAUSTRO UNIVERSITARIO

(Claustro do 12 de decembro de 1998)

CAPÍTULO I - NORMAS XERAIS DE ORGANIZACIÓN DO CLAUSTRO

Artigo 1.

O Claustro Universitario é o máximo órgano representativo da comunidade universitaria. Elabora, aproba e modifica os Estatutos, aproba as liñas de actuación da Universidade, elixe o rector e supervisa o labor de goberno e xestión da Universidade.

Artigo 2. Composición

1.- De acordo co artigo 67 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, o Claustro Universitario está composto por:

a) O rector, que presidirá e convocará, e o secretario xeral, que tamén o será do Claustro.

b) 325 profesores e axudantes, dos cales, 25 serán axudantes.

c) 140 estudiantes, dos que 25 serán do terceiro ciclo.

d) 35 membros do persoal de administración e servicios.

Artigo 3. Competencias

Son competencias do Claustro Universitario:

a) A elaboración, aprobación e modificación dos Estatutos da Universidade.

b) A elección do rector, a supervisión da súa xestión, e, a súa remoción, de se-lo caso.

c) A discusión e aprobación da proposta de programación plurianual, na que se inclúan as liñas xerais do orzamento, e as propostas de actualización anual da programación.

d) A discusión e, de se-lo caso, a aprobación do informe anual do rector, que deberá incluír unha exposición das actividades docentes e investigadoras da Universidade, así como as liñas da memoria económica do exercicio anterior.

e) A elección dos seus representantes na Xunta de Goberno.

f) A expresión de opinións e maila adopción de decisións sobre aqueles temas da súa competencia para os que sexa convocado.

g) A elaboración, aprobación e modificación do seu regulamento de réxime interno.

h) Manifesta-la opinión da comunidade universitaria.

i) A aprobación dun regulamento de precedencia, trala proposta da Xunta de Goberno, e sen prexuízo das normas que sexan de aplicación xeral.

l) A ratificación da aprobación pola Xunta de Goberno sobre a concesión do grao de doutor honoris causa.

m) A redacción e aprobación das normas xerais de procedemento para a elaboración e aprobación dos programas de estudios.

n) A elaboración, aprobación e modificación do estatuto do valedor da comunidade universitaria.

ñ) A elaboración, aprobación e modificación do Estatuto do estudiante.

o) A elección do valedor da comunidade universitaria.

p) A aprobación do regulamento para a creación de centros de investigación e centros propios.

q) As restantes que lle atribúan os Estatutos da Universidade de Santiago ou a lexislación universitaria.

Artigo 4. Periodicidade das eleccións

O Claustro Universitario será elixido cada catro anos. Os seus membros axudantes e estudiantes renovaranse cada dous anos, procurando que a elección se celebre ó inicio do segundo cuadrimestre académico.

Artigo 5. Circunscricións electorais

1.- As circunscricións electorais para a elección de representantes do profesorado, axudantes e estudiantes, son todas e cada unha das facultades, escolas técnicas superiores, escolas universitarias, da Universidade de Santiago de Compostela, con excepción dos centros adscritos á Universidade.

2.- O persoal de administración e servicios contará con dúas circunscricións electorais correspondentes ós campus de Lugo e Compostela..

3.- O número de representantes asignados a cada circunscrición electoral será establecido pola Comisión Electoral que fixará unha representación mínima para cada unha das circunscricións electorais, e distribuirá o resto dos representantes en proporción ó número de membros do sector.

Artigo 6. Electores e elixibles

1.- Son electores tódolos que figuran no censo electoral de cada circunscrición.

2.- Para ser incluído como elector no respectivo censo, deberanse reuni-los seguintes requisitos:

a) Profesorado: pertencer a corpos de funcionarios docentes legamente establecidos, como funcionario de carreira ou interino, ou estar contratado nalgunha das categorías establecidas legalmente ou que a Universidade estableza en virtude de súa autonomía, en situación de servicio activo e con destino na Universidade de Santiago.

b) Axudantes: Estar contratado como axudante en calquera das súas modalidades na Universidade de Santiago.

c) Persoal de administración e servicios: Pertencer a corpos, escalas ou prazas específicas de funcionarios de carreira, ou interinos en situación de servicio activo na Universidade de Santiago, ou ás categorías do persoal laboral establecidas no correspondente convenio colectivo ou na lexislación laboral de aplicación.

d) Estudiantes:

- De primeiro ou segundo ciclo: Estar matriculado no curso en que se convocan as eleccións en calquera das ensinanzas de primeiro ou segundo ciclos que integran o sistema educativo universitario nos centros da Universidade de Santiago de Compostela.

