Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Santiago
de Compostela
(Aprobado polo Consello Social o 27-II-2004 e publicado no DOG o 11-V-2004)
TÍTULO I
Definición, funcións e competencias do Consello Social
Artigo 1º
O Consello Social é o órgano de participación da sociedade galega na Universidade de Santiago
de Compostela, que impulsa a colaboración entre esta e aquela mediante a satisfacción pola
universidade das necesidades do seu contorno, contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social,
profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia, á mellora da calidade do servizo público
da educación superior universitaria e a obtención dos recursos precisos para procurar a súa
suficiencia económica e financeira.
Artigo 2º
Correspóndelle ao Consello Social as funcións que lle encomende a Lei e os estatutos da
universidade, e en particular as seguintes:
1. De relación entre a universidade e a sociedade.
a) Promover o coñecemento mutuo entre a universidade e a sociedade, favorecendo e organizando
eventos que difundan nesta o labor universitario e transmitindo a aquela as aspiracións das forzas
sociais de Galicia.
b) Fomentar a colaboración da sociedade no financiamento do ensino e da investigación da
universidade, contribuíndo á captación de recursos económicos externos.
c) Aprobar, con carácter anual, unha memoria das súas actividades, que remitirá ao Parlamento
de Galicia e a consellería competente en materia universitaria.
d) Realizar estudos sobre materias da súa competencia, e, en particular, sobre a adecuación da
oferta de titulacións e o contido dos plans de estudos da universidade ás necesidades sociais,
sobre o rendemento académico do alumnado e a inserción laboral dos titulados universitarios, sobre
a investigación desenvolvida na universidade e a transferencia á sociedade dos resultados desta e
sobre calquera outra cuestión proposta pola consellería competente en materia universitaria, de
acordo coas funcións propias deste órgano.
e) Impulsar aquelas actuacións que permitan un maior achegamento dos estudantes universitarios
ás demandas do mercado laboral, e, en especial, a celebración de convenios entre a universidade e
outras entidades públicas e privadas orientadas a completaren a formación dos alumnos e titulados
da universidade e facilitar o seu acceso ao mundo profesional.
f) Estimular a actividade investigadora da universidade, especialmente no relativo á súa
vinculación cos sectores produtivos, apoiando os proxectos de investigación e desenvolvemento
compartidos entre a universidade, as empresas e o tecido social, así como as políticas de
transferencia e difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias.
g) Favorecer as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e
humanística dos universitarios, apoiando as súas manifestacións no seo da universidade e asegurando
a súa extensión ao conxunto da sociedade galega.
h) Outorgar, se é o caso, premios, distincións e recoñecemento no ámbito das súas
competencias.
2. De carácter económico, financeiro e patrimonial.
a) Supervisar as actividades de carácter económico da universidade.
b) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a programación plurianual da universidade,
así como realizar o seu seguimento.
c) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, o orzamento da universidade. Os órganos
responsables da execución do orzamento deberán informar ao Consello Social do estado de execución
nas condicións que determine o seu Regulamento de organización e funcionamento.
d) Aprobar, con carácter previo á súa rendición ante o órgano de fiscalización da Comunidade
Autónoma, as contas anuais da universidade e das sociedades, fundacións ou outras entidades cuxo
capital e fondo patrimonial equivalente teña participación maioritaria a universidade, calquera que
sexa a forma xurídica que adopten estas, podendo o Consello Social acordar motivadamente a
realización de auditorías externas.
e) Fixar os prezos das ensinanzas propias, dos cursos de especialización e os referentes ás
demais actividades autorizadas polas universidades, así como informar en materia de prezos públicos
dos estudos universitarios oficiais, dentro dos límites que estableza o Consello de Coordinación
Universitaria.
f) Aprobar, con carácter previo á súa remisión á Xunta de Galicia para a súa autorización, as
propostas de operacións de endebedamento.
g) Informar sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e
investigador da universidade, especificando a totalidade dos seus custos, as súas modificacións e
os gastos que supoñen, así como informar, con carácter previo á súa celebración, sobre os convenios
colectivos do persoal docente e investigador contratado pola universidade.
