Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Xestión académica  »  Regulamento do Procedemento para a Expedición de Títulos Propios da USC

REGULAMENTO DO PROCEDEMENTO PARA A EXPEDICIÓN

DE TÍTULOS PROPIOS

DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

(D.O.G. DO 2 DE MAIO DE 1994)

(XUNTA DE GOBERNO DO 15 DE NOVEMBRO DE 1993)

(Modificación do artigo 15 polo Consello de Goberno do 17/11/2004)

Resolución do 24 de marzo de 1994 polo que se dispón a publicación do Regulamento do procedemento para a expedición de títulos propios.

A Xunta de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do día 11 de novembro de 1993, aprobou o procedemento para a expedición de títulos propios da Universidade de Santiago de Compostela, procedendo, a mesma xunta, na súa sesión do 3 de febreiro de 1994, á adaptación técnica como Regulamento do procedemento para a expedición de títulos propios para a súa posterior publicación.

Este rectorado, en uso das atribucións que lle confire o artigo 60 dos estatutos da universidade, resolve facer público o citado regulamento do xeito que se indica no anexo desta resolución.

ANEXO

Regulamento do procedemento para a expedición de títulos propios da Universidade de Santiago de Compostela.

I.- XESTIÓN DE ALUMNOS DE CURSOS DE POSGRAO

Artigo 1º.- Admisión.

1. Os alumnos que desexen realizar cursos de posgrao na Universidade de Santiago de Compostela deberán solicita-la súa admisión no centro, departamento ou instituto que organice o curso e no prazo que para cada curso se sinale.

2. O departamento, centro ou instituto organizador decidirá sobre a admisión dos estudiantes de acordo cos criterios establecidos na convocatoria do curso, e deberá facer pública a relación de admitidos e excluídos nos sete días seguintes á finalización do prazo de admisión.

3. Contra as relacións de admisión e exclusión poderase interpoñer recurso ordinario perante o rector; esta circunstancia será advertida na resolución que faga públicas as relacións.

Os recursos interpostos seranlle remitidos, co correspondente informe de quen organice o curso, á Comisión de Cursos e Convenios.

Artigo 2º.- Matrícula.

1. Rematando o proceso de admisión, a organización do curso remitiralle á Unidade de Xestión Académica a relación dos alumnos admitidos para os efectos da realización da matrícula.

2. No acto de matrícula o alumno deberá presenta-la seguinte documentación.

- Estar en posesión do titulo que lle dá acceso ó curso.

- Fotocopia do seu D.N.I. ou pasaporte, no caso de ser estranxeiro.

3. Asemade no acto de matrícula deberá aboa-los prezos establecidos, na forma que estableza a convocatoria do curso.

Artigo 3º.- Actas.

1. Os documentos para as actas dos cursos de posgrao xeraraos a unidade de xestión correspondente, e as actas, unha vez asinadas polos profesores, serán depositadas nela e quedarán baixo a custodia do Secretario Xeral da universidade.

2. Por cada curso de posgrao soamente se xerará unha acta por cada curso académico no que estea estructurado o curso.

3. As actas identificarán na súa cabeceira o curso de posgrao e o organismo que o organiza, así como o curso no que foi impartido, e nela deberán figurar tódolos alumnos que formalizaron matricula no curso.

4. Os alumnos de cursos de posgrao recibirán unha cualificación global do curso respecto de tódalas materias que se impartisen, podendo ser cualificados como apto ou non apto.

Ós alumnos que non concorran ás probas que se establezan poñeráselle-la mención de non presentado.

5. A tramitación das actas farase de acordo co procedemento establecido na Resolución do 5 de xullo de 1993 pola que se aprobaron as normas sobre recepción, custodia e rectificación das actas de exame, trasladándose a cualidade de centro receptor ó centro, departamento, ou instituto promotor do curso ou ó que figure no primeiro lugar, no caso de seren varios.

6. A cualidade de profesor/es asinante/s das actas e a responsabilidade derivada dela recaerá no director/a ou directores/as do curso de posgrao.

