Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Procedemento  »  Uso do Selo da USC - RESOLUCIÓN RECTORAL DO 1 DE ABRIL DE 1993

USO DO SELO

(RESOLUCIÓN RECTORAL DO 1 DE ABRIL DE 1993)

A pesar do establecido no artigo 65.2.c dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, vén sendo práctica habitual que nos escritos elaborados nas diferentes dependencias universitarias se faga constar, ó final do texto, o selo oficial da Universidade, calquera que sexa o cargo asinante, estendéndose o dito costume, de xestión xeral, a toda clase de comunicacións oficiais internas e externas aínda que non sexan Resolucións Rectorais.

Por outra banda, estímase conveniente que nos escritos de novo trámite entre órganos e nas notificacións ós particulares figure o nome do Centro ou Dependencia que os dirixe utilizándose para iso un selo propio que os identifique.

Parece, pois, necesario aclarar e limita-la utilización do selo oficial da Universidade, deixando reservado o mesmo para os documentos que teñan carácter solemne e sexan expedidos co referendo Rectoral amais daqueloutros que conteñan os actos administrativos dirixidos a unha pluraridade de suxeitos ou ós particulares, evitando o uso desordenado e inapropiado do selo nos demais documentos xerais, elaborados nas distintas unidades e servicios universitarios.

En consecuencia ESTE RECTORADO, en virtude das atribucións conferidas polo artigo 60 dos Estatutos da Universidade, resolve:

1.- USO DO SELO OFICIAL DA UNIVERSIDADE.

O uso do Selo oficial da Universidade de Santiago de Compostela, coa lenda: SIGILLUM.REG.UNIVERSITAS.COMPOSTELLAM, queda reservado exclusivamente para os escritos e documentos oficiais emanados dos Órganos Xerais de Goberno e asinados polos seus titulares.

Soamente cando os órganos académicos ou cargos de Administración exerzan funcións delegadas dos Organos Xerais de Goberno da Universidade, en virtude de delegación de atribucións, poderán utiliza-lo Selo Oficial nos documentos que acheguen a outras dependencias ou ós particulares.

2.- SELOS DOS CENTROS UNIVERSITARIOS.

Os órganos de goberno e mailos da administración das Facultades, Escolas Técnicas Superiores, Escolas Universitarias, Departamentos, Escolas Profesionais e Institutos Universitarios deberán utilizar nos escritos e documentos que emanen da súa competencia o selo propio de cada un dos devanditos centros que identifique a súa orixe.

Os selos propios dos Centros Universitarios e demais dependencias axustaranse ás seguintes características:

a) Terán forma circular e un tamaño entre 2,5 cms. e 3.5 cms de diámetro.

b) O escudo da Universidade figurará no centro de selo. Bordeando a parte inferior do círculo constará a inscrición " Universidade de Santiago de Compostela". Gravada de esquerda a dereita, comenzando na parte inferior e separadas a primera e a últimas palabras por unha estrela de oito puntas. No mesmo sentido que a inscrición anterior, entre esta e o escudo, nunha ou dúas liñas, con letra de menor tamaño, farase consta-lo nome do Centro ou Dependencia.

c) Os Centros Universitarios que tradicionalmente veñan, usando signo ou escudo diferente do da Universidade, poderán facelo figurar no selo que se confeccione, sempre que o recoñecemento do seu uso sexa anterior a 1975.

3.- SELOS DAS UNIDADES ADMINISTRATIVAS E SERVICIOS XERAIS.

As unidades da Xerencia con nivel órgánico e Servicios e mailas oficinas e Seccións non dependentes daqueles, así como os restantes servicios xerais universitarios, utilizarán nos escritos que elaboren un selo que, coas lendas adecuadas, identifique a procedencia dos mesmos.

4º.- NORMAS FINAIS.

1ª.- Corresponde ó Secretario Xeral da Universidade a interpretación e aclaración da presente resolución.

2ª.- A presente resolución entrará en vigor ó mes da data de saída do Rexistro Xeral da Universidade.

3ª.- Os funcionarios encargados do Rexistro Xeral da Universidade e dos restantes rexistros dos edificios de servicios, absteránse de face-los asentos dos escritos que non se axusten ó establecido nesta normativa, a partir do mes da entrada en vigor desta resolución.

4ª.- Non obstante, o parágrafo primeiro desta resolución será obrigatorio a partir da data de saída da mesma do Rexistro.

5ª.- Os Centros, Servicios Xerais, e Unidades Administrativas, que teñan no seu poder o selo oficial da Universidade, ó que fai referencia o dito parágrafo primeiro, farán entrega dos mesmos, na Secretaría Xeral no prazo indicado na norma final terceira.