Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Protección de datos de carácter persoal  »  Normativa sobre utilización das TIC na USC

NORMATIVA SOBRE UTILIZACIÓN DAS TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN E DAS COMUNICACIÓNS NA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Aprobada polo Consello de Goberno o 22 de xullo de 2004

     O uso cada vez máis intensivo das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) fai necesaria unha regulamentación que facilite o uso adecuado daquelas e evite prácticas fraudulentas que colapsen o sistema ou impidan o seu correcto funcionamento. Por outra banda, os cambios lexislativos operados en materia de protección de datos e pola Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico fan aconsellable unha regulación interna destes servizos para adecualos a esa normativa. Outras universidades e organismos xa emprenderon iniciativas neste sentido.

     Neste sentido, o Plan Estratéxico das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións aprobado polo Consello de Goberno o 22 de xuño de 2004 define como unha das accións estratéxicas a elaboración dunha normativa institucional de uso das TIC na USC (6.1), así como un documento de criterios e procedementos de seguridade informática (6.2).

O propósito desta normativa de uso das TIC na Universidade de Santiago de Compostela (USC) é:

·         Asegurar que estes recursos se utilizan cos fins de investigación, docencia, prestación de servizos e administración propios da institución.

·         Protexer o prestixio e o bo nome da USC, así como dos seus órganos de goberno, centros, departamentos, servizos e institutos.

·         Garantir a seguridade, rendemento e privacidade dos sistemas e máquinas tanto da USC como de terceiros.

·         Evitar situacións que lle poidan causar á USC algún tipo de responsabilidade civil, administrativa ou penal.

·         Protexer o labor realizado polo persoal técnico a cargo das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións fronte a certos actos indesexables.

     A maior parte dos sistemas informáticos da USC están conectados directa ou indirectamente á súa rede de comunicacións corporativa. Polo tanto, o mal uso ou a ausencia de medios de seguridade axeitados nalgún destes sistemas pode comprometer a seguridade dos outros sistemas da Universidade ou das institucións ás que está conectada a súa rede. Como consecuencia, esta normativa aplicarase a todos os usuarios dos sistemas informáticos e servizos proporcionados pola USC ou a quen dispoñan de sistemas ou redes conectadas directa ou indirectamente a ela.

     Tendo en conta o anterior, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do 22 de xullo de 2004, adoptou o seguinte

ACORDO

Artigo 1.- Ámbito de aplicación

1.   A presente normativa será de aplicación a todos os usuarios dos sistemas e servizos informáticos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), así como a todas as comunicacións realizadas a través das redes que se poñan a disposición destes usuarios.

2.   As pautas que se establecen serán aplicables, salvo cando se dispoña o contrario, tanto á utilización de medios, equipos, sistemas ou aplicacións que impliquen Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC), como á dos equipos informáticos, fixos ou portátiles, e calquera instrumento de transmisión telemática (voz, datos, imaxe, etc.) aos que se poida acceder no ámbito da USC.

3.   As empresas concesionarias ou prestadoras de servizos á USC conectadas á rede da USC regularanse pola presente normativa. No caso de dúbida a Área TIC establecerá as condicións de uso. A concesión de autorización de uso da rede da USC esixe a aceptación íntegra das condicións que estableza a Universidade.

4.   A inclusión como usuario supón a aceptación desta normativa e a que a desenvolva.

Artigo 2.- Definicións

Aos efectos da presente normativa considerarase:

a)      Usuario: toda persoa que estuda, traballa ou presta servizos na USC e ten acceso aos equipos informáticos ou de comunicacións desta. Inclúe o persoal docente e investigador, o persoal de administración e servizos, os investigadores en formación, os estudantes, etc. que utilicen estes equipos informáticos e de comunicacións, sempre que desenvolvan tarefas, permanentes ou ocasionais, nos servizos universitarios.

b)      Administración: as distintas unidades administrativas con competencia sobre medios materiais e humanos ao servizo da USC.

c)      Área TIC: servizos encargados da xestión, planificación e funcionamento dos sistemas de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da USC.

d)      Rede de comunicación corporativa: conxunto de equipos, sistemas e ligazóns que permiten a conectividade entre os distintos equipos e sistemas informáticos e de comunicacións da USC.

