Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normativa derrogada  »  Normativa de desenvolvemento da disposición transitoria terceira da lei 27/1994, sobre reincorporación de profesores xubilados (Xunta de goberno do 22 de decembro de 1994)
NORMATIVA DEROGADA

NORMATIVA DE DESENVOLVEMENTO DA DISPOSICIÓN TRANSITORIA TERCEIRA DA LEI 27/1994, SOBRE REINCORPORACIÓN DE PROFESORES XUBILADOS

(XUNTA DE GOBERNO DO 22 DE DECEMBRO DE 1994)

A Lei 27/1994, do 29 de setembro, modificou a idade de xubilación dos funcionarios docentes universitarios, ampliándoa ata os setenta anos previa opción do interesado.

Pola súa banda, a Disposición Transitoria Terceira do antedito texto legal, establece como novidade, a posibilidade de que tódolos funcionarios docentes que no intre de entrada en vigor da Lei (30 de setembro de 1994) se atopasen xubilados e teñan menos de setenta anos de idade, poidan ser contratados como Profesores Eméritos no prazo e xeito que se estableza regulamentariamente.

En consecuencia, e de conformidade coa antedita Disposición Transitoria Terceira cómpre establece-los criterios regulamentarios para a incorporación destes profesores á docencia universitaria da Universidade de Santiago de Compostela.

ARTIGO 1.- ÁMBITO DE APLICACIÓN

Os funcionarios de Corpos Docentes Universitarios que o 30 de setembro de 1994 se atopen xubilados por cumpri-la idade de 65 anos e teñan menos de 70, poderán solicitar, a instancia de parte, que a Universidade de Santiago os contrate como Profesores Eméritos.

Non será de aplicación a presente normativa a aqueles funcionarios docentes que se atopen xa con un contrato de profesor emérito.

ARTIGO 2.- PRAZO DE SOLICITUDES

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Universidade con anterioridade á iniciación do novo curso académico, preferentemente antes da data de aprobación do Plano de Organización Docente.

Os efectos do contrato serán dende o inicio do curso académico seguinte ó da solicitude.

ARTIGO 3.- PROCEDEMENTO

A Universidade de Santiago, recibida a petición, remitirá para informe á Comisión Académica do Consello de Universidades, previa a declaración de Profesor Emérito.

A declaración de Profesor Emérito estará condicionada, en todo caso, a existencia de dotación presupuestaria.

ARTIGO 4.- RÉXIME

A declaración de Profesor Emérito implicará a constitución dunha relación de emprego de carácter temporal coa retribución que fixe a Xunta de Goberno e que, en todo caso, será compatible coa percepción da súa pensión de xubilación.

O réxime xurídico dos profesores Eméritos será o establecido no Real Decreto 898/1985, do 30 de abril (B.O.E. de 19 de xuño) e normativa complementaria.

ARTIGO 5.- CONTRATO

O contrato formalizarase por escrito segundo o modelo existente, terá carácter temporal e naturaleza administrativa.

ARTIGO 6.- DURACIÓN

A duración inicial do contrato daquelas persoas que solicitasen ser contratadas como eméritos, ó abeiro da Disposición Transitoria Terceira da Lei 27/1994, extinguirase automáticamente ó remate do curso académico en que o Profesor Emérito cumpra os 70 anos, sen prexuízo de que se poidan conceder prórrogas expresas e por tempo determinado.

O procedemento a efectos de concesión da prórroga será o establecido no Real Decreto 898/1985 do 30 de abril. Para a concesión da prórroga terase en conta a capacidade docente e investigadora do interesado e o previo informe do Departamento Universitario ó que pertenza.

ARTIGO 7.- EFECTOS DO NOMEAMENTO

Non obstante a extinción da relación contractual, a condición de Profesor Emérito adquirida ó abeiro desta Normativa, será vitalicia para efectos honoríficos.

ARTIGO 8.- VACANTES

A designación como Profesor Emérito non alterará a vacante producida anteriormente pola xubilación no Corpo Docente no que se atopaba en activo.

ARTIGO 9.- NÚMERO MÁXIMO DE EMÉRITOS

Os profesores Eméritos contratados en virtude desta Normativa non computarán para os efectos da porcentaxe máxima establecida no artigo 22.8 do Real Decreto 898/1985, do 30 de abril pero só na duración inicial do contrato, computando para os efectos das posibles prórrogas.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

Excepcionalmente e para o curso 94-95, os afectados polo ámbito de aplicación da Disposición Transitoria Terceira da Lei 27/1994 e do presente Acordo, poderán solicitar a súa incorporación como Profesores Eméritos durante o Curso Académico 1994-1995 que será aprobada por Resolución Rectoral, e impartirán a docencia que lles encargue a Dirección do Departamento.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Normativa entrará en vigor ó día seguinte ó de aprobación pola Xunta de Goberno da U.S.C.