- De terceiro ciclo: Estar a realiza-los programas do terceiro ciclo da Universidade de Santiago ou estar a realiza-la tese de doutoramento nos tres anos seguintes ó remate do programa con dedicación a tempo completo acreditada polo departamento ou instituto.

3.- Ningunha persoa poderá te-la condición de elector en dous ou máis sectores de representación distintos nin, dentro dun sector, en dúas ou máis circunscricións electorais. A falta de opción por parte do interesado, a adscrición será feita pola Comisión Electoral.

4.- Tódolos electores de cada sector e circunscrición electoral poderán ser tamén elixibles.

Artigo 7. Agrupacións de candidatos e campaña electoral

1.- Os candidatos poderanse agrupar co obxecto de realiza-la campaña electoral. Neste caso, achegarase coa solicitude de cada un deles a denominación e sigla que identifique o seu agrupamento.

2.- A Universidade proporcionará, dentro das súas posibilidades orzamentarias, os medios materiais ó seu alcance para facilita-la propaganda durante o período electoral.

Artigo 8. Votación

1.- A elección será por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto.

2.- Para a elección de representantes non se admitirá a delegación do voto, o voto por correo, nin o voto anticipado

3.- A elección realizarase en listas abertas. Cada elector só poderá da-lo seu voto a un número de candidatos igual ó 70 % ou porcentaxe máis próxima do número dos que deben ser elixidos no seu sector e circunscrición electoral. No caso de que dous números presenten idéntica proximidade optarase polo número inferior.

Artigo 9. Proclamación de candidatos electos

1.- Serán proclamados electos aqueles candidatos que obteñan maior número de votos ata completa-los representantes asignados a cada sector e circunscrición electoral.

2.- No caso de que dous ou máis candidatos obteñan o mesmo número de votos, darase preferencia para a proclamación como candidato electo ó que leva máis tempo vinculado á Universidade de Santiago de Compostela, como funcionario ou contratado laboral indefinido cando se trate de profesores ou de persoal de administración e servicios. Nos restantes casos será elixido o de máis idade.

3.- A condición de claustral acreditarase mediante unha carta de identidade expedida polo rector.

Artigo 10. Perda da condición de claustral

1.- Pódese perde-la condición de claustral por demisión, por cesamento da vinculación do claustral ó sector da comunidade universitaria polo que fose elixido, ou pola inasistencia inxusitificada a tres reunións consecutivas do Claustro ou cinco alternas.

2.- A demisión dos claustrais deberá formalizarse por escrito dirixido ó presidente do Claustro, quen lla comunicará ó centro correspondente.

3.- A perda da condición de claustral deberá ser comunicada á Comisión Electoral co fin de que esta proceda a designar como substituto, ata o final do período, o seguinte candidato do mesmo sector e circunscrición que obtivese maior número de votos.

CAPÍTULO II - DO FUNCIONAMENTO DO CLAUSTRO

Artigo 11. Pleno e comisións

1.- O Claustro Universitario traballará en pleno, nas comisións ás que se refire o capítulo V deste Regulamento, ou naquelas outras comisións que decida constituír.

2.- O Pleno do Claustro Universitario debe reunirse con carácter ordinario, alomenos dúas veces ó ano durante o período lectivo, e con carácter extraordinario de acordo co que se dispón no presente Regulamento.

Artigo 12. Decisións

1.- As decisións do Claustro adoptarán a forma de acordos en materias da súa competencia, e de mocións ou propostas nos restantes casos. Estas últimas non vinculan ós restantes órganos da Universidade no exercicio das súas competencias.

2.- Os acordos do Claustro Universitario esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente perante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Sección 1ª: Da Mesa

Artigo 13. Da Mesa provisoria

Despois da elección da totalidade dos membros do Claustro, na primeira sesión do Pleno, formarase unha Mesa Provisoria integrada polo rector, o secretario xeral, os 5 profesores que levan máis tempo vinculados á Universidade de Santiago, un axudante designado por sorteo, tres estudiantes, dos que un será do terceiro ciclo, designados por sorteo e o membro do persoal de administración e servicios que leve máis tempo vinculado á Universidade de Santiago. A Mesa Provisoria será a encargada de dirixi-la elección da Mesa do Claustro.

