ESTABLECEMENTO DUN SEGURO OBRIGATORIO PARA OS ESTUDIANTES NON CUBERTOS POLO SEGURO ESCOLAR
Acordo do Consello de Goberno do 20 de xuño de 2005
O seguro escolar obrigatorio é o sistema ordinario de protección ao alumnado. Sen embargo, as normas que o regulan corresponden a unha época na que as funcións e actividades das universidades eran moito máis reducidas e non abranguen todas as situacións actuais. Deste xeito, non todos os alumnos que estudan na universidade se encontran protexidos por este seguro debido a que poden estar inscritos en estudos ou actividades académicas non incluídas no seu ámbito de aplicación, ou ben porque superan a idade de cobertura de dito seguro, algo cada día máis frecuente nos estudantes que pretenden un aprendizaxe ao longo de toda a vida.
De modo resumido, os alumnos que están protexidos polo seguro escolar obrigatorio son unicamente os de matrícula ordinaria en 1º, 2º e 3º ciclo e a maioría dos de intercambio interuniversitario que non superan os 28 anos. Pola contra no apartado dos alumnos sen cobertura do seguro escolar obrigatorio estarían:
- Os alumnos de máis de 28 anos de matrícula ordinaria de 1º, 2º e 3º ciclo
- Os alumnos de matrícula extraordinaria
- Os alumnos visitantes
- Os alumnos de intercambio
- Os alumnos de titulacións de Graduado Superior
- Os alumnos de 4º ciclo
- Os alumnos dos títulos propios de Máster, Especialista e formación continua
- Os alumnos do I.C.E., Centro de linguas Modernas, e Instituto de Criminoloxía.
- Os alumnos doutros estudos: curso de nivelación da Diplomatura en Educación Social, etc.
- Os alumnos inscritos en actividades académicas de curta e moi curta duración (congresos, seminarios, proba de conxunto)
Non obstante o anterior, pese a que nalgúns destes estudios non están amparados polo seguro escolar ordinario, a USC obriga a subscribir un seguro privado que cubra os riscos da súa actividade escolar e os protexan fronte a accidentes ou outras continxencias.
Por outra banda os alumnos protexidos polo seguro escolar obrigatorio teñen a posibilidade de ampliar a cobertura co seguro complementario e voluntario "cum laude". Este seguro é de xestión directa por parte da compañía aseguradora, limitándose a USC exclusivamente a facilitar o impreso de liquidación.
Faise necesario así que todos os alumnos da USC teñan sempre e en todo caso a cobertura dun seguro que os ampare fronte a continxencias por accidente escolar. O termo de accidente escolar debe ser entendido en sentido amplo, baseándose nas definicións da normativa do seguro escolar obrigatorio, como o accidente producido por toda actividade directa ou indirectamente relacionada ca súa condición de estudante, incluso as actividades deportivas ou de representación, sempre que sexan organizadas ou autorizadas polo centro docente.
Proponse así normalizar e regularizar o relativo á cobertura obrigatoria de riscos por accidentes exceptuando, soamente, aos alumnos que acrediten unha cobertura de riscos de accidentes válida durante o período que dure a súa relación coa USC, ben por estar protexidos polo seguro escolar obrigatorio ou por ter subscrito o seguro obrigatorio de accidentes noutros estudos ou actividades da USC.
O custe deste seguro, perfectamente asumible para os alumnos, garante a cobertura fronte a riscos derivados da súa actividade como discente
O seguro privado tamén pode ofrecerse como voluntario para os alumnos que o soliciten, sen prexuízo das incompatibilidades en materia de prestacións que estean establecidas. Así mesmo poderían incluírse melloras voluntarias para todo o estudantado, tales como indemnizacións en caso de accidente, etc.
Por último convén regular a xestión deste seguro escolar así como a relación cos alumnos de xeito que teñan acreditación do pagamento do seguro e das coberturas que implica.
Por todo o anterior, o Consello de Goberno, na súa reunión do 20 de xuño de 2005, adoptou o seguinte ACORDO:
Primeiro.-
Os estudantes de primeiro, segundo e terceiro ciclo da Universidade de Santiago de Compostela deberán estar amparados por un seguro. No caso que estes estudantes non estean no ámbito de protección do seguro escolar obrigatorio deberán subscribir un seguro privado que cubra semellantes prestacións e cubra as posibles continxencias.
Segundo.-
Os estudantes da Universidade de Santiago de Compostela que realicen estudios de Posgrao, Graduado Superior, Práctica Xurídica, CC Criminolóxicas e Seguridade Pública, Certificado de Aptitude Pedagóxica, Centro de Linguas Modernas, Cursos de nivelación e Cuarto Ciclo deberán estar amparados por un seguro privado que cubra as continxencias derivadas da súa actividade académica, agás que xustifiquen estar no ámbito de aplicación dun seguro obrigatorio.
Terceiro.-
O abono do seguro realizarase dunha soa vez coa liquidación inicial da matrícula, sen que exista ningún tipo de exención ou redución pola natureza do solicitante.
A xestión deste seguro corresponderá á empresa adxudicataria do mesmo, que deberá outorgar un xustificante do pago no que se conteña as principais coberturas e o sistema xeral de información aos usuarios.
Corresponde ao Servizo de Xestión Académica, e ás Unidades de Xestión Académica del dependentes, verificar o pagamento do dito seguro por parte dos alumnos, facilitando os impresos e enviándoos, unha vez aboado o importe, á empresa xestora do seguro. Correspóndelle ás Unidades de Xestión Académica a verificación da non necesidade de pagamento do seguro privado nos casos en que os alumnos xustifiquen estar no ámbito dun seguro obrigatorio. A resolución de incidencias por esta causa corresponderá ao Servizo de Xestión Académica.
Cuarto.-
O presente acordo entrará en vigor para a matrícula do curso 2005-06. As convocatorias e publicidade dos estudos dese curso deberán conter a referencia a este acordo e ao custo do seguro escolar obxecto do mesmo.