h) Acordar, por proposta do Consello de Goberno da universidade e dentro dos límites fixados
pola Comunidade Autónoma, a asignación singular e individual de retribucións adicionais ligadas a
méritos individuais docentes, investigadores e de xestión a membros do persoal docente e
investigador da universidade, logo da súa valoración dos mesmos pola Axencia para a Calidade do
Sistema Universitario de Galicia ou, se é o caso, pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e
Acreditación, ou por calquera outro órgano de avaliación que determinen leis doutras comunidades
autónomas, sempre que exista previo convenio ou concerto coa Comunidade Autónoma galega. O Consello
Social poderá pedir informe dos centros a que pertenza ou estea adscrito o profesorado afectado por
tales acordos, co obxecto de motivar a súa decisión.
i) Informar sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal de
administración e servizos da universidade, as súas modificacións e os gastos que supoñen,
especificando a totalidade dos seus custos, así como emitir informe, con carácter previo á súa
formalización, sobre os convenios colectivos do persoal de administración e servizos en réxime
laboral da universidade.
j) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, os regulamentos internos que regulan a
xestión contractual e patrimonial da universidade.
k) Ser informado dos contratos ou convenios en que a universidade sexa parte e daqueles que
se
celebren ao amparo do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de
universidades.
l) Aprobar, con carácter previo á súa realización, os actos de disposición sobre bens inmobles
e mobles de extraordinario valor da universidade e a desafectación dos seus bens de dominio
público. Para tal efecto as universidades contarán cun inventario, que haberán de lle remitir ao
Consello Social de acordo co que se estipule no seu regulamento de réxime interno.
m) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a aceptación pola universidade de herdanzas,
doazóns ou legados.
n) Informar sobre a creación ou adscrición de colexios maiores e residencias
universitarias.
o) Aprobar a creación, modificación substancial ou extinción das sociedades, fundacións ou
outras entidades cuxo capital ou fondo patrimonial teña participación a universidade, calquera que
sexa a forma xurídica que adopten, así como a súa integración nelas.
3. De supervisión das actividades universitarias e relativas á actividade do Consello
Social.
a) Supervisar o rendemento e calidade dos servizos universitarios, formulando, se é o caso,
suxestións e propostas ao Consello de Goberno da universidade, orientadas a promover a excelencia
do ensino, investigación, xestión e servizos.
b) Solicitar, se é o caso, das administracións públicas a realización de informes e
inspeccións dos servizos que presta a universidade, especialmente os de ensino, investigación,
xestión e servizos, oído o Consello de Goberno.
c) Propoñerlle motivamente á Xunta de Galicia, logo de informe do Consello de Goberno da
Universidade, a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos
universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. No caso de que a
iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.
d) Propoñerlle motivadamente á Xunta de Galicia, logo de informe do Consello de Goberno da
Universidade, a creación, modificación ou supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas
superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas. No caso de que a
iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.
e) Propoñerlle á Xunta de Galicia, logo de informe do Consello de Goberno da Universidade e
antes da súa celebración, a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou acordos de
desadscrición á universidade de centros docentes para impartir estudos conducentes á obtención de
títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.
f) Propoñerlle á Xunta de Galicia, logo de informe do Consello de Goberno da Universidade, a
creación ou supresión de institutos universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa
partise da Comunidade Autónoma, deberá de contar co acordo do Consello Social.
g) Propoñerlle á Xunta de Galicia, logo de informe do Consello de Goberno da Universidade e
antes da súa celebración, a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou acordos de
desadscrición á universidade de institucións ou centros de investigación como institutos
universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá
de contar co acordo do Consello Social.
h) Propoñer motivadamente, para a súa posterior aprobación pola Xunta de Galicia, a creación,
modificación ou supresión no estranxeiro de centros dependentes da universidade para a impartición
de ensinanzas conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio
nacional, así como a impartición en centros dependentes da universidade de ensinanzas conducentes á
obtención de títulos estranxeiros de educación superior universitaria.
i) Acordar, co reitor, nos termos previstos na Lei orgánica de universidades, o nomeamento do
xerente.
j) Informar sobre os procedementos que estableza a universidade para a admisión de
estudantes.
k) Aprobar, logo de informe do Consello de Coordinación Universitaria, as normas que regulen o
progreso e permanencia dos estudantes na universidade.