Artigo 14. Composición da Mesa

1.- O Claustro elixirá de entre os seus membros, e en votación por sectores de acordo co establecido no artigo 32, a Mesa. Será presidida polo rector que actuará como órgano moderador das súas sesións.

2.- A Mesa do Claustro estará constituída polos seguintes membros:

a) O rector da Universidade, que a preside.

b) O secretario xeral da Universidade, que o é tamén do Claustro.

c) Cinco profesores.

d) Un axudante.

e) Tres estudiantes, dos que un será do terceiro ciclo.

f) Un membro do persoal de administración e servicios.

3.- A Mesa elixirá entre os seus membros a dous vicepresidentes, que poderán asumir por delegación do rector as funcións de presidente do Claustro.

Artigo 15. Funcións da Mesa

A Mesa terá por funcións:

a) Aproba-la orde do día das sesións.

b) Fixa-las normas de desenvolvemento das sesións.

c) Recibi-las propostas e cuestións de orde.

d) Interpreta-lo presente Regulamento de acordo co disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e demais normas de aplicación..

e) Decidir sobre a alteración da orde de discusión dos puntos da orde do día.

f) Decidi-la expulsión de membros do Claustro que alteren gravemente a orde de acordo co artigo 22.5.

g) Decidi-la perda da condición de claustral daqueles que incumpliran inxustificadamente as súas obrigas nos termos do artigo 10 deste Regulamento, tras oí-lo interesado.

Artigo 16.- Competencias do presidente da Mesa

Son competencias do presidente da Mesa do Claustro:

Convoca-las sesións.

Modera-los debates tentando de acadar o consenso.

Aplica-lo Regulamento.

Velar polo mantemento da orde nas sesións.

Executa-los acordos do Claustro

Artigo 17. Constitución e acordos da Mesa

Para a válida constitución da Mesa será necesaria a maioría absoluta dos seus membros. Con carácter xeral os acordos adoptaranse por maioría simple dos presentes. No caso de empate, o presidente, ou quen faga as súas funcións, decidirá co seu voto de calidade.

Sección 2ª: Convocatoria, constitución e funcionamento do Claustro

Artigo 18. Convocatoria

1.- A decisión de convocatoria do Claustro corresponde ó rector. Ademais deberá convocalo cando medie acordo da Xunta de Goberno ou cando sexa solicitada polo menos por un tercio dos claustrais. Neste caso, os solicitantes deberán indicar tamén o punto ou puntos que serán debatidos na sesión, xunto cos que inclúa o rector. Ademais das reunións ordinarias poderán convocarse as extraordinarias que resulten necesarias pola natureza dos asuntos que se traten.

2.- Para que a convocatoria produza efectos deberase poñer en coñecemento de tódolos seus membros mediante unha notificación na que se fará consta-la orde do día, e asemade, día, hora e lugar da reunión; o Claustro debe celebrarse en días administrativamente hábiles. Os Claustros ordinarios non se celebrarán en datas de exames oficiais ordinarios.

3.- As notificacións serán entregadas polo menos con noventa e seis horas de anticipación. A entrega efectuarase no lugar onde cadaquén desenvolva o seu traballo, e, no caso dos estudiantes de primeiro e segundo ciclos, no local asignado para os seus representantes nos distintos centros, ou no domicilio que conste no seu expediente durante o período vacacional. En caso de extraordinaria e urxente necesidade os prazos da convocatoria poden reducirse á metade.

Artigo 19. Orde do día

1.- A orde do día será elaborada polo presidente, e aprobada pola Mesa; debe incorporar aqueles puntos que sexan solicitados pola maioría dos membros presentes da Mesa ou que fosen previamente solicitados por escrito por polo menos 75 membros do Claustro.

2.- Serán nulos os acordos adoptados sobre asuntos que non figuren incluídos na orde do día, sen prexuízo do establecido na Lei de procedemento administrativo común.

Artigo 20. Asistencia ás sesións

1.- Só teñen dereito de asistencia ás sesións do Claustro os seus membros.

2.- Os vicerrectores que non sexan membros do Claustro Universitario poderán asistir ás reunións con voz pero sen voto.