Artigo 3.- Principios xerais

1.   A USC pode limitar ou controlar os servizos de rede e as infraestruturas TIC por motivos de seguridade ou rendemento. Todo usuario está obrigado a cumprir as medidas de seguridade deseñadas pola Universidade, así como as pre­vencións que ao efecto estableza o administrador ou responsable do sistema.

2.   Os usuarios deberán utilizar eficientemente a rede, co fin de evitar no posible a súa conxestión. Non está permitida a creación, transmisión ou recepción de material que deteriore ou entorpeza o traballo habitual dos membros da comunidade universitaria.

3.   As infraestruturas e servizos TIC da USC son un medio de xeración e intercambio de información académica, de investigación, e de xestión; e non deben ser usados para fins privados, xogos ou actividades alleas á Universidade. Queda expresamente prohibido o seu uso para as actividades expresadas no artigo 4.1.

4.   O equipamento hardware constitúe parte do patrimonio da USC e, en consecuencia, os usuarios deberán respectalo, conservalo, facer un bo uso del e contribuír ao seu mantemento.

5.   Non está permitido o acceso aos sistemas informáticos da USC co código ou o contrasinal doutro usuario, agás coa súa autorización expresa, nin aparentando unha identidade falsa.

6.   Os usuarios das TIC na USC deben velar pola boa imaxe institucional desta. Deberá coidarse especialmente que as imaxes ou textos accesibles a outras persoas non teñan contido ofensivo.

Artigo 4.- Actividades prohibidas

1. A USC impedirá os accesos aos seus recursos informáticos e telemáticos que persigan as seguintes finalidades:

a)      Incorrer en actividades ilícitas ou ilegais de calquera tipo.

b)      Difundir imaxes, contidos ou propaganda de carácter racista, xenófobo, pornográfico, sexista, belicista, de apoloxía do terrorismo ou atentatorio contra os dereitos humanos; ou actuar en prexuízo dos dereitos á intimidade, ao honor, á propia imaxe ou contra a dignidade das persoas.

c)      Realizar actividades comerciais ou con ánimo de lucro alleas á USC.

d)      Difundir manifestacións ou referencias falsas, incorrectas ou inexactas sobre as páxinas web institucionais, as actividades ou os servizos da USC, así como manifestacións difamatorias ou lesivas da imaxe institucional da USC ou dos seus órganos de goberno.

e)      Danar os sistemas físicos e lóxicos da USC, dos seus provedores ou de terceiras persoas.

f)        Introducir ou difundir na rede de xeito intencionado virus informáticos ou calquera outro sistema físico ou lóxico que sexa susceptible de provocar danos ou que atente contra a seguridade.

g)      Conxestionar os enlaces de comunicacións ou sistemas informáticos mediante o envío de información ou programas concibidos para tal fin.

h)      Destruír ou modificar premeditadamente a información ou arquivos da USC ou doutros usuarios, ou acceder a eles sen autorización.

2.  Se no exercicio das súas funcións o persoal da Área TIC ou calquera outro membro da comunidade universitaria detecta calquera anormalidade que indique a realización de usos ilícitos, deberá poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral e, se procede, da autoridade xudicial.

Artigo 5.- Utilización de equipamento hardware

1.   A conexión de dispositivos (servidores, puntos de acceso sen fíos, etc.) na rede de comunicacións da Universidade que modifique directa ou indirectamente a infraestrutura de comunicacións interna, tanto con fíos coma sen fíos, precisará a autorización da Área TIC. Igualmente será preceptiva a autorización da Área TIC para habilitar puntos de acceso á rede.

2.   A modificación do hardware farase preferentemente coa autorización da Área TIC, e en todo caso de xeito que non afecte ao correcto funcionamento dos equipos e sistemas da USC.

