Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Regulamentos de centros, departamentos e servizos  »  Regulamento de Réxime Interno do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Aprobado por Xunta de Goberno do 24-01-2006)

Regulamento de Réxime Interno do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

(Aprobado por Xunta de Goberno do 24-01-2006)

 

Preliminar

Art. 1. O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (en adiante Instituto o IGFAE) é un instituto mixto creado, de conformidade co artigo 59.4 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (en adiante USC), mediante un convenio firmado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela. O IGFAE foi creado por Decreto 206/1999, do 2 de xullo (DOG nº 135, de 15 de xullo de 1999).

Art. 2. O Instituto rexerase por

a)   A Lei Orgánica de Universidades e as súas disposicións regulamentarias.

b)   A Lei de Fomento de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

c)   Os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e os seus decretos e normas de desenvolvemento.

d)   O Convenio de Creación do Instituto.

e)   O presente Regulamento de Réxime Interno.

Art. 3. Os obxectivos do Instituto están recollidos no seu convenio de creación e son:

a)   Promover, impulsar e desenvolver a investigación científica e técnica no campo da Física de Altas Enerxías en Galicia.

b)   Colaborar co Plan Nacional de Investigación Científica e Técnica e con cantos instrumentos cree o goberno español ou as comunidades autónomas dedicados ao fomento da Física de Altas Enerxías.

c)   Realizar actividades docentes de posgrao, terceiro ciclo ou formación continua.

d)   Fomentar, no ámbito da Comunidade Autónoma Galega, a actividade industrial en tecnoloxías relacionadas coa Física de Altas Enerxías, así como promover as relacións industriais co CERN.

e)   Promover, impulsar e desenvolver a realización de seminarios, conferencias, escolas e congresos.

f)    Difundir a información considerada de interese no campo da Física de Altas Enerxías.

Organización

Art. 4. O Instituto estruturarase en dúas seccións:

a)   Sección de Física Experimental

b)   Sección de Física Teórica

Art. 5. Os órganos de goberno do Instituto son:

a)   Xunta de Goberno

b)   Consello Científico

c)   Director do Instituto

d)   Secretario

Art. 6. A Xunta de Goberno

1.   A Xunta de Goberno é o órgano que ten a representación e a dirección do Instituto.

2.   A Xunta de Goberno estará composta por:

a)   O reitor da Universidade ou vicerreitor en quen delegue, que a presidirá e a convocara.

b)   Tres representantes nomeados pola Xunta de Galicia (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria).

c)   Dous representantes nomeados pola USC.

3.   O director e o secretario do Instituto asistirán as reunións da Xunta de Goberno con voz pero sen voto. O secretario do Instituto actuará como secretario da Xunta de Goberno.

Art. 7. Son funcións da Xunta de Goberno as establecidas no convenio de creación do Instituto.

Art. 8. O Consello Científico

1.   O Consello Científico estará formado por:

a)   O director do Instituto, que o presidirá e o convocara.

b)   6 vocais doutores, elixidos, entre o persoal científico dos grupos de investigación de cada unha das seccións do Instituto, polo persoal doutor de cada sección, cunha representación de tres vocais en cada caso.

c)   O secretario do Instituto asistirá as reunións do Consello Científico con voz pero sen voto e actuará como secretario.

Art. 9. O Consello Científico reunirase en sesión ordinaria cando o convoque o director ou a solicitude dun terzo dos seus membros. O Consello Científico reunirase como mínimo dúas veces ao ano en período lectivo.

Art. 10. Deberán realizarse eleccións para cubrir vacantes de vocais do Consello Científico a medida que estas se produzan.

Art. 11. Son funcións do Consello Científico:

a)   Programar as actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do Instituto e velar pola súa realización.

b)   Aprobar o ingreso de novos membros de persoal científico do Instituto e o seu cesamento.

c)   Informar as propostas de programación, presupostos e memoria económica e de actividades do Instituto.

d)   Informar os contratos do Instituto.

e)      Aqueloutras que dispoña a Xunta de Goberno.

Art. 12. O director do Instituto

1.   A Dirección do IGFAE deberá recaer nun profesor numerario da USC con dedicación a tempo completo.

2.   O director do Instituto será proposto pola Xunta de Goberno e nomeado polo reitor da USC.

3.   O mandato do director poderá ser de catro anos renovables unha soa vez. En caso de ausencia ou enfermidade será substituído polo membro do Consello Científico máis antigo na USC.

4.   O director poderá ser destituido polo reitor se así o decide a Xunta de Goberno.

Art. 13. Corresponde ao director:

a)   Convocar e presidir as reunións do Consello Científico e representalo perante o Consello de Goberno.

b)   Representar ao Instituto no ámbito da súa competencia.

c)   Elaborar as propostas de programación e presupostos do Instituto e, unha vez aprobados, executalos.

d)   Redactar a memoria de actividades e a memoria económica.

e)   Dirixir e coordinar as actividades do Instituto.

f)    Autorizar os gastos dentro do presuposto anual.

g)   Exercer a dirección do persoal do Instituto de acordo coas directrices da Xunta de Goberno.

h)   Velar pola mellora dos métodos de traballo e pola introdución dos adiantos innovadores, así como pola conservación e o mantemento das instalacións e os equipos do Instituto.

i)    Asistir ás reunións da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto.

j)    Propoñer a Xunta de Goberno o nomeamento de secretario.

k)   Realizar todas as funcións que lle sexan encomendadas ou delegadas pola Xunta de Goberno.

