(Aprobado polo Consello de Goberno de 24 de outubro de 2002)
CAPITULO I NORMAS XERAIS DE ORGANIZACIÓN
Artigo 1
O Consello de Goberno é o órgano de goberno da Universidade. Son competencias do Consello de Goberno as que lle son atribuídas pola lexislación universitaria e polos Estatutos e demais normas da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 2
1.- As decisións que tome o Consello de Goberno en materias da súa competencia adoptarán a forma de acordos que esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente diante da xurisdicción contencioso-administrativa. Nos outros casos adoptarán a forma de propostas, e non vinculan ó rector no exercicio das súas competencias.
2.- Cando a Consello de Goberno deba tomar acordos que afecten especificamente a un centro, departamento ou instituto, o rector poderá convocar, sempre que o asunto teña relevancia suficiente, con voz pero sen voto, ós decanos ou directores que, non sendo membros do Consello de Goberno, o soliciten.
Tamén poderá convocar con voz pero sen voto a calquera persoa cando o requira a natureza dos asuntos que se van tratar.
3.- As sesións do Consello de Goberno non serán públicas.
Artigo 3
O Consello de Goberno actúa en pleno ou comisións delegadas ás que se refire o capítulo III deste Regulamento. O Pleno do Consello de Goberno delegará nestas últimas as competencias referidas no antedito capítulo.
Artigo 4
Os acordos do Consello de Goberno serán executados polo rector.
CAPÍTULO II DO PLENO DO CONSELLO DE GOBERNO
Sección 1º- Da composición do Consello de Goberno 1
Artigo 5
O Consello de Goberno estará constituído segundo o que establezan a lei e os Estatutos.
Artigo 6
Sen contido.
Sección 2ª- Da convocatoria, constitución e funcionamento do Pleno do Consello de Goberno
Artigo 7
1.- A convocatoria do Pleno do Consello de Goberno correspóndelle ó rector.
2.- Para que a convocatoria produza efecto, deberase poñer en coñecemento de tódolos membros do Consello de Goberno mediante unha notificación na que se fará consta-la orde do día e, asemade, día, hora e lugar da reunión.
3.- As notificacións serán entregadas alomenos con setenta e dúas horas de antelación. A convocatoria será nominal e dirixida ó departamento, centro ou unidade á que pertenza o membro convocado.
4.- O Consello de Goberno reunirase en días administrativamente hábiles.
5.- En casos de urxencia e gravidade, non se aplicará o prazo previsto no parágrafo 3, nin o disposto no parágrafo 4 deste artigo. Os motivos de urxencia e gravidade serán confirmados pola maioría absoluta dos membros do Consello na sesión correspondente.
Artigo 8
As sesións do Pleno do Consello poden ser ordinarias ou extraordinarias. As sesións ordinarias teranse que celebrar alomenos unha vez ó trimestre.
As sesións extraordinarias, que estarán adicadas a tratar un só tema ou varios temas de natureza complementaria, reuniranse por iniciativa do rector ou dun tercio dos membros do Consello. Neste caso a sesión celebrarase no prazo máximo de dez días despois da data de solicitude.
Artigo 9
1.- A orde do día será elaborada polo rector, asistido polo secretario xeral.
2.- Na orde do día figurarán inescusablemente os puntos de aprobación da acta da sesión anterior, e de rogos e preguntas, agás que a sesión do Consello de Goberno sexa extraordinaria.
3.- Deberán incluírse na orde do día os puntos que previamente solicitara por escrito a quinta parte dos membros do Consello de Goberno.
Artigo 10
Para a válida constitución do Consello de Goberno será necesaria, en primeira convocatoria, a maioría absoluta dos seus membros. En segunda convocatoria, que se celebrará media hora máis tarde, constituirase validamente cun tercio dos seus membros.
Artigo 11
O Pleno do Consello de Goberno será presidido polo rector ou por quen faga as súas veces, asistido dunha Mesa integrada polos vicerrectores, o secretario xeral e o xerente. En caso de ausencia, o rector será substituído por un vicerrector previamente designado.
