RESOLUCIÓN REITORAL DO 15 DE XUÑO DE 2005 POLA QUE SE APROBA O PROTOCOLO PARA O ACCESO ÓS RECURSOS DE XESCAMPUS E MODIFICACIÓN DE PERFÍS DE USUARIO
No curso 2004-05 implantouse unha nova aplicación informática para a xestión académica, denominada XESCAMPUS e que vai xestionar a meirande parte do Ficheiro de xestión académica e alumnado, creado por Resolución Reitoral do 24 de xuño de 2002, pola que se crean e modifican ficheiros de datos de carácter persoal da Universidade de Santiago de Compostela (DOG nº 153, do 9 de agosto).
Por Resolución Reitoral do 16 de setembro de 2004 aprobouse o Documento de Seguridade da Universidade de Santiago de Compostela que establece o procedemento de altas e modificación de perfís de usuarios dos sistemas informáticos da USC.
A peculiaridade deste programa e dado que o seu mantemento e xestión se está a realizar por unha empresa da USC ata a súa recepción, fan conveniente a estipulación das condicións de concesión de permisos e altas no sistema, tal e como se acordou na reunión de implantación de Xescampus de 9 de maio de 2005.
Por todo o anterior, este Reitorado Resolveu aprobar o seguinte protocolo para a concesión de permisos de acceso e modificacións dos perfís de usuario na aplicación informática Xescampus:
Artigo 1.-Procedemento de alta de usuarios en Xescampus
Todo usuario que necesite para a realización das súas funcións acceso ó sistema Xescampus deberá cumprimentar a correspondente solicitude de alta a través do seu responsable ou encargado inmediato. Esta solicitude unicamente deberá ser autorizada polo respectivo responsable conforme o artigo 5 da presente resolución.
Esta solicitude de alta asinada será enviada a persoa designada por Xescampus que procederá a súa incorporación ó sistema debendo quedar arquivada a autorización asinada e proceder a actualizar a relación de usuarios co seu acceso autorizado, asignándolle a súa identificación de usuario, clave e autorizacións pertinentes.
Enviarase tamén unha mensaxe electrónica ó responsable ou encargado de seguridade da ATIC coa notificación de que ese usuario foi dado de alta no sistema. Non obstante, este poderá anular ou modificar en calquera momento o acceso xa formalizado por motivos técnicos, organizativos ou disciplinarios.
A operación de alta garantirá que a identificación do usuario sexa inequívoca e personalizada con referencia ao acceso ao sistema de información e verificación de que está autorizado.
O modelo de alta de usuarios figura como anexo a esta Resolución.
Artigo 2.- Procedemento de baixa de usuarios
A solicitude de baixa de usuarios farase no modelo establecido nesta Resolución, a petición do responsable ou encargado inmediato e será remitida a Xescampus
É obrigatorio proceder á baixa de todo usuario que cese, se traslade de departamento ou cambie de funcións no seu posto de traballo. Esta baixa é obrigada para todas as persoas que interveñan en calquera fase do tratamento de datos de carácter persoal.
A ATIC poderá dar de baixa de oficio por motivos disciplinarios, suspensión de contrato ou baixa, por cese do usuario, por motivos técnicos ou a petición do responsable do tratamento.
Procédese á baixa permanente dese usuario en relación co ficheiro solicitado, actualizando a relación de usuarios En calquera caso, manteranse os historiais de auditoría e de identificación do usuario de tal forma que se poidan identificar as accións realizadas polo usuario sobre o ficheiro no cal se da de baixa.
Notificarase ó responsable de seguridade que ese usuario foi dado de baixa no sistema.
Artigo 3.- Procedemento de modificación do perfil dos usuarios
Todo usuario que necesite para o cumprimento as súas funcións a modificación do seu actual acceso ó sistema, cubrirá a correspondente solicitude de modificación co visto e prace de seu responsable administrativo inmediato que lle corresponda conforme o artigo 5 e no modelo establecido nesta Resolución.
Esta solicitude de modificación e autorización será enviada a Xescampus que introducirá a modificación e gardará un historial do usuario.
