Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Profesorado  »  Acordo da Xunta de Goberno sobre Procedemento Extraordinario de Cobertura de Docencia en Prazas Paralizadas por Recursos

ACORDO DA XUNTA DE GOBERNO SOBRE PROCEDEMENTO EXTRAORDINARIO

DE COBERTURA DE DOCENCIA EN PRAZAS PARALIZADAS POR RECURSOS.

(ACORDO XUNTA GOBERNO 17 DE NOVEMBRO DE 1994)

A pesar dos perentorios prazos establecidos na Normativa de Selección de Persoal Docente para a constitución da Comisión Xulgadora (sete días), a duración do proceso selectivo naquelas prazas nas que existan reclamacións contra a proposta, determina que, en moitos casos, e polo efecto suspensivo das reclamacións, sexa imposible proceder a súa cobertura con anterioridade ó inicio do Curso Académico, provocando defectos e graves prexuízos á prestación do servicio público da Educación Superior ó non poderse imparti-la docencia que estaba programada.

Unha das posibles alternativas perante esta situación é proceder á convocatoria de prazas de xeito provisorio e pola vía de urxencia segundo o procedemento establecido na propia Normativa de Selección de Persoal Docente Contratado. A experiencia de acudir a esta vía é claramente negativa por canto os aspirantes da praza ordinaria preséntanse tamén a esta nova convocatoria, o que na meirande parte dos casos ocasiona a reiteración das reclamacións contra a proposta, de tal xeito que se produce un novo efecto suspensivo no proceso que volve a impedi-la cobertura da praza e a impartición da docencia.

Perante esta situación e para os supostos de excepcional gravidade, non queda outra saída que non sexa a impartición da docencia polos profesores do mesmo Departamento e área, debendo asumir obrigas extraordinarias que excedan do número de horas de traballo que legalmente teñan asignadas ou proceder á impartición da docencia por persoal docente doutro Departamento e incluso doutras universidades cando sexa imposible a asunción polo Departamento afectado.

Esta opción baséase fundamentalmente na obriga que teñen os Departamentos en garanti-la cobertura da docencia que teñan asignada, así como a posibilidade que ten a Universidade para retribui-la prestación de esixencias docentes extraordinarias polo procedemento establecido no artigo 46.2 da Lei de Reforma Universitaria.

Por todo o anterior, a Xunta de Goberno acordou aproba-lo procedemento para a cobertura de docencia en supostos excepcionais:

 

ARTIGO 1.- PRINCIPIOS XERAIS

A docencia ofertada pola Universidade de Santiago dentro dos seus planos de estudios debe ser impartida durante toda a duración do Curso académico de tal xeito que non queden alumnos sen que lles impartan a docencia que lles corresponde. Tanto os Departamentos como a Universidade en última instancia a través dos Vicerrectorados de Profesorado e de Organización Académica, deben de velar para cumprir este principio xeral.

Para estes efectos, os Departamentos programarán a súa docencia con antelación suficiente a través dos mecanismos establecidos nas Normas sobre elaboración dos POD, cumprindo estrictamente os prazos alí estipulados para solicitude de novo persoal.

Os procedementos de concurso de novo persoal faranse coa máxima dilixencia coa finalidade de que co inicio do curso académico estea nomeado todo o novo profesorado contratado necesario para imparti-las docencias asignadas.

 

ARTIGO 2.- PROCEDEMENTO DE COBERTURA EXCEPCIONAL DE DOCENCIA NON IMPARTIDA

No caso excepcional de que na data de comezo do curso non estivese resolto o concurso ou xurdisen outras necesidades extraordinarias ou imprevisibles, actuarase do seguinte xeito:

2.l.- O Director do Departamento poderá designar aquela persoa ou persoas dentro da mesma área de coñecemento da área a impartir, para asumi-la docencia baleira, sempre que estas persoas, de conformidade coa normativa sobre adicación a tempo completo ou parcial, non teñan cuberta a totalidade da súa docencia.

2.2.- No caso de que tódalas persoas do Departamento teñan cubertas ó 100% as súas obrigas, o Director proporá os membros do Departamento para que ocupen a docencia vacante. As persoas que ocupen esta docencia aboaraselles unha gratificación por servicios extraordinarios por cada hora efectivamente impartida e certificada polo Director do Departamento, segundo un módulo que se aprobará por Resolución Rectoral. A retribución tramitarase polo procedemento establecido no artigo 46.2 da LRU.

2.3.- No caso extraordinario de que, aínda así non sexa posible a cobertura da vacante pola especialidade da docencia a impartir, o Director poderá propoñer que a docencia sexa cuberta por persoa ou persoas doutro Departamento ou doutra Universidade. O acordo de impartición de docencia por persoa doutro Departamento deberá ser aprobada por Resolución Rectoral motivada e terá carácter voluntario e retribuido agás o establecido no parágrafo anterior.

2.4.- No caso de que a docencia deba ser impartida por persoal doutra universidade, a relación entre a Universidade de Santiago e a persoa que imparta transitoriamente a docencia será a de "conferenciante", sen que poida adquirir ningún outro dereito que non sexa a retribución que lle corresponda e as axudas de custo.

 

DISPOSICIÓN FINAL

O procedemento de cobertura excepcional de docencia non impartida non será aplicable, dada a natureza das súas funcións, para a substitución de vacantes de axudantes e de Profesores Asociados de Ciencias da Saúde. Así mesmo, a docencia baleira que se ocupe polo procedemento establecido neste acordo, non poderá ser cuberta por ningún tipo de bolseiros.

O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ó de a súa aprobación pola Xunta de Goberno, podendo aplicarse á cobertura de prazas vacantes convocadas para o curso 1994-95 e que, por razóns excepcionais, non fosen cubertas ó inicio do curso académico.