Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Regulamentos de centros, departamentos e servizos  »  Regulamento do Servizo Universitario de Residencias

TÍTULO PRELIMINAR

TÍTULO PRIMEIRO:
DOS RESIDENTES E COLEXIAIS

TÍTULO SEGUNDO:
ADMISIÓN E RENOVACIÓN DE PRAZAS

TÍTULO TERCEIRO:
ÓRGANOS DE FUNCIONAMENTO DO SUR

TÍTULO CUARTO:
RÉXIME SANCIONADOR

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS


REGULAMENTO DO SERVICIO UNIVERSITARIO DE RESIDENCIAS

(XUNTA DE GOBERNO DO 16 DE XUÑO DE 1998)

 (Modificación do artigo 14 e engadido da Disposición Adicional Terceira, Consello de Goberno do 17-02-2005)

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1.- Definición

O Servicio Universitario de Residencias (SUR) proporciona aloxamento ó estudiantado e demais membros da comunidade universitaria, así como a outras persoas que, aínda que non pertenzan á nosa Universidade, participen nas actividades organizadas por ela.

Ademais de proporcionarlles aloxamento, o SUR promoverá a formación integral de residentes e colexiais, a través da realización de actividades culturais, sociais e deportivas. 

Artigo 2.- Finalidade

O SUR ten como finalidade esencial a de contribuír a reducir a desigualdade de oportunidades por motivos económicos, a través da convocatoria de prazas subvencionadas de aloxamento. 

Artigo 3. Centros

O SUR está constituído polas residencias e colexios maiores que se rexan polas disposicións contidas no presente Regulamento. 

Artigo 4. Servicios

Ademais do servicio de aloxamento, o SUR ofrece unha serie de servicios complementarios. O uso destes estará restrinxido ós residentes ou colexiais, agás autorización expresa do Vicerrectorado de Estudiantes ou da dirección de cada centro.


TÍTULO PRIMEIRO
DOS RESIDENTES E COLEXIAIS

Artigo 5.- Dereitos

Recoñécense como dereitos de residentes e colexiais:

  • O aloxamento durante o curso académico en condicións dignas e adecuadas á condición universitaria.

  • O goce e utilización dos servicios, instalacións e equipamento comúns do centro do SUR no que se lle adxudicase praza de aloxamento, nas condicións sinaladas polo Regulamento de Réxime Interno daquel.

  • A iniciativa, participación e asistencia ás actividades sociais, culturais e deportivas auspiciadas polo centro no que resida.

  • Formar parte dos Consellos de Residentes ou Colexiais de acordo coas disposicións deste Regulamento.

  • Recibir información relacionada con calquera cuestión que atinxa á súa estancia na residencia ou colexio maior.

  • A liberdade de entrada e saída do centro do SUR no que resida.

  • Formular ante a dirección cantas iniciativas, suxestións e reclamacións consideren oportunas.

  • Optar á concesión das bolsas de colaboración do SUR convocadas polo Vicerrectorado de Estudiantes.

  • Recibir as honras e distincións que correspondan. 

Artigo 6.- Bolsas de colaboración do SUR

O Vicerrectorado de Estudiantes convocará bolsas de colaboración do SUR no mes de outubro de cada curso académico para a realización de actividades socioculturais, deportivas e calquera outra que o centro considere necesaria ou coadxuve á formación integral de residentes e colexiais.

Da Comisión avaliadora dos proxectos presentados formarán parte o Vicerrector ou Vicerrectora de Estudiantes, ou persoa en quen delegue, o Director da Área de Residencias, un membro da Dirección do centro, e dous representantes do Consello de Residentes ou Colexiais 

Artigo 7. Honras e distincións

Son honras e distincións:

a) A banda colexial. Terá carácter honorífico, sen dereito a retribución e seralles concedida a todos os residentes no seu terceiro ano de estancia no centro, segundo se estableza nas normas de cada centro.

A banda colexial será entregada nun acto público no que se fará a imposición da banda correspondente segundo o procedemento que para tal efecto estableza o Regulamento de cada residencia ou colexio maior.

b) A Insignia da Residencia ou Colexio Maior, que se imporá nos casos establecidos no Regulamento de cada Residencia. 

Artigo 8.- Deberes

Son deberes de todos os residentes e colexiais:

  • O cumprimento do presente Regulamento, das normas da convocatoria de prazas aprobada pola Xunta de Goberno, e do Regulamento de Réxime Interno do Centro, así como das instruccións que na súa aplicación estableza a súa dirección.

