Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Xestión académica  »  Resolución Reitoral do 13-outubro-1998 sobre Traballos e Proxectos Fin de Carreira

Resolución Reitoral do 13-outubro-1998 sobre Traballos e Proxectos Fin de Carreira

Os planos de estudio das titulacións técnicas e algúns outros contemplan a realización dun traballo ou dun proxecto fin de carreira.

Os proxectos fin de carreira resérvanse para as titulacións técnicas e configúranse nos planos de estudios dun xeito obrigatorio e a realizar unha vez superados o resto dos créditos troncais, obrigatorios, optativos e de libre configuración.

Os traballos fin de carreira que aparecen noutros planos de estudios configúranse ben con carácter optativo ou ben con carácter obrigatorio, e para a presentación e realización non se seguirá como norma xeral ter superado tódolos créditos da titulación senón que cada plano de estudios establece os requisitos mínimos.

As normas de xestión académica no seu apartado sétimo establecen unha regulamentación dos proxectos fin de carreira na que se advirten dous eixes fundamentais por unha banda permitir a máxima flexibilidade en orde á matrícula dos alumnos e remisión ós centros para o establecemento das datas concretas de presentación dos proxectos fin de carreira, debendo tender a coincidir nos períodos inmediatamente posteriores ás datas de exames.

Esta regulamentación non esgota toda a complexidade administrativa que se pode derivar dos mesmos e por outra banda non contempla a regulación dos traballos fin de carreira aínda que por similitude e analoxía se aplique a normativa dos proxectos fin de carreira.

 

POR TODO O INDICADO RESOLVO:

PRIMEIRO.- Esta resolución regulamenta os proxectos fin de carreira e os traballos fin de carreira e será de aplicación en todo o que na mesma se establece e os centros non teñan regulamentado.

SEGUNDO.- MATRÍCULA

a) Requisitos de matrícula:

PROXECTOS FIN DE CARREIRA.- Poderán concorrer os alumnos que teñan superadas as demais materias do plano de estudios.

TRABALLO FIN DE CARREIRA.- Poderán concorrer os alumnos que reúnan os requisitos que establecen os planos de estudios.

Se o alumno desexara presenta-lo proxecto ou traballo fin de carreira na mesma convocatoria na que superara tódalas materias, e aínda non estiveran entregadas tódalas actas na Unidade de Xestión Académica correspondente, poderá admitirse a matrícula se o secretario do centro evacúa certificación consonte o alumno ten superadas as materias das que aínda non se entregaran as actas. A eficacia da matrícula e a da cualificación do proxecto quedarán condicionadas a que das actas se deduza que o alumno ten superadas as materias necesarias para concorrer, debéndose facer constar esta circunstancia na certificación expedida polo secretario do centro.

A matrícula dará dereito a unha soa presentación do proxecto e reportará os prezos públicos establecidos.

b) Prazos de matrícula

Poderá realizarse en calquera momento do curso académico, e en todo caso, nun prazo previo ós dez días anteriores á data que establezan os centros para a presentación do proxecto.

Os centros elaborarán un calendario no que recollan as datas de matrícula e presentación antes do inicio do curso.

c) Solicitude de concorrencia

Os alumnos que formalicen matrícula deberán presenta-la solicitude da mesma na Unidade de Xestión Académica ó menos dez días antes á data que o centro teña establecida para a presentación do proxecto, ademais indicarán a convocatoria na que vaian a presenta-lo proxecto.

d) Datas de presentación do proxecto

As datas de presentación dos proxectos fin de carreira determinaranas os centros, debendo realizar polo menos tres convocatorias anuais tendendo a facelas coincidir cos períodos inmediatamente posteriores ás convocatorias oficiais de exames.

TERCEIRO.- DIRECTOR DO PROXECTO OU DO TRABALLO FIN DE CARREIRA

a) Traballo ou proxecto vinculado á área de coñecemento

O director poderá ser calquera profesor dos pertencentes ás áreas de coñecemento ás que estea vinculado o traballo.

b) Traballo ou proxecto non vinculado á área de coñecemento

O director poderá ser un profesor pertencente a calquera das áreas de coñecemento implicadas na titulación.

c) Se o director do proxecto non pertencese ás áreas de coñecemento ás que estea vinculado o proxecto ou a titulación requerirase un informe dun profesor dalgunha das áreas implicadas que actuará como co-director do proxecto.

CUARTO.- TRIBUNAIS

Cada centro determinará a composición dos Tribunais encargados de avaliar os traballos e proxectos fin de carreira.

Se o centro non ten regulado a composición dos tribunais será de aplicación o que a seguir se indica:

Os proxectos e traballos fin de carreira serán avaliados por un tribunal composto por alomenos tres profesores que impartan docencia na titulación, do que formará parte o director do proxecto ou traballo fin de carreira.

O decano ou director do centro, a proposta da Xunta de Centro, nomeará un tribunal e ós seus respectivos suplentes por cada titulación que se imparta no centro. Este tribunal poderá exercer as súas funcións por alomenos un curso académico.

O tribunal poderá requerir a asistencia de profesores especializados no proxecto ou traballo fin de carreira que estea a avaliar, en calidade de asesores, con voz pero sen voto. Estos profesores deberán impartir docencia na titulación.

QUINTO.- CUALIFICACIÓNS

Os alumnos poderán ser cualificados conforme ás seguintes cualificacións e mencións: suspenso, aprobado, notable, sobresaliente, matrícula de honra.

O tribunal poderá outorgar unha matrícula de honra por cada 10 alumnos ou fracción que en cada convocatoria presenten o traballo ou proxecto.

SEXTO.- CONVOCATORIAS

Os alumnos poderán presenta-lo proxecto en calquera das convocatorias, podendo acudir a todas elas de non supera-lo nas que concorra.

De acudir a cada convocatoria o alumno deberá reportar os prezos públicos que se establezan, de non o facer, unha vez formalizada a matrícula, non procederá a devolución dos prezos aboados.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

Os efectos desta resolución o proxecto fin de carreira establecido nos planos de estudios conducentes á licenciatura en Química ten a consideración de traballo fin de carreira.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 1998

O RECTOR

 

Darío Villanueva Prieto