l) Promover, co obxecto de que ninguén quede excluído do estudo na universidade por razóns
económicas, as bases da política de bolsas, axudas e créditos para o estudo e a investigación que,
se é o caso, outorgue a universidade con cargo aos seus orzamentos, así como propoñer ás restantes
administracións competentes a adopción de medidas con relación ás súas políticas de bolsas, axudas
e créditos aos estudantes universitarios.
m) Designar, de entre os seus membros pertencentes á representación social, os representantes
do Consello Social nas entidades e institucións que corresponda, e, en particular, os tres
representantes do órgano no Consello de Goberno da Universidade.
n) Propoñer o cesamento dalgún dos seus membros á autoridade, entidade ou institución que o
designara, logo de declaración da súa situación de incompatibilidade ou incumprimento grave ou
reiterado das súas obrigas.
o) Informar a Xunta de Galicia sobre o réxime de retribucións ou indemnizacións dos seus
membros, de acordo co disposto no artigo 11.2º f) da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos
sociais do sistema universitario de Galicia.
p) Acordar a constitución de comisións temporais.
Artigo 3º
1. O Consello Social, no exercicio das súas competencias, goza de plena independencia.
2. Os membros do Consello Social desenvolverán as súas competencias velando polos intereses
xerais da institución universitaria.
Artigo 4º
O Consello Social disporá dos recursos económicos suficientes que a Consellería de Economía e
Fachenda habilite para o cumprimento das súas funcións, e terá asignadas partidas propias nos
orzamentos xerais da universidade.
TÍTULO II
Da composición do Consello Social
Artigo 5º
1. O Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela estará integrado polos
seguintes membros, de conformidade ao disposto pola Lei de consellos sociais do sistema
universitario de galicia e os estatutos da universidade:
a) O presidente, designado de conformidade co artigo 17.1º da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos
consellos sociais do sistema universitario de Galicia.
b) O reitor da universidade, o secretario xeral e o xerente da universidade.
c) Un profesor, un estudante e un representante do persoal de administración e servizos,
elixidos polo Consello de Goberno da Universidade de entre os seus membros por maioría absoluta e
de xeito que garanta a representación dos campus de Santiago de Compostela e Lugo.
d) Seis membros designados polo Parlamento de Galicia.
e) Seis membros designados pola Xunta de Galicia.
f) Dous membros designados polos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade
Autónoma de Galicia.
g) Catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores
estratéxicos da economía galega, na área de influencia da universidade.
h) Un membro designado pola corporación do Concello de Santiago de Compostela.
i) Un membro designado pola corporación do Concello de Lugo.
2. O presidente do Consello Social será nomeado por decreto de presidente da Xunta de Galicia.
Os restantes acordos de designación de membros do Consello Social seranlle comunicados ao
conselleiro competente en materia universitaria, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da
súa consellería. O decreto e as ordes de nomeamento deberán publicarse no
Diario Oficial de Galicia. A condición de membro do Consello Social adquírese unha vez
cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no
Diario Oficial de Galicia, e pro-duce efectos a partir desa data.
3. Os membros do Consello Social desempeñarán os seus cargos persoalmente, sen que poidan
delegar as súas competencias nin o seu voto en ningún caso.
Artigo 6º
1. O presidente do Consello Social ten, para todos os efectos, a representación legal
deste.
2. Será designado polo presidente da Xunta de Galicia, entre personalidades da vida cultural,
profesional, económica laboral e social non pertenecentes á comunidade universitaria, por proposta
do conselleiro competente en materia universitaria, logo de comunicación ao reitor da
universidade.
3. O seu mandato é de catro anos, renovable por unha soa vez.
4. Exerce, no pleno e en todas as comisións, as competencias propias da presidencia dun órgano
colexiado, con voto de calidade no caso de empate.
