Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normativa derrogada  »  R. R. 19-04-05 pola que se aplica o protocolo para a valoración de expedientes académicos
RESOLUCIÓN REITORAL DO 19 DE ABRIL DE 2005, POLA QUE SE APLICA NA USC O PROTOCOLO DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA E AS UNIVERSIDADES DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, A CORUÑA E VIGO PARA A VALORACIÓN DE EXPEDIENTES ACADÉMICOS.

 

As Normas de Xestión Académica establecen no seu artigo 18 o sistema de valoración de expedientes, normas que foron desenvolvidas pola Resolución Reitoral do 20 de marzo de 2003 sobre valoración de expedientes na Universidade de Santiago de Compostela.
A necesidade de unificar no Sistema Universitario de Galicia o sistema de valoración de expedientes para procesos competitivos, levou a asinar con data do 21 de febreiro un Protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos, que foi publicado no DOG o 23 de marzo de 2005 e ratificado polo Consello de Goberno da USC o 30 de marzo de 2005.
Neste Protocolo establécese un criterio de valoración de expedientes “que será aplicable a todos os procedementos que as institucións asinantes deste protocolo convoquen, así como a todas as convocatorias que a Consellería publique, e que pretende facerse extensivo a todas as convocatorias que convoque a Xunta de Galicia e outros organismos da Comunidade Autónoma Galega...”
En cumprimento deste acordo asinado e ratificado polo Consello de Goberno da USC, procede derrogar a devandita Resolución Reitoral do 20 de marzo de 2003 e substituír os seus criterios polos establecidos no citado Protocolo.
Por todo o anterior, esta Reitoría Resolveu establecer, de conformidade co Protocolo do 21 de febreiro de 2005, os seguintes criterios para a valoración de expedientes académicos:

ARTIGO 1.- REGRA XERAL

Todos os procedementos que a Universidade de Santiago convoque seguirán o sistema de cálculo de notas medias establecido na presente Resolución, que supón a aplicación do Protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos asinado o 21 de febreiro de 2005 (DOG o 23 de marzo de 2005) e ratificado polo Consello de Goberno da USC o 30 de marzo de 2005.

 

Poderán aplicarse outras medias sempre que veñan impostas por outras normas ou convocatorias alleas á USC e ás institucións asinantes do Protocolo.

 