A Mesa interpreta o presente Regulamento en casos de dúbida ou omisión. Tamén decidirá sobre a alteración da orde de discusión dos puntos da orde do día, o ordenamento dos debates e calquera outra cuestión que se lle encomende no presente Regulamento ou que o rector lle consulte. As decisións adoptaranse por maioría se fose preciso chegar a votación, e no caso de empate decidirá o rector co seu voto de calidade.
Artigo 12
1.- O rector dirixirá e ordenará os debates. De acordo coa Mesa, fixará o tempo de debate para cada tema e en función dos pedimentos de palabra, determinará a duración de cada intervención. Decorrido o prazo concedido para unha intervención, o rector, despois de invitar a concluír por dúas veces ó membro que estea falando, retiraralle o uso da palabra. O rector prolongará o tempo de debate no caso de que a maioría simple dos membros presentes considere que o tema non queda suficientemente debatido.
2.- Os membros do Consello de Goberno teñen dereito ó uso da palabra en relación a calquera punto da orde do día. Ninguén poderá ser interrompido cando fala, senón para ser chamado á orde ou a cinguirse ó tema polo rector. Despois de dúas chamadas á orde ou a cinguirse ó tema, o rector poderá retira-lo uso da palabra.
3.- O rector concederá o dereito de resposta por alusións, de estimalo procedente, durante o período de tempo que fixe.
4.- No suposto de excesiva duración do Pleno do Consello a xuízo da Mesa, o rector disporá a interrupción da sesión fixando a hora na que deberá reanudarse dentro das 24 horas seguintes.
Artigo 13
1.- Os acordos adoptaranse polo maior número de votos a favor dunha proposta, salvo no disposto expresamente para determinados temas neste Regulamento. Non se adoptarán acordos válidos se no momento da votación non estivesen presentes un tercio dos membros do Consello.
2.- As votacións poden ser por asentimento coa proposta formulada, públicas a man alzada, e secretas, cando o soliciten seis membros do Consello de Goberno. En todo caso, serán secretas cando afecten a persoas concretas.
Artigo 14
Non se admitirá a delegación do voto nin o voto anticipado dos membros do Consello de Goberno.
Artigo 15
Non se poderán tomar acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día, sen prexuízo do previsto no artigo 26. 3 da Lei 30/92.
Artigo 16
1.- O secretario do Consello de Goberno redactará unha acta de tódalas sesións do Pleno de Consello de Goberno.
2.- En cada acta figurarán inescusablemente as seguintes mencións:
a) Membros do Consello de Goberno, nominalmente designados que asistiron á sesión, subliñando as ausencias xustificadas.
b) Orde do día.
c) Acordos e propostas; hase especificar se foron adoptados por unanimidade, e hase facer consta-lo número exacto dos votos emitidos, o seu sentido e as abstencións.
3.- Na acta da orde do día incluiranse os textos literais dos acordos e propostas e un resumo dos informes e debates, así como calquera mención relacionada cos puntos da orde do día que os membros do Consello de Goberno, individual ou colectivamente, desexen que figure expresamente.
4.- Cada acta será asinada polo secretario do Consello de Goberno co visto e prace do presidente da sesión reflectida.
5.- As actas, que serán enviadas ós membros do Consello coa convocatoria, aprobaranse na seguinte sesión ordinaria do Consello de Goberno, de selo caso, coas obxeccións que antes do inicio do Consello propoñan os seus membros para precisar mellor o desenvolvemento da sesión.
Artigo 17
1.- As actas de cada sesión, unha vez aprobadas, incluiranse no Libro de Actas, que quedará baixo a custodia do secretario xeral, que lle permitirá a súa consulta a calquera membro do Consello de Goberno.
2.- Só darán fe dos acordos e propostas do Consello as certificacións expedidas polo secretario do Consello de Goberno por orde do rector.
As certificacións poderán expedirse:
a) De oficio, por requirimento do Claustro da Universidade, dos órganos das administracións públicas ou de órganos xudiciais no exercicio da súa competencia.
b) A instancia dos membros do Consello de Goberno.
c) A instancia de calquera interesado.