5. Son funcións do presidente:
a) Garantir o cumprimento das funcións e competencias do Consello Social.
b) Convocar, fixando a orde do día, e presidir as sesións do Consello Social.
c) Abrir e levantar as sesións, dirixir a deliberación, conceder e denegar a palabra,
determinar, se é o caso, os tempos de intervención e decidir co seu voto de calidade no caso de
empate.
d) Coordinar as actividades dos membros, e dos órganos do consello.
e) Convidar aos plenos, con voz pero sen voto, a todas aquelas persoas que considere oportuno
en razón dos temas que se traten.
f) Delegar, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, no conselleiro que designe de entre
os membros que representan os intereses sociais.
g) Nomear e dispoñer o cesamento do secretario do Consello Social.
h) Ordear a execución dos acordos do Consello Social.
i) Reclamar das autoridades académicas, administracións públicas ou de calquera outra entidade
privada, cantos informes, estudos e ditames que considere oportunos.
j) Control dos servizos do Consello Social e da execución do seu orzamento.
k) Calquera outra que pudiese ser útil para o bo funcionamento do Consello Social.
Artigo 7º
Son dereitos dos conselleiros:
1. Presentar mocións ou suxestións para a deliberación e adopción de acordos ou recomendacións
polo Pleno ou para o seu estudo nunha comisión.
2. Recibir a convocatoria que conterá a orde do día das sesións ordinarias e
extraordinarias.
3. Asistir con voz ás sesións dos órganos de que formen parte, exercer o seu dereito de voto e
formular votos particulares.
4. Ser informado de canto aconteza no Consello Social e que interese para o seu bo
funcionamento.
5. Conseguir, a través do presidente do Consello Social, canta información, datos ou
documentos consideren necesarios para o exercicio das súas funcións.
6. Percibir as axudas de custo e gastos de locomoción no exercicio dos seus cargos.
Artigo 8º
Son deberes dos conselleiros:
1. Asistir ás sesións do Pleno e ás das comisións de que formen parte.
2. Executar cantos cometidos lles sexan encomendados por razóns dos seus cargos.
3. Pór en coñecemento do Consello Social calquera información que poida afectar as actuacións
ou competencias deste.
4. Gardar segredo sobre as deliberacións internas, así como sobre as materias e actuacións que
expresamente se declaren reservadas.
5. Observar en todo momento a normativa de incompatibilidades.
Artigo 9º.-Cesamento e substitución.
1. Os membros do Consello Social cesarán:
a) Por expiración do período de mandato. Non obstante, continuarán nas súas funcións ata a
toma de posesión dos novos membros.
b) Por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de
falecemento.
A renuncia haberá de presentarse por escrito á autoridade, entidade ou institución designante
e ao presidente do Consello Social, quen lla comunicará á consellería competente en materia
universitaria, e publicarase no
Diario Oficial de Galicia, data desde a que producirá efectos.
c) Por condena xudicial firme que ocasione a inhabilitación ou suspensión de emprego ou cargo
público.
d) Por decisión da autoridade, entidade ou institución que o designase.
e) Por incumprimento grave ou reiterado nas súas obrigas.
2. As vacantes que se produzan antes da finalización do mandato haberán de ser cubertas pola
autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de tres meses. Se non se
comunicase o acordo de designación dentro do anterior prazo ao conselleiro competente en materia
universitaria, o posto permanecerá vacante ata o remate do correspondente mandato.
3. En todo caso, o membro substituto entenderase nomeado polo período que reste do anterior
mandato.
4. No caso dos representantes do Consello de Goberno da Universidade terase en conta o
esta-blecido nos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 10º
O Pleno poderá propoñer o cesamento dalgún conselleiro á autoridade ou órgano que o designou
nos seguintes casos:
a) Se no prazo de tres meses desde que concorra nun conselleiro unha causa de
incompatibilidade, e este non elixira un posto ou outro no dito prazo.
b) A non asistencia non xustificada a máis de dúas sesións seguidas do Pleno ou a non
asistencia descontinua e inxustificada a máis de catro sesións do Pleno nun ano.
c) A non asistencia inxustificada a máis de tres sesións seguidas da Comisión á que pertenza
ou a non asistencia descontinua inxustificada a seis sesións da Comisión nun ano.
d) A non asistencia inxustificada ás sesións nas que se debata o orzamento, a programación
plurianual ou os criterios xerais sobre política do cadro de persoal.
e) Por incumprimento reiterado dos deberes inherentes ó seu cargo.
Artigo 11º
O cargo de vogal do Consello Social é honorífico. Porén, o presidente e os vogais terán
dereito a percibir as axudas de gastos de locomoción e axudas de custo de viaxe que puideran
corresponderlles por asistiren ás reunións do Consello Social, nas contías establecidas na
normativa vixente.