ARTIGO 2.- TIPOS DE MEDIAS
Establécense os seguintes tipos de valoración de expedientes de alumnos na USC:
a) Para os expedientes que vaian surtir efectos no Sistema Universitario de Galicia (SUG):
Nota Media MEC: establecida polo Ministerio de Educación e Ciencia aos efectos da obtención de bolsas e calculada segundo estableza a devandita institución.
Nota Media Simple: nota media obtida considerando exclusivamente as convocatorias efectivamente consumidas.
Nota Media Global: nota media obtida considerando as convocatorias totais.
Nos expedientes académicos do alumnado do SUG figurará a nota media simple. A petición do interesado, ou para os efectos de convocatorias do MEC ou doutras convocatorias poderanse certificar calquera das outras dúas medias.
Nos procesos de concorrencia competitiva convocados pola USC será prioritario o uso da nota media simple. A nota media global só se utilizará con carácter excepcional.
b) Para os expedientes que non vaian surtir efectos no SUG:
­     Media de expediente, segundo o RD 1497/1987, modificado polo RD 1267/1994, ou polo sistema establecido no RD 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. 
ARTIGO 4.- FORMA DE CÁLCULO E CRITERIOS NAS NOTAS MEDIAS DO SUG
1.- DENOMINACIÓNS
Entenderase por:
  • Convocatorias efectivamente consumidas: aquelas convocatorias realmente empregadas e cualificadas con “suspenso, aprobado, notable, sobresaliente, matrícula de honra” ou os seus equivalentes numéricos.
As materias validadas ou adaptadas tomaranse como unha convocatoria efectivamente consumida.
·        Convocatorias totais: total de convocatorias ás que tivera dereito o/a alumno/a, é dicir, tanto as efectivamente consumidas coma aquelas en que conste no seu expediente como “non presentado”, “renuncia” ou “pendente de cualificar”.
2.- SISTEMA DE CÁLCULO
Calcularase de acordo co seguinte baremo:
  • Matrícula de honra: 4 puntos
  • Sobresaliente: 3 puntos
  • Notable: 2 puntos
  • Aprobado: 1 punto
  • Suspenso: 0 puntos
No caso de expedientes con cualificacións non numéricas ou numéricas establecidas no rango 0-10, estas cualificacións trasladaranse ao baremo anterior segundo o seguinte criterio de conversión:
·        Cualificación < 4,9 : Suspenso : 0 puntos
·        Cualificación entre 5,0 e 6,9 : Aprobado : 1 punto
·        Cualificación entre 7,0 e 8,9 : Notable : 2 puntos
·        Cualificación entre 9,0 e 10,0 : Sobresaliente : 3 puntos
·        Cualificación entre 9,0 e 10,0 e consignación de matrícula de honra : 4 puntos
3.- CRITERIOS
1) Para a valoración da nota media do expediente académico teranse en conta a seguintes regras:
a) Estudos non organizados por créditos:
Multiplicaranse as cualificacións de cada materia, establecidas segundo o disposto no apartado anterior, por 2 se se trata de materias anuais ou do proxecto fin de carreira, e por 1 se se trata de materias cuadrimestrais. Deseguido, a suma de todos eses produtos dividirase entre a suma dos produtos do número de convocatorias de cada materia por 2 se se trata de materias anuais ou, de ser o caso, do proxecto fin de carreira, e por 1 se se trata de materias cuadrimestrais. A cifra resultante desta división será a media do/a alumno/a.
b) Plans de estudos estruturados por créditos:
Media= (N1.P1+N2.P2+...)/(C1.N1+C2.N2+...). Onde:
  • N1= número de créditos de cada materia.
  • P1= puntuación de cada materia.
  • C1= número de convocatorias en cada materia.
2) Non se terán en conta, para o cálculo da nota media, as materias ou créditos que segundo os plans de estudos só se poidan cualificar como apto, nin o recoñecemento de créditos en que non figure cualificación. Si se terán en conta para os efectos de determinar os créditos necesarios para obter a titulación.
3) Os complementos de formación computaranse do mesmo xeito ca as restantes materias.
4) As materias ou créditos validados nos que non se especifique a cualificación obtida tomarán o valor numérico 1.
5) Os proxectos de fin de carreira nos plans estruturados en créditos computarán polo número de créditos que teñan asignados no plan de estudos. Se son plans non estruturados en créditos terán a consideración de materia anual.
6) As materias ou créditos que se terán en conta para o cálculo das notas medias serán as/os seguintes:
a) Alumnos/as que non completaron os estudos: créditos totais cursados, superados ou non superados, adaptados ou validados da titulación. Non se computarán as materias das que estean matriculados e pendentes de cualificación ou recoñecemento de estudos.
b) Alumnos/as que completaron os estudos: todas as materias necesarias para obter a titulación. En todo caso, as materias cursadas unha vez efectuado o depósito para a expedición do título non se computarán para estes efectos. Neste caso, de teren superados máis créditos optativos ou de libre elección dos necesarios para completar os estudos farase unha prelación destes créditos de maior a menor cualificación e desprezándose destes últimos as materias que excedan das necesarias para obter a titulación.
7) Cando se proceda á adaptación íntegra dun primeiro ciclo por telo superado noutro plan de estudos (das universidades do SUG ou doutra universidade), procederase ao cálculo da nota media dese primeiro ciclo de acordo co seu expediente, e a nota media do segundo ciclo obterase conforme aos criterios establecidos neste acordo. Para obter a media total do expediente farase a media ponderada entre o primeiro e o segundo ciclo, utilizando como coeficiente de ponderación os créditos cursados en cada ciclo. Se o primeiro ciclo foi cursado nun plan non estruturado en créditos establécese como coeficiente de ponderación 180 créditos.
8) As notas medias calcularanse cunha aproximación de catro decimais.
ARTIGO 5.- PUBLICIDADE
Os alumnos poderán solicitar que a súa certificación incorpore a nota media do expediente. Por defecto incluirase o cálculo da nota media simple.
Nas certificacións nas que conste a nota media indicarase o tipo de media (MEC, simple ou global) e expresarase que a media se calcula conforme ao Protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos (DOG do 23 de marzo de 2005).
No caso de que a certificación vaia surtir efectos fóra da Comunidade Autónoma Galega indicarase expresamente que a media se calcula segundo o RD 1497/1987, modificado polo RD 1267/1994, ou segundo o sistema establecido no RD 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.
 
DISPOSICIÓN DERROGATORIA.
 
Queda derrogada a Resolución Reitoral do 20 de marzo do 2003, sobre valoración de expedientes na Universidade de Santiago de Compostela.

 

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2005.

 

O REITOR

  

Senén Barro Ameneiro