Nos dous últimos casos, o contido das certificacións versará sobre a parte decisoria dos acordos e propostas.
Non se permitirá a introducción na sala onde se celebra a Consello de Goberno de ningún aparello de reproducción ou gravación, a non ser que o Consello de Goberno o autorice, pola maioría absoluta dos seus membros.
3.- A notificación administrativa de calquera asunto que fose sometido ó Consello de Goberno comprenderá o acordo literal tomado por esta.
4.- Ademais do disposto no parágrafo anterior, o secretario do Consello de Goberno deberá notificárlle-los acordos tomados ós membros da comunidade universitaria a que afecten especificamente. Se fosen acordos relativos a un sector universitario en xeral, faranse públicos polos medios máis axeitados.
CAPÍTULO III DAS COMISIÓNS DELEGADAS DO CONSELLO DE GOBERNO
Artigo 18
Sen prexuízo das comisións específicas creadas polo Consello de Goberno, na forma que determine, para tratar temas concretos, crearanse as seguintes comisións estables do Consello de Goberno:
a) Comisión de Organización Académica e Profesorado.
b) Comisión de Investigación.
c) Comisión de Asuntos Económicos.
d) Comisión de Actividades Culturais e Deportivas.
Artigo 19
Son competencias das comisións estables informaren dos asuntos presentados polo rector ou polo Consello de Goberno, elaboraren propostas concordantes coa súa natureza, e aquelas outras que lles sexan delegadas mediante acordo do Pleno do Consello de Goberno.
Artigo 20
1.- Os membros das comisións delegadas pertencerán ó Consello de Goberno e serán elixidos polos membros dos correspondentes sectores presentes nela mesma de entre eles. No caso de que houbese máis candidatos que postos para cubrir nun sector, procederase á votación deses candidatos nunha lista única.
2.- No caso de producirse unha votación para a elección, cada membro dun sector votará un máximo do 70 por cento, ou a cantidade máis próxima, do número de postos para cubrir, agás no caso de que só corresponda cubrir un único posto.
3.- Serán elixidos os candidatos máis votados tendo en conta as circunstancias referidas nos artigos 25 e 28.
Artigo 21
1.- A calidade de membro dunha comisión delegada do Consello de Goberno é indelegable.
2.- No caso de perda da condición de membro da comisión delegada, procederase a unha nova elección, de acordo co establecido no artigo anterior.
Artigo 22
As sesións das comisións delegadas celebraranse en días administrativamente hábiles, e serán convocadas polos presidentes correspondentes, por escrito, alomenos con 48 horas de antelación. En casos de suma urxencia poderán ser convocadas polos presidentes de forma oral, debendo ser corroborada a devandita urxencia na sesión da Comisión pola maioría absoluta dos membros desta.
Artigo 23
As comisións entenderanse validamente constituídas pola maioría absoluta dos seus membros. Os seus informes e propostas serán adoptados por maioría simple, e ha ser preciso que no momento da votación estea presente alomenos a maioría absoluta dos seus membros.
Artigo 24
Os informes e propostas adoptados, despois de recollidos na acta polo secretario da comisión nomeado polo correspondente presidente, serán elevados ó rector ou ó Pleno, segundo proceda en cada caso.
Artigo 25
A Comisión de Organización Académica e Profesorado estará integrada por:
Os vicerrectores e vicerrectores adxuntos das áreas relacionadas coa Comisión, que sexan membros do Consello de Goberno.
Oito profesores funcionarios, con representación das cinco grandes áreas, e dos dous campus.
Un membro do persoal docente e investigador contratado
Catro estudiantes do primeiro e segundo ciclo.
Un estudiante do terceiro ciclo
Un membro do persoal de administración e servicios.
O presidente da Comisión será designado polo rector entre os membros que a compoñen.
Artigo 26
A Comisión de Investigación estará integrada por:
Os vicerrectores e vicerrectores adxuntos das áreas relacionadas coa Comisión, que sexan membros do Consello de Goberno.
