Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normativa derrogada  »  Realización de Traballos de Carácter Científico, Técnico ou Artístico e Desenvolvemento de Cursos de Especialización - Disposicións Xerais dos Informes. Disposición Final

NORMATIVA DEROGADA

Realización de Traballos de Carácter Científico, Técnico ou Artístico e Desenvolvemento de Cursos de Especialización - Disposicións Xerais dos Informes. Disposición Final

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 3.- Autorización e Compatibilidade

1.- Para a realización dos CONTRATOS e CURSOS referidos no artigo 2.1.b) e c), os Profesores deberán obte-la correspondente compatibilidade.

2.- Para a realización dos INFORMES referidos no artigo 2.1.a), a solicitude de compatibilidade poderase realizar "a posteriori".

3.- As compatibilidades poderanse obter:

a) Por autorización de realización dun CONTRATO ou CURSO pola comisión de Cursos e Convenios que leva implícita a autorización de compatibilidade.

b) Cando o asinante do CONTRATO ou CURSO sexa o Sr. Rector, a compatibilidade concederase automáticamente.

4.- A autorización dunha actividade será denegada:

a) Cando os INFORMES, CONTRATOS ou CURSOS non teñan o nivel científico, técnico, ou artístico esixible ó Profesorado Universitario.

b) Cando a participación nestas actividades poidan ocasionar un prexuízo certo do labor docente ou cando impliquen actuacións impropias dun Profesor Universitario.

c) Cando o tipo de traballo estea atribuído en exclusiva a determinados profesionais en virtude de disposición legal e o Profesor contratante careza do correspondente título.

d) Cando as obrigas contraídas no contrato impliquen, de feito, a constitución dunha relación laboral estable.

Artigo 4.- Comisión de Cursos e Convenios

A Comisión de Cursos e Convenios estará formada polos seguintes membros, nomeados pola Xunta de Goberno.

a) Presidente: Excmo. Sr. Vicerrector de Investigación.

b) Secretario: O Director do CTT.

c) Un representante da área de Ciencias de Saúde.

d) Un representante da área das Ciencias Matemáticas, Físicas, Biolóxicas e Químicas.

e) Un representante da área de Humanidades.

f) Un representante da área de Ciencias Sociais.

g) Un representante da área Tecnolóxica.

En caso de que a comisión o considere oportuno, poderá recabar información de expertos nun área concreta que lle axude a toma-las súas decisións.

Artigo 5.- Distribución dos ingresos

As cantidades que como concepto de custos indirectos sexan retidas pola Universidade dos INFORMES , CONTRATOS e CURSOS serán destinadas para:

a) A creación dunha rede de infraestructura xeral de investigación e á formación de persoal investigador.

b) A xestión dos mesmos.

c) Alomenos un 30% destas cantidades destinaranse ó financiamento daquelas áreas nas que, pola súa propia natureza, as posibilidades de asinar INFORMES , CONTRATOS ou organizar CURSOS sexan claramente menores.

O Vicerrectorado de Investigación presentará unha memoria anual á Xunta de Goberno onde se exporá a relación de INFORMES, CONTRATOS e CURSOS realizados, así como dos ingresos e o destino dos fondos obtidos por estes conceptos.

Artigo 6.- Xestión económica

A Universidade imputará no seu presuposto de ingresos tódolos dereitos recoñecidos derivados de INFORMES, CONTRATOS e CURSOS, encargándose, a través das súas unidades xestoras do cobramento efectivo dos mesmos.

A administración do contrato xestionarase, no que fai referencia ós gastos de persoal necesariamente a través da Oficina de Proxectos da Universidade; e no resto dos gastos, a través dela ou, se o director do equipo de traballo o considera oportuno, a través da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

Neste último caso, a Universidade xerará no seu presuposto de gastos unha partida específica no capítulo VII por contrato en favor de FEUGA, procedendo ó pagamento da subvención cando se produzan efectivamente os ingresos da entidade contratante. Anualmente, FEUGA renderá contas dos proxectos xestionados onde, en todo caso, figurarán expresamente relacionados os bens inventariables adquiridos ós efectos da súa incorporación ó patrimonio da Universidade.

