ESTATUTO DO VALEDOR DA COMUNIDADE UNIVERSITARIA
Aprobado polo Claustro Universitario o 23 de febreiro de 2006
Artigo 1.-
Concepto
O valedor ou valedora da comunidade universitaria é o comisionado ou a comisionada do Claustro
Universitario para a defensa e a garantía dos dereitos e liberdades dos membros da comunidade
universitaria.
Artigo 2.-
Funcións e garantías.
1.- O valedor ou valedora da comunidade universitaria exercerá as funcións que este Estatuto
lle encomende e as que contemplen as disposicións de desenvolvemento. As súas actuacións virán
rexidas polos principios de imparcialidade e autonomía, non estando sometido/a a mandato imperativo
ningún.
2.- O valedor non poderá ser sancionado como consecuencia do exercicio do seu cargo.
3.- Para o exercicio das súas funcións o valedor contará coa asistencia dunha Comisión de
Asesoramento e Axuda.
4.-En particular, o valedor supervisará a actuación administrativa da Universidade, coidando
de oficio ou a instancia de parte que quede garantido o exacto cumprimento dos dereitos dos membros
da comunidade universitaria, para evitar situacións de arbitrariedade. Todo isto sen prexuízo dos
recursos e garantías contidas nos Estatutos e na lexislación vixente.
Artigo 3.-
Elección
1.-Poderá ser elixido valedor calquera membro da comunidade universitaria con acreditada
imparcialidade, prestixio e honestidade. A condición de valedor é incompatible co desempeño de
calquera outro cargo de goberno universitario.
2.-O valedor da comunidade universitaria será elixido pola maioría absoluta do Claustro
Universitario para un mandato de cinco anos, que poderá ser renovado unha soa vez. Seralle de
aplicación o disposto nos apartados 1 e 2 do artigo 72 dos Estatutos.
3.- A elección levarase a cabo segundo determine a Mesa do Claustro, de acordo co disposto no
seu Regulamento de Réxime Interno.
Artigo 4.-
Perda da condición
1.- O valedor perderá a súa condición por algunha das seguintes causas:
a) Por dimisión, unha vez aceptada polo reitor.
b) Por morte ou incapacidade legal sobrevida.
c) Por perda das condicións necesarias para ser elixido.
d) Por cesamento acordado pola maioría absoluta do Claustro.
2.- No caso de dimisión, o valedor quedará en funcións ata a elección do seu sucesor. Cando o
cesamento se produza polas restantes causas quedará en funcións un dos membros da Comisión de
Asesoramento e Axuda elixido por esta.
3.- Unha vez que o valedor perda a súa condición, deberá procederse á súa elección na primeira
sesión ordinaria do Claustro.
Artigo 5.-
Comisión de Asesoramento e Axuda
1.- A Comisión de Asesoramento e Axuda estará integrada polos seguintes membros:
a) Dous membros do PDI e investigadores en formación.
b) Dous membros do estudantado.
c) Dous membros do PAS
2.- Os membros da Comisión serán elixidos entre membros da comunidade universitaria polo
colectivo respectivo do Claustro cada vez que este se renove na súa totalidade. Cada elector poderá
votar a un único candidato. Serán elixidos os candidatos máis votados. Non obstante, co fin de
garantir a presenza de representantes dos Campus de Lugo e Santiago de Compostela, se tanto o
valedor como os candidatos máis votados para ocupar os postos elixibles representasen a un único
Campus, resultará elixido o candidato do outro Campus que obtivese máis votos en proporción ao
número posible de electores do seu respectivo colectivo. Os empates resolveranse de conformidade co
Regulamento de Réxime Interno do Claustro Universitario.
3.- Perderase a condición de membro da Comisión de Asesoramento e Axuda:
a) A petición propia.
b) Pola elección dunha nova Comisión.
c) Por morte ou incapacidade legal sobrevida.
d) Por perda das condicións necesarias para ser elixido.
e) Por decisión do Claustro, a proposta da Comisión ou do Valedor, en casos de incumprimento
ou deixamento das funcións para as que foi elixido.
4.- No caso de perda da condición dalgún dos membros, serán substituídos na primeira sesión
ordinaria do Claustro.
Artigo 6.-
Funcións e garantías da Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor
1.- Son funcións da Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor:
a) Elixir entre os seus membros á persoa que actuará como
valedor en funcións no suposto previsto no apartado 2 do artigo 4, ata a elección do novo
valedor.
b) Instar ao valedor á apertura de actuacións de oficio cando
medien indicios razoables de actuacións contrarias aos dereitos dos membros da comunidade
universitaria, que teñan incidencia xeral nela.
c) Seguir a tramitación das queixas e expedientes a través da
información que periodicamente lle facilite o valedor, podendo achegar suxestións sobre o seu
desenvolvemento.
d) Coñecer as causas e motivos para a resolución das queixas e
expedientes tramitados, así como as actuacións levadas a cabo no seu cumprimento.
e) Prestar calquera outra axuda ou asesoramento que lle sexa
solicitado polo valedor.