3.-Cando a natureza dos asuntos o requira, o rector ou a Mesa do Claustro poderá convocar para que informe ó xerente ou a calquera membro da comunidade universitaria.

4.- O presidente poderá autoriza-la asistencia ás sesións do Claustro daquelas persoas que o solicitasen cun mínimo de antelación de 24 horas, tendo en conta a limitación de espacio do Claustro, dándolles preferencia ós membros da comunidade universitaria. A correspondente credencial dará dereito a ocupa-las prazas expresamente reservadas para invitados no lugar das sesións.

Artigo 21. Quorum

1.- O Claustro da Universidade constitúese validamente en primeira convocatoria coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros e en segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, cando asistan polo menos un tercio dos seus membros, agás cando se trate da moción de censura, na que se requirirá tamén a maioría absoluta dos seus membros. De non consegui-lo quorum sinalado na segunda convocatoria, haberá que proceder a unha nova convocatoria do Claustro para un día posterior.

2.- Para que conste a asistencia será obrigatorio acreditarse a través da sinatura nas listas de quorum habilitadas polo secretario do Claustro para tal efecto.

3.- O Secretario da Mesa constatará ó inicio da sesión o número de acreditados ós efectos de verificar o quorum.

Artigo 22. Do desenvolvemento dos debates

1.- O presidente, ou quen faga as súas funcións, dirixe e regula o desenvolvemento dos debates e vela polo mantemento da orde no desenvolvemento da sesión. De acordo coa Mesa, fixará un tempo de debate para cada tema e, en función dos pedimentos de palabra, determinarase a duración de cada intervención. Decorrido o prazo concedido para intervir, o presidente, despois de invitar a concluír por dúas veces ó membro do Claustro que estea falando, retiraralle o uso da palabra. No caso de que o número de peticionarios de palabra así o aconselle, ordenaranse as súas intervencións segundo os criterios fixados pola Mesa.

2.- Calquera membro do Claustro terá dereito ó uso da palabra e tamén poderá presentar mocións de palabra ou por escrito, que serán debatidas nas sesións, sempre que se refiran a puntos da orde do día. As mocións por escrito serán lidas polo mocionante, e, na súa ausencia, polo secretario, sempre que aquel xustificara debidamente a súa inasistencia ó Claustro.

3.- No caso de que, tras pedilo un claustral, a maioría simple dos membros da Mesa considerase que un tema non queda suficientemente debatido, aquela fixará un novo prazo de debate, que se desenvolverá de acordo co establecido no punto anterior.

4.- Ninguén poderá ser interrompido cando fala, se non para ser chamado á orde ou a cinguirse ó tema polo presidente. Despois de dúas chamadas á orde ou a cinguirse ó tema, o Presidente poderá retira-lo uso da palabra.

5.- Ante unha alteración grave da orde na sesión, aquel membro responsable dela que fora apercibido por tres veces polo presidente, poderá, co acordo da maioría absoluta dos membros da Mesa, ser privado de asistir ó resto da sesión.

6.- As alusións só autorizarán para que o membro do Claustro a quen se refiren, segundo o xuízo do presidente, poida contestar ás manifestacións pronunciadas sobre a súa persoa no prazo de tempo concedido e sen entrar nunca no fondo da cuestión debatida.

7.- No suposto de excesiva duración do Pleno, o Presidente poderá dispoñe-la interrupción da sesión fixando a hora na que debe reanudarse, dentro do mesmo día ou do seguinte.

Artigo 23. Adopción de acordos e votacións

1.- Para a adopción válida de acordos deberán estar presentes, polo menos un tercio dos membros do Claustro.

2.- Os acordos adoptaranse por maioría simple, salvo o disposto expresamente polos Estatutos da Universidade ou neste Regulamento, para determinados asuntos. Os acordos poderán considerarse adoptados por asentimento sen necesidade de votación cando, logo da proposta en tal sentido do presidente do Claustro, non se manifeste ningunha opinión en contra.

3.- Como regra xeral, as votacións no Claustro serán públicas. Deberán ser secretas cando afecten a persoas concretas cando o soliciten alomenos 25 membros do Claustro, ou naqueles supostos especiais establecidos nos Estatutos ou neste Regulamento.

4.- Non se admite a delegación de voto nin o voto anticipado.