Artigo 6.- Utilización de programas e arquivos informáticos

1.   Os arquivos e documentos contidos nos sistemas de almacenamento de datos deben utilizarse cunha finalidade académica ou propia da USC.

2.   Sen prexuízo dos usos do intercambio científico e dos dereitos previstos pola lei, a información á que se teña acceso por razón do traballo considérase confidencial e non poderá enviarse a terceiras persoas, institucións ou organismos que non deban ser destinatarios dela.

3.   Os arquivos que conteñan datos persoais que poidan ser susceptibles de inclusión no ámbito de aplicación da Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal deben respectar as medidas de seguridade establecidas na antedita Lei, no Regulamento de medidas de seguridade, no Documento de seguridade da USC e en calquera outra normativa de desenvolvemento. Os usuarios que teñan acceso aos ditos arquivos deberán extremar as precaucións para evitar calquera saída de información que poida afectar á protección de datos persoais.

4.   Os servizos técnicos da USC poderán supervisar os recursos físicos, lóxicos ou de comunicacións co fin de realizar as tarefas técnicas de xestión e mantemento precisas para avaliar o seu rendemento, o grao de utilización e a planificación de necesidades futuras. A USC preservará, en todo caso, o acceso á información contida en tales sistemas e comunicaralles oportunamente esas intervencións aos usuarios implicados. As mencionadas revisións efectuaranse sempre por parte dos servizos técnicos, ou por persoas que se designe expresamente, previo cumprimento dos requisitos que ao efecto estableza a Lei.

Artigo 7.- Instalación de programas

1.   Nos equipos informáticos da USC instalaranse unicamente software libre, programas informáticos propiedade da Universidade ou amparados por unha autorización ou licenza previa.

2.   A instalación de programas con fins docentes ou investigadores non deberá afectar á configuración da rede ou a outros ordenadores, polo que é recomendable solicitar asesoramento a Área TIC. A instalación doutro tipo de programas debe ser previamente autorizada pola Área TIC.

Artigo 8.- Programas na rede de xestión

1.   Na xestión de procedementos administrativos utilizaranse exclusivamente os programas que facilita a USC. Para realizar ou encargar novos programas para a xestión deberá consultarse previamente á Área TIC.

2.   Os xefes de servizos ou unidades e o persoal competente velarán para que a información que figura nas aplicacións informáticas respecte os principios de autenticidade, integridade e privacidade, para o cal realizarán un seguimento periódico e informarán das incidencias detectadas.

3.   Os usuarios das aplicacións informáticas poderán colaborar na súa mellora continua facendo suxestións aos xefes dos servizos e unidades, que as transmitirán aos responsables dos sistemas informáticos.

Artigo 9.- Utilización de sistemas informáticos de investigación

1.   A creación de programas informáticos con fins de investigación que poidan ter un especial valor científico, comercial ou industrial debe ser obxecto de protección a favor da USC no Rexistro da Propiedade Intelectual, ou no seu caso Industrial.

2.   O tratamento dos datos científicos que figuren en sistemas e equipos da USC deberá garantir os niveis de seguridade esixidos e, en todo caso, os niveis básicos da Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal. Os datos de carácter persoal non poderán transferirse a terceiras persoas. Para a reparación dos equipos que conteñan estes datos será necesaria a sinatura dun contrato de confidencialidade ou realizar a reparación en presenza dun investigador da USC.

Artigo 10.- Acceso aos equipos informáticos

1.   A USC manterá actualizada a relación de usuarios dos equipos informáticos. Os directores de centros e departamentos, así como os investigadores e os xefes de servizo ou de unidades notificarán inmediatamente todos os cambios que se produzan. Cando se produza un cambio de usuario deberán modificarse os contrasinais de acceso aos sistemas.

