Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Organización docente  »  Normativa do Campus Virtual da USC
Normativa do Campus Virtual da USC
(Aprobada polo Consello de Goberno o 8 de novembro de 2005)
Nos últimos anos a Universidade de Santiago de Compostela ven realizando un gran esforzo para dar resposta á crecente demanda de integración das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións no proceso de ensino-aprendizaxe, tanto como elemento complementario á docencia presencial tradicional como na xeración de novas modalidades de formación síncronas e asíncronas baseadas no uso intensivo de factores e útiles tecnolóxicos.
Así, o incremento na demanda por parte do persoal docente de espazos virtuais para complementar a súa docencia fai necesario que os seus esforzos sexan recoñecidos axeitadamente, o cal é difícil de levar a cabo cando os recursos xerados se atopan dispersos por toda a rede. Como unha das respostas a estas demandas creouse en decembro de 2003 o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) como un servizo universitario que ten como finalidade coordinar e apoiar á integración racional das tecnoloxías da   información e as comunicacións no proceso de ensinanza e de aprendizaxe.
Co establecemento do Campus Virtual da USC, búscase propiciar actividades formativas que se desenvolvan a través da rede, á vez que se incorpora á formación dos estudantes a xeración de habilidades e actitudes relacionadas co emprego das TIC, tan importantes na súa futura actividade social e profesional. Asemade, o Campus Virtual pretende facilitar a aplicación de metodoloxías asociadas á implantación do Crédito Europeo (ECTS), así como o acceso ós programas de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua da USC a todas aquelas persoas que desexen cursalos.
A través da presente normativa establécese o marco no que se desenvolverá a actividade docente no denominado Campus Virtual da USC, así como o método de recoñecemento da actividade desenvolvida
 
DEFINICIÓN E NORMAS XERAIS DE ORGANIZACIÓN DO CAMPUS VIRTUAL
Art. 1.-Definición
O Campus Virtual da USC é a denominación coa que se fai referencia ao conxunto de ferramentas baseadas na rede Internet coas que se da apoio á docencia oficial e non oficial, abarcando tanto o apoio á ensinanza presencial como ós procesos de aprendizaxe a través de procedementos non presenciais (teleformación).
Está formado polo conxunto de equipos, aplicacións, contidos e servizos informáticos orientados á formación que se poñen a disposición dos usuarios dende a rede de datos da USC.
 
Art. 2.-Recoñecemento dos estudos
A actividade docente virtual da USC realizarase a través do “Campus Virtual” e da súa organización dedicada a este fin.
A prestación de servizos docentes virtuais sen seguir o establecido nestas normas poderá implicar o non recoñecemento dos estudos por parte da USC, agás que exista autorización expresa e recoñecemento específico.
Art. 3.-Organización
A organización e xestión do Campus Virtual correspóndelle ó Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA).
O Centro será o encargado de seleccionar e poñer a disposición do persoal docente da USC aquelas aplicacións, plataformas ou servizos máis axeitados ós obxectivos pretendidos, así como establecer as priorizacións e regras de funcionamento dos medios prestados e eliminar incongruencias ou contradicións na oferta virtual da USC.
A Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (ATIC) prestará asesoramento previo no proceso de selección e implantación de equipos, aplicacións e servizos. Tamén será a encargada de prestar o mantemento da infraestrutura física do Campus Virtual.
Art. 4.-Funcionamento
O acceso ós servizos, contidos e aplicacións do Campus Virtual realizarase mediante a solicitude establecida para estes efectos. O CeTA concederá a oportuna autorización e poñerá a disposición dos solicitantes os medios autorizados. O uso destes medios deberá ser conforme ás regras ou instrucións que estableza o CeTA. En caso de incumprimento, a autorización será revogada.
Art. 5.-Comisión académica e Comisión de Usuarios.
O CeTA contará co asesoramento dunha Comisión Académica nomeada polo Reitor a proposta do Consello de Goberno que realizará o seguimento e control das actividades a realizar, así como a acreditación do recoñecemento das actividades realizadas polo persoal docente. Estará integrada polo vicerreitor con competencias no CeTA, que actuará de presidente, o vicerreitor adxunto do Campus de Lugo con competencias relacionadas coa actividade do CeTA, o director do centro, que actuará como secretario, e cinco profesores de cada unha das grandes áreas e dous alumnos (un de 1º e 2º ciclo e outro de 3º ciclo) todos eles usuarios do Campus Virtual, procurando sempre a presenza dos campus de Santiago e Lugo. A Comisión Académica actuará tamén como comisión de usuarios.
Art. 6.-Recoñecemento da actividade do Campus Virtual
A actividade docente realizada no Campus Virtual será recoñecida pola Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado, e poderá ser certificada como actividade do persoal docente.
Para estes efectos dita docencia poderá recoñecerse no POD e no Plan de Traballo Anual nas condicións que se establezan na normativa correspondente.
Así mesmo, a Vicerreitoría de Terceiro Ciclo e Extensión Docente recoñecerá as actividades docentes realizadas a través do Campus Virtual dentro do seu ámbito de competencia.
A través da Vicerreitoría de Calidade e Planificación Estratéxica poderán ser cualificadas como accións estratéxicas e recibir o apoio específico as accións propias do Campus Virtual.
Art. 7.-Dependencia orgánica
A organización das actividades virtuais do profesorado universitario someteranse ás presentes normas e ás directrices e ordes de servizo do CeTA, sen prexuízo das competencias dos departamentos.
Correspóndelle á dirección do CeTA as relacións con terceiros, sen prexuízo das competencias das vicerreitorías competentes en cada materia.
Art. 8.-Normas de utilización dos medios
Para a utilización dos medios prestados a través do Campus Virtual emitiranse as correspondentes normas, que serán aprobadas pola dirección do CeTA, co visto e prace da vicerreitoría competente, e publicadas na páxina web do Campus Virtual. A petición de utilización e o seu uso implicará a aceptación das referidas normas.
Art. 9.-Doutras actividades
A través do Campus Virtual poderanse organizar accións formativas para membros da Comunidad universitaria distintas da oferta de títulos propios ou oficiais da USC.
Asemade, poderanse organizar programas formativos a petición de persoas, institucións ou empresas alleas á USC a través de cursos de Formación Continua.
Art. 10.-Utilización da denominación “Campus Virtual”
Os membros da comunidade universitaria non poderán utilizar a denominación “Campus Virtual” ou similares para outras actividades que induzan a confusión e que non se correspondan coa presente normativa.
Disposición final.- Entrada en vigor
A presente normativa entrará en vigor o día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno da USC.