Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Profesorado  »  REGULAMENTO DE PROFESORADO (XUNTA DE GOBERNO DO 23 DE XULLO DE 1987)

REGULAMENTO DE PROFESORADO

(XUNTA DE GOBERNO DO 23 DE XULLO DE 1987)

A aplicación da L.R.U, dos Estatutos da Universidade e máis o R.D. 898/1985 de 30 de abril (B.O.E. do 19 de xuño), modificado e completado polo R.D. 1200/1986 de 13 de xuño (B.O.E. do 25 de xuño), fai precisa a elaboración dun Regulamento que contemple as actividades que se desenvolverán polo conxunto de profesores que constitúen o cadro de persoal docente desta Universidade, no que se recollan tamén as distintas disposicións adoptadas pola Xunta de Goberno relativas á integración dos profesores dos Colexios Universitarios, á normativa do Terceiro Ciclo e a calquera outro tipo de situacións relacionadas co Profesor universitario.

1.- DESENVOLVEMENTO DAS ACTIVIDADES DOCENTES E INVESTIGADORAS.

O art. 9.3 do R.D. 898/1985 establece que a duración da xornada laboral dos Profesores en réxime de adicación exclusiva será a que se fixe en cada momento con carácter xeral para os funcionarios da Administración Pública do Estado (actualmente, 37 horas e media por semana). Para os profesores con réxime de adicación a tempo parcial, a duración da devandita xornada será a que se derive das súas obrigas tanto lectivas como de titorías e asistencia ó alumnado.

Salvo casos excepcionais e explicitamente autorizados polo Rectorado, as actividades docentes e investigadoras serán realizadas ó longo dun mínimo de cinco días por semana nos Centros nos que os profesores dispensen docencia e baixo o control da Dirección dos mesmos ou ben na sede do Departamento sempre que esta radique na mesma localidade. Cando os profesores dispensen docencia en dous ou máis Centros, a súa permanencia entre eles.

2.- HORAS DE CLASE

As obrigas docentes do Profesorado son, semanalmente, as que expresa o art. 9.4 do R.D. 898/1995, é dicir:

a) Para os profesores a tempo completo, oito horas lectivas máis seis de tutorías ou asistencia ó alumnado, salvo para os profesores titulares de EU, que serán de doce horas lectivas máis seis de tutorías ou asistencia ó alumnado.

De acordo co informe xurídico remitido pola Secretaría de Estado de Universidades e Investigación do día 18 de novembro de 1986, relativo á adicación dos Axudantes definidos no art. 34.1 da L.R.U., estes son profesores a tempo completo, polo que a súas obrigas docentes son tamén de oito horas lectivas máis seis de titorías ou asistencia ó alumnado. De tódolos xeitos, a combinación deste informe cos arts 132 e 135 dos Estatutos da Universidade de Santiago leva á consideración de que tales obrigas, alomenos para os Axudantes da primeira etapa, deben ser entendidas como referidas fundamentalmente ás clases prácticas de pizarra e laboratorio, podéndose chegar, cando o fagan imprescindible as actividades docentes, ó dispensamento dun máximo de vinte horas teóricas por curso de ensino preferentemente relacionadas coa materia na que se estean especializando, e sen prexuício de que os que teñan o título de doutor poidan cubri-las ausencias ou vacantes do profesorado.

b) Para os profesores a tempo parcial, entre un máximo de seis e un mínimo de tres horas lectivas, e un número igual de horas de titoría ou asistencia ó alumnado.

Para os efectos de organización de docencia, as horas lectivas serán reconvertidas en módulos diferentes, con carácter de curso completo, aplicando as seguintes equivalencias:

HORAS SEMANAIS

MATERIAS ANUAIS

MATERIAS CATRIMESTRAIS

2 50 25
3 80 40
4 110 55
5 140 70
... ... ...
8 230 115
3.- EXENCIÓN DE DOCENCIA

Ó abeiro das disposicións legais vixentes, cada Departamento dentro das súas dispoñibilidades e respectando a normativa emanada do Rectorado relativa ós plans de organización docente, poderá tomar en consideracións os seguintes casos:

3.1.- Segundo o art 9.7 do R.D 898/1985, e mailo art. 112.2 dos Estatutos, os Departamentos poderán eximir, en atención ás necesidades de investigación, parcial ou totalmente das súas obrigas docentes algúns dos seus profesores, por un tempo máximo dun ano. Neste caso, os mesmos Departamentos deberán arbitra-las substitucións pertinentes, sen que en ningún caso se poda xustificar por esta vía un incremento de profesorado.

