Saltar ao contido principal
Inicio  »  Servizos  »  Área de Tecnoloxías da Información e a das Comunicacións (ATIC)  »  Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI)  »  Protocolo de xestión e utilización

Protocolo de xestión e utilización da Tarxeta Universitaria de Identidade da USC

Aprobada polo Consello de Goberno o 17 de febreiro de 2005

TÍTULO I

DA TARXETA UNIVERSITARIA DE IDENTIDADE DA USC (TUI)

Artigo 1. Natureza da TUI

1. A Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) é o instrumento propio de identificación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que identifica aos seus titulares como membros da USC no ámbito interno e en determinadas relacións con terceiros e serve de medio para a prestación de servizos. A TUI identifica ao posuidor co seu nome, a fotografía e o colectivo da comunidade universitaria ao que pertence.

2. A TUI é o carné universitario preferente para as relacións internas e prestacións de servizos na USC, sen prexuízo da posibilidade de utilizar outros carnés cando as circunstancias excepcionais así o aconsellen.

3. A TUI é un documento persoal e intransferible do seu titular, que a Universidade lle outorga en depósito en tanto dure a relación coa USC. Son obrigas de cada depositario a súa conservación en boas condicións, a súa utilización persoal e para usos lexítimos e a súa devolución cando cese a vinculación coa Universidade no colectivo polo que lle foi asignada, ou cando lle sexa requirido por esta. En todo caso a perda da vinculación supón a perda automática de eficacia para os servizos asociados.

4. Poderá establecerse o uso obrigatorio da TUI para acceder a determinadas actividades ou servizos da USC, a través de mecanismos ou tecnoloxías aprobadas pola Área TIC. Deste xeito, de acordo coa política establecida pola área TIC a tarxeta poderá incorporar a sinatura dixital ou a tecnoloxía de contactos como requisitos de acceso a determinados servizos e funcións universitarias.

Artigo 2.- Expedición

1. Todos os membros da comunidade universitaria teñen dereito á TUI, segundo o disposto no artigo 5. A denegación da expedición só poderá facerse mediante resolución motivada .

2. A tarxeta, a petición da Universidade, será emitida pola Fábrica Nacional da Moeda e Timbre ou pola empresa de recoñecida solvencia e capacidade técnica que se determine. A súa expedición poderá contar coa colaboración de entidades financeiras ao abeiro dun convenio coa USC.

Artigo 3.- Servizos asociados

1. A expedición da TUI implicará o dereito de acceso aos servizos asociados, sempre que se manteñan as condicións para a súa titularidade. Poderá requirirse a súa presentación para acreditar a condición de membro da USC ou de órganos colexiados, ou para a prestación de determinados servizos.

2. A USC definirá os servizos asociados á tarxeta, que poderán ser diferentes para cada colectivo.

3. Os novos servizos que requiran identificación de usuarios da USC deberán basear na TUI dita identificación. A incorporación de novos servizos na TUI deberá contar coa autorización da Universidade e dar coñecemento aos órganos xestores da tarxeta.

4. A TUI poderá ter asociados servizos financeiros con entidades colaboradoras da USC, previo consentimento do titular.

Artigo 4.- Protección de datos

Os datos dos titulares das TUI constarán en ficheiros de datos aprobados, declarados e xestionados de conformidade coa lexislación de protección de datos persoais. Os titulares terán dereito a acceder aos datos e obter a súa rectificación ou cancelación conforme a Lei 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 5.- Beneficiarios

1. Serán beneficiarios da TUI os seguintes estudantes da USC:

a)   Estudantes de grao de 1º e 2º ciclo de estudos oficiais ou de Graduado Superior de centros propios, adscritos ou vinculados.

b)   Estudantes de posgrao oficiais ou propios, de doutoramento e de formación continua de “experto”. Exceptúanse o resto dos alumnos de formación continua.

c)   Estudantes do CAP, de Criminoloxía e da Escola de Práctica Xurídica.

d)   Estudantes doutras universidades que cursen estudos na USC no marco de SICUE/ERASMUS e outros programas de intercambio oficiais ou establecidos por convenio pola USC, sempre que a súa estadía sexa superior a seis meses.

e)   Estudantes de Cuarto Ciclo.

 

2. Serán beneficiarios da TUI os seguintes membros do persoal docente e investigador (PDI), investigadores en formación e colaboradores docentes da USC:

a)   Persoal de corpos docentes universitarios.

b)   Persoal docente e investigador con contrato laboral e eméritos.

c)   Persoal con contrato administrativo ao abeiro da LRU.

d)   Persoal de Programas “Ramón y Cajal” ou “ Isidro Parga Pondal.”

e)   Persoal de Proxectos de investigación con contrato de duración superior a seis meses.

f)    Profesores visitantes.

g)   Investigadores en formación definidos polo  art. 34 dos Estatutos da USC.

h)   Bolseiros de proxectos de investigación con bolsa de duración superior a seis meses.

i)     Colaboradores docentes, sempre que así se recolla nun convenio; e en particular os recoñecidos ao abeiro de concertos con institucións sanitarias.