Artigo 24. Actas das sesións

1.- O secretario do Claustro confeccionará a acta da sesión, que será depositada na Secretaría Xeral da Universidade, e copias dela nas secretarías de tódolos centros da Universidade de Santiago de Compostela con quince días naturais de antelación á sesión na que debe ser aprobada, co fin de que calquera claustral poida consultala. Para tal efecto os centros deberán dar publicidade da recepción e depósito das actas.

2.- As obxeccións á acta deben presentarse na Secretaría Xeral da Universidade cunha antelación mínima de 48 horas ó inicio da sesión. No caso de non presentarse obxeccións á acta, considerarase aprobada polo Claustro por asentimento.

CAPÍTULO III - DA ELECClÓN DO RECTOR E DA MOCIÓN DE CENSURA

Sección 1º: Da elección do rector ou da rectora

Artigo 25.

O rector será elixido polo Pleno do Claustro da Universidade convocado para tal efecto. Previamente, a Comisión Electoral establecerá os prazos de presentación de candidaturas, e proclamará ós candidatos.

Artigo 26. Candidaturas e programas

Os candidatos poderán presentar, ó mesmo tempo que a candidatura, o seu programa, en número de exemplares suficiente, o cal se fará chegar a tódolos claustrais coa antelación suficiente para o seu coñecemento. Para estes efectos, a Universidade proporcionará, dentro das súas posibilidades orzamentarias, os medios materiais ó seu alcance para facilita-la propaganda dos candidatos que o soliciten.

Artigo 27. Debate

1.- A sesión convocada para a elección do rector iniciarase coa intervención consecutiva, durante un tempo máximo de 45 minutos, dos candidatos presentados, na orde que por sorteo dictamine a Mesa.

2.- Concluídas as intervencións ás que fai referencia o parágrafo anterior, os claustrais poderán solicita-lo uso de palabra para interpelar ós candidatos ou a calquera membro da súa candidatura. Con tal fin establecerase un tempo máximo de tres horas para as interpelación a cada candidato. O tempo de cada interpelación será distribuido pola Mesa segundo o número de intervencións solicitadas ata cubrir o máximo de tres horas, podendo establecer máis dunha rolda se o estima conveniente.

Artigo 28. Votación

1.- A votación para a elección do rector terá lugar polo menos 24 horas despois de que os candidatos remataran as súas respectivas exposicións do programa, na hora e data sinaladas e publicadas pola Mesa.

2.- A votación será persoal e secreta mediante papeletas cun só nome, e coa mecánica que a Mesa dispoña.

Artigo 29. Proclamación de rector electo

1.-Realizado o escrutinio proclamarase rector electo, en primeira votación, ó candidato que obteña a maioría absoluta dos votos dos claustrais efectivos. No caso de que ningún dos candidatos obtivese tal maioría procederase a unha segunda votación entre os que manteñan a súa candidatura.

2.- Nesta segunda votación será proclamado rector electo o candidato que obteña maior número de votos

3.- Feita a proclamación do candidato elixido, a Mesa redactará unha acta do resultado da elección, que será remitida ó Consello de Goberno da Xunta de Galicia para o seu nomeamento.

 

Sección 2ª: Da moción de censura

Artigo 30. Presentación e trámite

1.- O rector poderá ser revogado mediante unha moción de censura constructiva, que será presentada diante da Mesa do Claustro.

2.- A moción de censura deberá ser presentada por, cando menos, o 25 por cento dos claustrais, e conterá as razóns que a fundamentan, así como un candidato a rector.

3.- Se a moción de censura reúne os requisitos anteriores, a Mesa transmitirá ó rector, co fin de que proceda a designar presidente do Claustro a un dos vicepresidentes, quen convocará unha sesión extraordinaria do mesmo, con este único punto da orde do día, nun prazo máximo de 15 días hábiles.

Artigo 31. Debate e votación

1.- Aberta a sesión, o candidato alternativo disporá dun prazo máximo de 45 minutos para expoñe-los argumentos que a fundamentan. De seguido, o rector poderá facer uso de idéntico período de tempo. Finalmente abrirase unha quenda de intervencións cun prazo de duración máximo de tres horas que a Mesa distribuirá de acordo cos criterios que fixa o presente Regulamento. En todo caso, o rector poderá replicar durante un tempo máximo de media hora.