Oito profesores funcionarios, con representación das cinco grandes áreas, e dos dous campus.
Un membro do persoal docente e investigador contratado
Un estudiante do primeiro e segundo ciclo.
Dous estudiantes do terceiro ciclo.
Un membro do persoal de administración e servicios.
O presidente da Comisión será designado polo rector entre os membros que a compoñen.
Artigo 27
A Comisión de Asuntos Económicos estará integrada por:
Os vicerrectores e vicerrectores adxuntos das áreas relacionadas coa Comisión, que sexan membros do Consello de Goberno.
O xerente da Universidade
Cinco profesores funcionarios, asegurando a presencia dos dous campus.
Un membro do persoal docente e investigador contratado
Un estudiante do primeiro e segundo ciclo.
Un estudiante do terceiro ciclo.
Un membro do persoal de administración e servicios.
Un representante do Consello Social.
O presidente da Comisión será designado polo rector entre os membros que a compoñen.
Artigo 28
A Comisión de Actividades Culturais e Deportivas estará composta por:
Os vicerrectores e vicerrectores adxuntos das áreas relacionadas coa Comisión, que sexan membros do Consello de Goberno.
Cinco profesores funcionarios.
Un membro do persoal docente e investigador contratado
Tres estudiantes do primeiro e segundo ciclo.
Un estudiante do terceiro ciclo.
Un membro do persoal de administración e servicios.
O presidente da Comisión será designado polo rector entre os membros que a compoñen.
CAPITULO IV DA REFORMA DO REGULAMENTO
Artigo 29
A iniciativa para a reforma do Regulamento pode ser adoptada polo rector ou polo 25% dos membros do Consello.
Artigo 30
As propostas de reforma deberán estar debidamente articuladas e motivadas. Recibida a proposta, será sometida a votación para a súa toma en consideración no Pleno do Consello de Goberno. De recibi-la proposta os votos favorables do 40% dos membros do Consello, abrirase un prazo de dez días para a presentación das emendas.
Artigo 31
Nunha sesión do Pleno do Consello de Goberno procederase á votación das propostas e, de se-lo caso, das emendas; aprobarase o texto que obteña a maioría de votos. A proposta global de reforma será sometida a votación e entenderase aprobada de obte-la maioría absoluta dos membros do Consello de Goberno. En caso contrario considerarase rexeitada, e non se poderá presentar unha reforma idéntica ata que transcorra un prazo de dous anos.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA PRIMEIRA
1.-O Consello de Goberno terá carácter provisional en tanto non se constitúa conforme ós Estatutos da Universidade. O Pleno do Consello de Goberno provisional está composto por:
a) O rector, que o presidirá.
b) O secretario xeral, que o será tamén do Consello de Goberno.
c) O xerente.
d) 15 membros designados polo rector.
e) 20 membros elixidos polo Claustro Universitario de entre os seus membros, en representación dos diferentes sectores:
6 profesores funcionarios doutores, garantindo a presencia dos dous campus
2 representantes do restante persoal docente e investigador
7 alumnos de primeiro e segundo ciclo
2 estudiantes de terceiro ciclo
3 representantes do Persoal de Administración e Servicios
f) 15 membros elixidos entre decanos de Facultade e directores de Escola, directores de Departamento e directores de Institutos Universitarios de Investigación, repartidos do seguinte xeito:
7 decanos e directores de Escola
7 directores de Departamento
1 director de Instituto
Dentro dos representantes de decanos e directores de Departamento deberá garantirse a presencia de representantes dos dous Campus (Santiago e Lugo), así como das cinco grandes áreas científicas.
g) 3 membros do Consello Social non pertencentes á comunidade universitaria.
2.- Os membros do apartado d) do número anterior serán designados polo rector, e manterán a súa condición de membros en tanto o rector non os cese. Os membros do apartado e) serán elixidos polos membros do Claustro Universitario pertencentes ós sectores correspondentes, entre eles. Os membros do apartado f) serán elixidos, respectivamente, polos decanos e directores de Escola, os directores de departamento e os directores de institutos de investigación. Os membros do apartado g) serán elixidos polo Consello Social segundo o procedemento que este estableza. Os restantes membros do Consello de Goberno consideraranse membros natos e desempeñarán o seu posto mentres manteñan a correspondente titularidade.