  • Respectar os dereitos dos membros e demais persoas vencelladas ó SUR.

  • Gardar respecto e consideración ós demais colexiais e residentes e ó persoal do centro, así como a calquera outra persoa que estea vinculada ou se atope nel.

  • Residir habitualmente na praza adxudicada e manter a habitación e o seu mobiliario en bo estado.

  • Respectar e conservar en boas condicións de uso as instalacións, mobiliario, material e equipamento comúns do centro.

  • Respectar o silencio nocturno no centro e nos seus arredores.

  • Satisfacer puntualmente as cotas mensuais correspondentes ó pagamento da estancia. 

Artigo 9.- Non-pagamento de cotas

O Servicio Universitario de Residencias ó ser un servicio complementario da educación superior require que os residentes aboen nos prazos establecidos as cotas que lles correspondan.

O non-pagamento inxustificado ou o atraso reiterado no aboamento das cotas correspondentes terá como consecuencia a cesación na prestación do servicio e, polo tanto, a perda automática da condición de colexial ou residente dende que lle sexa notificada esta circunstancia.

Os colexiais e residentes que no momento de apertura do prazo de presentación de solicitudes de ingreso teñan pendente de pagamento algunha cota de aloxamento, ou sexan reincidentes, sen causa xustificada, no atraso nos pagamentos, ou manteñan calquera outra débeda relacionada co SUR non poderán ser readmitidos.

 

TÍTULO SEGUNDO
ADMISIÓN E RENOVACIÓN DE PRAZAS

Artigo 10.- Convocatoria anual

A Xunta de Goberno aprobará a convocatoria de prazas de aloxamento para cada curso académico na que se deberá consignar:

  • O número de prazas reservadas a cada sector da comunidade universitaria.

  • Os prezos.

  • O número de prazas subvencionadas.

  • Os requisitos de acceso para os supostos de nova admisión e readmisión.

  • O procedemento para tramitar as solicitudes e para adxudicar as prazas.

  • Os baremos para avaliar as solicitudes. 

Artigo 11.- Avaliación de solicitudes

Para a avaliación das solicitudes teranse en conta os criterios académico e económico, e será a convocatoria de prazas a que determinará as puntuacións que se outorgarán en función de cada un dos ditos criterios. 

Artigo 12.- Exclusións de readmisión

Ademais daqueles que non cumpran os requisitos establecidos na convocatoria de prazas, non poderán ser readmitidos no SUR os colexiais e residentes que cederon o uso parcial ou total da habitación a outras persoas sen dereito a praza no centro. Para estes efectos, a dirección do centro iniciará un expediente para acreditar esta circunstancia, no que se lle dará audiencia á persoa ou persoas afectadas. A resolución será dictada polo director/a do centro e contra ela poderá interpoñerse recurso ordinario perante o Rector. En todo caso, a dita resolución deberá ser adoptada con anterioridade ó vencemento do prazo de presentación de solicitudes de ingreso no SUR. 

Artigo 13.- Discrepancia nos datos facilitados

A falsificación ou omisión de datos ou a consignación de datos que non sexan reais determinará automaticamente a perda da condición de colexial ou residente. En tanto non se verifiquen completamente os datos consignados na solicitude, a adxudicación da praza terá carácter provisorio, de tal xeito que o Vicerrectorado de Estudiantes deberalles notificar ás persoas ás que se lle comprobasen discrepancias entre os datos declarados e os reais, a resolución de que abandonen o centro. 

Artigo 14.- A Comisión de Garantías

Créase unha Comisión de Garantías que, a instancia de parte e en supostos excepcionais e por causas debidamente acreditadas de enfermidade, situacións familiares especiais ou outras causas extraordinarias apreciadas por ela, poderá, de ser o caso, eximir dos mínimos académicos ou calquera outro requisito esixidos na convocatoria de prazas así como reconsiderar a cota asignada ou o centro adxudicado.

A Comisión estará composta polos seguintes membros:

  • O vicerrector ou vicerrectora de Estudiantes ou persoa en quen delegue, que a convocará e presidirá;

  • O director ou directora da Área de Residencias;

  • Tres directores e tres membros do Consello de Residentes ou Colexiais, designados por sorteo, que representen os seis centros do SUR.

