Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normativa derrogada  »  Realización de Traballos de Carácter Científico, Técnico ou Artístico e Desenvolvemento de Cursos de Especialización
NORMATIVA DEROGADA

REGULAMENTO PARA A REALIZACIÓN DE TRABALLOS DE CARÁCTER CIENTÍFICO, TÉCNICO OU ARTÍSTICO E DESENVOLVEMENTO DE CURSOS DE ESPECIALIZACIÓN (1)

(XUNTA DE GOBERNO 3 DE ABRIL DE 1990)

BASES LEGAIS

O presente regulamento baséase nas seguintes disposicións legais:

-Artigos 11 e 45.1 da Lei Orgánica de Reforma Universitaria (Lei 11/1983 do 25 de agosto, B.O.E. do 1 de setembro).

-Real Decreto 1930/1984 do 10 de outubro, polo que se desenvolve o dito artigo 45.1 (B.O.E. do 5 de novembro) e a sua modificación no Real Decreto 1450/1989 (B.O.E. do 5 de decembro de 1989).

-Artigos 124 a 130 e 191 a 194 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela. (Decreto 204/1985 do 19 de setembro, D.O.G. do 31 de outubro de 1986).

-Lei 53/1984 de Incompatibilidades do Persoal ó Servicio das Administraciones Públicas, do 26 de decembro de 1984, (B.O.E. do 4 de xaneiro de 1985).

OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

Artigo 1.- Obxecto

Os profesores da Universidade de Santiago, sexa cal fose o seu réxime de dedicación poderán realizar traballos de carácter científico, técnico ou artístico, así como participar e organizar cursos de especialización ós que se refire o artigo 11 da L.R.U.

O Persoal de Administración e Servicios da Universidade poderá colaborar na realización dos traballos contemplados neste regulamento, segundo as normas de "Colaboración do PAS en convenios e cursos" aprobado pola Xunta de Goberno o 11 de maio de 1989.

Os alumnos dos dous últimos cursos de Facultades e Escolas Técnicas Superiores poderán, así mesmo, participar nos traballos de investigación segundo o regulamento de "Participación dos estudiantes en proxectos de investigación", aprobado pola Xunta de Goberno o día 29 de xuño de 1989.

Artigo 2.- Ámbito

1.- Os traballos ós que se fai referencia neste regulamento son os seguintes:

a) Realización de traballos contratados por Profesores, Departamentos ou Institutos Universitarios con organismos ou entidades públicas ou privadas, ou persoas físicas, que supoñan exclusivamente a elaboración dun informe técnico, asesoramento ou a realización de ensaios de homologación, controles de calidade, etc. En adiante referiranse como "INFORMES".

b) Realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico contratados por Profesores, Departamentos ou Institutos Universitarios con organismos ou entidades públicas ou privadas. (Empresas, CEE, Xunta de Galicia, Deputación, Concellos, etc.) ou con persoas físicas, que de agora en adiante denominaremos "CONTRATOS".

c) Desenvolvemento de Cursos de Especialización contratados con entidades públicas ou privadas, persoas físicas, ou con cargo a matrículas, organizados por Profesores, Departamentos ou Institutos Universitarios, que de agora en adiante denominaremos "CURSOS" .

2.- Quedan expresamente excluídos deste regulamento:

a) Os contratos que realicen os Profesores para a publicación dos seus libros traballos ou traduccións científicas ou técnicas ou para a preparación de orixinais destinados a publicación.

b) Calquera tipo de premio obtido por un Profesor Universitario.

c) A presentación a un concurso público sexa de ideas, de anteproxectos, ou de obras, incluíndo o propio proxecto. No caso de adxudicación realizarase o correspondente contrato segundo o previsto neste Regulamento.

d) As actividades profesionais ordinarias dos Profesores acollidos ó réxime de dedicación a tempo parcial, agás das que supoñan a utilización de medios, instalacións ou servicios da Universidade. En calquera caso, para realizar estas actividades deberá solicitarse a correspondente compatibilidade, segundo o disposto na Lei de Incompatibilidades do Persoal ó Servicio das Administracións Públicas.


(1) Por Acordo da Xunta de Goberno do 22-XII-98 se acordou traslada-las competencias e funcións da Comisión de Cursos e Convenios delegadas pola Xunta de Goberno e recollidas no Regulamento para a Realización de Traballos de Carácter Científico, Técnico ou Artístico e Desenvolvemento de Cursos de Especialización e na Normativa de nomeamento de bolseiros propios a cargo de convenios e contratos de investigación suscritos pola Universidade de Santiago de Compostela ó Consello de Administración do CITT, quen asegurará na súa composición a oportuna representación ou apreciación das diferentes áreas científico-técnicas da USC. En caso de que se considere oportuno, o CITT poderá recabar información de expertos nun área concreta que lle axude a toma-las súas decisións.