Artigo 7.- Retribucións

A percepción de retribucións complementarias por parte dos Profesores ou P.A.S. con cargo ós INFORMES, CONTRATOS e CURSOS , así como a do persoal bolseiro e contratado, farase efectiva a través dunha nómina complementaria á xeral da Universidade.

A remuneración que poderá percibir un Profesor universitario por actividades desenvolvidas no marco do presente regulamento será a establecida na norma estatal básica (actualmente non pode superar anualmente o resultado de incrementar no 50 por 100 a retribución correspondente á máxima categoría docente-académica en rexime de dedicación a tempo completo por tódolos conceptos retributivos). As cantidades que, en virtude deste límite, non poidan ser percibidas polos Profesores pasarán a incrementa-las destinadas ó Departamento ou Instituto Universitario correspondente.

Artigo 8.- Contratacións

O Director do traballo obxecto do INFORME, CONTRATO ou o director do CURSO poderán, durante o período de realización previsto:

a) Solicitar da Universidade o nomeamento de estudiantes como Bolseiros de Investigación.

Para tal efecto consideraranse alumnos do terceiro ciclo tódalas persoas licenciadas que se atopen realizando Tese de Doutoramento ou Tesiña de Licenciatura ó abeiro do artigo 177 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

b) Propoñer á Universidade a contratación con persoas físicas ou xurídicas alleas á Uiversidade daqueles servicios que considere conveniente para a realización da actividade.

c) Propoñer á Universidade o nomeamento de Persoal Colaborador ós Profesores ou P.A.S. que vaian percibir remuneración pola súa participación no traballo previsto.

Artigo 9.- Arquivo

No arquivo do CTT da Universidade figurará unha copia de todolos INFORMES, CONTRATOS e CURSOS asinados pola Universidade afectados polo presente regulamento.

DOS INFORMES

Artigo 10.- Tramitación

As propostas para a realización de INFORMES no modelo normalizado que figura no ANEXO I serán presentadas no CTT da Universidade quen tras informalas, enviarallas á Comisión de Cursos e Convenios para a súa aprobación "a posteriori".

O Director do traballo, asesorado no seu caso polo CTT determinará a taxa que se cobrará por cada informe.

Artigo 11.- Gastos

O presuposto de gastos debe incluír, en todo caso, os apartados seguintes:

a) Gastos materiais ocasionados pola realización do traballo contratado, incluindo a parte proporcional da amortización dos equipos empregados.

b) Gastos ocasionados pola contratación de servicios externos á Universidade.

c) Gastos por pagamentos a Bolseiros, Persoal contratado e PAS colaborador.

d) O 10% do importe total do contrato, sen incluír o IVE, será retido pola Universidade en concepto de custos indirectos.

e) Da cantidade resultante de restar ó importe total do contrato os gastos descritos nos apartados a) ó d), un 15% será ingresado no presuposto dos Departamentos ou Institutos Universitarios ós que pertenzan os profesores.

f) A cantidade restante destinarase a pagamentos ó Profesor ou Equipo que realice o traballo.

Artigo 12.- Sinatura

Os INFORMES serán suscritos polo Profesor ou Profesores Universitarios no seu propio nome, previa autorización do Departamento ou Instituto Universitario correspondente.

Artigo 13.- Avaliación final

O Director do traballo enviará, ó remate do mesmo, un informe de resultados para que sexa avaliado e arquivado polo CTT.

DOS CONTRATOS

Artigo 14.- Tramitación

As propostas de realización dos CONTRATOS previstos neste regulamento enviaranse, acompañadas dunha Folla Resumo de CONTRATO (anexo II) debidamente cumprimentada, o CTT da Universidade que, tras informarlas, enviarallas á Comisión de Cursos e Convenios nun prazo de 5 días hábiles. Nun prazo de 30 días hábiles a Comisión poderá declara-la improcedencia da proposta ou formular obxeccións ó abeiro do artigo 3º do presente regulamento.

