A Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, no seu art. 34.3 dispón que as Universidades poderán establecer ensinanzas conducentes á obtención de diplomas e títulos propios, así como ensinanzas de formación ó longo de toda a vida.
Os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, no seu art. 121, contemplan que a Universidade poderá establecer estudios de posgrao e a Xunta de Goberno (hoxe Consello de Goberno) establecerá as normas xerais que regulen a organización e aprobación destes estudios.
O Real decreto 778/1998 de 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, no seu art. 17 establece que as universidades, a través dos seus correspondentes centros, poderán impartir ensinanzas para titulados universitarios sobre campos do saber propios da carreira de procedencia ou de carácter intercurricular. Quen superen as devanditas ensinanzas poderán obter da Universidade o correspondente título ou diploma propio da Universidade, de acordo coas previsións do art. 6 e seguintes do Real decreto 1496/l987.
Por Resolucións de 22-12-00 (Graduado superior en Xerontoloxía e en Enxeñería Ambiental), e acordos de Xunta de Goberno de 23 de abril de 2002 (Graduado Superior en Biotecnoloxía) e 27 de xuño de 2001 (Graduado Superior en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións), fanse públicos os planos de estudios conducentes á obtención dos devanditos títulos que terán a condición de Títulos Propios da Universidade de Santiago de Compostela.
A presente Normativa ven implanta-lo procedemento a seguir na organización docente e xestión académica dos títulos propios de Graduado Superior na USC, en desenvolvemento das normas anteriormente citadas.
Artigo 1. Obxecto e ámbito
1. O obxecto da presente Normativa é regular a xestión, impartición e expedición dos títulos propios de Graduado Superior na Universidade de Santiago de Compostela; e a selección, admisión e matrícula dos seus alumnos.
2. En aqueles aspectos non regulados na presente norma, será de aplicación subsidiaria a Normativa de Xestión Académica.
3. Non serán aplicables ós títulos propios de Graduado Superior o Regulamento de estudios posgrao e formación continua da USC (aprobado pola Xunta de Goberno o 22 de decembro de 1999, e modificado o 23 de abril de 2002), nin o Regulamento sobre expedición de títulos propios da USC (aprobado pola Xunta de Goberno o 15 de novembro de 1993), agás que exista remisión expresa na presente norma.
CAPÍTULO I. XESTIÓN ACADÉMICA DOS
TÍTULOS DE GRADUADO SUPERIOR
Artigo 2. Acceso
1. Poderán acceder ós estudios de Graduado Superior os licenciados, arquitectos e enxeñeiros con titulación oficial en España. Tamén poderán acceder os enxeñeiros técnicos, arquitectos técnicos ou equivalentes, en función de cada titulación, e quen teña superado o primeiro ciclo das licenciaturas ou enxeñería que se especifiquen para cada título.
2. Así mesmo poderán acceder a estes estudios os titulados estranxeiros cun título homologado equivalente ós oficiais do Estado Español. Poderá admitirse a matrícula sen a previa homologación, mediante unha resolución de recoñecemento de equivalencia, pero para a expedición do título será requisito necesario obter a homologación con anterioridade. De non estar en posesión do recoñecemento de equivalencia no momento de rematar o prazo de matrícula poderáselle admitir esta de xeito condicional.
3. O acceso a un Graduado Superior non supón o recoñecemento como primeiro ciclo dos estudios previos.
Artigo 3. Límite de prazas
1. A Universidade determinará anualmente o número máximo de prazas en cada titulación e os cupos de reserva, de selo caso. Para a determinación do número de prazas e dos prezos terase en conta o custe real da titulación.
2. Os alumnos de programas de intercambio internacional, tanto europeos como non europeos, poderán acceder a un cupo extraordinario máximo dun 5% sobre o límite de prazas establecido, cun mínimo de dúas prazas anuais por cada titulación de Graduado Superior. Estes alumnos deberán posuír a titulación requirida para o acceso ou o seu recoñecemento de equivalencia.
3. Poderanse establecer cupos tanto para estranxeiros como para outros colectivos, en especial para persoas con discapacidade.
Artigo 4. Créditos mínimos na matrícula ordinaria
Nos estudios de Graduado Superior non se admitirán matrículas ordinarias no primeiro ano de menos de 60 créditos. Excepcionalmente e previa petición individual dos alumnos, atendendo as súas circunstancias persoais, poderanse admitir matrículas con menor carga de créditos.