3.- A elección será por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto.
4.- Para a elección dos membros do apartado e) do número 1º, rexerá o disposto no Regulamento do Claustro. Para a elección dos representantes do apartado f) do devandito artigo non se admitirá a delegación do voto nin o voto por correo. Tampouco se admitirá o voto anticipado.
5.- Para a elección dos membros do apartado e) do número 1º rexerá o disposto no Regulamento do Claustro. Para a elección dos representantes do apartado f) cada elector só poderá da-lo seu voto ó número de candidatos máis próximo ó 70 por cento do número dos que deben ser elixidos.
6.- Serán proclamados electos aqueles candidatos que obteñan maior número de votos. Para a elección dos representantes dos membros do apartado f), no caso de que dous ou máis candidatos obteñan o mesmo número de votos, daráselle preferencia para a proclamación como candidato ó que teña máis antigüidade segundo a previsión do art. 16 dos Estatutos da Universidade. Anualmente convocaranse eleccións para a renovación dos postos vacantes, se os houbese, dos representantes de decanos e directores de Escola, directores de Departamento e directores de Instituto.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA SEGUNDA
1.- Os membros do Consello de Goberno que actúan como representantes de decanos e directores de Escola, directores de Departamentos e directores de Institutos de Investigación serán elixidos para un período de 4 anos. Os representantes do apartado e) do punto 1 da Disposición Transitoria Primeira serán elixidos para o período establecido no Regulamento do Claustro.
2.- Os membros do Consello de Goberno que actúan como representantes perderán a súa condición de membros do Consello de Goberno pola súa renuncia expresa antes de remata-lo seu período de mandato, por perda da súa condición de decano ou director de Escola, Departamento ou Instituto universitario no caso dos representantes incluídos no apartados f) do punto 1 da Disposición Transitoria Primeira, ou por perda da condición de claustral, no caso dos representantes incluídos no apartado e) do referido artigo.
3.- No caso de que un membro do Consello de Goberno perda a condición de tal, a substitución farase de acordo coas seguintes previsións:
a) O rector, polo rector en funcións.
b) Para a substitución de representantes de decanos e directores de Escola, directores de Departamentos e directores de Institutos universitarios de Investigación, procederase a unha nova elección de acordo co disposto na Disposición Transitoria Primeira, para o tempo que reste ata cumplir o período de 4 anos ó que se refire o número 1 da Disposición Transitoria Segunda.
c) A substitución dos representantes incluídos no apartados e) do punto 1 da Disposición Transitoria Primeira, farase na forma prevista no Regulamento do Claustro.
4.- Os membros do Consello de Goberno non poderán ser suplidos para a súa asistencia ó pleno do Consello de Goberno. So no caso de ausencia xustificada do secretario xeral poderá ser substituído polo secretario xeral adxunto, e en caso de ausencia xustificada do xerente poderá ser substituído por un vicexerente.
5.- No caso de ausencia xustificada do secretario xeral e do secretario xeral adxunto, o rector designará un membro do Consello, profesor de Universidade funcionario do grupo A, para que realice as funcións de secretario.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
O presente Regulamento debe ser integrado e interpretado no marco do disposto nos Estatutos da Universidade, e das normas vixentes sobre o ensino universitario, así coma do resto do ordenamento xurídico. En particular, para o que non estea disposto no presente Regulamento nin nos Estatutos da Universidade, aplicarase o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As referencias á Xunta de Goberno que houbese nas normas universitarias vixentes entenderanse referidas ó Consello de Goberno.
DISPOSICIÓN FINAL
O presente Regulamento entrará en vigor ó día seguinte ó da súa aprobación polo Pleno do Consello de Goberno.
1 A composición do Consello de Goberno provisional regúlase nas Disposicións Transitorias Primeira e Segunda.