 

3. Serán beneficiarios da TUI os seguintes membros do persoal de administración e servizos (PAS) da USC :

a)   Persoal funcionario.

b)   Persoal laboral con contrato de duración indefinida.

c)   Persoal laboral con contrato de duración superior a seis meses, incluído o persoal con contrato de obra ou servizo para proxectos de investigación.

 

4. Serán tamén beneficiarios da TUI os membros do Consello Social que non estean incluídos nos supostos anteriores.

 

TÍTULO II

DOUTRAS  TARXETAS UNIVERSITARIAS

Artigo 6.- Tarxetas para usuarios alleos á USC

1. A Universidade de Santiago de Compostela, coa finalidade de identificar e dar acceso a usuarios de servizos que non forman parte da comunidade universitaria poderá expedir tarxetas identificativas no mesmo formato que a TUI diferenciadas desta pola súa cor ou outra característica externa, que indicarán de xeito visible “Usuario da USC”. Esta tarxeta non poderá ser utilizada para identificar ao seu portador como membro da comunidade universitaria da USC.

Artigo 7.- Tarxetas para colaboradores

Coa finalidade de dar acceso a servizos universitarios, poderán expedirse tarxetas provisorias a  colaboradores da USC. A Universidade poderá expedir estas tarxetas temporais mediante petición e concesión individualizada. No apartado correspondente ao colectivo indicarase “ colaborador USC”, e só será válida aos efectos de identificación interna na propia Universidade. O persoal das empresas concesionarias da USC  tamén poderá solicitar e obter unha tarxeta destas características.

Esta tarxeta identifica temporalmente ao seu titular dentro da USC.

Artigo 8.- Tarxetas de membro da Asociación de Antigos Alumnos da USC e de egresados

1. Tarxetas de membro da Asociación de Antigos Alumnos da USC

A Universidade poderá expedir tarxetas como elemento identificativo dos membros da Asociación de Antigos Alumnos da USC para os asociados que non posúan a TUI. As tarxetas deberán ser de diferente cor á identificación do persoal e estudantes da USC ou ter un logotipo ben visible que a distinga da TUI.

2. Tarxetas de egresados da Universidade de Santiago de Compostela

A USC, seguindo os criterios establecidos anteriormente poderá expedir tarxetas a egresados da Universidade de Santiago de Compostela coa finalidade de darlles acceso a determinadas funcionalidades e servizos.

 

TÍTULO III

DA XESTIÓN DA TARXETA DE IDENTIDADE DA USC

Artigo 9.- Xestión da TUI

1. A Universidade destinará total ou parcialmente persoal para a xestión da TUI coa finalidade de atender consultas, modificar categorías e resolver incidencias e problemas.

2. A dirección operativa da TUI corresponde á Vicerreitoría de Estudantes e Relacións Institucionais, que terá competencia para interpretar o presente protocolo.

3. No que se refire aos aspectos tecnolóxicos, a TUI é responsabilidade da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, tanto no ámbito interno da USC como en relación con provedores e entidades externas,.

Artigo 10.- Altas e cambio de categoría

1. A alta será automática, ben a petición individual ou de oficio.

2. O cambio de categoría deberá ser notificado á Universidade para que esta proceda á expedición da nova TUI.

Artigo 11.- Codificación

Corresponde á USC establecer a codificación das categorías. Poderán incluírse categorías mixtas (PAS-estudante, profesor-PAS, etc.) e categorías temporais específicas para cargos académicos.

Artigo 12.- Caducidade

As tarxetas serán expedidas en xeral para un período de cinco anos, e para un período de dous anos no caso de alumnos de segundos ciclos, ICE, Escola de Práctica Xurídica, Criminoloxía, Cuarto ciclo, programas de intercambio, cursos de Posgrao, profesores asociados, profesores visitantes, persoal de proxectos e investigadores en formación. Será tamén de dous anos a validez das tarxetas de usuarios e colaboradores da USC . Poderá establecerse outros períodos de validez se así o requiren as circunstancias.

Disposición transitoria

1. Os órganos e servizos da USC que identifican aos seus membros ou usuarios mediante tarxetas distintas da TUI poderán mantelas como medio de identificación e xestión en tanto non se produza a súa adaptación ao disposto neste Protocolo sobre o carácter preferente da TUI como instrumento de identificación na USC.

2. A renovación das tarxetas de conformidade coas novas denominacións realizarase progresivamente no prazo de dous anos, e en todo caso con ocasión da súa nova expedición.

3. A incorporación de servizos á TUI poderá dar lugar á renovación das tarxetas para determinados colectivos con anterioridade á súa caducidade.

Disposición final

Este Protocolo entrará en vigor o día seguinte á súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.