Artigo 15.- Contido

O contrato asinado debe incluír:

a) O obxecto do mesmo.

b) O prazo para a realización do traballo.

c) O nome do Director ou Directores. Nun anexo tamén poderá figura-la lista das persoas vinculadas ó contrato.

d) O importe do contrato indicando, no seu caso, a distribución temporal dos ingresos.

e) O presuposto de gastos.

f) A memoria detallada dos traballos a realizar, indicando a distribución temporal dos mesmos.

g) Cláusulas de responsabilidade no seu caso.

h) Réxime de dereitos de autor, modelos de utilidade ou de patentes.

Os apartados e) e f) poderanse incluír no contrato, opcionalmente, como anexo técnico.

Artigo 17.- Sinatura

1.- Os CONTRATOS poderán ser suscritos por:

a) O Rector, ou persoa en quen delegue, no nome da Universidade.

b) O Director do Departamento ou Instituto Universitario correspondente, no nome do órgano que dirixe, previo acordo deste.

c) O Profesor ou Profesores Universitarios no seu propio nome, previa autorización do Departamento ou Instituto Universitario correspondente.

Nos casos b) e c) deberase solicita-la autorización previa, de acordo co disposto no artigo 3.

2.- En calquera caso, corresponderá ó Rector a sinatura do contrato cando:

a) A execución do contrato supere o marco estricto dun Departamento ou Instituto Universitario.

b) O importe do contrato supere os dez millóns de pesetas.

c) As cláusulas do contrato prevexan explicitamente que a Universidade como tal, ou o Departamento ou Institutos, incorre en responsabilidade no caso de incumprimento dalgún dos termos.

d) Cando se requira a contratación de persoal non pertencente á Universidade.

Artigo 18.- Avaliación

O Director do traballo enviará, ó remate do mesmo un informe de resultados para que sexa avaliado e arquivado polo CTT. Cando o contrato especifique a realización de informes parciais, deberá tamén ser enviada unha copia dos mesmos ó CTT polo director do traballo.

DOS CURSOS

Artigo 19.- Tramitación

As propostas de realización dos CURSOS previstos neste regulamento enviaranse, acompañadas dunha Folla Resumo de CURSOS (Anexo III) debidamente cumprimentada, ó CTT da Universidade que, tras informalas enviarallas á Comisión de Cursos e Convenios. Nun prazo de 30 días hábiles a Comisión poderá declara-la improcedencia da proposta ou formular obxeccións ó abeiro do artigo 3º do presente regulamento. Cando o curso teña as características de "Curso de Postgrao" o CTT encargarase de efectua-la súa tramitación ó Vicerrectorado de Organización Académica para a súa aprobación ou presentación diante da Xunta de Goberno.

Artigo 20.- Contido

A proposta para a realización do CURSO deberá específicar, en todo caso, o seguinte:

a) Obxecto do Curso e Programa do mesmo, especificando as horas de docencia que se dispensan.

b) Datas previstas de realización.

c) Nome do Director do Curso e dos Profesores e Departamentos ou Institutos Universitarios que organicen o CURSO, con mención das horas lectivas correspondentes a cada Profesor.

d) Presuposto do Curso, especificando os ingresos desglosados. O presuposto realizarase tal como se describe nos artigos 11 e 16 do presente Regulamento.

Artigo 21.- Financiamento

Os CURSOS ós que se refire o artigo 2 apartado c) do presente regulamento poderán financiarse por calquera das canles seguintes:

a) Taxas de matrícula.

b) Subvencións de Entidades, Públicas ou Privadas, ou persoas físicas.

c) Contratos con entidades públicas ou privadas.

Artigo 22.- Avaliación final

O Director do CURSO enviará, ó remate do mesmo, un informe de resultados e unha folla Resumo de CURSO debidamente cumprimentada, para que sea avaliado e arquivado polo CTT.

DISPOSICIÓN FINAL

Facúltase ó Vicerrector de Investigación e mailo Xerente, no ámbito das súas competencias, a dicta-las instruccións precisas para a execución e desenvolvemento deste regulamento.