RESOLUCIÓN REITORAL POLA QUE SE REGULA A PUBLICIDADE DAS DECISIÓNS DOS ÓRGANOS DE GOBERNO DA UNIVERSIDADE
Co fin de facilitar a debida publicidade e coñecemento dos acordos e as resolucións de carácter xeral dos órganos de goberno da Universidade, e a proposta do secretario xeral,
ESTE REITORADO RESOLVE
Primeiro.
1. Os acordos e resolucións de carácter xeral dos órganos de goberno da Universidade de Santiago de Compostela, deberán ser notificados ou publicados de xeito que poidan ser coñecidos e accesibles a todos os seus destinatarios. Correspóndelle aos órganos de goberno responsables dos acordos e resolucións a súa respectiva publicidade, sen prexuízo do disposto no artigo terceiro.
2. Aos efectos do apartado anterior, considérarse suficiente publicidade dos acordos e resolucións de carácter xeral, que teñan como destinatarios unha categoría ou pluralidade indeterminada de persoas, a súa difusión na páxina web da Universidade, sen prexuízo da obriga da súa publicación en boletíns oficiais cando así o establezan normas de procedemento específicas, ou de que para asegurar o coñecemento dalgúns acordos ou resolucións de especial relevancia deban utilizarse tamén outros medios de publicidade.
3. De conformidade co artigo 74.1 dos Estatutos da Universidade, as decisións dos órganos colexiados da Universidade adoptarán a forma de acordos, e as dos cargos unipersoais, a de resolucións. As resolucións emitidas en virtude dunha delegación de competencias ou dunha delegación de sinatura consideraranse dictadas polo órgano delegante, e estarán sometidas aos seus respectivos requisitos de publicidade.
Segundo.
1. Darase publicidade xeral dos acordos e resolucións sempre que teñan por destinatarios unha pluralidade indeterminada de persoas, cando a comunicación individual sexa insuficiente para os fins da disposición e cando se refiran a procedementos selectivos ou de concorrencia competitiva.
2. Notificaranse individualmente aos interesados as decisións e actos que afecten aos seus dereitos e intereses. Os acordos e resolucións que afecten a persoas físicas ou xurídicas individuais deberán ter a publicidade que lles corresponda en cada caso segundo as normas establecidas no respectivo procedemento e tendo en conta os dereitos das persoas afectadas. Evitarase a publicidade dos actos na web cando poida afectar á protección de datos persoais ou lesionar dereitos e intereses lexítimos. Nestes supostos poderá publicarse na web unha indicación do contido do acto e o lugar e prazo no que os interesados podan comparecer para coñecer o contido íntegro do acto.
3. As notificacións de actos administrativos a través da web serán complementarias ás realizadas nos taboleiros de anuncios, e deberán indicar igualmente se o acto é ou non definitivo na vía administrativa, a expresión dos recursos que procedan, o órgano perante o que deban presentarse e o prazo para interpoñelos, de conformidade cos artigos 58.2 e 60.2 da LRXAP-PAC.
Terceiro
1. A Secretaría Xeral levará un arquivo actualizado das normas, acordos e resolucións de carácter xeral máis relevantes vixentes na USC, e manterá na páxina web da USC unha sección de Normativa para recollelas e difundilas, sen prexuízo da súa difusión polos respectivos órganos dos que emanan, sexa na súa propia páxina web o mediante outros medios.
2. Co fin de dar cumprimento ao apartado anterior, os órganos de goberno enviarán á Secretaría Xeral da Universidade un exemplar en papel, debidamente asinado e selado, e outro electrónico, dos acordos e resolucións de carácter xeral dos que sexan responsables, así como das modificacións, correccións ou actualizacións que se produzan. O documento electrónico será preferentemente en formato .pdf, ou convertible a dito formato, de xeito que poida publicarse na páxina web de Normativa coas debidas garantías de seguridade.
3. Cando polo seu contido de carácter xeral os órganos de goberno das facultades, escolas, departamentos ou institutos consideren aconsellable que as súas decisións sexan tamén publicadas pola Secretaría Xeral, poderán solicitalo para que esta decida sobre dita inclusión.
Cuarto.
1. Os acordos dos órganos colexiados constarán nas correspondentes actas, que serán elaboradas e aprobadas segundo dispoñan a lei e a regulación interna do órgano. Os secretarios certificarán estes acordos e os comunicarán ás persoas ou órganos directamente afectados.
2. Sen prexuízo do disposto na normativa específica aplicable, as actas aprobadas poderán ser consultadas por quen acredite un interese lexítimo no seu contido previsible, e en todo caso polos membros do órgano. A solicitude de consulta farase ao secretario do órgano, quen decidirá sobre a súa procedencia, oído o presidente se fora preciso. Os interesados poderán solicitar certificación dos acordos conforme ao artigo 26.5 da LRXAP-PAC.
3. As actas das reunións dos órganos colexiados poderán ser difundidas por medios impresos ou electrónicos, total ou parcialmente, cando a xuízo do presidente do órgano interese a súa divulgación e así o permita a natureza dos asuntos acordados. En calquera caso respectarase a lexislación aplicable no tocante á protección dos datos persoais, da intimidade, da imaxe e dos demais dereitos individuais. As actas feitas públicas antes de ser aprobadas que fosen modificadas no momento da súa aprobación, serán corrixidas inmediatamente.
4. O secretario xeral deberá dar publicidade dos acordos de carácter xeral adoptados polo Claustro Universitario, o Consello de Goberno e, no seu caso, a Xunta Consultiva. Con este fin daralles a difusión que corresponda na páxina web de Normativa, e porá a disposición da comunidade universitaria, por medios impresos ou electrónicos, información sobre as reunións dos devanditos órganos colexiados.
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2004
O REITOR
Senén Barro Ameneiro