TÍTULO III
De organización e funcionamento do Consello Social
Artigo 12º
1. Son órganos colexiados do Consello Social:
a) Pleno.
b) A Comisión Executiva, se a houber.
c) As comisións permanentes.
2. Son órganos unipersoais:
a) A Presidencia
b) A Secretaría.
Artigo 13º
1.O Pleno do Consello Social é o seu máximo órgano de goberno e está integrado por todos os
seus membros. Exerce con carácter indelegable a competencia decisoria nas materias as que se refire
nos artigos 3 c) e h), 4, salvo as letras a), g), i), l) e n), e 5, salvo as letras a), h), k), e
o), todos eles da Lei de consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia, así como as
restantes que teña recoñecidas o Consello Social en tanto non se encontren encomendadas a outros
órganos deste.
2. Reunirase con carácter ordinario polo menos catro veces ao ano e con carácter
extraordinario cando así o acorda o presidente ou o solicitan por escrito asinado, no que se fará
constar os motivos da sesión extraordinaria e os asuntos que se desexen incluír na orde do día,
seis dos seus membros ou o reitor da universidade. Neste caso o presidente deberá convocar o Pleno
nun prazo máximo de sete días hábiles desde a recepción da solicitude.
3. A función das comisións consistirá en estudar, deliberar e propoñer ao Pleno a adopción de
decisións sobre materias que lles foran atribuídas.
Gozarán de capacidade de decisión naqueles asuntos da súa competencia e que o Pleno lle
delegara.
O Pleno poderá, en todo momento, reclamar para si o coñecemento de calquera asunto que
estíbese examinándose nunha comisión.
Artigo 14º
As reunións convocaraas o presidente mediante comunicación escrita que dirixirá a todos os
bogáis e cunha antelación de polo menos sete días hábiles á celebración da sesión e con indicación
da orde do día.
No caso de urxencia ou gravidade, o prazo de convocatoria será de corenta e oito horas.
Artigo 15º
A orde do día dos plenos ordinarios fixaraos o presidente, considerando, se é o caso, as
peticións dos demais membros formuladas coa debida antelación. Incluiranse obrigatoriamente aqueles
puntos que foron presentados por escrito, avalados mediante sinatura de seis membros.
Artigo 16º
1.O quórum para a válida constitución dos órganos do Consello Social, así como para a
deliberación e adopción de decisións no seu seo, será da metade máis un do número de membros do
órgano con dereito a voto.
2. Os acordos e decisións adoptaranse por mayoría simple de votos. No caso de empate decidirá
o voto do presidente.
As votacións poderán efectuarse:
a) A man alzada.
b) Nominais.
c) Secretas, cando así o solicite un membro do consello. En todo caso, serán secretas cando
afecten persoas concretas.
3. Non poderá ser obxecto de deliberación o acordo ningún asunto que non figure incluído na
orde do día, salvo que estean presentes todo os membros do Pleno e sexa declarada a urxencia do
asunto polo voto favorable da maioría.
4. A presidencia do Consello Social, por iniciativa propia ou, se é o caso, por instancia
dalgún membro do consello, pode invitar para asistir ás sesións dos órganos colexiados, con voz
pero sen voto, a persoas expertas e membros da comunidade universitaria, de acordo coa natureza dos
asuntos que se vaian tratar.
Artigo 17º
Non obstante o disposto no artigo anterior, para a aprobación do orzamento, da programación
plurianual e dos criterios xerais sobre a política do cadro de persoal, exixirase o voto favorable
da mayoría dos membros do consello.
Esta maioría será tamén exixible en todos aqueles casos no que o Pleno, por maioría simple dos
asistentes, así o decida.
Artigo 18º
1. Os acordos adoptados polo Consello Social posúen executividade inmediata, sen prexuízo dos
recursos que poidan interporse. O seu secretario, co visto e prace do seu presidente, remitirá
inmediatamente unha certificación dos acordos ao reitorado, así como a cantos órganos, servizos e
dependencias da universidade garden relación competencial cos asuntos aprobados.
2. Estes acordos serán notificados aos interesados na forma que proceda, dándose a publicidade
oportuna a aqueles que o consello considere de especial trascendencia para a sociedade.
