Artigo 1.- Concepto
O valedor ou valedora da Comunidade Universitaria é a persoa comisionada do Claustro Universitario para a defensa e garantía dos dereitos dos membros da comunidade universitaria recoñecidos nos Estatutos e naquelas disposicións que os desenvolvan.
Artigo 2.- Funcións
1.- O valedor da Comunidade Universitaria exercerá as funcións que este Estatuto lle encomende e as que contemplen as disposicións de desenvolvemento.
2.- Para o exercicio das súas funcións o valedor contará coa asistencia dunha comisión de asesoramento e axuda.
3.-En particular, o valedor supervisará a actuación administrativa da Universidade, coidando de oficio ou a instancia de parte que quede garantido o exacto cumprimento dos dereitos dos membros da comunidade universitaria, para evitar situacións de arbitrariedade. Todo isto sen prexuízo dos recursos e garantías contidas nos Estatutos e na lexislación vixente.
Artigo 3.- Elección
1.-Poderá ser elixido valedor calquera membro da comunidade universitaria con acreditada imparcialidade, prestixio e honestidade. A condición de valedor é incompatible co desempeño de calquera outro cargo de goberno universitario.
2.-O valedor da Comunidade Universitaria será elixido polo Claustro, e non poderá ocupa-lo cargo máis de dous mandatos consecutivos, sendo de aplicación o disposto no artigo 62.3 dos Estatutos.
3.- Resultará elixido aquel candidato ou candidata que obteña o voto favorable da maioría absoluta do Claustro en primeira votación. Se ningún candidato ou candidata acadase maioría absoluta en primeira votación, realizarase unha segunda votación entre os que manteñan a súa candidatura, e resultará elixido quen obteña maior número de votos.
Artigo 4.- Perda da condición
1.- O valedor perderá a súa condición por algunha das seguintes causas:
a) A petición propia
b) Pola renovación total do Claustro que o elixiu
c) Por morte ou incapacidade legal sobrevida
d) Por perda das condicións necesarias para ser elixido
e) Por incumprimento ou deixadez das funcións para as que foi elixido, a través dunha moción de censura da maioría absoluta do Claustro
2.- No caso de cesamento polas causas a) e b), quedará en funcións ata a elección do seu sucesor. Cando o cesamento se produza polas restantes causas quedará en funcións un dos membros da comisión de asesoramento e axuda elixido por esta.
3.- Unha vez que o valedor perda a súa condición, deberá procederse á súa elección na primeira sesión ordinaria do Claustro.
Artigo 5.- Comisión de Asesoramento e Axuda
1.- A Comisión de Asesoramento e Axuda estará integrada por:
2 membros da comunidade universitaria do sector do alumnado
2 membros da comunidade universitaria dos sectores do profesorado e axudantes
2 membros da comunidade universitaria do sector do PAS
2.- Os membros da Comisión serán elixidos polo sector respectivo do Claustro cada vez que este se renove na súa totalidade, na súa primeira sesión ordinaria, podéndose votarlle a un único candidato.
3.- Perderase a condición de membro da Comisión de Asesoramento e Axuda:
A petición propia
Pola renovación total do Claustro que o elixiu
Por morte ou incapacidade legal sobrevida
Por perda das condicións necesarias para ser elixido
Por incumprimento ou deixadez das funcións para as que foi elixido, apreciada polo Claustro
4.- No caso de perda da condición dalgún dos membros, serán substituídos na primeira sesión ordinaria do Claustro.
5.- Os membros da Comisión de Asesoramento e Axuda terán as mesmas garantías establecidas para o valedor neste Estatuto.
Artigo 6.- Funcións da Comisión de Asesoramento e Axuda ó valedor
Son funcións da Comisión de Asesoramento e Axuda ó valedor:
Elixir entre os seus membros a persoa que actuará como valedor en funcións nos supostos das letras c), d) e e) do artigo 4, ata a elección do novo valedor.
Instar ó valedor a apertura de actuacións de oficio cando medien indicios razoables de actuacións contrarias ós dereitos dos membros da comunidade universitaria, que teñan incidencia xeral nela.
Segui-la tramitación das queixas e expedientes a través da información que periodicamente lle facilite o valedor, podendo achegar suxestións sobre o seu desenvolvemento.
Coñece-las causas e motivos para a resolución das queixas e expedientes tramitados, así como as actuacións levadas a cabo no seu cumprimento.
Prestar calquera outra axuda ou asesoramento que lle sexa solicitado polo valedor.
Artigo 7.- Das reunións da Comisión
1.- A Comisión de Asesoramento e Axuda reunirase polo menos unha vez cada mes por convocatoria do valedor e baixo a súa presidencia.
2.- Igualmente deberá ser convocada cando o soliciten polo menos dous tercios dos seus membros debendo reunirse nun prazo non superior a quince días.