Artigo 4º.- Xestión Académica.

As cuestións que se susciten verbo de validacións, devolucións dos importes de matrícula e calquera outra cuestión académica, serán resoltas pola organización dos cursos e xestionadas pola unidade de xestión académica correspondente.

Tódalas resolucións en materia de xestión académica dos cursos de posgrao serán susceptibles de recurso ordinario perante o rector.

II.- EXPEDICIÓN DOS TÍTULOS

Artigo 5º.- Expedición dos títulos de magister e especialista.

1. Os títulos de magister e especialista, títulos propios da Universidade de Santiago de Compostela, serán expedidos polo rector en nome da Universidade de Santiago de Compostela, consonte o disposto no artigo 7.2º do Real decreto 1497/1987 e mais no artigo 21 do acordo da Xunta de Goberno do 12 de marzo de 1992.

2. Os títulos serán expedidos consonte o procedemento disposto no presente acordo e nas resolucións que o puidesen desenvolver e consonte os formatos e os textos que para tales efectos aprobe a Xunta de Goberno.

III.- DA TRAMITACIÓN DO EXPEDIENTE

Artigo 6º.- Solicitude de expedición do título.

1. Superadas as ensinanzas que conducen á obtención dos títulos propios, os alumnos poderán solicita-la expedición do título, presentando ante a unidade de xestión correspondente a seguinte documentación:

a) Solicitude.

b) Resgardo de ter aboados os dereitos que por expedición do título estableza o Consello Social.

2. da presentación e do pagamento dos dereitos darase o oportuno resgardo, que soamente acreditará ter realizados os trámites de solicitude de expedición dun título propio.

Artigo 7º.- Certificación provisional.

1. Unha vez verificado que o alumno superou os estudios e que presentou toda a documentación requirida no apartado anterior, procederase a expedir unha certificación provisional, que terá os mesmos efectos que o título ata que este se expida.

A expedición da certificación provisional non reportará prezo ningún.

2. A certificación provisional deberá ir asinada polo Secretario Xeral da universidade e o xefe da unidade de xestión.

3. Na certificación provisional farase mención expresa da data coa que se expedirá o título ó cal substitúe e que o título non ten o carácter oficial establecido no artigo 28 da Lei da Reforma Universitaria.

4. Poderanse expedir duplicados da certificación provisional nos supostos de extravío ou deterioración. Nestes supostos farase constar que a certificación ten o carácter de duplicado.

Os duplicados das certificacións reportarán os prezos que para tales efectos se establezan para as certificacións.

Artigo 8º. Expediente do título.

O expediente do título constará da solicitude e dos documentos que se deban presentar con ela e mais dunha dilixencia, consonte ó modelo adxunto, do funcionario encargado da tramitación dos expedientes de títulos propios, na que se faga constar que segundo as actas o interesado superou os estudios conducentes ó título de magister ou especialista.

Artigo 9º. Remisión á unidade de títulos.

Unha vez instruído o expediente, remitirase á Sección de Títulos do Servicio de Alumnado, para os efectos de que se proceda a darlle o número do Rexistro Universitario de Títulos Propios e á súa impresión.

IV.- DO REXISTRO UNIVERSITARIO DE TÍTULOS PROPIOS

Artigo 10º. Rexistro universitario de Títulos Propios.

Créarase o Rexistro Universitario de Títulos Propios no que se deberán inscribi-los títulos propios da Universidade de Santiago de Compostela e que estará baixo a custodia do Secretario Xeral da universidade.

Artigo 11º. Contido no Rexistro Universitario de Títulos Propios.

1. No Rexistro Universitario de Títulos Propios deberán rexistrarse en todo caso os seguintes datos:

Tipo de título.

Denominación do título.

Número do DNI ou pasaporte do titulado.

Nome e apelido.

Data da expedición do título.

Clave de seguridade da cartolina soporte do título.

Número de Rexistro Universitario de Títulos Propios.

Artigo 12º. Número de Rexistro Universitario de Títulos Propios.

