NORMATIVA SOBRE O CRITERIO DE ANTIGÜIDADE DO PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR PARA EFECTOS INTERNOS NA USC * (1)
(Aprobada polo Consello de Goberno de 22 de xullo do 2004)
O artigo 17 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), aprobados por Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro (DOG9-02-2004), di:
“Sen prexuízo da prelación entre corpos e categorías, que se establece na disposición adicional cuarta dos presentes estatutos, cando sexa de aplicación para efectos internos, o criterio de antigüidade do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela entenderase referido ao tempo de permanencia nela dentro da categoría da que se trate.”
En correspondencia, a Disposición Adicional Cuarta ordena os corpos e categorías en oito grupos “para os efectos de prelación entre as categorías establecidas no artigo 17”.
O devandito criterio de antigüidade do PDI recollido nos Estatutos debe ser desenvolvido para a súa aplicación uniforme aos procesos internos nos que ten relevancia (nos casos en que é de aplicación na elaboración dos POD, composición de comisións xulgadoras, etc.), tendo en conta as diversas situacións laborais e administrativas existentes na actualidade, baseadas na Lei Orgánica de Universidades (LOU), na Lei de Reforma Universitaria (LRU) ou noutras normas. Ademais, o criterio estatutario debe ser completado coa previsión de criterios complementarios para establecer prelacións de antigüidade nos casos de membros do PDI con igual antigüidade estatutaria, e para determinar a situación na prelación de corpos, categorías e contratos non explícitos nos Estatutos.
Tendo en conta o anterior, o Consello de Goberno, na súa reunión do 22 de xullo de 2004,
ACORDA
1. Para determinar a antigüidade dun membro do persoal docente e investigador da USC, en aplicación do artigo 17 dos Estatutos, teranse en conta sucesivamente os seguintes criterios:
a) En primeiro lugar terase en conta o corpo ou categoría a que pertence e o lugar que esta ocupa na prelación de corpos e categorías establecida na Disposición adicional cuarta dos Estatutos da USC e desenvolvida no punto 2 desta normativa. A estes efectos, terán a mesma prelación todos os corpos e categorías integrados en cada un dos oito grupos nos que se ordena dita prelación.
b) En segundo lugar terase en conta o tempo de permanencia na USC dentro da categoría ou categorías integradas nun mesmo grupo de prelación. A estes efectos, computarase conxuntamente o tempo de permanencia en todos os corpos e categorías dun mesmo grupo. No grupo oitavo terase en conta todo o tempo de permanencia como docente na USC.
c) No caso de que os anteriores criterios fosen insuficientes para determinar a respectiva antigüidade de dous ou máis membros do PDI, terase en conta o tempo de permanencia como docente na USC. Se fose idéntico considerarase máis antigo quen teña o grao de doutor, e se o tivesen ambos, o de maior idade.
2. Os grupos nos que se clasifican os corpos e categorías aos efectos da aplicación do criterio de antigüidade exposto no artigo anterior son os seguintes, por orde de prelación:
1º) Pertencen a este grupo :
a) Os catedráticos de universidade en activo.
b) Os profesores eméritos que se xubilaron como catedráticos de universidade.
2º) Pertencen a este grupo :
a) Os profesores titulares de universidade.
b) Os catedráticos de escolas universitarias.
c) Os profesores eméritos que se xubilaron como profesores titulares de universidade ou catedráticos de escolas universitarias.
3º) Pertencen a este grupo :
a) Os profesores titulares de escolas universitarias.
b) Os profesores contratados doutores.
c) O persoal docente procedente da antiga Escola de Graduados Sociais, integrada na USC por medio do Decreto 241/1991, do 4 de xullo.
d) Os investigadores contratados ao abeiro do programa Ramón y Cajal, Parga Pondal ou outros equivalentes.
e) Os asociados LRU doutores que non compatibilicen outra actividade fóra da universidade e os lectores LRU asimilados.
f) Os axudantes LRU doutores que non compatibilicen outra actividade fóra da universidade.
g) Os profesores funcionarios interinos.
h) Os contratados interinamente para prazas vacantes de profesor contratado doutor ao abeiro do acordo de 30 de xullo de 2002 entre a USC e os sindicatos sobre a regulación provisoria para a contratación de PDI.
4º) Pertencen a este grupo:
a) Os profesores colaboradores.
b) Os lectores LOU.
c) Os asociados LRU non doutores que non compatibilicen outra actividades fóra da universidade e os lectores LRU asimilados.
d) Os axudantes LRU non doutores que non compatibilicen outra actividades fóra da universidade.
5º) Pertencen a este grupo os profesores axudantes doutores.
6º) Pertencen a este grupo os axudantes LOU.
7º) Pertencen a este grupo:
a) Os profesores asociados LOU.
b) Os asociados LRU que compatibilicen outra actividade fóra da universidade.
c) Os profesores asociados de ciencias da saúde.
8º) Pertencen a este grupo:
a) Os contratados por substitución.
b) Os contratados de interinidade por vacante non incluídos no grupo terceiro.
c) Os investigadores por obra ou servicio (investigadores propios ou adscritos).
d) Os mestres de taller.
e) O restante persoal docente e investigador contratado non integrado en corpos ou categorías asimilados aos anteriores.
3. Así mesmo formarán parte dos grupos de prelación expresados no apartado anterior os corpos e categorías equiparados legalmente aos integrados neles. A estes efectos teranse en conta, entre outras normas aplicables, as disposicións transitorias 4ª, 5ª e 7ª da Lei Orgánica 11/1983, de 25 de agosto, de Reforma Universitaria (LRU) sobre integración dos corpos de Profesores Agregados, Profesores Adxuntos e outros nas categorías creadas por dita lei. A permanencia en corpos docentes ou modalidades de contratación anteriores non equiparados legalmente aos vixentes na actualidade computará, no seu caso, como permanencia na USC aos efectos previstos no apartado c) do artigo 1.
4. Na aplicación da prelación disposta nos apartados anteriores teranse en conta tamén as seguintes regras:
a) Aos efectos de determinar a antigüedade nun posto ou categoría, terase en conta a data de toma de posesión no mesmo.
b) A relación de subapartados incluída en cada grupo de prelación non supón ningún tipo de prelación ou preferencia interna.
c) Non se terá en conta o réxime de dedicación dentro da categoría, sen prexuízo do establecido nos apartados anteriores para as figuras existentes no momento da entrada en vigor da LOU, de conformidade coa Disposición Transitoria Terceira dos Estatutos.
d) Non se distinguirán dentro de cada categoría os tipos de contratos de profesor asociado LRU (T2, T3...).
e) Non se distinguirá entre axudantes de universidade ou de escola universitaria.
f) As situacións de comisión de servizos, servizos especiais ou equivalentes do persoal da USC non alteran a súa vinculación con esta aos efectos de determinar a antigüidade.
-------------
* A presente Normativa deixa sen efecto a Instrucción da Secretaría Xeral 1/2004 e a Recomendación complementaria.
(1) O Consello de Goberno do 18 de xullo de 2005 acordou, para o efecto de determinar o tempo de permanencia como docente na USC na aplicación da
Normativa sobre o criterio de antigüidade do persoal docente e investigador para efectos internos na USC, teranse en conta unicamente os servizos que sexan computables para o recoñecemento do complemento de antigüidade (trienios); e non se computará o tempo en comisión de servizos na USC do persoal alleo a ela.