Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Normativa derrogada  »  R. R. do 20 de marzo do 2003 sobre valoración de expedientes na USC.

NORMATIVA DEROGADA

RESOLUCIÓN RECTORAL DO 20 DE MARZO DO 2003 SOBRE VALORACIÓN DE EXPEDIENTES NA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

A complexidade dos expedientes, con méritos de diversa procedencia (convalidacións, adaptacións, etc.), fai necesario que a Universidade se dote duns criterios homoxéneos para realizar as valoracións de expedientes, todo isto sen prexuízo de que outras normas ou convocatorias establezan criterios diferentes de valoracións.

Por todo o anterior este Rectorado Resolveu establecer os seguintes criterios para a valoración de expedientes:

REGRA XERAL

Con carácter xeral, e sen prexuízo do que poidan establecer normas xerais ou convocatorias singurales, os expedientes dos alumnos valoraranse do seguinte xeito:

TIPOS

Establécense dous tipos de valoración de expedientes de alumnos da USC:

1. Media de expediente, segundo o RD 1497/87, modificado por RD 1267/94. Esta media será a que se certifique con carácter xeral.

2. Para procesos internos da Universidade, de carácter selectivo ou de concorrencia competitiva, agás que na convocatoria se estableza outro criterio.

FORMA DE CÁLCULO

Procederase á suma dos créditos superados multiplicados cada un deles polo valor da cualificación que corresponda, a partir da tabla que equivalencias que se indica máis abaixo, e dividido polo número de créditos totais cursados, superados ou non superados, adaptados ou validados da titulación.

No tipo de media que se regula no punto 2 restanrase da cualificación que corresponda 0'10 puntos por cada suspenso e procederase ó cálculo como no establecido no parágrafo anterior.

CRITERIOS

1) A nota media calcularase sempre sobre os estudios conducentes a unha única titulación. Nas titulacións de só segundo ciclo ou nas de dous ciclos para os alumnos que accedan ó segundo ciclo desde outros estudios distintos só se terán en conta as materias cursadas nesta segunda titulación.

2) Táboa de equivalencias de cualificacións:

CUALIFICACIÓN

PUNTOS

Matrícula de honra 4
Sobresaliente 3
Notable 2
Aprobado 1
Suspenso, non presentado, renuncia 0
Validado 1

3) Nas disciplinas adaptadas computarase a cualificación asignada. As materias validadas terán unha equivalencia de 1 punto, agás que teñan recoñecida a cualificación.

4) O recoñecemento de créditos nos que non exista cualificación non se terá en conta para os efectos de cálculo de media. Aínda que si se terán en conta para os efectos de determinar os créditos necesarios para obter a titulación.

5) Os complementos de formación non se computarán para o cálculo da nota media.

6) Os proxectos de fin de carreira nos plans estructurados en créditos computarán polo número de créditos que teñan asignados no plan de estudios. Se son de plans non estructurados en créditos terán a consideración de materia anual.

7) Os créditos que se terán en conta para o cálculo da nota media serán os seguintes:

a) Alumnos que non completaron os estudios : créditos totais cursados, superados ou non superados, adaptados ou validados da titulación. Non se computarán as materias das que estean matriculados e pendentes de cualificación ou de recoñecemento de estudios.

b) Alumnos que completaron os estudios: todas as materias necesarias para obter a titulación. En todo caso, as materias cursadas unha vez efectuado o depósito para a expedición do título non se computarán para estes efectos.

8) No caso de ter superados máis créditos optativos e/ou de libre configuración dos necesarios para completar os estudios farase unha prelación destes créditos de maior a menor cualificación e desprezaranse destes últimos as materias que excedan das necesarias para obter a titulación.

9) Para calcular a nota media do primeiro ciclo nas titulacións de dous ciclos con materias optativas e/ou de libre configuración vinculadas á titulación, imputaranse estes créditos ó primeiro ciclo considerando inicialmente os de maior cualificación e despois os de menor ata computar os créditos establecidos no ciclo.

10) Nos plans non estructurados en créditos, o cálculo da nota media farase aplicando a media aritmética das cualificacións, é dicir, suma das cualificacións dividido polo número de materias. As cuadrimestrais computarán pola metade a tódolos efectos.

11) Cando se proceda á adaptación íntegra dun primeiro ciclo por telo superado noutro plan de estudios (desta ou doutra universidade) para cursar estudios nun plan estructurado en créditos, procederase ó cálculo da nota media dese primeiro ciclo de acordo co seu expediente e aplicando os criterios que se regulan nesta resolución. A continuación obterase a nota media do segundo ciclo.

Para obter a media total do expediente farase a media ponderada entre o primeiro e o segundo ciclo, utilizando como coeficiente de ponderación os créditos cursados en cada ciclo.

Se o primeiro ciclo foi cursado nun plan non estructurado en créditos establécese como coeficiente de ponderación 180 créditos.

12) A nota media calcularase cunha aproximación de catro decimais.

PUBLICIDADE

Os presentes criterios serán de uso interno na USC e constitúen o desenvolvemento dos artigos 17 e 18 da Normas de Xestión Académica.

No caso de que outra Universidade, Administración ou Institución solicite unha valoración de determinados expedientes e sempre que esta se conceda, remitirase, xunto coa valoración, a relación dos presentes criterios tidos en conta na elaboración das medias dos expedientes académicos.

Os alumnos poderán solicitar que a súa certificación incorpore a nota media do expediente. Neste caso ademais da certificación se achegarán os criterios do seu cálculo, expresando que a media só ten efectos para a USC.

Os criterios que se acompañan coa certificación deberán expedirse informaticamente e no mesmo idioma que o certificado, indicando segundo sexa do tipo 1 ou 2.