Art. 14. O secretario será nomeado pola Xunta de Goberno, a proposta do director, entre os membros doutores do Instituto pertencentes ao Persoal Docente da USC.

Art. 15. Son funcións do secretario:

a)   Redactar as actas das sesións da Xunta de Goberno e do Consello Científico.

b)   Custodiar os arquivos e a documentación do Instituto.

c)   Expedir as certificacións no ámbito da súa competencia.

d)   Auxiliar ao director nas súas funcións.

e)   Asistir ás reunións da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto.

Persoal

Art. 16. O persoal do Instituto poderá estar integrado por:

a)   Persoal docente e científico das administracións que constitúen o IGFAE, a proposta delas e tralo acordo da Xunta de Goberno.

b)   Persoal técnico das administracións que constitúen o IGFAE, a proposta delas e tralo acordo da Xunta de Goberno.

c)   Persoal doutras universidades ou institucións en calidade de investigadores colaboradores ou persoal honorario.

d)   Bolseiros de programas de Formación de Persoal Investigador ou equivalentes adscritos a proxectos dentro do Instituto.

e)   Outros profesionais contratados como investigadores por medio dos plans de investigación de acordo coa normativa vixente.

f)    Outros profesionais contratados como técnicos, ou persoal de administración, por medio dos plans de investigación de acordo coa normativa vixente.

g)   Persoal de administración, técnico e de mantemento contratado polo Instituto dentro dos límites que aprobe a Xunta de Goberno e permita a normativa vixente.

h)   Poderán pertencer tamén ao persoal científico do instituto, en calidade de Investigadores colaboradores, persoas alleas á comunidade universitaria que, sen vinculación contractual, colaboren asiduamente nalgún proxecto ou programa do Instituto.

Art. 17. O profesorado universitario integrado no Instituto manterá as súas obrigas docentes na Universidade. A súa dedicación ao Instituto afectará tan só á súa xornada investigadora, sen prexuízo da posibilidade de dispensar no Instituto a docencia á que fai referencia o artigo 3.

Art. 18. Os profesores e investigadores da USC que soliciten o ingreso no Instituto, mediante escrito dirixido ao director do Instituto, deberán contar coa autorización do seu departamento para desenvolver no Instituto a totalidade ou parte da súa xornada investigadora.

Art. 19. A condición de persoal científico do Instituto, que é o contemplado nos apartados a, c, mailo e do artigo 16, pérdese por renuncia, que se deberá facer chegar por escrito ao director e que este comunicará ao Consello Científico e á Xunta de Goberno. Tamén se perde esta condición por consecuencia de acordo razoado adoptado polos membros do Consello Científico e ratificado pola Xunta de Goberno.

Réxime económico

Art. 20. O Instituto terá o seu propio presuposto de ingresos e gastos que será informado anualmente polo Consello Científico, e aprobado pola Xunta de Goberno.

Art. 21. O patrimonio do Instituto quedará reflectido no inventario correspondente, que revisará e aprobará anualmente a Xunta de Goberno.

Art. 22. Para a consecución dos seus obxectivos, o IGFAE disporá dos seguintes recursos:

a)   As achegas das entidades que o constitúen reflectidas nos seus respectivos presupostos.

b)   As achegas obrigadas en virtude de convenios e contratos de investigación.

c)   As cantidades que puideran corresponder segundo a lexislación vixente ou dentro dos acordos previos cos responsables da realización de proxectos e de adquisición de infraestrutura de investigación.

d)   Os beneficios que lle puideran corresponder segundo o estipulado no punto anterior pola realización de actividades investigadoras, actividades docentes, actividades de asesoramento e servizos, patentes, ou pola venda de publicacións e produtos desenvoltos polo Instituto.

e)   As subvencións, así como doazóns e legados lucrativos outorgados por entidades públicas ou privadas e persoas fisicas.

f)    Calquera outro que lle poda corresponder.

Art. 23. O control de carácter económico-financeiro do Instituto realizarase de acordo co previsto na normativa vixente

Art. 24. O Instituto, e o seu persoal científico a través del, poderán contratar con entidades públicas e privadas e con persoas físicas a realización de traballos de carácter científico, técnico, de servizos, ou de asesoramento, así como o desenvolvemento de cursos de posgrao e de formación continua. Os bens inventariables que adquira ou reciba por doazón ou legado o Instituto, ou os seus investigadores, para o cumprimento deses contratos, serán propiedade da USC e estarán adscritos totalmente ao cumprimento dos fíns do Instituto.

Art. 25. O reitor, no nome do Instituto, poderá subscribir convenios con entidades públicas ou privadas, tanto españolas como estranxeiras.

Réxime académico

Art. 26. O Instituto poderá organizar, con cargo ao seu presuposto, calquera actividade científica ou docente no ámbito da Física de Altas Enerxías, sempre de acordo cos seus fins, recollidos no artigo 3 do presente Regulamento.

Art. 27. O Instituto poderá outorgar diplomas acreditativos dos estudos realizados no mesmo marco da normativa interna da USC.

Disposicións adicionais

Primeira. O Instituto poderá ter locais e asignación específica nos presupostos da Universidade e poderáselle asignar persoal de administración e servizos.

Disposicións transitorias

Primeira. Mentres o IGFAE non dispoña de locais propios, terá a súa sede no Departamento de Física de Partículas.

Disposicións finais

Primeira. A Xunta de Goberno do Instituto interpretará este Regulamento e ditará normas aclaratorias.

Segunda. O presente Regulamento poderá ser modificado pola Xunta de Goberno do Instituto.