O Banco Santander fomenta a mobilidade internacional para o desenvolvemento do Espazo Iberoamericano do Coñecemento a través da firma dun convenio coa CRUE para crear as Bolsas Santander-CRUE de Mobilidade Iberoamericana.
O programa de 500 bolsas é unha iniciativa do Banco Santander para universitarios dos países iberoamericanos en que opera a División Global Santander Universidades do banco (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México, Perú, Portugal, Porto Rico, Uruguai e Venezuela). As bolsas destinaranse a promover a mobilidade internacional de estudantes de grao das universidades españolas con institucións académicas presentes destes países que manteñan convenios de colaboración con Banco Santander. Brindase aos estudantes a posibilidade de cursar parte da súa carreira nunha universidade iberoamericana e coa garantía de obter recoñecemento académico
As 500 bolsas distribuíronse entre todas as universidades españolas seguindo criterios obxectivos en función do tamaño da universidade. Cada universidade participante será responsable da convocatoria e xestión das bolsas asignadas.
Con este proxecto de cinco anos de duración, 2011-15, preténdese reforzar a mobilidade de estudantes entre universidades iberoamericanas .A USC, ao abeiro do convenio subscrito co Banco de Santander no devandito programa, convoca 15 bolsas. Destas bolsas, 5 serán para universidades de Brasil e 10 para universidades do resto de países de América Latina. A finalidade das bolsas é facilitar aos estudantes o seguimento de estudos durante ao menos un semestre académico nunha universidade latinoamericana.