Actuará como secretario ou secretaria, con voz pero sen voto, un funcionario ou funcionaria do Vicerrectorado de Estudiantes.

Dadas as materias tratadas por esta Comisión, que poden afectar á intimidade das persoas, os seus compoñentes deberán gardar o debido sixilo do tratado nas reunións. 

Artigo 15.- Convocatoria estival

Dado que o prazo de vixencia do aloxamento ofertado na convocatoria se circunscribe ó período abranguido entre outubro e xullo, ou outro que se estableza na convocatoria, o Vicerrectorado de Estudiantes poderá efectuar, na medida en que o permitan as dispoñibilidades, unha convocatoria de prazas especial e independente para os meses de verán. A admisión nesta convocatoria non xerará dereitos sobre a convocatoria ordinaria, e, en especial, non xerará dereito á readmisión nela. 

TÍTULO TERCEIRO
ÓRGANOS DE FUNCIONAMENTO DO SUR

Artigo 16.- Organización

O SUR dependerá organicamente do vicerrector/ra de Estudiantes. O director/ra da Área de Residencias da Universidade, dependente do devandito Vicerrectorado, realizará a súa coordinación.

Así mesmo, en cada centro do SUR existirán os seguintes órganos:

  • O director ou directora

  • De ser o caso, unha ou varias subdireccións

  • O Consello de Residentes ou Colexiais 

Sección primeira

Artigo 17.- Director ou directora da Área de Residencias

O director ou directora da Área de Residencias será nomeado polo rector ou rectora da Universidade e, baixo a dependencia do vicerrector ou vicerrectora de estudiantes, será responsable do funcionamento do SUR.

As funcións do director da Área de Residencias serán as seguintes:

  1. Supervisar que se cumpran as disposicións do presente Regulamento nos diferentes centros do SUR

  2. Coordinar os centros do SUR e o persoal adscrito a este.

  3. Supervisar a xestión da convocatoria de prazas de cada curso.

  4. Emitir resolucións internas e instruccións que afecten a todos ou varios centros do SUR

  5. Distribuír o orzamento entre os centros do SUR

  6. Autorizar a celebración de calquera acto extraordinario nos centros do SUR

  7. A representación institucional, por designación do vicerrector, nos Encontros Nacionais de Residencias Universitarias, así como nos actos dos colexios maiores adscritos e dos centros do SUR 

Sección segunda

Artigo 18.- A dirección dos centros do SUR

A dirección de cada centro estará constituída polo director, e por un ou varios subdirectores. 

Artigo 19.- O director ou directora

En cada residencia ou colexio maior existirá un director, que exercerá as funcións de goberno e será responsable do cumprimento das finalidades propias do servicio.

O director será un membro da comunidade universitaria, e o seu nomeamento e cese corresponderá ó rector. A Xunta de Goberno será informada disto. 

Artigo 20.- Funcións do/da director/ra

Serán funcións do director:

  1. Representar o colexio maior ou residencia.

  2. Exercer o goberno do centro, e resolverá sobre calquera cuestión que afecte ó seu funcionamento e réxime interno.

  3. Velar porque se cumpran as disposicións deste Regulamento e do Regulamento de Réxime Interno e dictar cantas instruccións sexan necesarias para o seu desenvolvemento.

  4. Nomear e cesar o subdirector/tora ou subdirectores/ras.

  5. Supervisar os servicios administrativos e exercer a dirección funcional de todo o persoal adscrito ó centro.

  6. Autorizar os gastos e a execución de previsións presupostarias así como exercer o control orzamentario.

  7. Convocar e presidir o Consello de Residentes ou Colexiais.

  8. Atender colexiais ou residentes para os efectos de recibir e resolver sobre cantas iniciativas, suxestións e queixas se lle presenten, así como para facilitarlles información sobre as cuestións que afecten á súa estancia no centro.

  9. Propoñer ó Vicerrectorado de Estudiantes a creación ou extinción das bolsas de colaboración para a realización de actividades, así coma calquera outro tipo de propostas de mellora ou organización do centro. 

Artigo 21.- O subdirector ou subdirectora

Na dirección dos colexios maiores e residencias participarán tamén o subdirector ou subdirectores.

Os subdirectores serán membros da comunidade universitaria e terán obriga de vivir no centro. Serán nomeados e cesados polo director, unha vez oído o Consello de Residentes ou Colexiais.