Artigo 8.- Dos medios do valedor
1.- Para o desempeño das súas funcións disporá dos medios persoais e materiais que o fagan posible.
2.- O valedor terá a consideración de cargo equivalente ó de vicerrector para os efectos económicos e protocolarios. Igualmente poderá gozar de exención total das súas obrigas docentes ou doutra índole como membro da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 9.- Das garantías do valedor no exercicio da súa función
O valedor non poderá ser expedientado nin sancionado por razón das opinións que formule ou polos actos que realice no exercicio do seu cargo. Así mesmo, non estará sometido a mandato imperativo ningún, nin recibirá instruccións de ningunha autoridade ou órgano de goberno da Universidade.
Artigo 10.- Deber de sixilo
O valedor deberá garda-la confidencialidade dos datos e informacións de carácter persoal ou reservado obtidas no desempeño das súas funcións. En todo caso estes datos poderán ser dados a coñecer ós membros da Comisión de Asesoramento e Axuda, ós que vincula igualmente o deber de sixilo.
Artigo 11.- Procedemento
1.-A actuación do valedor poderá iniciarse de oficio ou mediante queixas formuladas por membros da comunidade universitaria ou persoas que se consideren afectadas por actuacións universitarias. As queixas, tanto individuais como colectivas, formularanse por escrito, no prazo máximo de dous meses lectivos dende que se tivese coñecemento dos feitos que motivan a solicitude de intervención.
2.- O valedor garantirá a confidencialidade en relación á identidade das persoas que presenten queixas.
3.- Recibida unha queixa, darase contestación motivada sobre a súa admisión ou non a trámite no prazo máximo de quince días.
4.- O valedor non poderá entrar no exame das queixas relativas a materias que estean sometidas a procesos xudiciais ou sobre as que penda un expediente administrativo sancionador.
5.- Admitida a queixa, o valedor promoverá a oportuna investigación para o esclarecemento dos feitos que a motivaron.
6.- O procedemento rematará mediante un dictame ou informe, no que mostrará o seu parecer sobre a queixa presentada, e facendo as recomendacións que considere pertinentes sobre o xeito de actuar de órganos, membros ou servicios da Universidade de Santiago.
7.- Así mesmo, o valedor, de oficio, poderá realizar informes sobre aquelas materias universitarias que considere oportuno. Tamén poderá formular recomendacións perante outros órganos ou administracións públicas a través do rector.
8.- As decisións do valedor en ningún caso poderán modifica-los actos e resolucións da Administración pública universitaria. Tampouco serán susceptibles de recurso nin de impugnación xudicial.
9.- Cando das actuacións practicadas se desprenda que a queixa foi orixinada polo abuso, arbitrariedade, discriminación, erro, neglixencia ou omisión dun órgano ou membro da comunidade universitaria, o valedor presentaralle un informe ó rector para que tome as medidas adecuadas para o restablecemento da situación perturbada.
Artigo 12.- Deber de colaboración
1.-Tódolos órganos e membros da comunidade universitaria están obrigados a auxilia-lo no exercicio das súas funcións. O valedor poderá esixir dos responsables ou encargados dos distintos servicios da Universidade a exhibición de tódolos documentos ou datos que considere necesario coñecer para o desenvolvemento máis eficaz da súa función.
2.- Igualmente tódolos órganos e membros da comunidade afectados deberán informar ó valedor das actuacións levadas a cabo en cumprimento das recomendacións do valedor contidas nos seus dictames ou informes.
3.- Os incumprimentos do deber de colaboración por parte de órganos ou membros da comunidade universitaria, ademáis de seren comunicados ó rector para que tome as medidas oportunas, deberán facerse constar no informe anual do valedor.
Artigo 13.- Do informe anual
O valedor dará conta anualmente ó Claustro Universitario da xestión feita nun informe que presentará ante el na primeira reunión que se convoque ó comenza-lo novo curso académico.
Artigo 14.- Reforma do Estatuto do valedor
A iniciativa de reforma parcial ou total deste Estatuto corresponde a un tercio dos membros do Claustro. A aprobación corresponderá ó Claustro por maioría simple.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA PRIMEIRA
Na primeira sesión ordinaria do Claustro posterior á aprobación deste Estatuto, procederase á elección do valedor e dos membros da Comisión de Asesoramento e Axuda.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA SEGUNDA
O primeiro valedor elixido despois da aprobación deste Estatuto desempeñará o seu cargo ata a renovación total do Claustro, e poderá ser reelixido só por unha vez.
DISPOSICIÓN FINAL
O presente Estatuto entrará en vigor ó día seguinte da súa aprobación polo Claustro da Universidade, e quedará derrogado desde ese momento o Estatuto aprobado pola Xunta de Goberno do 3 de xullo de 1995.