A L.R.U. creou a figura de Axudante como primeiro tramo da carreira docente, fóra das categorías de profesorado previstas para a Universidade. Desde a súa entrada en vigor téñense posto de manifesto distintos problemas provocados pola definición desta figura: requisitos para acceder a estas prazas, que en certo modo se teñen revelado como máis severos cós esixidos para o acceso a postos de profesorado; esixencia de realización da tese de doutoramento na primeira etapa de contratación, que para moitas metodoloxías ou técnicas resulta excesivamente curto; obriga de realización de estancias noutros centros de investigación ou noutras universidades, non esixida para optar a corpos de funcionario en ningún dos seus niveis; e limitación do tempo de ocupación de prazas de axudante a un máximo de cinco anos para cada candidato, condición que non se dá en ningunha outra figura.
Esta Universidade foi tomando distintas medidas para, no marco da lei, contribuír a paliar estes problemas. Ademais, en acordos de Claustro e de Xunta de Goberno, reiteradamente, foise constatando en feitos a vontade colectiva de, na medida do posible e a proposta dos Consellos de Departamento, dar opción de continuidade en prazas de profesorado ós axudantes que ían rematando os seus contratos.
O proxecto da reforma da LRU redefinía a figura do Axudante e permitía superar aceptablemete os problemas enunciados máis arriba. Entre outras modificacións, contemplábase a posible continuidade dos Axudantes na figura de Profesor Axudante, cunha marxe de cinco anos máis de contratación. A non aprobación desta reforma, coincidindo xa coa finalización dos contratos das primeiras promocións de Axudantes, fai que as distintas Universidades españolas busquen vías particulares de solución ó problema.
Por todo o anteriormente exposto, a Xunta de Goberno acordou:
As prazas de TIT-EU e TIT-UN creadas pola Xunta de Goberno, a proposta dos Consellos de Departamento respectivos, como transformación das correspondentes prazas de Axudantes de 2ª etapa, serán cubertas interinamente de forma automática polos docentes que ocupan as axudantías transformadas.
A transformación terá efectos do día seguinte á finalización do contrato do Axudante de 2ª etapa. A proposta do Consello de Departamento, en atención ás necesidades docentes, poderá facerse con efectos do 1 de outubro seguinte á creación da praza de Profesor Titular correspondente.
Esta forma de provisión directa será de aplicación nesta Universidade, de forma provisoria, ata a entrada en vigor da reforma da LRU; a partir dese momento esta Universidade acomodarase ó previsto na lei como solución á figura de Axudante ou ó seu equivalente.