Para facer efectivas tales substitucións, os Departamenos previo acordo dos seus Consellos, poderán incrementa-las obrigas docentes dalgúns dos seus profesores con adicación a tempo completo, sen que en ningún caso o incremento resultante exceda de tres horas lectivas semanais.

3.2.- O regulamento dos estudios de Terceiro Ciclo desta universidade establece a seguinte serie de equivalencias entre a participación nestes programas e as horas lectivas:

1 crédito no 3º ciclo = 1 h/ semana do 1º ou 2º ciclos.

3 titorías = 1 h/ semana do 1º ou 2º ciclos

dirección dunha tese = 1 h/ semana do 1º ou 2º ciclos.

En calquera caso, nunca serán contabilizadas máis de 2 horas por semana pola suma de titorías + teses, nin tampouco máis de 5 horas semanais pola totalidade da participación no Terceiro Ciclo.

3.3.-[1] O desempeño de cargos académicos dará lugar a reducción de horas lectivas, de acordo co art. 13 do R.D. 898/1985 e o art. 120 dos Estatutos, segundo o cadro seguinte:

a) Rector, Vicerrectores e Secretario Xeral: posibilidade de exención total.

b) Decanos e Directores de Escolas: ata 5 h/ semana.

c) Vicedecanos, Subdirectores e Secretarios de Centros, Directores de Institutos Universitarios, Directores e Secretarios de Departamentos: ata 3 h/ semana.

d) Por acordo do Consello de Goberno de 13-XII-2006 acordouse que os coordinadores/as dos POP, previa solicitude do interesado/a, poderán disfrutar dunha reducción de docencia de ata 90 horas, dende a aprobación pola Consellería ata, como máximo, rematar o 2º ano da súa implantación. A decisión será adoptada pola COAP tendo en conta as características e número de créditos dos que conste o POP.

3.4.- En calquera caso, e en aplicación do art. 119.3 dos Estatutos, a suma de tódolos casos anteriores de exención de horas lectivas, salvo nos casos contemplados en 3.3. a), non poderán nunca reduci-las obrigas de docencia teórica semanal de ningún profesor a un número de clases inferior ou que corresponda a un grupo docente nunha materia (por término medio de 3 horas semanais).

4.- CONVOCATORIA DE CONCURSOS.

A convocatoria de concursos de prazas de profesores interinos e asociados, axudantes e bolseiros de iniciación á investigación realizarase unha vez por curso, con carácter xeral, no mes de xullo, e os nomeamentos que resulten deles terán efectos do 1 de outubro do mesmo ano.

En cumprimento do acordo de Xunta de Goberno do 4 de xullo de 1986, relativo á integración Colexios-Facultades, previamente á convocatoria a concurso público de calquera praza de cadro de persoal ou contrato aprobada polos órganos competentes, os Consellos dos Departamentos convocarán, entre os profesores do Departamento que reúnan os requisitos legais para optar a tales prazas, un concurso interno, que será rexido polo regulamento aprobado para eses efectos pola Xunta de Goberno.

Na mesma liña de evitar alteracións na marcha das actividades docentes de Centros e Departamentos, e salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo Rectorado, os profesores que superen un concurso para provisión dunha praza de profesor titular ou catedrático, distinta da que viñan ocupando no trancurso dun curso académico, continuarán desempeñando as funcións que tiñan encomendadas nese momento ata o 1 de outubro seguinte, en comisión de servicios e sen que iso supoña menoscabo ningún do resto dos dereitos e deberes do interesado, segundo prescribe o art. 13.3 do R.D. 1427/1986 do 13 de xuño que corrixe o R.D. 1888/1984 do 26 de setembro sobre concursos para provisión de prazas nos Corpos docentes universitarios.

5.- Para todo o non especificado no presente regulamento, son de aplicación estricta os seguintes documentos legais: a L.R.U. e tódolos decretos que a desenvolven, de maneira especial os R.D. 898/1985 do 30 de abril e 1200/1986 do 13 de xuño; os Estatutos da Universidade; e toda a normativa aprobada pola Xunta de Goberno que faga referencia a calquera cuestión relacionada coas actividades do Profesorado.

6.- O presente Regulamento entrará plenamente en vigor o primeiro de outubro de 1988. Será aplicado no curso 1987-88 na medida na que os seus efectos non supoñan grave distorsión da organización docente.