2.- Os membros da Comisión de Asesoramento e Axuda non poderán ser sancionados como
consecuencia do exercicio das súas funcións. Todos os membros da comunidade universitaria teñen a
obriga de colaborar coa Comisión no desempeño do seu labor..
Artigo 7.-
Das reunións da Comisión
1.- A Comisión de Asesoramento e Axuda reunirase polo menos unha vez cada trimestre por
convocatoria do valedor e baixo a súa presidencia. As convocatorias realizaranse polo medio que
acorden os membros da Comisión.
2.- Igualmente deberá ser convocada cando o soliciten polo menos dous terzos dos seus membros.
Neste caso deberá reunirse nun prazo non superior a quince días.
Artigo 8.-
Dos medios do valedor
1.- Para o desempeño das súas funcións disporá dos medios persoais e materiais
necesarios.
2.- O valedor terá a consideración de cargo equivalente ao de vicerreitor para os efectos
económicos, protocolarios e de redución de obrigas docentes ou de outra índole.
Artigo 9.-
Deber de sixilo
O valedor deberá gardar a confidencialidade dos datos e informacións de carácter persoal ou
reservado obtidas no desempeño das súas funcións. En todo caso estes datos poderán ser dados a
coñecer aos membros da Comisión de Asesoramento e Axuda, aos que vincula igualmente o deber de
sixilo.
Artigo 10.-
Procedemento
1.-A actuación do valedor poderá iniciarse de oficio ou mediante queixas formuladas por
membros da comunidade universitaria ou persoas que se consideren afectadas por actuacións
universitarias. As queixas, tanto individuais como colectivas, formularanse por escrito, no prazo
máximo de dous meses lectivos dende que se tivese coñecemento dos feitos que motivan a solicitude
de intervención.
2.- O valedor garantirá a confidencialidade en relación á identidade das persoas que presenten
queixas.
3.- Recibida unha queixa, darase contestación motivada sobre a súa admisión ou non a trámite
no prazo máximo de quince días.
4.- O valedor non poderá entrar no exame das queixas relativas a materias que estean sometidas
a procesos xudiciais ou sobre as que penda un expediente administrativo sancionador.
5.- Admitida a queixa, o valedor promoverá a oportuna investigación para o esclarecemento dos
feitos que a motivaron.
6.- O procedemento rematará mediante un ditame ou informe, no que mostrará o seu parecer sobre
a queixa presentada, e facendo as recomendacións que considere pertinentes sobre o xeito de actuar
de órganos, membros ou servizos da Universidade de Santiago.
7.- Así mesmo, o valedor, de oficio, poderá realizar informes sobre aquelas materias
universitarias que considere oportuno. Tamén poderá formular recomendacións perante outros órganos
ou administracións públicas a través do reitor.
8.- As decisións do valedor en ningún caso poderán modificar os actos e resolucións da
Administración pública universitaria. Tampouco serán susceptibles de recurso nin de impugnación
xudicial.
9.- Cando das actuacións practicadas se desprenda que a queixa foi orixinada polo abuso,
arbitrariedade, discriminación, erro, neglixencia ou omisión dun órgano ou membro da comunidade
universitaria, o valedor presentaralle un informe ao órgano competente para que tome as medidas
adecuadas para o restablecemento da situación perturbada.
Artigo 11.-
Deber de colaboración
1.-Todos os órganos e membros da comunidade universitaria están obrigados a auxilialo no
exercicio das súas funcións. O valedor poderá esixir dos responsables ou encargados dos distintos
servizos da Universidade a exhibición de todos os documentos ou datos que considere necesario
coñecer para o desenvolvemento máis eficaz da súa función.
2.- Igualmente, todos os órganos e membros da comunidade afectados deberán informar ao valedor
das actuacións levadas a cabo en cumprimento das recomendacións do valedor contidas nos seus
ditames ou informes.
3.- Os incumprimentos do deber de colaboración por parte de órganos ou membros da comunidade
universitaria, ademais de seren comunicados ao reitor para que tome as medidas oportunas, deberán
facerse constar no informe anual do valedor.
Artigo 12.-
Do informe anual
O valedor dará conta anualmente das súas actividades ao Claustro Universitario mediante un
informe que incluirá as propostas de mellora que estime oportunas.
Artigo 13.-
Reforma do Estatuto do valedor
A iniciativa de reforma parcial ou total deste Estatuto corresponde á Mesa do Claustro ou a un
terzo dos membros do Claustro. A aprobación corresponderá ao Claustro por maioría simple.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Á entrada en vigor deste Estatuto, quedará derrogado o aprobado polo Claustro Universitario o
4 de marzo de 1999.
DISPOSICIÓN FINAL
O presente Estatuto entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación polo Claustro da
Universidade.