2.   Unha vez finalizada a relación coa USC, ou durante os períodos de suspensión de contrato ou baixa, non se poderá ter acceso aos equipos informáticos e de comunicacións, e conseguintemente aos arquivos incluídosnaqueles. Exceptúase desta restrición o acceso por necesidades docentes ou investigadoras en situacións de baixa.

3.   Ao remate da súa relación coa USC, ou cando proceda por traslado de posto, os usuarios deberán devolver os materiais e medios informáticos da USC que teñan no seu poder, así como deixar en condicións adecuadas os equipos que viñan utilizando e manter neles os arquivos e documentos necesarios para a correcta continuidade do servizo prestado pola Universidade.

Artigo 11.- Seguridade nos programas e arquivos.

1.   Todos os equipos informáticos deberán ter instalado e operativo un programa antivirus permanentemente actualizado. Para estes efectos a USC poñerá a disposición dos usuarios un antivirus corporativo. Así mesmo deberanse instalar outras ferramentas de seguridade en función dos equipos e ter actualizados os sistemas operativos cos parches de seguridade distribuídos polos propietarios das licenzas, así como tomar as precaucións de utilización necesarias e as que en cada momento se recomenden.

2.   A información en formato electrónico propiedade da USC deberá ser conservada coidadosamente, e salvagardada periodicamente en copias de seguridade.

Artigo 12.- Acceso a servizos autenticados en rede

1.   Unicamente poderá accederse a servizos autenticados en rede para uso académico. Os usuarios están obrigados ao estrito cumprimento das normas de seguridade que estableza a Universidade para o acceso a servizos en rede autenticados.

2.   Cada usuario recibirá unha clave de identificación e elixirá un contrasinal de acceso á rede autenticada interna da organización, e axustarase á normativa de seguridade establecida pola USC e/ou polo administrador ou responsable de seguridade do sistema. Co obxectivo de eliminar entradas non desexadas no sistema, para acceder á rede interna é imprescindible rexistrar a identidade do usuario.

3.   O contrasinal non deberá ser comunicado a terceiras persoas, agás que concorran circunstancias excepcionais.

4.   O usuario deberá cambiar o seu contrasinal de acceso periodicamente e en todo caso sempre que así o indique o administrador ou responsable de seguridade do sistema ou concorran circunstancias, incluso subxectivas, que así o aconsellen.

Artigo 13.- Internet

1.   As conexións que se produzan a través de Internet deben ter fins académicos, co propósito de obter o maior aproveitamento dos recursos persoais e técnicos.

2.   En ningún caso deberá accederse a enderezos de Internet de contido ofensivo ou atentatorio contra a dignidade humana, a Área TIC da USC pode detectar e filtrar ese acceso.

3.   Queda prohibida a descarga de arquivos de gran tamaño de carácter non académico ou propio da USC. O administrador ou responsable de seguridade poderá adoptar medidas para evitar abusos e actuacións que afecten ao ancho de banda da rede.

4.   Co fin de dar cumprimento á normativa de propiedade intelectual ou industrial, antes de utilizar información procedente da rede os usuarios deberán comprobar coidadosamente se está protexida polas expresadas normas.

5.   A USC difundirá as políticas de uso das redes ás que estea afiliada, que deberán ser respectadas polos usuarios da USC.

Artigo 14.- Uso do correo electrónico

1.   A USC non é unha entidade prestadora de servizos onerosos dos establecidos no artigo 2 da Lei 34/2000, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico.

2.   O enderezo de correo electrónico que lles subministre a USC aos usuarios é un instrumento básico de traballo e colaboración, propiedade da USC, e debe ser utilizado adecuadamente para os fins propios desta. A utilización do correo electrónico respectará a presente normativa e a que desenvolva a USC. O incumprimento das normas determinará a perda da conta ou contas concedidas, sen prexuízo do inicio de accións disciplinarias ou doutro tipo.

3.   Non está permitida a utilización do correo electrónico para envíos masivos sen autorización, sen prexuízo do disposto no artigo 15 sobre listas de distribución.