Artigo 5. Matrícula extraordinaria
Os alumnos poderán matricularse en materias soltas dos estudios de Graduado Superior, sen que esta matrícula outorgue dereito ó título.
Ós alumnos doutras titulacións oficiais da Universidade de Santiago de Compostela que se matriculen nesta modalidade poderán imputar estas materias á libre configuración da titulación oficial, unha vez superadas estas materias, e previo abono do seu prezo.
Tamén poderán ser obxecto de validación na titulación de Graduado Superior no momento en que o alumno se matricule nela de xeito ordinario.
Artigo 6. Seguro
Os alumnos deben abonar coa matrícula un seguro de accidentes que se estableza. No caso de ser estranxeiro deberá acreditar a cobertura desta continxencia, mediante seguro oficial ou privado.
Artigo 7. Prezos públicos por matrícula
1. Os prezos públicos dos estudios de Graduado Superior serán determinados polo Consello Social, a proposta do Consello de Goberno.
2. Non caberán exencións nin bonificacións de prezos, agás en virtude de convenios que establezan, no marco do intercambio internacional, unha exención de abono de dereitos de matrícula en condicións de reciprocidade. Tamén poderán existir convenios ou acordos que establezan a subvención de prezos, a todos ou a algúns dos alumnos, especificamente para estas titulacións, sempre sometidos ó principio de compensación á USC dos ingresos deixados de percibir.
3. Non serán aplicables nin os descontos de familia numerosa, nin outras bolsas ou exencións previstas para primeiro, segundo ou terceiro ciclo.
4. A Universidade, previa convocatoria pública, poderá establecer unha bonificación total ou parcial dos dereitos de matrícula en función das circunstancias económicas e académicas dos alumnos.
5. Só procederá a devolución dos prezos públicos abonados pola matrícula no caso de renunciar á praza con anterioridade á finalización do prazo ordinario de matrícula.
Artigo 8. Complementos de formación
1. A Universidade de Santiago de Compostela establecerá, preferentemente de entre as materias que se imparten nela, os complementos que deberá cursar o alumno para acceder ós estudios de Graduado Superior en función da titulación de procedencia. Os complementos de formación poderán ser obxecto de validación, de selo caso.
2. Os prezos públicos por complementos de formación serán os establecidos anualmente polo Decreto da Xunta de Galicia que regula os prezos públicos, agás que sexan impartidos na propia titulación. Neste caso os prezos serían os que correspondan ó valor dos créditos das titulacións propias.
Artigo 9. Cualificacións e mencións
As cualificacións e mencións dos alumnos serán as mesmas que as establecidas para primeiro ou segundo ciclo das titulacións oficiais.
Por cada dez alumnos ou fracción se poderá conceder unha matrícula de honra. A concesión desta mención non implica nin descontos nin exención do pagamento de prezos en próximas matrículas..
Artigo 10. Revisión de cualificacións
1. Os alumnos terán dereito á revisión das súas cualificacións. Para solicitar a revisión deberán dirixirse en primeiro lugar ó profesor responsable da materia Realizada a revisión polo profesor, ou transcorridos 10 días dende a notificación da cualificación sen que aquela se levara a cabo, o alumno poderá solicitar ó director da titulación, nun prazo de 15 días, a revisión da cualificación por unha comisión, se entende que dita cualificación foi arbitraria ou discriminatoria. A solicitude será inadmitida a trámite de presentarse fora de prazo.
2. A comisión de revisión estará formada por tres profesores designados polo director da titulación, de entre os que non poderá formar parte o profesor que emitiu a cualificación. A comisión resolverá no prazo de un mes, e a súa resolución deberá ser motivada en todo caso. Contra a resolución da revisión poderá interpoñerse recurso da alzada perante o Rector da USC.
Artigo 11. Número de convocatorias
O número máximo de convocatorias será o establecido con carácter xeral para os alumnos de titulacións oficiais. As mencións de “non presentado” non suporán o esgotamento de convocatoria.
Artigo 12. Prácticas en empresa
Os alumnos poderán realizar practicas en empresa relacionadas coa titulación a cursar. Para estes efectos deberán formalizarse con carácter previo, e de acordo cos criterios xerais, convenios entre a USC e as empresas, institucións ou administracións públicas. Os alumnos aboarán os prezos establecidos polo recoñecemento destas prácticas. Os alumnos formalizarán a matrícula unha vez admitidos, e previamente á realización das prácticas.