Poderán existir ata dous subdirectores nos centros de menos de douscentos residentes e ata tres se o número de prazas fora maior desta cifra.

Serán funcións do subdirector ou subdirectora:

  1. Colaborar co director no exercicio das súas funcións, velando polo bo funcionamento do centro, baixo a responsabilidade daquel.

  2. Asumir, por delegación do director, todas as funcións que se lle encomenden.

  3. Substituír o director en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

  4. Formar parte do Consello de Residentes ou Colexiais.

  5. Facer un seguimento das bolsas de colaboración do centro e confeccionar un informe anual de cada unha delas.

  6. Informar ós residentes ou colexiais sobre as cuestións da súa competencia que afecten á súa estancia no centro. 

Sección terceira

Artigo 22.- O Consello de Residentes ou Colexiais

En cada centro existirá un Consello de Residentes ou Colexiais integrado polo director, que o presidirá, os subdirectores, e representantes dos residentes en número de cinco nos centros de menos de duascentas prazas e de sete nos de máis de duascentas.

Exercerá de secretario do órgano o subdirector que designe o director. 

Artigo 23.- Elección de representantes

As eleccións de representantes no Consello serán convocadas polo director no primeiro trimestre de cada curso, baseándose nas normas aprobadas polo Vicerrectorado de Estudiantes. O tempo da representación circunscribirase ó período abranguido entre outubro e xullo. 

Artigo 24.- Réxime de convocatorias e funcións

O Consello de Residentes ou Colexiais reunirase unha vez ó mes, agás que algunha circunstancia especial aconselle unha convocatoria extraordinaria.

Serán funcións do Consello de Residentes ou Colexiais:

  1. Ser órgano consultivo da dirección nos asuntos relacionados coa vida do centro, así como realizar propostas que afecten a necesidades percibidas neste.

  2. Elaborar o Regulamento de Réxime Interno do colexio maior ou residencia, que ha ser aprobado polo Vicerrectorado de Estudiantes.

  3. Programar as diferentes actividades do centro, así como propoñer á dirección a creación de comisións destinadas á organización dalgunha actividade de interese para os residentes.

  4. Ser oído nos casos de nomeamento e cese dos subdirectores e nos supostos de imposición de sancións graves ós residentes.

  5. Tomar parte, a través de dous representantes, na Comisión avaliadora que propón a resolución das bolsas de colaboración do SUR, e, de ser o caso, de acordo coas disposicións do art. 14, na Comisión de Garantías. 

TÍTULO CUARTO
RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 25.- Réxime

O incumprimento do Regulamento do SUR, do Regulamento de cada Centro ou das ordes ou instruccións dos órganos poderá ser obxecto de sanción, de conformidade co réxime establecido no presente documento. 

Artigo 26.- Faltas leves e graves

Son faltas leves as seguintes:

  1. Manter na habitación utensilios pertencentes ás zonas e servicios comúns da residencia se non media a autorización da dirección.

  2. Utilizar os servicios comúns fóra do horario establecido.

  3. Infrinxir as normas sobre limpeza e hixiene das zonas comúns e das habitacións.

  4. Ter animais nas habitacións.

  5. Organizar ou participar en calquera actividade que perturbe a convivencia dentro da residencia, ou calquera outra sen coñecemento e autorización da dirección.

  6. A perturbación leve do silencio nocturno.

  7. O incumprimento dos demais deberes establecidos neste Regulamento e no Regulamento do Centro cando non constitúan falta grave.

Son faltas graves:

  1. O incumprimento grave e manifesto das ordes, instruccións ou acordos dos órganos do centro ou da Universidade.

  2. Non residir habitualmente e sen xustificación na praza adxudicada por períodos superiores a 1 mes.

  3. Faltar ó respecto e consideración ós demais colexiais e residentes e ó persoal do centro así como a calquera outra persoa que estea vinculada ou se atope nel.

  4. Ceder total ou parcialmente o uso das habitacións a persoas sen dereito a praza no centro.

  5. Entrar e permanecer nunha habitación allea sen permiso do residente habitual.

  6. Empregar incorrecta ou abusivamente as dependencias comúns.

  7. A destrucción ou deterioro intencionados dos bens inmobles, mobles ou utensilios da residencia ou de cada habitación.

  8. A utilización da residencia ou colexio e dos seus bens mobles e inmobles para fins distintos dos establecidos neste Regulamento.