4.   Non está permitido o envío de correos insultantes, delitivos ou atentatorios contra a dignidade persoal.

5.   O correo electrónico subministrado pola USC é un instrumento de traballo para realizar tarefas propias da Universidade, polo que non deberá albergar contidos privados ou propios do ámbito da privacidade das persoas. Non obstante, os usuarios e administradores das TIC velarán polo segredo das comunicacións, sen prexuízo das potestades que lle asisten á USC para acceder aos seus equipos e sistemas, coas debidas garantías, co fin de facer cumprir as presentes normas e asegurar a continuidade e eficacia do servizo que presta.

6.   Os sindicatos con representación na USC e os órganos de representación sindical do persoal da Universidade poderán facer uso do correo electrónico para as súas actividades de representación de acordo coas normas anteriores e conforme aos seguintes principios:

a) A información deberá ser remitida unicamente aos membros da comunidade universitaria que representen e a través de listas de distribución creadas aos efectos.

b) Os órganos de representación sindical poderán difundir, a través das referidas listas, a información que reciban da Universidade de forma institucional, así como a información específica que soliciten ao amparo dunha norma legal ou convencional.

c) Os sindicatos con representación na USC soamente poderán utilizar as listas de distribución para informar aos traballadores sobre os temas ou cuestións a que se refire o artigo 64.1.12 do Estatuto dos Traballadores, así como para facilitar información que teña relación coas funcións propias dos órganos de representación sindical e que puidera ser de interese para os traballadores aos que representan.

7.   No uso e organización do correo electrónico teranse en conta así mesmo as regras establecidas no Anexo I da presente Normativa.

Artigo 15.- Listas de distribución

1. A USC pode habilitar espazos para a prestación de servizos consistentes en listas de distribución, foros, grupos de noticias ou espazos equivalentes de debate público en liña, sempre que se vinculen á satisfacción das finalidades propias da Universidade. As listas creadas coas infraestruturas da USC son propiedade desta, quen asignará a súa xestión a un administrador.

2. Os espazos públicos de debate pódense dotar de normas de funcionamento e poden nomear a un moderador ou administrador que as aplique. En todo caso, estas normas deben respectar os principios democráticos, o dereito á liberdade de expresión e as disposicións desta normativa.

3. Para a utilización das listas de distribución masiva de carácter institucional da USC seguiranse os seguintes criterios:

a)      O seu uso debe ser restrinxido, e preferentemente en listas de distribución sectoriais.

b)      A información difundida debe estar relacionada coa Universidade ou as súas actividades.

c)      No caso de campañas electorais institucionais (eleccións de reitor, de representantes no Claustro Universitario, de representantes sindicais...), só se permitirá propaganda institucional que informe sobre as eleccións así como as indicacións da conexión ás páxinas web dos candidatos, sempre de conformidade co Regulamento Electoral.

d)      O Responsable de Comunicación deberá aprobar cada orde de envío e poderá limitar o tamaño das mensaxes.

Artigo 16.- Creación de páxinas e espazos web

1.   Poderán crearse espazos ou páxinas web de contido universitario con medios e ferramentas achegados pola USC, para o cal deberá solicitarse previamente esa creación á Área TIC.

2.   O contido das páxinas web deberá ser de carácter académico, e respectará os dereitos de propiedade intelectual e o resto do ordenamento xurídico, así como os modelos e normas corporativos de desenvolvemento de páxinas web na USC.

3.   Os responsables da Área TIC, por requirimento do secretario xeral da USC, poderán cancelar cautelarmente a difusión na web da USC das páxinas con contidos contrarios ao disposto nesta Normativa. O responsable da páxina poderá recorrer no prazo dun mes ante o reitor, quen resolverá no prazo máximo dun mes.

4.   Na creación de páxinas web terase tamén en conta o disposto no Anexo II da presente Normativa e á Guía de estilo para a construción de páxinas web aprobada pola USC.