2.- Concluído o debate, procederase a vota-la moción de censura segundo o procedemento que a Mesa determine; requírese para a súa aprobación, o voto afirmativo da maioría absoluta dos membros do Claustro.

3.- Se a moción de censura non obtivese os votos necesarios, consideraríase rexeitada, e os seus asinantes non poderán presentar outra moción de censura ata que se proceda á unha renovación total ou parcial do Claustro.

CAPÍTULO IV - DA ELECCIÓN DOS REPRESENTANTES DO CLAUSTRO NOUTROS ÓRGANOS ESTATUTARIOS

Sección 1ª: Normas xerais

Artigo 32. Da elección

1.- Os representantes do Claustro serán elixidos polo sector correspondente.

2.- Habilitarase un prazo para a presentación de candidaturas. No caso de que rematado o devandito prazo os candidatos sexan menos que os postos que cómpre elixir, a Mesa poderá decidi-la apertura dun novo prazo para presentación de candidaturas na propia sesión do Claustro.

3.- Cada elector só poderá da-lo seu voto a un número de persoas que determinará a Mesa tendo en conta que tal número debe aproximarse o máximo posible ó 70 % do total de postos que se elixan. No caso de que dous números presenten idéntica proximidade, optarase polo número inferior.

4.- Serán proclamados candidatos electos aqueles que obteñan o maior número de votos.

5.- No caso de perda da condición de claustral ou demisión dalgún membro elixido en representación do Claustro, deberá procederse a unha nova votación.

Sección 2ª: Da representación na Xunta de Goberno

Artigo 33. Representación na Xunta de Goberno

1.- A representación do Claustro na Xunta de Goberno estará constituída por 25 claustrais elixidos polo sector correspondente de entre os seus membros, de forma que se garanta a presencia dos campus de Santiago e Lugo en cada sector coa seguinte composición: 4 profesores; 2 axudantes; 14 estudiantes, dos que 3 serán do terceiro ciclo e 5 membros do persoal de administración e servicios.

2.- No sector de alumnos serán elixidos os once candidatos máis votados de primeiro e segundo ciclos, e os tres do terceiro ciclo que obtivesen o maior número de votos.

Sección 2ª: Da Comisión Electoral

Artigo 34.

A Comisión Electoral é o órgano encargado de regula-los procesos electorais e de resolve-las reclamacións, impugnacións ou calquera outra cuestión que se suscite nos procesos electorais relativos a órganos de goberno.

Artigo 35. Composición

A Comisión Electoral, de acordo co establecido no artigo 63.3 dos Estatutos, estará composta por:

a) O rector, ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

b) Cinco profesores, procurando que polo menos tres teñan coñecementos xurídicos.

c) Dous axudantes.

d) Tres estudiantes, dos que un será do terceiro ciclo.

e) Dous membros do persoal de administración e servicios.

Artigo 36.

1.- Os membros elixibles da Comisión Electoral serán elixidos polos claustrais do respectivo sector.

2.-No sector de estudiantes serán elixidos os dous candidatos máis votados de primeiro e segundo ciclos, e o de terceiro ciclo que obtivese o maior número de votos.

3.- O rector ou persoa en quen delegue, será o presidente da Comisión Electoral e terá voto de calidade. A Comisión elixirá un secretario de entre os seus membros.

CAPÍTULO V

DAS COMISIONS DELEGADAS DO CLAUSTRO

Artigo 37. Comisións delegadas

Sen prexuízo das comisións específicas creadas polo Claustro, na forma que determine, para tratar temas concretos, crearanse as seguintes comisións estables do Claustro da Universidade:

a) Comisión de Organización Docente.

b) Comisión de Investigación.

c) Comisión de Asuntos Económicos.

d) Comisión de Actividades Culturais.

Artigo 38. Competencias das comisións

1.- Son competencias das comisións estables: a emisión de propostas concordantes coa súa natureza, que deberán ser deliberadas polo órgano correspondente, así como a emisión de informes, a recepción de información por parte dos órganos unipersoais de goberno relacionados coa súa natureza e a formulación de acordos sobre aqueles asuntos expresamente delegados polo presente Regulamento.

2.- A Comisión de Organización Docente asume por delegación do Pleno do Claustro, a competencia de ratifica-la concesión do grao de doutor honoris-causa e mailo informe sobre os programas de estudios e as súas revisións, a que fai referencia o artigo 123.2 dos Estatutos.

