Saltar ao contido principal
Inicio  »  Servizos  »  Servizo de Axudas e Servizos o Alumnado

Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado

Xefe do Servizo

Don Xosé Delfín Pérez González

Enderezo

Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado
Pavillón Estudantil, 1º andar
Campus Vida
15782 Santiago de Compostela
Tel. 881814526 - Fax 881814855

Descrición

O Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado configúrase como unha unidade de apoio técnico aos órganos de goberno para a implementación e mantemento das axudas aos estudantes, tanto exteriores como propias, incluídas as do Servizo Universitario de Residencias (SUR).

Depende orgánica e funcionalmente da  Vicerreitoría de Estudantes Cultura e Formación Continua.

A súa misión consiste en xestionar integradamente as axudas e servizos, complementarios aos docentes, que a USC presta ao estudantado para o desenvolvemento da súa actividade, e que de seguido se relacionan:

Bolsas e Axudas ao Estudo: son un dos instrumentos que contribúen de maneira máis eficaz a facer posible o principio de igualdade de oportunidades. Este Servizo centraliza as prestacións que se ofrecen ao estudantado universitario en relación coa xestión e tramitación das bolsas e axudas ao estudo xa sexan estatais, da propia USC ou das institucións coas que así se convenie.

Concretamente xestiona as seguintes bolsas e axudas ao estudo convocadas:

  • Polo Ministerio de Educación: as de carácter xeral para estudantes universitarios que cursan estudos na Comunidade Autónoma de Galicia; as de mobilidade para os estudantes que cursan estudos fóra da súa Comunidade Autónoma e as axudas ao estudo de carácter especial chamadas Bolsas-Colaboración, para facilitar que os estudantes do último curso de estudos universitarios presten a súa colaboración en distintos departamentos universitarios en réxime de compatibilidade cos seus estudos.
  • Pola USC para o pagamento dos prezos públicos por servizos académicos dos alumnos matriculados no terceiro e cuarto ciclo.
  • Polas Institucións coas que a USC asine convenios : bolsas para realizar compras no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, etc.

Servizo Universitario de Residencias (SUR): a finalidade do SUR é dar aloxamento aos estudantes que o soliciten contribuíndo á súa formación integral. Para acadar estes fins conta cunhas instalacións e servizos de calidade e organiza múltiples e diversas actividades: culturais, deportivas, sociais, etc. O Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado é o encargado de xestionar a convocatoria de prazas de aloxamento do SUR, tanto desde o punto de vista da supervisión do proceso, como da asignación de prazas, adxudicación de cotas e resolución das reclamacións que se susciten.

Así mesmo, o SUR aloxa as persoas que participan en Congresos organizados polos membros da nosa Comunidade Universitaria e, aos que non sendo membros dela, veñen realizar algunha actividade docente, investigadora ou cultural na USC.

Asociacións Estudantís: o Servizo xestiona os aspectos administrativos da actividade e funcionamento das Asociacións Estudantís.

A USC, a través dunha convocatoria anual de axudas a programas de actividades estudantís, pretende estimular as iniciativas encamiñadas ao desenvolvemento do tecido asociativo, á xeración de hábitos participativos e ao coñecemento da Universidade por parte do alumnado, establecendo partidas económicas dedicadas ao financiamento de: proxectos de dinamización da información e participación estudantil; participación e organización de charlas, mesas de debate e foros de estudantes, e formación e infraestruturas relativas as tecnoloxías da información e as comunicacións que fomenten o fluxo e a obtención de información sobre temas de interese entre os universitarios da USC e doutras universidades nacionais e estranxeiras.