Resolución Rectoral do 16/09/2004 pola que se aproba o Documento de Seguridade da Universidade de Santiago de Compostela
(Rexistro de saída do 17-09-2004)
O Plan estratéxico das TIC, aprobado o 22 de xuño de 2004 establece como liña estratéxica 6.2 a elaboración dun “documento de criterios e procedementos de seguridade informática”
Pola súa banda, a “Normativa sobre utilización das tecnoloxías da información e das comunicacións na universidade de Santiago de Compostela”, aprobada polo consello de goberno o 22 de xullo de 2004 estableceu no seu artigo 19, relativo a protección de datos de carácter persoal que “ A utilización das TIC respectará a lexislación de protección de datos de carácter persoal, así como a normativa de desenvolvemento que aprobe a USC. Os responsables de ficheiros automatizados nos que se sometan a tratamento datos persoais deberán aplicar as medidas de seguridade que correspondan e informar da creación, modificación ou supresión do ficheiro á Secretaría Xeral co fin de darlle a publicidade requirida pola lei. (...). Na política de protección de datos será tamén de aplicación o Anexo III da presente Normativa e o Documento de Seguridade que aprobe o responsable de cada ficheiro segundo o disposto pola lei. Autorízase ao reitor para aprobar un Documento de Seguridade común para a USC”.
Deste xeito e para facer efectivo este acordo, así como a Lei de Protección de Datos, cómpre aprobar mediante Resolución Rectoral o contido do Documento de Seguridade da USC.
Por todo o anterior, este Rectorado Resolveu:
Primeiro.-
Aprobar o Documento de Seguridade da Universidade de Santiago de Compostela, que entrará en vigor na data de saída no Rexistro Xeral da USC.
Segundo.-
As modificacións ou versións novas deberán ser aprobadas por este mesmo órgano e procedemento, e en todo caso terase constancia das distintas versións do Documento e as datas de entrada en vigor das respectivas modificacións. Exceptúase do anterior a actualización dos anexos nos que simplemente constará a data de actualización, debendo conservarse as diferentes versións.
O que comunico ós efectos oportunos.
Santiago de Compostela, 16/09/2004
O RECTOR
Senén Barro Ameneiro