Tamén se enviará unha mensaxe electrónica ó responsable coa notificación de que ese usuario foi modificado no seu perfil no sistema informático Xescampus.
Esta operación de modificación garantirá que a identificación do usuario sexa inequívoca e personalizada con referencia ó acceso e verificación.
O mecanismo que se utilizará para autentificar ós usuarios será o que se establece no documento de seguridade da USC, coas peculiaridades propias da aplicación.
Artigo 5.- Perfís de usuarios
O Secretario Xeral poderá autorizar ou ordenar a creación de novos perfís. O sistema informático terá unha relación de perfís, data na que se crearon e os accesos que conleva cada un deles. Deberán poder ser consultados polo responsable de seguridade do ficheiro en calquera momento.
Artigo 6.- Responsables administrativos
Os responsables administrativos serán os encargados da organización interna do traballo e como tales responsables da solicitude de alta, baixa e modificación de usuarios e perfís dos mesmos. Deste xeito serán os encargados de remitir e asinar as propostas no formato establecido e de vixiar e garantir que o persoal que acceda ó programa teña os correspondentes permisos e os utilice unicamente para fins de prestación do servizo público que ten encomendado.
Os responsables administrativos para os efectos da presente resolución serán:
ü O Secretario xeral para o persoal da Secretaría Xeral, para determinar o perfil do xefe do Servizo de Xestión Académica, dos xestores académicos e demais persoal de Centros e Departamentos en relación ós procedementos ou consultas derivadas da xestión académica. O Secretario Xeral será competente para autorizar permisos relacionados cos procesos relacionados con actas académicas e consultas puntuais sobre dos datos persoais necesarios para procesos relacionados coas competencias universitarias. Así mesmo será competente para autorizar os casos nos que a dependencia non corresponda a ningún dos responsables administrativos definidos nesta Resolución ou nos casos en que non quede clara a dependencia funcional ou orgánica do solicitante.
ü O xefe de Servizo de Xestión Académica para todo o persoal do seu servizo e das seccións del dependentes, en relación cos procedementos que se xestionan nesta unidade, así como o perfil dos xefes das Unidades de Xestión Académica (UUXA)
ü Os xefes da UUXA para todo o persoal deles dependente, en relación cos procedementos que se xestionan nestas unidades.
ü O vicerreitor de Organización académica e Profesorado para o persoal do Vicerreitorado, a do perfil da xefa de Servizo de Servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica e para as autorización dos xestores académicos e persoal de Centros e Departamentos en relación cos procedementos derivados da planificación académica.
ü A xefa do Servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica para todo o persoal do servizo e da sección dela dependente, en relación cos procedementos que se xestionan nesa unidade
A relación de persoal autorizado a conceder, anular ou modificar accesos deberá figurar no Documento de seguridade. Para estes efectos estableceranse os mecanismos de actualización que se estimen pertinentes.
Artigo 7.- Interpretación da presente Resolución
Corresponderá ó Secretario Xeral ditar cantas ordes de servizo ou instrucións sexan necesarias para a interpretación da presente resolución.
Artigo 8.- Entrada en vigor e réxime supletorio aplicable
O contido da presente Resolución será aplicable ás novas altas, baixas e cambios de perfil que se realicen con posterioridade a entrada en vigor da presente Resolución, sen prexuízo de que nesta data se faga unha relación de altas e perfís de cada usuario que será aprobada polo Secretario Xeral da USC e que se incorporará ó Documento de seguridade.
Ós usuarios, programadores e administradores de Xescampus seralle de aplicación a Normativa sobre utilización das tecnoloxías da información e das comunicacións na Universidade de Santiago de Compostela, aprobada polo Consello de Goberno o 22 de xullo de 2004.
No non regulado nesta resolución serán aplicables subsidiariamente os criterios establecidos no Documento de seguridade da USC.
Solicitude de alta de usuario - AnexoI [pdf - 12Kb][Modificado: 30/01/2008]
Solicitude de baixa de usuario - Anexo II [pdf - 8Kb][Modificado: 12/06/2007]
Solicitude de modificación do perfil de usuario - Anexo III [pdf - 8Kb][Modificado: 12/06/2007]
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2005
O REITOR
Senén Barro Ameneiro