Saltar ao contido principal
Inicio  »  Servizos  »  Área de Tecnoloxías da Información e a das Comunicacións (ATIC)  »  Rede de Aulas de Informática (RAI)  »  Normativa

Normativa

Utilización da RAI

Nas aulas de informática dos centros será preferente a docencia das materias dos planos de estudio que teñan unha descrición de contidos que requira o uso da infraestrutura tecnolóxica da RAI.

Fóra das horas de docencia do apartado anterior a RAI poderá utilizarse para:

  • Realización de traballos de curso e/ou prácticas docentes.
  • Formación tecnolóxica (cursos, seminarios...) para alumnos, profesores, e Persoal de Administración e  Servizos.
  • Docencia dos Cursos de Posgrao e de Formación Continua que así o requiran.
  • Aprendizaxe  de ferramentas ofimática e soporte lóxico instalado.
  • Servizos da Rede para os alumnos (Internet, e-mail...)

As aulas de informática do campus, unha en Santiago e outra en Lugo, teñen como finalidade principal a organización e a emisión de cursos na área das Novas Tecnoloxías, e débese facilitar o acceso ós recursos propios de cada unha destas Aulas  para: o aprendizaxe das ferramentas informáticas, a realización de traballos e o uso dos servizos ofertados.

Usuarios da RAI

Para poder acceder e facer uso dos recursos da RAI, tanto para uso docente como para calquera outra actividade das Aulas de Informática, é necesario ter a condición de usuario de RAI

Poderán ser usuarios da RAI:

  • Os estudantes de 1º e 2º Ciclo, 3º Ciclo e 4º Ciclo
  • Os profesores e colaboradores das actividades docentes das Aulas .
  • Os estudantes matriculados nos cursos de posgrao e formación continua que requiran o uso da RAI para a emisión da docencia.
  • O colectivo de profesores e PAS durante os seus períodos de formación.
  • Técnicos responsables das aulas, administradores do sistema, bolseiros da RAI e alumnos en prácticas de apoio á RAI.
  • Calquera outro colectivo que de forma temporal estea vinculado á actividade docente ou investigadora da USC, e que teña o permiso expreso do decano ou director do centro correspondente, ou da unidade organizativa correspondente.

Para obter a condición de usuario será imprescindible darse de alta na  Rede de Aulas de Informática .

Alta en RAI: código de usuario

Cada usuario estará identificado ante a base de datos mediante un nome ou código de usuario e a correspondente chave de acceso (password) que son persoais e intransferibles. O código de usuario será establecido automaticamente polo sistema no momento de darse de alta e a chave de acceso será elixida polo usuario.

O usuario comprométese a que os seus datos non sexan nin cedidos nin utilizados por unha terceira persoa, e considéraselle responsable en todo momento do uso que baixo a súa identidade se faga de calquera recurso da RAI.  Para unha maior seguridade, o usuario deberá pecha-la súa sesión unha vez que termine de usar o ordenador que tiña asignado ou reservado.

Todo usuario está obrigado a identificarse, no caso de estimarse necesario,  ante calquera persoa con responsabilidade no funcionamento das Aulas de Informática.

O usuario da RAI ten dereito a facer uso destes servizos desde calquera dos postos de traballo das aulas de informática dos distintos centros e das aulas de Informática de Campus, nos períodos de tempo que estean dispoñibles no horario de acceso a alumnos. Os decanos ou directores de centros poderán poñer restricións no uso destes recursos a alumnos alleos ó Centro nos casos que se estime que por necesidades académicas estes recursos son axustados ou insuficientes para os alumnos do propio centro.

Utilización do correo electrónico

Todo usuario rexistrado na Rede de Aulas de Informática ten dereito a unha conta de correo electrónico, esta conta créase de forma automática no momento de darse de alta como usuario do dominio RAI. Esta conta dáse de baixa tres meses despois de que o alumno finalice os seus estudios universitarios.

O enderezo de correo electrónico será da forma:

CódigodeUsario@rai.usc.es.

O usuario deste servizo comprométese a facer un uso razoable e legal dos recursos da RAI, evitando particularmente calquera acción que poida prexudicar ou molestar a calquera persoa, empresa ou institución.

O servidor de correo estará configurado para que non se poidan enviar ou recibir correos electrónicos de máis dun determinado número de Mb´s, para evitar posibles problemas orixinados por superar a cota de 4 Mb asignada a cada conta.

Prohibicións

Prohíbese en todo o recinto da cada unha das aulas de informática: fumar, introducir e consumir bebida e comida, empregar os equipos como videoxogos, e todas aquelas actividades que o persoal encargado (técnicos e bolseiros) considere que non se corresponden coas actividades que deben realizarse nas aulas de informática.

Rógase, por e para o beneficio de todos, que tanto os equipos como o mobiliario se manipulen e empreguen de xeito correcto. En caso de dúbida consulte co persoal das aulas de informática.

Queda terminantemente prohibido:

  • Empregar os recursos das Aulas de Informática para acceder de xeito non permitido a servidores (tanto internos coma externos), así como o acceso non autorizado a información de terceiras persoas e/ou entidades.
  • Empregar os recursos da rede para molestar a outros usuarios (ver Regras para comportarse con propiedade na REDE: Netiquette)
  • Modifica-la configuración de calquera dos equipos e do software instalado.
  • A instalación de software de calquera tipo. E competencia exclusiva do técnico ou do bolseiro da aula.
  • Manipular os arquivos que non sexan propios do usuario.

O usuario debe darlle aviso ó persoal da aula en caso de calquera anomalía que detecte tanto de soporte lóxico (software) como de soporte físico (hardware).

Ademais destas regras de caracter xeral, cada centro poderá establecer unha normativa específica para a utilización das aulas do seu centro.

O persoal técnico das aulas pode desaloxar das aulas a un usuario nas seguintes situacións:

  • O usuario incumpre calquera das normas de comportamento da Universidade ou da RAI.
  • O usuario está utilizando programas non instalados oficialmente.
  • O usuario está utilizando de forma non autorizada ou indebida os recursos da RAI.

Todas estas normas están suxeitas a posibles cambios temporais ou totais. O persoal das Aulas de Informática está á vosa disposición para calquera aclaración ou dúbida.

En calquera caso, é o persoal das Aulas de Informática quen ten a maior competencia e responsabilidade, e a eles correspóndelles que se respecten os vosos dereitos, así coma que se respecten as normas anteriormente expostas do mellor xeito posible para o conxunto dos usuarios.