Artigo 19º
1. De cada sesión levantarase acta, que conterá, como mínimo:
a) As circunstancias de lugar e tempo no que se celebrou.
b) Número e identificación das persoas que asistiron.
c) A orde do día da reunión e os puntos principias de deliberación.
d) A forma e resultado da votación.
e) O contido dos acordos.
2. Os membros do Consello Social presentes na votación poderán facer constar en acta o seu
voto contrario ao acordo adoptado e os motivos que o xustifiquen, así como calquera outra
circunstancia que estimen pertinente.
3. A elaboración da acta corresponderá ao secretario do Consello Social. No caso de ausencia
deste, a elaboración correspóndelle, con carácter excepcional, ao membro do consello que designe o
presidente.
Artigo 20º
As actas serán asinadas polo secretario co visto e prace do presidente, e aprobaranse, se
procede, na seguinte sesión ordinaria do Pleno. As actas serán remitidas xunto coa orde do día da
sesión na que deben ser aprobadas.
Artigo 21º
No caso de constituírse a comisión executiva a que se refire no artigo 12º deste Regulamento,
a súa composición, atribucións e funcionamento serán regulados polo Pleno do Consello Social nunha
sesión ordinaria que se convocará para ese efecto.
Artigo 22º
1. O Consello Social poderá constituír as comisións que estime convenientes, ben con carácter
estable ou ben transitorias sobre asuntos determinados.
2. Toda as comisións serán presididas polo presidente do Consello Social ou persoa en quen
delegue, de entre os membros daquela.
Artigo 23º
1. O secretario do Consello Social será designado e cesado por decisión do seu presidente. Se
a designación recaese nunha persoa que non fose membro do Consello Social, actuará con voz pero sen
voto.
2. Exerce, no Pleno e todas as comisións, as competencias propias da secretaría dun órgano
colexiado.
3. Son funcións do secretario:
a) Levantar actas das sesións do Pleno e comisións.
b) Custodiar o libro de actas do Consello Social, así como expedir os documentos e
certificacións que resulten das actas e acordos do Pleno do Consello Social.
c) Facilitar a documentación que os vogais lle soliciten en cumprimento do artigo 7º, puntos 1
e 2 deste regulamento.
d) Levar a contabilidade dos fondos do Consello Social e elevar ao Pleno a proposta relativa
aos medios persoais e materiais necesarios para o funcionamento interno do consello.
e) Dirixir o labor administrativo así como o de persoal e servizos adscritos á Secretaría do
Consello.
f) Someter anualmente á aprobación do Pleno unha memoria de actividades do consello,
recollendo observacións sobre o seu funcionamento e suxestións que se poidan adoptar para
melloralo.
TÍTULO IV
Sede e Administración
Artigo 24º
A sede do Consello Social será na localidade de Santiago de Compostela e empregará os locais
que a universidade habilitará para tal fin.
Artigo 25º
O Consello Social disporá para a súa administración dunha oficina de secretaría. A dirección e
seu bo funcionamento serán competencia do secretario do consello.
TÍTULO V
Da forma do regulamento
Artigo 26º
1. A iniciativa para a reforma do regulamento pode ser adoptada polo presidente do consello ou
mediante unha proposta asinada por oito membros do Consello Social.
2. As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas.
Recibida a proposta, será sometida a votación para a súa toma en consideración polo Pleno do
Consello.
3. Para que a reforma sexa adoptada deberá de recibir o voto da maioría absoluta do Pleno do
Consello. De non ser así, a proposta de reforma considerarase rexeitada e non se poderá interpor
unha reforma idéntica ata que transcorra un período de dous anos, salvo que medie acordo dos dous
terzos dos membros do consello.
4. Á reforma do regulamento deberáselle aplicar tamén a disposición transitoria segunda da Lei
1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia, en orde a súa
sanción pola Xunta de Galicia e a súa publicación no
Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional
O presente regulamento debe ser integrado e interpretado no marco do disposto nos estatutos da
Universidade de Santiago de Compostela e das normas legais e regulamentarias de ensino
universitario, así como do resto do ordenamento xurídico que foren de aplicación.
Para o que non estea disposto neste regulamento nin nos estatutos da universidade, aplicarase
o que dispón a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
Disposición derradeira
O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no
Diario Oficial de Galicia.