Artigo 17.- Publicación de páxinas persoais ou colectivas

1. A USC porá a disposición dos membros da súa comunidade universitaria un espazo para páxinas persoais ou colectivas. A Área TIC realizará a atribución concreta de espazo segundo os recursos dispoñibles. Estas páxinas poderán suprimirse cando se extinga o vínculo do seu responsable ou se incumpran os requisitos de creación.

2. Poderán ter acceso a páxinas persoais no web da USC:

a)      O persoal de administración e servizos e o persoal docente e investigador.

b)      Os estudantes matriculados en calquera ciclo dos estudos que se dan na USC.

c)      Aqueles que, en virtude dun convenio ou dunha autorización do órgano competente, resulten habilitados.

3. Tamén poderán acceder a páxinas propias no web da USC as asociacións e colectivos universitarios debidamente recoñecidos na USC que desenvolvan a súa actuación no seu seo.

4. Articularase un procedemento para a inscrición de páxinas persoais ou colectivas no que se verifique a identidade do responsable da páxina e se garanta como condición previa a aceptación desta norma. A USC poderá crear un rexistro de páxinas persoais con datos de identificación dos seus responsables.

5. Unha vez inscrita unha páxina persoal ou específica será obrigatorio incluír nos seus contidos os datos que permitan identificar ao responsable, incluíndo unha dirección de correo electrónico, de maneira que se lle facilite a calquera persoa o exercicio do dereito de rectificación.

6. As páxinas persoais ou colectivas non poden ser utilizadas, baixo ningún concepto, para captar datos persoais, tanto de maneira directa ou indirecta como mediante tratamentos invisibles, nin para aloxar ficheiros que conteñan datos persoais de terceiros.

7. As páxinas persoais non poden ser utilizadas para fins comerciais ou publicitarios alleos ás actividades da USC.

8. Na edición de páxinas respectaranse os dereitos de autor e da propiedade intelectual, segundo a lexislación vixente. Particularmente, cando na edición de páxinas se utilice software ou contidos sobre os que existan dereitos de autor ou de propiedade intelectual será necesario contar coa autorización expresa do seu titular. Se se trata de recursos de libre disposición, haberá que indicar este feito e expresar a autoría.

9. As páxinas persoais deseñaranse de xeito que non induzan a erro respecto ao seu carácter non institucional. A utilización de logotipos ou imaxes da USC, ou de calquera outro elemento que poida suxerir a existencia dunha relación ou apoio da USC aos contidos da páxina requirirá a autorización expresa do órgano competente.

10. Na cesión de espazos, a USC actúa de boa fe e non garante nin se fai responsable directamente ou subsidiariamente de calquera reclamación que poida derivarse da calidade, fiabilidade ou exactitude das páxinas persoais, nin dos contidos presentes nos sitios web aos que poidan conducir os hipervínculos incluídos nelas.

11. Os membros da comunidade universitaria da USC que, identificándose como tales, creen con medios privados unha páxina web que afecte ás actividades propias da USC deberán poñelo no seu coñecemento. O seu contido non pode ser atentatorio contra persoas ou institucións e deberá respectar os dereitos da propiedade intelectual ou industrial, así como a imaxe corporativa da USC.

Artigo 18.- Titularidade das páxinas institucionais

     A USC é titular dos dereitos de autor das páxinas institucionais de elaboración propia, así como dos textos, fotografías, deseños, imaxes, sons, vídeos, animacións, gravacións, programas, códigos fonte, logotipos e outros símbolos identificativos protexidos por propiedade intelectual ou industrial da USC e dos seus servizos. A utilización sen autorización poderá dar lugar a accións civís, penais ou administrativas.

Artigo 19.- Protección de datos de carácter persoal

1. A utilización das TIC respectará a lexislación de protección de datos de carácter persoal, así como a normativa de desenvolvemento que aprobe a USC. Os responsables de ficheiros automatizados nos que se sometan a tratamento datos persoais deberán aplicar as medidas de seguridade que correspondan e informar da creación, modificación ou supresión do ficheiro á Secretaría Xeral co fin de darlle a publicidade requirida pola lei.