Artigo 13. Convocatoria extraordinaria de fin de carreira
1. Os alumnos de Graduado Superior terán dereito a unha convocatoria extraordinaria de fin de carreira nos mesmos termos que os alumnos ordinarios de primeiro e segundo ciclo.
2. Para concorrer ás convocatorias extraordinarias de fin de carreira os alumnos deberán solicitalo por escrito e expresamente con carácter previo ós exames. As datas de solicitude e exame serán fixados pola convocatoria anual, ou no seu defecto polo Director da titulación.
Artigo 14. Dereitos e deberes dos alumnos
1. Os alumnos das titulacións propias de Graduado Superior terán os mesmos dereitos e deberes que os alumnos de titulacións oficiais impartidas na USC, e en particular ós servicios de: Tarxeta universitaria, biblioteca, servicios deportivos, bonobús e Sistema de Residencias.
2. O sistema de representación destes alumnos nos órganos xerais da USC será o que se estableza no Regulamento Electoral da Universidade.
Artigo 15. Dobre titulación
En función de Acordos ou Convenios nacionais e internacionais poderá establecerse a existencia de títulos con validez en varias universidades ou institucións de ensino superiores.
Artigo 16. Prezos por servicios administrativos
Ademais dos prezos por créditos académicos, os alumnos deberán abonar os seguintes :
§ 17,43 Euros por expedición de certificacións académicas
§ § 21, 95 Euros pola impresión de duplicados do título
§ 17,43 Euros por compulsa de documentos académicos
§ 96,18 Euros pola expedición do título
§ 17,43 Euros pola apertura de expediente
§ 6, 00 Euros por sobre de matrícula
§ 3,74 Euros por expedición e mantemento da tarxeta universitaria
Estes prezos sufriran automaticamente a mesma variación que se estableza no Decreto anual da Xunta de Galicia sobre prezos para títulos oficiais.
En ningún caso procederá a devolución das taxas xeradas pola actuación da Administración, aínda que se produza a renuncia ó trámite solicitado, agás que a non prestación do servicio sexa imputable á administración.
Artigo 17. Certificación supletoria do título
1. Feita a comprobación de que o alumno superou os estudios e aboou o importe dos dereitos da expedición do título, a Unidade de Xestión Académica procederá á expedición, gratuíta, dunha certificación que terá os mesmos efectos có título ata que este se expida. Esta certificación deberá conter tódolos datos substanciais do título, e será asinada polo secretario xeral da Universidade, no nome do rector, e polo xefe da Unidade de Xestión Académica. A data da certificación será a do día da expedición da mesma, facéndose constar a data de pagamento do depósito do título.
2. Se o alumno extraviase a certificación do pagamento dos dereitos e solicitara unha segunda certificación, esta devengará os prezos públicos establecidos.
3. Os modelos de certificación supletoria e do título son os que se achegan como anexo a este acordo, e deberán contar con garantías de seguridade.
4. Non poderá ser expedido o título de Graduado Superior, nin a certificación supletoria,a aquelas persoas que non ostenten as titulacións esixidas para o acceso establecidas nesta normativa ou na convocatoria de cada título.
Artigo 18. Expedición do título
1. O procedemento de expedición dos títulos iniciarase nas respectivas Unidades de Xestión Académica, despois de cada convocatoria de exames, e previa solicitude dos alumnos que superaran os estudios, remitirán á Sección de Títulos do Servicio de Xestión Académica, os expedientes para a expedición dos títulos, segundo o formato que se determine. Os expedientes conterán:
- Os datos persoais do alumno (nome, apelido, data e lugar de nacemento, provincia, país e nacionalidade así coma o número do documento oficial de identidade)
- Data da convocatoria de remate dos estudios
- Data de aprobación do plano de estudios
- Data do aboamento dos dereitos de expedición do título
- Curriculum dos estudios cursados e superados polo alumno que constará de:
· Materias contidas no plano de estudios
· Actividades realizadas
· Número de créditos coa súa equivalencia en horas
· Requisitos para o acceso ós estudios (titulación previa)
As cartolinas soporte dos títulos, tamaño DIN A-3, deberán levar impreso o emblema da Universidade de Santiago de Compostela, así coma o selo en seco da Universidade e unha clave alfanumérica que se reflectirá tanto no anverso coma no reverso. Os títulos expediranse en versión bilingüe (galego-castelán) nun único documento, de acordo co modelo que a tal efecto aprobe a USC . Así mesmo se incorporarán os datos requiridos nas normas xerais sobre suplemento europeo ó título.