3.- A Comisión de Asuntos Económicos asumirá as funcións de control das contas da Universidade establecida no artigo 161.2 dos Estatutos.

Artigo 39. Elección de membros das comisións

1.- Os membros das Comisión Estables serán elixidos polos correspondentes sectores do Claustro Universitario de entre os que figuran nunha lista única presentada pola Mesa do Claustro, para o cal é de aplicación o disposto no artigo 32 deste Regulamento.

2.- Para a elección de profesores, axudantes e estudiantes, a candidatura deberá indica-la área así como o campus no que presta os seus servicios o candidato. Para estes efectos considéranse áreas as seguintes: Ciencias socias, humanidades, ciencias experimentais, ciencias da saúde e tecnoloxías.

Artigo 40. Funcionamento

1.- As comisións estables elixirán un presidente e un secretario de entre os seus membros.

2.- As sesións das comisións estables celebraranse en días administrativamente hábiles polo menos unha vez por trimestre académico. Serán convocadas polos respectivos presidentes por escrito coa antelación prevista para a convocatoria do Claustro. O presidente deberá convoca-las sesións tras previa iniciativa dun tercio dos seus membros.

3.- As comisións estables entenderanse validamente constituídas pola metade máis un dos seus membros en primeira convocatoria, ou un tercio en segunda convocatoria, sempre que teñan representados polo menos dous sectores. Os seus acordos, informes e propostas serán adoptadas por maioría simple, sendo preciso que na votación exista o quorum antes referido, e serán trasladados á Mesa do Claustro, que, en todo caso, os fará chegar a tódolos claustrais.

Artigo 41. Comisión de Organización Docente

A Comisión de Organización Docente estará integrada por:

a) 10 profesores, que aseguren a representación das distintas áreas relacionadas no artigo 39.2

b) 1 axudante.

c) 5 estudiantes de lº e 2º ciclos que garantan a representación das distintas áreas, e un estudiante do 3º ciclo.

d) Un membro do persoal de administración e servicios.

Artigo 42. Comisión de investigación

A Comisión de Investigación estará integrada por:

a) 11 profesores, que aseguren a representación das distintas áreas relacionadas no artigo 39.2.

b) 2 axudantes, que non deberán pertencer á mesma área.

c) 2 estudiantes de lº e 2º ciclos e 2 estudiantes do terceiro ciclo que non deberán pertencer á mesma área

d) Un membro do persoal de administración e servicios.

Artigo 43. Comisión de Asuntos Económicos

A Comisión de Asuntos Económicos estará integrada por:

a) 10 profesores, que garantan a representación dos Campus de Lugo e Santiago.

b) Un axudante.

c) 3 estudiantes de lº e 2º ciclos e un estudiante do terceiro ciclo.

d) 3 membros do persoal de administración e servicios.

Artigo 44. Comisión de Actividades Culturais

A Comisión de Actividades Culturais estará integrada por:

a) 6 profesores que garantan a representación dos Campus de Lugo e Santiago.

b) 3 axudantes.

c) 6 estudiantes, dos que un será do terceiro ciclo, que garantan a representación dos campus de Lugo e Santiago.

d) 3 membros do Persoal de Administración e Servicios.

CAPÍTULO VI - DA REFORMA DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DO CLAUSTRO

Artigo 45.

1.- A iniciativa para a reforma do Regulamento de Réxíme Interno corresponde ó vintecinco por cento dos membros do Claustro, ou ben por acordo do propio Claustro.

2.- As propostas deberán estar debidamente articuladas e motivadas, e serán dirixidas á Mesa do Claustro, que as comunicará ós claustrais e abrirá un prazo para a presentación de emendas, que deberán vir asinadas polo menos por 10 claustrais.

3.- O debate da reforma do Regulamento terá lugar nunha sesión extraordinaria do Claustro.

4.- O novo texto incorporando as modificacións será remitido como texto refundido a tódolos membros do Claustro.

5.- Ó disposto nos apartados 2 e 3 serán aplicable tamén o procedemento de reforma dos Estatutos.

 

DISPOSICION FINAL

O presente Regulamento entrará en vigor o día seguinte da súa aprobación polo Pleno do Claustro, co cal quedará derogado o Regulamento aprobado o catro de febreiro de 1987.