2. Na política de protección de datos será tamén de aplicación o Anexo III da presente Normativa e o Documento de Seguridade que aprobe o responsable de cada ficheiro segundo o disposto pola lei. Autorízase ao reitor para aprobar un Documento de Seguridade común para a USC.

Artigo 20.- Sinatura electrónica

1.   No caso de existir sinatura electrónica, o usuario será responsable da custodia da clave privada e de comunicar coa maior brevidade posible á correspondente entidade prestadora de Servizos de Certificación e/ou Rexistro calquera perda ou subtracción daquela. Igualmente, o usuario, estará obrigado a comunicar calquera variación dos datos achegados para a obtención do certificado; e en xeral, estará obrigado a observar as garantías que ao respecto fixe a Área TIC da Universidade.

2.   As normas de emprego da firma electrónica e autoridades de certificación serán aprobadas pola USC e comunicadas ás entidades coas que a USC manteña acordos.

Artigo 21.- Exención de responsabilidade

Os usuarios de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da USC deberán aceptar, no seu caso expresamente, as seguintes cláusulas de exención de responsabilidade:

a)       A USC non se fai responsable dos fallos que poida haber nos equipos informáticos e na rede universitaria, nin se compromete a que estea sempre operativa.

b)      A USC non asume responsabilidade por fallos na seguridade nin por vulneración da privacidade dos arquivos particulares. A USC non acepta ningunha responsabilidade por posibles danos causados por virus informáticos ou por mal uso intencionado dos sistemas TIC.

c)       A USC non responderá no suposto de que unha terceira persoa, rompendo as medidas de seguridade adoptadas, poida acceder ao sistema ou ás contas de correo e as utilice para enviar mensaxes non autorizadas ou virus informáticos.

d)      A USC non se fai responsable das posibles informacións erróneas que poidan aparecen no seu sitio web, nin dos posibles prexuízos que a súa utilización poida causar. Tampouco se fai responsable das ligazóns existentes neste sitio web nin das páxinas de destino destas alleas á USC, sen prexuízo de que poida adoptar as medidas oportunas para evitar erros e remisións a contidos contrarios aos principios enunciados nesta norma.

e)      A USC non se fai responsable nin directamente nin subsidiariamente das opinións ou manifestacións expresadas polos membros da comunidade universitaria ou por calquera outra persoa nos espazos de debate público en liña, listas de distribución, páxinas persoais ou correos electrónicos non institucionais.

Artigo 22.-  Incumprimento

     O incumprimento desta normativa en calquera grao poderá comportar de forma preventiva a inmediata suspensión do servizo prestado e/ou o bloqueo temporal de sistemas e contas de acceso á rede, sempre para garantir o bo funcionamento dos servizos.

     No caso de incumprimento, o reitor adoptará, ou no seu caso proporá, as medidas que procedan de carácter disciplinario, administrativas, civís ou penais.

Artigo 23.- Desenvolvemento normativo

1.   Autorízase ao reitor a desenvolver as normas de uso contidas nesta disposición.

2.   No non regulamentado nesta norma aplicaranse as políticas de uso da rede IRIS da que a USC é institución afiliada.

Queda derrogada calquera disposición do mesmo ou inferior rango incompatible coas presentes normas.

Disposición final. Anexos

Como parte indisociable do presente Acordo engádense e apróbanse os seguintes anexos:

pdf AnexoITIC - NORMAS SOBRE ORGANIZACIÓN DO SERVIZO DE CORREO ELECTRÓNICO [pdf - 104Kb][Modificado: 12/06/2007]
pdf AnexoIITIC - NORMAS DE CREACIÓN E PUBLICACIÓN DE PÁXINAS WEB DA USC [pdf - 96Kb][Modificado: 12/06/2007]
pdf AnexoIIITIC - POLÍTICA XERAL DE PROTECCIÓN DE DATOS [pdf - 178Kb][Modificado: 12/06/2007]