Artigo 19. Rexistro dos títulos
A Universidade creará un rexistro de Títulos Propios de Graduado Superior, no que quedará asentado cada expediente conducente a un título propio, que no seu momento poderá pasar a formar parte do Rexistro Universitario de Títulos de carácter oficial.
O número de rexistro constará de once díxitos dos que os catro primeiros serán os do ano, seguidos de catro números secuenciais de orde e rematando nas letras GS. Nos títulos reflectirase, tanto no anverso coma no reverso, o número de rexistro universitario.
A data da expedición do título será a que corresponda co momento da impresión. Non obstante a data de efectos será a do abono dos dereitos do título.
Os títulos levarán impresa no anverso a sinatura do rector da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén serán asinados no anverso polo xefe da Sección de Títulos e polo propio interesado/a.
No reverso serán asinados polo responsable do Rexistro de Títulos que dará constancia do asento no Libro Rexistro Universitario de Títulos Propios.
Artigo 20. Entrega de títulos
1. Feita a expedición, asinados e asentados no Libro Rexistro, os títulos serán remitidos pola Sección de Títulos, debidamente relacionados, ás respectivas Unidades de Xestión Académica para a súa entrega ós interesados. Os títulos deberán ser retirados persoalmente polos interesados, acreditando a súa identidade e asinarán o título no momento da súa entrega, do que quedará constancia na UXA.
2. No suposto de que non lle fora posible retira-lo persoalmente, o interesado poderá autorizar a outra persoa, sempre mediante poder notarial, para que o retire no seu nome. Dito poder notarial arquivarase no expediente do alumno no caso de ser específico ou unha copia cotexada no caso de tratarse dunha autorización notarial xenérica.
3. Os interesados que residan en localidade distinta do centro no que realizaran os estudios, poderán solicitar mediante instancia dirixida ó xefe da UXA a remisión do título á unha oficina de Educación ou Oficina Consular máis próxima ó seu lugar de residencia. No caso de falecemento do alumno antes de recoller o título, o rector poderá acordar a súa entrega ós parentes máis próximos ou herdeiros que o soliciten e acrediten a súa condición. Neste caso o título incluirá a mención legal de invalidación do mesmo.
Artigo 21. Expedición de duplicados
Procederá a expedición de duplicados, previa anulación do título orixinal, no suposto de que se produzan alteracións derivadas de cambio de nome ou calquera outra que afecte ó contido do título. Así mesmo procederá a expedición de duplicado no suposto de extravío, destrucción ou deterioro dun título.
O procedemento para a expedición de duplicados iniciarase de oficio cando a causa sexa imputable á Administración e a instancia do interesado cando a causa lle sexa imputable ó mesmo. A solicitude de duplicado debe acompañar o título orixinal, salvo no caso de extravío ou deterioro total.
Sempre que a causa de expedición de duplicado do título lle sexa imputable ó interesado, este aboará os dereitos de expedición do mesmo.
No suposto de extravío ou deterioro total (sinistro) do título a UXA promoverá a publicación dun anuncio no Diario Oficial de Galicia ou no BOE que será por conta do interesado cando a causa do extravío lle fose imputable a este.
Transcorridos trinta días a partir da data de publicación do anuncio de extravío, iniciarase o procedemento de expedición do duplicado do título.
Disposición final
A presente Normativa entrará en vigor ós vinte días da súa aprobación polo Consello Social da USC a proposta do Consello de Goberno. Os procedementos iniciados con anterioridade á mesma rexeranse pola normativa anterior.
Non obstante, e unha vez aprobada esta Normativa, poderá ser incorporada ás Normas de Xestión Académica como parte integrante das mesmas.
Disposición derrogatoria
Mantense vixente no que non se opoña ó presente acordo a “Normativa Provisoria sobre Titulacións Propias” aprobada pola Xunta de Goberno do 5 de maio de 2000.
Queda derrogada calquera outra Resolución ou Normativa de igual ou inferior rango que se opoña á presente norma.
Disposición Adicional Primeira
As actas de cualificación das titulacións propias seguirán o procedemento establecido para as de primeiro e segundo ciclo. A competencia nesta materia corresponde á Secretaría Xeral.
Disposición Adicional Segunda
A Universidade, na súa oferta académica, poderá establecer itinerarios curriculares dos alumnos que lles permitan a obtención dun título oficial e de Graduado Superior en prazos inferiores á suma dos ordinarios de ámbalas dúas titulacións.