Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Profesorado  »  Normativa pola que se regula o procedemento de elaboración e aprobación da relación de postos de traballo do persoal docente e investigador da universidade de Santiago de Compostela
NORMATIVA POLA QUE SE REGULA O PROCEDEMENTO DE ELABORACIÓN E APROBACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DO PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
 
(Aprobada en Consello de Goberno, 20-12-04)
 
Consonte ó establecido no artigo 21 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela correspóndelle ó Consello de Goberno aprobar un regulamento de persoal docente e investigador no marco das bases que estableza o Claustro.
O Claustro na súa sesión do día 2 de decembro de 2004 acordou, ó abeiro da Disposición Transitoria Décima dos estatutos, que en tanto no se produzan as modificacións normativas anunciadas polo Goberno, o Consello de Goberno aprobe unha normativa provisoria para aqueles aspectos que precisan dunha regulación inmediata axustada ó actual marco normativo.
O artigo 70.1 da LOU determina que “Cada universidade pública establecerá anualmente no estado de gastos do seu orzamento a relación de postos de traballo do seu profesorado…”.
En consecuencia, procede presentar ó Consello de Goberno a seguinte proposta de Normativa pola que se regula o procedemento de elaboración e aprobación da relación de postos de traballo do persoal docente e investigador da USC
 
Artigo 1. Contido
1. A relación de postos de traballo (RPT) do persoal docente e investigador a que alude o artigo 70 da LOU incluirá a referencia de todas as prazas, tanto do persoal dos corpos docentes universitarios como do persoal docente e investigador contratado, que se clasificarán e ordenarán reflectindo os seguintes aspectos:
a.O número de identificación de cada praza
b. A categoría académica
c. A área de coñecemento e o departamento
d. O réxime de dedicación
e. A localidade
f. Outras especificacións que requiran determinadas prazas
2. A RPT poderá indicar, co carácter de “Prazas non singularizadas”, o  número de prazas de cada modalidade de persoal docente e investigador, sen exceder no seu conxunto do 2% do total das prazas de PDI, nas que a área de coñecemento e o posto de traballo deban ser determinados por ulterior resolución reitoral, por proposta do Consello de Goberno, en atención a necesidades académicas sobrevidas. As devanditas prazas incluiranse necesariamente na primeira modificación da RPT que se acometa, coa súa adscrición e perfil completos.
 
Artigo 2. Criterios de elaboración
De conformidade co establecido no artigo 16 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, na relación de postos de traballo consignaranse, clasificados polos campus de Santiago e Lugo, os distintos postos, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e respectando os seguintes criterios:
a.     As necesidades dos programas de estudo, nos seus distintos ciclos, e de investigación, que tenda a unha proporción profesorado/estudantado por grupo que permita unha docencia e unha investigación de crecente calidade e ao equilibrio capacidade-encargo docente entre áreas.
b.     As esixencias do persoal que se derivan da ampliación do número de centros e titulacións.
c.     A conveniente proporcionalidade na fixación do número de prazas de cada categoría, que permita a promoción académica.
d.     A progresiva normalización e o respecto dos dereitos lingüísticos, para o que se poderá, de ser o caso, establecer perfis lingüísticos dalgúns postos de traballo.
 
Artigo 3. Aprobación
1.   A aprobación da RPT corresponderá ó Consello de Goberno, logo da negociación cos órganos de representación do persoal docente e investigador e co informe do Consello Social, debendo informar ó Claustro da súa aprobación.
2.      A RPT será válida e eficaz trala súa aprobación polo Consello de Goberno, sen prexuízo da súa divulgación na Universidade e no Diario Oficial de Galicia.
 
Artigo 4. Modificación
As prazas incluídas na RPT poderán ser obxecto de ampliación, minoración e cambio de denominación, dedicación ou localidade.
Corresponde aos Consellos de Departamento a formulación das demandas de profesorado, no marco das necesidades docentes dos centros, dos seus programas de investigación e de terceiro ciclo, así como informar preceptivamente sobre a procedencia do mantemento, minoración, cambio de denominación, de dedicación ou de localidade dunha praza.
2.      Corresponde ó Consello de Goberno, por proposta da Comisión de Organización Académica e Profesorado e trala correspondente negociación cos órganos de representación do PDI, determinar a creación e supresión de prazas de persoal docente funcionario e contratado así como, se procede, cambiar a denominación, a dedicación ou a localidade das prazas incluídas na RPT.
3.      O Consello de Goberno informará das modificacións da RPT ó Consello Social con ocasión da aprobación do orzamento.
4.      En aplicación do Concerto entre a USC e o Sergas para a utilización das institucións sanitarias na investigación e docencia universitarias, corresponde á Comisión Mixta de seguimento adoptar os acordos sobre propostas de vinculación de prazas nas áreas de ciencias da saúde. Tamén poderá elaborar informes e estudos relativos á necesidade de reducir ou ampliar o número de prazas vinculadas e de profesorado asociado destinadas ó persoal de institucións sanitarias concertadas, así como analizar os informes que os departamentos universitarios emitan sobre o particular. Con este obxecto poderá solicitar informes ós centros correspondentes. En relación coas prazas vinculadas, coas de profesor asociado con actividade docente nas institucións sanitarias e coas de axudante de ciencias da saúde, corresponde a esta Comisión cursar as propostas de modificación do cadro de persoal ós órganos competentes na materia.
5.      En aplicación do Convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Rof Codina, as modificacións na RPT relativas a prazas vinculadas e de profesor asociado de áreas clínicas veterinarias corresponden ó Consello de Goberno logo da súa aprobación pola comisión de seguimento do Convenio, tralo informe do departamento universitario correspondente. Con este obxecto poderá solicitar informes á Facultade de Veterinaria.
 
Artigo 5. Cadro de persoal
1. A inclusión dunha praza na RPT non comporta necesariamente a dotación orzamentaria no exercicio correspondente, estando unicamente garantido o financiamento das prazas do cadro de persoal.
2. O cadro de persoal vén dado por aquelas prazas da RPT das que a súa cobertura se estima necesaria no exercicio e para o que se conta con dotación orzamentaria. O montante global do custo do cadro de persoal será elevado ó Consello Social para a súa aprobación xunto co orzamento. Este órgano poderá emendar a súa contía pero non prexulgar o número nin o carácter das prazas de persoal docente e investigador.
3. A provisión efectiva das prazas, tanto de funcionarios como de contratados, requirirá a existencia de crédito orzamentario bastante, así como a apreciación das necesidades de provisión polos órganos de goberno competentes.
4. Con carácter previo á convocatoria de concursos para a provisión de prazas vacantes, estas poderán ser ofertadas ós profesores da mesma categoría e área de coñecemento que ocupen postos co mesmo réxime de dedicación en distinta localidade, procurando manter en todo caso a estructura do cadro de persoal de ambos campus.
 
Disposición final primeira
Facúltase ó reitor para dictar as instruccións que sexan necesarias para a interpretación e aplicación desta normativa.
Disposición final segunda
A presente normativa entrará en vigor o día seguinte ó da súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.