O número de rexistro universitario constará de nove díxitos, dos cales os catro primeiros corresponderán ó ano de expedición e os cinco seguintes ó número secuencial de asento no rexistro.

V.- DOS ASPECTOS FORMAIS DOS TÍTULOS

Artigo 13º. Formato do título.

As cartolinas soporte dos títulos serán asinadas mediante unha clave alfanumérica impresa no anverso e no reverso do título.

Artigo 14º. Impresión dos títulos.

1. Impresión no anverso.

No anverso imprimirase o texto que para tales efectos aprobe a Xunta de Goberno, o número do Rexistro Universitario de Títulos Propios e a seguinte mención consonte o disposto no o artigo 8.2 do Real decreto 1.496/1987:

"O presente título é un título propio da Universidade de Santiago de Compostela e non ten o carácter oficial que establece a Lei de reforma universitaria no seu artigo 28.1".

2. Impresión do reverso.

No reverso do título imprimirase o seguinte:

a) Identificación do título e do interesado, mediante a seguinte mención:

"Reverso do título propio da Universidade de Santiago de Compostela, de magister/especialista en..., expedido a Don/dona ..., con data do..."

b) Currículum dos estudios cursados, que conterá polo menos o seguinte:

-Breve descrición dos contidos das ensinanzas que forman parte do programa.

-Materias impartidas.

-Actividades realizadas.

-Requisitos esixidos para o acceso ós estudios do título.

O texto do currículum que deba ser impreso será facilitado pola organización daqueles.

c) Número de rexistro universitario de títulos.

Artigo 15º. Sinatura dos títulos.

Os títulos serán asinados polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, polo interesado e polo xefe da dependencia administrativa responsable da tramitación e expedición do título. A sinatura do reitor poderá figurar impresa no título.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

Disposición Transitoria Primeira.- Para a tramitación dos títulos propios dos alumnos que xa teñen rematados cursos de posgrao ou que xa están matriculados nalgún curso que aínda non teña finalizado, o centro, departamento ou instituto organizador deberá tramita-la relación dos alumnos matriculados á correspondente unidade centralizada de matrícula, así como a documentación esixida a cada alumno dos admitidos.

Disposición Transitoria Segunda.- A unidade centralizada correspondente procederá a elaboración de alumnos matriculados. Unha vez elaborados, segundo o procedemento establecido, no caso de cursos xa rematados, serán enviadas, de novo, á unidade centralizada. No caso de cursos que aínda non teñan rematado, segundo se dispón no presente acordo.

Disposición Transitoria Terceira.- No caso dos cursos xa rematados, unha vez elaboradas as actas e remitidas á unidade centralizada, deberá comunicarse, por parte dos centros, departamentos ou institutos organizadores, ós alumnos que realizarón os cursos e teñen formulada solicitude de expedición do título, que poden solicita-lo título de acordo co procedemento establecido neste acordo.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

Disposición Derradeira Primeira.- Procedementos de entrega e expedición de duplicados.

Os procedementos para a entrega de títulos e expedición de duplicados serán os mesmos cós regulamentados para os títulos universitarios oficiais, regulamentando na Resolución do 23 de abril de 1990.

Disposición Derradeira Segunda.- O rexistro e a xestión dos títulos propios poderá ser levada mediante medios informáticos.

Disposición Derradeira Terceira.- Desenvolvemento do acordo.

Autorízase ó Rector para dicta-las resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento do presente acordo.

Disposición Derradeira Cuarta.- Normas subsidiarias.

Para o non regulamentado no presente acordo será de aplicación o disposto na normativa de aplicación ós títulos universitarios oficiais.

DILIXENCIA

" Don/Dona ..., xefe/a do Negociado da Sección de Títulos, fago constar que, consonte as actas depositadas na Sección de Títulos do Servicio de Alumnado, Don/Dona...,foi declarado (apto/non apto ou non presentado), no curso de posgrao de..."

Santiago de Compostela,...de... de...

O/A xefe/a de Negociado"