NORMAS PARA APLICACIÓN DO ARTIGO 30 DO CONVENIO COLECTIVO
PARA AS UNIVERSIDADES PÚBLICAS DE GALICIA
(RESOLUCIÓN RECTORAL DO 4 DE MARZO DE 1993)
(D.O.G. DO 5 DE ABRIL DE 1993)
O artigo 30, parágrafo segundo, do convenio colectivo para as universidades públicas de Galicia regula o dereito ó recoñecemento para efectos de antigüidade do tempo de servicios prestados na Administración pública, con anterioridade á adquisición da condición de persoal laboral fixo ó servicio de calquera das universidades públicas de Galicia.
O mesmo artigo establece que o sistema de recoñecemento de servicios se regulará por unha resolución de cada universidade e terá efectos económicos a partir da data na que se adquire a condición de persoal laboral fixo ó servicio de cada universidade.
Para tal fin, en cumprimento da norma anteriormente mencionada, cómpre dicta-las instruccións complementarias que aclaren o alcance da referida disposición convencional, establecendo criterios uniformes para o cómputo e a valoración do tempo de servicios que se van recoñecer, e que concreten o procedemento que deberán segui-los interesados.
Na súa virtude, á vista da proposta presentada pola xerencia desta universidade, oído o comité de empresa do persoal laboral, en uso das competencias atribuídas polos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
DISPOÑO:
Primeiro.- Servicios computables e efectos destes.
1.- Computaranse tódolos períodos de tempo de servicios prestados á Administración pública polo persoal laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela nos termos regulados no artigo 30, parágrafo segundo, do convenio colectivo para as universidades públicas de Galicia excepto nos supostos de prestacións persoais obrigatorias.
2.- Ningún período de tempo poderá ser computado máis de unha vez, aínda cando durante ese tempo o traballador prestase servicios simultáneos nunha ou máis esferas dela ou de distintas administracións públicas.
Tampouco será computable o tempo de servicios prestados cando, ó romperse o vínculo xurídico coa Administración e recibi-la indemnización correspondente, renunciou o interesado a calquera outro dereito que se puidese derivar de tales servicios.
Segundo.- Valoración dos trienios.
O tempo de servicios previstos recoñecido acumularase por orde cronolóxica e procederase a un novo cómputo de trienios e á súa valoración, retrotaéndose a efectividade económica da devandita acumulación a partir da data de solicitude de recoñecemento e sempre que se adquira a condición de persoal laboral fixo ó servicio de cada universidade.
Terceiro.- Certificacións.
As certificacións do tempo de servicios computables serán expedidas polos servicios de PAS das universidades ou das unidades e departamentos de persoal das correspondentes consellerías, ministerios, organismos autónomos, entidades ou corporación onde os citados servicios foron prestados. As ditas certificacións expresarán, así mesmo, os medios de proba admisibles en dereito que se tiveron en consideración para expedilas (anexo I).
Cuarto.- Procedemento.
1. Iniciarase sempre por instancia do interesado, debendo xunta-la certificación ou certificacións a que se refire a instrucción anterior.
2. As solicitudes deberán presentarse perante o rexistro xeral da Universidade de Santiago de Compostela, correspondendo a súa resolución á xerencia da universidade por delegación do rector.
3. Para a tramitación dos expedientes a que se refire a presente resolución, as solicitudes axustaranse ó modelo que se une como anexo II.
Quinto.- No non recollido na presente resolución aplicaránse subsidiariamente os criterios de recoñecemento de servicios previstos na Administración pública prevista na Lei 70/1978 e Real Decreto 1461/1982.
" Aquelas persoas que na data de entrada en vigor do convenio colectivo 1992-1994 para as universidades públicas de Galicia, estivesen en condicións de ter servicios recoñecibles, ó abeiro do artigo 30 do antedito convenio e sempre que o solicitasen no prazo de vixencia do convenio e de un ano desde a publicación desta resolución, retrotraeranse os efectos económicos do novo cómputo e valoración ata o 1 de xaneiro de 1992, data dos efectos económicos do convenio colectivo antecitado".