Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Regulamentos de centros, departamentos e servizos  »  REGULAMENTO DO CENTRO DE ESTUDIOS DE HISTORIA E CULTURA DA CIDADE (Aprobado por Xunta de Goberno do 23 de abril de 2002)

REGULAMENTO DO CENTRO DE ESTUDIOS DE

HISTORIA E CULTURA DA CIDADE

(Aprobado por Xunta de Goberno do 23 de abril de 2002)

   

TÍTULO PRELIMINAR: BASE XURIDICA

Artigo primeiro

        O Centro de Estudios de Historia e Cultura da Cidade establécese como un centro propio da Universidade de Santiago de Compostela, asentado no campus de Lugo e susceptible de converterse en centro mixto mediante posibles convenios con outras institucións que posúan un cometido científico semellante ou, dalgún xeito, complementario da súa actividade, como é o caso das Consellerías de Cultura ou Educación da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo e do Concello desta mesma cidade.

Artigo segundo

        O Centro de Estudios de Historia e Cultura da Cidade terá como obxecto a amplo abano de aspectos relacionados cos núcleos urbanos nas súas vertentes histórica e cultural.

Artigo terceiro

        O Centro de Estudios de Historia e Cultura da Cidade rexerase por

a. A LOU.

b. Os estatutos da USC.

c. Os seus decretos e normas de desenvolvemento.

d. O seu convenio de creación.

e. O presente regulamento.

 

TÍTULO PRIMEIRO: ESTRUCTURACIÓN

Artigo cuarto

        O Centro de Estudios de Historia e Cultura da Cidade pretende abranguer, na súa actividade, unha cuádruple dimensión:

a. Investigadora, promocionando a realización de proxectos de investigación básicos ou de I+D, e mediante plans de investigación elaborados polo seu Consello Científico en traballos individuais ou de grupo, baixo a responsabilidade dos seus autores e tralo informe do Consello Científico.

b. Docente, artellando cursos de posgrao, doutoramento, formación e reciclaxe, dentro das áreas que lle son propias, coordinados polo seu Consello Científico.

c. Asesora, informando ós organismos asociados e a outras persoas físicas e xurídicas que o soliciten.

d. Divulgadora, dando a coñecer á sociedade, polos medios adecuados, os logros científicos que, a través do seu labor, se vaian acadando.

Artigo quinto

1.  As áreas de actividade do centro virán definidas nun amplio abano de posibilidades dentro das áreas de Humanidades.

2.  Á fronte de cada unha das áreas en que se estructure o Centro acharase un responsable da mesma elixido cada cuadrienio, de entre os membros numerarios de recoñecido prestixio, polos demais membros da área en cuestión.

Artigo sexto.

        Os membros do Centro de Estudios de Historia e Cultura da Cidade serán de cuatro clases:

a. Membros de honra, nomeados polo Consello de Centro entre persoeiros de méritos sobranceiros.

b. Membros numerarios, que serán os que compoñan o seu persoal científico, ben procedentes de entre os profesores, axudantes e investigadores da USC ou doutras universidades; de entre os que, tendo responsabilidades científicas nos centros locais, rexionais ou nacionais cos que se convenie, sexan autorizados pola autoridade da cada unha das devanditas institucións, e de entre os que, sen pertencer ás institucións devanditas, xulgue o Consello de Centro.

c. Membros colaboradores, escollidos polo Consello de Centro entre os investigadores do terceiro ciclo ou en formación, sobre todo os adscritos a proxectos concretos.

d. Socios, escollidos dentre os optantes de calquera procedencia, que desexen participar nas actividades culturais do Centro.

 

TÍTULO SEGUNDO: SEDE E ÓRGANOS DE GOBERNO

Artigo sétimo

        A sede do Centro será a que determine a Universidade de Santiago de Compostela dentro dos seus edificios do campus de Lugo, ou ben a que se convenie cos organismos que interveñan na constitución dun centro mixto.

        Así e todo, os responsables das distintas áreas poderán organizar actividades avaladas polo Centro en lugares diferentes da sede de Lugo.

Artigo oitavo

1. O Consello de Centro estará integrado por:

a. O director do Centro.

b. O secretario.

c. Un representante da Xunta de Goberno da USC.

d. Tódolos doutores membros do centro.

e. Un representante de cada entidade coa que se asinen convenios (se así se contempla nos mesmos).

2. Serán funcións do Consello de Centro:

a. Elixi-lo director do Centro e propoñe-lo seu nomeamento ó rector e, de se-lo caso, a súa remoción mediante acordo adoptado do xeito que estableza o regulamento de réxime interno.

b. Aproba-lo orzamento e a programación anual das actividades do Centro.

c. Aproba-la memoria anual de Actividades e a memoria económica.

d. Aproba-lo ingreso de novos membros do persoal científico do Centro e o seu cesamento.

e. Emitir informes sobre os contratos do centro e dos seus profesores.

f. Propoñer á Xunta de Goberno a aprobación ou modificación do regulamento do centro.

g. Aqueloutras que estableza o seu regulamento de réxime interno en desenvolvemento dos estatutos ou deste regulamento.

3. O Consello de Centro reunirase en xuntanza ordinaria, polo menos, dúas veces ó ano, e en extraordinaria cantas veces faga falla para o cumprimento das súas obrigas.

