Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Protección de datos de carácter persoal  »  Instrucción da Secretaría Xeral sobre o Acceso Directo ou por Representación ós Datos que Figuran nas Unidades de Xestión Académica

INSTRUCCIÓN DA SECRETARIA XERAL SOBRE O ACCESO DIRECTO OU POR REPRESENTACIÓN ÓS DATOS QUE FIGURAN NAS UNIDADES DE XESTIÓN ACADÉMICA

( 21 DE MARZO DE 1994 )

 

As expedicións de certificacións ou copias de calquera documento público que consten arquivadas nas Unidades de Xestión Académica deberá someterse e segui-los trámites que se consideren necesarios para a súa tramitación.

Debe de entenderse que, para obte-la reproducción dun documento, a actividade do órgano encargado de emitilo pode considerarse suxeita ás peticións que presenten os interesados.

En consecuencia esta Secretaría Xeral, coa previa aprobación do Sr.Rector, dicta a seguinte INSTRUCCION:

I. Expedición de certificacións e copias de documentos.

1º.- Peticións dos interesados.

As certificacións e as copias de documentos, poderanse solicitar directamente polo interesado.

2º.- Representación.

1. Para a expedición das certificacións ou copias de documentos, os interesados poderán actuar ademais de en nome propio, por medio de representante, entendéndose con éste as actuacións administrativas, salvo manifestación contraria expresa do interesado, de acordo co disposto para estes casos no artigo 32 da Lei 30/92 do 26 de novembro.

2. O pedimento de expedición de certificacións persoais e non oficiais terán a consideración de acto de xestión de mero trámite.

3º.- Entrega de certificacións.

As certificacións solicitadas soamente poderán ser retiradas polo interesado ou, mediante autorización expresa deste, polo seu representante.

II. Coñecemento dos datos académicos persoais.

4º.- Acceso do profesorado e dos Tribunais ós datos académicos.

1.- Como garantía dos alumnos afectados, e sempre que non exista expresa disconformidade dos mesmos, os datos académicos persoais que figuren nos seus expedientes poderán ser coñecidos polo profesorado que imparta a titulación que cursen os interesados para os exclusivos efectos de facilita-los elementos necesarios de cara a unha mellor formación de xuízo, que permita outorga-la cualificación mais adecuada.

2.- O coñecemento dos datos a que se refire o parágrafo anterior soamente terá efectividade cando se trate da derradeira convocatoria de exame preceptiva para cada materia.

3.- Igualmente os datos académicos dos alumnos poderán ser utilizados polos membros dos Tribunais ou Comisións, no caso de que consonte á normativa regulamentaria, sexa necesario te-los en conta.

5º.- Procedemento para acceder ós datos dos alumnos.

1.- Os profesores interesados en coñece-los datos académicos, así como os Presidentes dos Tribunais ou Comisións cualificadoras presentarán nas Secretarías dos Centros relación circunstanciada dos alumnos afectados.

2.- Os Secretarios dos Centros enviarán ó Xefe da Unidade de Xestión Académica correspondente a devandita lista para que sexa cuberta.

3.- Os Xefes das Unidades de Xestión Académica remitirán ós Secretarios dos Centros, fotocopia simple dos expedientes académicos dos interesados, inutilizandoa previamente co termo "SEN VALOR ADMINISTRATIVO".

4.- Os profesores interesados coñecerán os datos académicos no propio Centro diante do Secretario, deixando as fotocopias nesa dependencia.

5.- O Secretario do Centro, finalizada a xestión dos profesores interesados, procederá a destruí-las fotocopias remesadas para tal efecto.