  9. Impedir o desenvolvemento das funcións do persoal do centro ou restrinxir indebidamente o libre acceso dos usuarios ó servicio de aloxamento ou servicios complementarios do centro.

  10. A perturbación grave do estudio e o descanso dos demais residentes e calquera outra alteración grave e reiterada do silencio nocturno.

  11. Ter, consumir ou traficar, dentro do centro, con substancias estupefacientes ou psicotrópicas.

  12. A comisión, no ámbito do Colexio Maior ou Residencia, de calquera conducta calificada como falta grave pola normativa xeral do réxime disciplinario, ou constitutiva de infracción penal.

  13. A comisión de tres faltas leves. 

Artigo 27.- Tipos de sancións

As sancións que se lles poderán impoñer ós residentes poderán ser:

  1. No caso de comisión de faltas leves:

  • Apercibimento

  • Suspender o dereito á utilización dos servicios comúns

  1. En caso de comisión de faltas graves:

  • Suspender, no exercicio dos dereitos como residente, a utilización dos servicios comúns

  • Expulsión temporal do SUR

  • Expulsión do SUR, sen dereito a reingreso en ningún centro. 

Artigo 28.- Procedemento sancionador

A adopción das medidas previstas no artigo anterior por faltas graves levarase a cabo necesariamente mediante o correspondente procedemento disciplinario descrito no seguinte artigo.

No caso de faltas leves, a Dirección do centro poderá acordar a imposición da sanción, trala audiencia do interesado, que deberá serlle notificada a este. 

Artigo 29.- Desenvolvemento do procedemento por faltas graves

O procedemento disciplinario iniciarase de oficio, xa sexa por iniciativa propia ou ben por denuncia.

Na tramitación do procedemento disciplinario respectaranse escrupulosamente as garantías derivadas dos principios de audiencia e contradicción, o dereito de defensa da persoa contra a que se dirixa e a separación entre a fase de instrucción e a de sanción.

O órgano de instrucción poderá propoñer, e o órgano resolutorio aprobar, cantas medidas provisorias sexan necesarias para asegurar a eficacia da resolución final.

Aberto o procedemento o vicerrector ou vicerrectora de Estudiantes designará un instructor que levará a cabo todas as actividades necesarias para o esclarecemento dos feitos e persoas responsables. O instructor poderá propoñer o arquivo das actuacións se considerase que non existen elementos suficientes que acrediten a comisión dunha falta.

Terminada a instrucción, darase audiencia ó interesado para que se defenda e alegue o que ó seu dereito conveña.

Rematadas as actuacións remitiranse ó director do centro para que dicte a resolución que corresponda, unha vez oído o Consello de Residentes ou Colexiais. No caso de que o director sexa testemuña ou participara na instrucción, a resolución será dictada polo vicerrector ou vicerrectora de Estudiantes.

Contra toda resolución sancionadora poderá interpoñerse o correspondente recurso administrativo ordinario perante o Magfco. e Excmo. Sr. rector, que esgotará a vía administrativa.

Non procederá a execución da sanción ata que sexa firme na vía administrativa, sen prexuízo de adoptar as disposicións precautorias precisas para garantir a eficacia mentres non sexa executiva. 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

Cada centro elaborará un Regulamento de Réxime Interno, que se deberá adaptar ó establecido neste Regulamento e que deberá ser aprobado polo Vicerrectorado de Estudiantes.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

No momento de aprobación deste Regulamento forman parte do SUR da Universidade de Santiago de Compostela os seguintes colexios maiores e residencias:

No Campus de Compostela:

  • Colexio Maior Rodríguez Cadarso.

  • Colexio Maior Fonseca.

  • Colexio Maior San Clemente.

  • Residencia Universitaria Monte da Condesa.

  • Residencia Universitaria Burgo das Nacións.

  • Residencia Universitaria Jimena e Elisa Fernández de la Vega.

No Campus de Lugo:

  • Residencia Universitaria Xesús Bal e Gay.

DISPOSICIÓN ADICIONAL TERCEIRA

As referencias no Regulamento do S.U.R. á Vicerreitoría e ao/á vicerreitor/a de Estudantes entenderanse realizadas á Vicerreitoría e ao/á  vicerreitor/a que por delegación reitoral sexa competente en materia do S.U.R., na actualidade o/a Vicerreitor/a de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA

Polo presente Regulamento quedan integramente derrogados o Estatuto do SRI e calquera outra norma que se opoña ó seu contido.