Artigo noveno

1. Por acordo do Consello de Centro, poderá constituírse un Consello Científico que estará integrado por:

a.  O director do Centro, que o será tamén director do Consello Científico.

b.  O secretario, con voz pero sen voto.

c.     Cada un dos responsables das diferentes áreas de actividade enumeradas no artigo cuarto.

d.  Un representante do comité asesor internacional.

2. Serán funcións do Consello Científico:

a.     Informar da viabilidade dos proxectos científicos que se programen e da súa axeitada execución despois de realizados.

b.     Informar sobre a capacidade científica dos candidatos a membros numerarios.

c.     Asesorar ó Consello de Centro en todo o relacionado coa actividade docente e investigadora do Centro.

3. O Consello científico reunirase, polo menos, unha vez ó ano.

Artigo décimo

1.-   Poderá constituírse un Comité Asesor Internacional formado por membros de recoñecido prestixio nas materias que a actividade do centro abranga, suxeridos polo Consello Científico e escollidos polo Consello de Centro, agás na etapa inicial, en que serán designados provisionalmente polo Director do Centro.

2.-   Serán funcións do Comité Asesor Internacional:

a.    Responder de maneira razoada ás orientacións que se lle demanden por parte do Centro.

b.    Avaliar cada quinquenio as actividades do Centro.

c.    Suxerir cambio de rumbos ou novas liñas de investigación.

        O Comité Asesor Internacional reunirase cada tres anos, coincidindo coa celebración dalgún evento científico organizado polo Centro.

Artigo undécimo

1.- Unha vez aprobada a creación do Centro, o rector da Universidade de Santiago nomeará un director en funcións entre os membros dos grupos promotores que cumpran as condicións establecidas no regulamento dos centros propios da Universidade de Santiago de Compostela.             Nembargantes, no prazo máximo de tres anos a seguir, serán os membros do Consello de Centro quen procederán á súa elección ordinaria mediante votación directa, por un período de catro anos, tendo que acadarse para tal fin a metade máis un dos votos válidos.

2. Serán obrigas do director:

a. Convocar e presidir as reunións do Consello do Centro e executa­los seus acordos. En caso de empate nas votacións poderá exercer o voto de calidade.

b. Representa-lo Centro no ámbito da súa competencia.

c.     Elabora-las propostas anuais de programación e o orzamento do Centro.

d.     Redacta-la memoria de actividades e a memoria económica.

e.     Nomea-lo secretario.

f.      Dirixir e coordina-las actividades do Centro.

g.     Autoriza-los gastos dentro do orzamento anual.

Artigo duodécimo

1. O secretario será nomeado polo director entre os membros numerarios do centro. As súas obrigas serán

a. Redacta-las actas das sesións do Consello do Centro.

b. Custodia-los arquivos e a documentación do centro.

c. Expedi-las certificacións no ámbito da súa competencia.

2. O seu mandato durará o que dure o do director.

Artigo decimoterceiro

1. Poderá nomearse un xerente do Centro que virá ser un estreito colaborador do director en tódalas tarefas prácticas relativas á

a. Administración dos recursos.

b. Contabilidade e balances.

c. Promoción de actividades.

d. Procura de recursos.

e. Control das instalacións do Centro.

2. Poderá ser nomeado pola Universidade de Santiago, de entre o seu cadro de persoal.

Artigo decimocuarto

        O persoal administrativo e de servicios será cedido, de entre os seus cadros de persoal, pola Universidade de Santiago de Compostela.

 

TÍTULO TERCEIRO: DOTACIÓN FINANCEIRA E LOXÍSTICA

Artigo decimoquinto

1. O Centro contará cun orzamento anual de ingresos e gastos.

2. O orzamento será elaborado anualmente polo seu director e colaboradores e aprobado polo Consello de Centro oído previamente o Consello Científico.

Artigo decimosexto

        Serán ingresos do Centro:

a. As subvencións ou achegas das administracións públicas ou entidades públicas e privadas.

b. Os derivados do rendemento do seu patrimonio.

c. A prestación de servicios.

d. A subvención finalista para proxectos de investigación.

e. A parte correspondente de prezos por impartición de estudios propios.

f. As doazóns e achegas de particulares.

g. As cantidades derivadas de publicacións.

h. As cantidades outorgadas para infraestructura e axudas á investigación.

i. Calquera outro ingreso admitido legalmente.

Artigo decimosétimo

        A USC permitirá o uso, polo Centro de Estudios de Historia e Cultura da Cidade, da instrumentación científica e demais medios materiais adscritos á Rede de infraestructuras de Apoio á Investigación e ó Desenvolvemento Tecnolóxico e o Servicio Técnico, así como ós laboratorios de investigación dos campus de Lugo e Compostela. A instrumentación científica do Centro será

a. A adquirida con cargo ós seus orzamentos ou ós seus programas de investigación.

b. A cedida polas entidades colaboradoras para o cumprimento dos fins do Centro.

c. No seu caso, a cedida en depósito pola Universidade.

DISPOSICIÓNS FINAIS

1.- O Consello de Centro do Centro interpretará este regulamento e dictará normas aclaratorias.

2.- A Xunta de Goberno da Universidade poderá modifica-lo presente regulamento por iniciativa do Consello de Centro do Centro.